Campofremoso e a memoria histórica

A curiosa aplicación da Lei de Memoria Histórica nunha vila de Lugo (portada: debuxo de Luís Seoane)

Podemos dicir que a praza de mercado de Campofremoso é típica dentro do que é o panorama praceiro de Galicia. Hai ringleiras ordenadas de plátanos en cuxa sombra brincan os nenos desta vila luguesa mentres os seus adultos toman cañas na terraza do bar “Charo”. Por un lado vese un pedestal cun busto de Curros Enríquez, doado en 1964 pola Asociación Residentes de Campofremoso en Montevideo, e que máis ou menos se parece ao escritor, se tes un pouco de imaxinación.

O busto está diante da nova casa do Concello que se construíu durante a administración do alcalde José María Riaboa, no lugar da anterior casa do Concello. Esta foi un edificio antigo e moi lindo, onde en varias ocasións houbo mitins presididos por Basilio Álvarez, pero (a diferenza da nova casa do Concello) pecaba de non ser obra da administración do alcalde José María Riaboa.

Á outra beira da praza, diante da igrexa, hai outro busto. Representa unha cabeza de home coa cara torcida nunha expresión de extrema angustia, e os seus ollos -uniformes membranas de granito- danlle un aspecto inquietante de cadáver reanimado. No pedestal de abaixo, di que é unha homenaxe ás tres mulleres e aos catorce homes de Campofremoso que morreron en defensa da República.

Entón, é unha praza normal. O que a fai destacar é o seu nome. A vella praza do mercado ten un novo nome dende hai uns meses, un nome que se le nos novos letreiros nas catro esquinas do lugar: Praza da Cruzada Nacional contra o Comunismo Internacional. Vale, ao parecer non é unha praza normal.

Eu fun a Campofremoso por recomendación do meu médico. Dixera que eu andaba con demasiado estrés e que isto me estaba afectando á saúde mental. Por tanto, fun desfrutar dun día de relax no famoso spa campofremosín, e ao final saín totalmente recargado, a miña barra de estrés reducida a cero (na terminoloxía de Darkest Dungeon – o videoxogo que está arrasando na casa Webb). Así, ao atoparme na rúa de novo, xa estaba en condicións para fixarme un pouco no meu entorno. Non como a miña chegada. Horrible, a chegada. Lémbroa como un calvario de mareos que me provocaron os tortuosos camiños, e recordo tamén algunha anécdota solta sobre a infancia de certo cantautor country na vila de General Beauregard, Missouri. A única cadea de radio que o condutor do bus conseguiu coller era Radio 3.

Estando alí diante do spa, deime conta inmediatamente de que algo raro había, pero demorei uns instantes en darme conta de que. Ao igual que a praza de mercado, a primeira vista esta rúa parecía normal e corrente. Era a rúa estándar das aforas dunha vila galega: casas pintorescas en que non vive ninguén, edificios impersoais de varios andares onde si vive xente, e entre eles unhas cantas leiras e hortas. Finalmente terminei fixándome nun letreiro co nome da rúa. Noteino moi novo e chamoume a atención a súa forma de triángulo, algo que eu nunca vira. Como se chamaba esta rúa? Crucei á outra beira e lin: Estrada da Entrevista en Hendaia entre o Noso Santo Caudillo e o Führer Adolph Hitler.

Estou no bar “Charo”. Aténdeme unha camareira loura e sorrinte que me sirve unha Mahou (a Estrella foi desterrada cando chegaron os madrileños con agasallos: un toldo, uns vasos, dispensadores de panos de mesa). Ela pregúntame de onde son, se me gusta Campofremoso, e ensíname a súa camiseta co debuxo do cartel da XVI Festa do Queixo Santa Ágata, algo manchada de aceite. Decido preguntarlle polos letreiros.

—Isto fixérono coa Lei de Memoria Histórica —cóntame a camareira, que se chama Rosa (reproduzo os diálogos segundo as miñas capacidades de lembranza e co permiso dos implicados).

—Pero esa lei non é para quitar os nomes das rúas que glorifican a Ditadura?

—Sería o máis normal, si. É cousa da alcaldesa, sabes?

Imaxino como será esta alcaldesa franquista – unha especie de zombi cunha densa capa de maquillaxe no rostro, xoias do peor gusto posible e abrigada de peles.

—Non é franquista, a alcaldesa —dime Rosa—. De feito, en moitas cousas é bastante radical. Foi ela a que puxo o monumento en homenaxe ás vítimas, o cal non lle gusta nada á miña mai.

(Inciso. A mai de Rosa é a famosa Charo, cuxo nome completo é Rosario Nery Morgarreira. O apelido Morgarreira aparece entre os nomes das tres mulleres e catorce homes asasinados. Coméntollo a Rosa.)

—No monumento, dis? Claro, falas de Purificación Morgarreira.

—É un apelido pouco común —digo eu —. Por iso cho menciono.

—A miña avoa. A mai da miña mai, era.

 

O termo ‘historia oficial’ adoita empregarse cunha boa cullerada de ironía. Neste caso, emprégoo con toda a neutralidade que me é factible. Segundo a historia oficial, unha camioneta de falanxistas entrou en Campofremoso pola Estrada Real (a Entrevista de Hendaia aínda estaba por acontecer) sen esperar resistencia ningunha. É máis: ouviran que en Campofremoso o lustro republicano pasara case desapercibido porque quen realmente mandaba seguía sendo o venerable Martín Ferreiro, o último primoxénito dunha rancia estirpe caciquil. Incluso esperaban que o cacique lles obsequiase un brinde na casa grande. Eran mediados de agosto e facía unha calor insoportable. Pararon na Fonte do Outo, un pouco afastada do núcleo urbano, coa intención de refrescarse antes de ir predicar as boas novas e cumprir unhas ordes de detención. Non se sabe exactamente como os veciños de Campofremoso se decataran da chegada da Falange, pero informados estaban (mencionaría que consultei estes datos no Centro Documental da Memoria Histórica en Salamanca, aproveitando a miña presenza na cidade por mor do LVI Congreso Internacional de Americanistas, e no informe que lin hai unha nota de pé que suxire que o delator podería ter sido o cura párroco Gerardo Riaboa Alonso, un home que se ben non era un republicano convencido, ao parecer tiña algún conflito co cacique sobre a cuestión de certo fillo natural que tivera un dos dous homes). Houbo un tiroteo nos arredores da Fonte do Outo, no cal faleceron todos os falanxistas agás o condutor da camioneta que conseguiu dar a volta no seu vehículo e fuxir. Unhas horas máis tarde, chegaron varias ducias de homes armados co fin de someteren a poboación. Os republicanos apresuradamente fortificaran a casa grande, en cuxa adega estaba secuestrada a familia Martín Ferreiro, pero estas defensas foron reducidas despois dun breve sitio. Morreron neste combate dúas das mulleres e nove dos homes actualmente homenaxeados polo monumento da praza, e despois da rendición dos restantes, os falanxistas procederon a queimar varias casas e deter a unhas trinta persoas. Algunhas permanecerían durante anos nos cárceres, unhas cantas foron liberadas unha semana despois, como é o caso do cura párroco, e ao final fusilaron a cinco homes e unha muller: Pura Morgarreira, a mai de Charo.

 

—E antes de asasinala, violárona.

Charo escoitou a conversación que estou tendo coa súa filla e baixou ao bar dende o salón de arriba.

—Mamá! Por favor!

—Non, Rosa, eu non calo as cousas. Antes de asasinar á miña mai, violentaron o seu corpo. Sempre hai que dicilo. Hai cousas que nunca debemos esquecer.

—Disculpe —digo —, pero se a súa mai foi unha vítima do franquismo, por que non lle parece apropiada a homenaxe que lles fixeron aos que morreron aquí?

—Porque eran inocentes —exclama Charo, exasperada, dándolle uns golpes á barra.

—Inocentes?

—Si, inocentes. Non fixeron nada. Estaban aquí traballando na vila, como todos nós. Eu era unha nena aínda pero lémbroo ben. Estaban na vila como os demais e non fixeron nada para provocar a matanza que lles caeu. Eu estou segura de que foi algo que tramaron os Martín Ferreiro, pero despois de todo o que pasou, esa familia nunca volveu a ser o que fora. Pelexei coa alcaldesa, que é sobriña do meu primo e debería saber o que realmente pasou, pero ela non me quería facer caso e agora temos esa trapallada na praza. Eran vítimas, si, pero que non digan que morreron en defensa da República cando iso é unha mentira.

—Pero mamá, se aquela profesora veu dar unha charla e dixo que si houbo ese combate. E as fotos da Guerra que saíron nos xornais…

Charo desestima á súa filla cun xesto da man.

—Eu non sei que dixo esa muller.

Logo marcha ao outro extremo da barra para atender a un señor con boina, pantalóns de pana e un bastón sólido cunha cabeza de pato esculpida no pomar – un old-fashioned traditional Galician gentleman, segundo a taxonomía propia do viaxeiro inglés, pois nosoutros os ingleses, a raíz do noso recente dominio imperial, temos o privilexio de facernos antropólogos cando viaxamos alén das nosas fronteiras.

—É complicado —dime Rosa —. Sempre lle digo que debería estar orgullosa de que a súa mai se resistise aos falanxistas, pero ela sempre di que non, que a súa mai era inocente.

O señor da boina pide outra cunca de viño, pasa a páxina do seu xornal e escoita distraidamente a conversa de Charo mentres ela lle busca a botella. Entre tanto, eu saco o meu móbil para buscar Campofremoso no mapa, a ver como se chaman as outras rúas. Fago zoom e sae a Rúa da Correcta Orientación da Muller da Sección Feminina. Vexo tamén que A Galiña Azul agora se chama División Azul. Teño a intención de buscar noticias sobre o recente cambio de nomes, pero sorpréndeme o barullo duns golpes máis que Charo lle dá á pobre barra. Fala xa coa voz levantada, case berrando.

—Dixémoslle que non, que non, que non. Pero non nos quería escoitar, Julio.

—Xa, Charo. A alcaldesa ten as súas ideas…

—Pero nada de caso. Nada!

Charo suspira e comeza a refregarse as tempas para estar máis tranquila. Julio xira na súa cadeira e diríxese a min e a Rosa:

—Este tema das rúas só causa problemas, non vedes? Agora, eu non sei se a Lei de Memoria Histórica está ben ou está mal. Case diría que ben porque, bueno, como dixo a Charo, as cousas non hai que esquecelas. Pero a alcaldesa é unha prepotente. Desde que gañou as eleccións quere mandar en todo, ela soa. E non é que faga todo mal, pero isto dos nomes das rúas só divide a xente. Houbo pelexas, si. Puñetazos na praza…

—En serio? —pregúntolle eu, incrédulo, cos ollos ben abertos (unha expresión que en Inglaterra denota frustración pero que en España é máis de sorpresa). Julio asinte coa cabeza e pecha os ollos un momento, a gusto co impacto que tiveron as súas palabras.

—Si, si. Un de Faxoira deulle un bo sopapo na cara a un dos rapaces do serradoiro, todo polo tema ese da historia, e logo outro quería defender ao seu amigo, colleu unha botella e… xa o podes imaxinar.

Rosa chisca a lingua.

—Eu penso que non, eh. Lembro todo iso, pero creo que foi unha pelexa calquera entre chavales.

—Non é o que vin eu, e eles aínda non volveron a dirixirse a palabra. Non era así cando tíñamos nós a súa idade. A que non, Charo? Claro que a armabamos pero só eran tolemias de amigos; despois sempre habería un apertón de mans. Hoxe en día non sei que lle pasa á xente nova. Cada sábado á noite hai liortas, e nin falar da violencia de xénero que hai agora. Entón, vén a alcaldesa para molestar coas súas ideas modernas, como se nós, os que vivimos aqueles tempos, non os lembrásemos, e ao mesmo tempo ela ignora que hai cousas que daquela estaban mellor.

—Tampouco te pases, home —advirte Charo—. Unha cousa é recoñecer que hai moitas cousas jodidas a día de hoxe, pero non fai falta defender o que foi.

—Eu non defendo nada, Charo. Só digo que había certas cousas que estaban moi ben e que decaeron moito desde entón. Agora somos máis libres, pero que facemos con toda esta liberdade? Estou falando de valores. Aí si que vamos de cu. Hai nenas de dezaseis anos que quedan embarazadas, sabes?

Pasamos un momento en silencio.

—Pois nada —Julio rompe o silencio—, non me fagades caso; estou falando por falar. Vou fumar.

Bebe un grolo de viño, ponse de pé e anda até a porta para acender un cigarro.

—Oe, joven —indica coa man para que eu me acerque—, a alcaldesa vai alí pola praza, por se queres preguntarlle sobre os letreiros.

Ela cruza a praza montada en bici. Non ten unha densa capa de maquillaxe nin xoias do peor gusto, como imaxinara eu. Teño sorte ao conseguir a entrevista -reprodúcese abaixo; tede paciencia- pois unha conversa coa alcaldesa eleva esta breve reportaxe (un “traballo de campo máis cutre”, en palabras de Violeta Pérez) a certo nivel de seriedade periodística. Volvo ao bar despois da entrevista e estou de parola un pouco máis con Rosa, Charo e Julio. Dinme que Adelaida Nery Rossi aínda non é unha cara coñecida na nosa política, pero vaticinan que o será.

É polémica, si, pero moi lista. Vamos, a min paréceme unha… personaxe.

Podes estar de acordo ou non co que di, pero cando a alcaldesa está aí diante, sabe expresarse de maneira convincente. Non sei se me cae ben, pero falar fala moi ben e moi correcto.

 É un problema para a democracia [risos]. Unha idea pode ser malísima pero se a disfrazas en bonitas palabras, a xente síguete. Coido que haberá ideas moi boas que nin se coñecen porque os que as defenden non saben facelo.

A que ideas se refiren? Non se mergullan máis. Creo ouvir os ecos de debates ou discusións que houbo neste bar, pero hoxe queren manter a paz. Limítanse ás cousas básicas nas que todos están de acordo, como cando nos horrorizamos ante algunha lacra na sociedade (a fame, a violencia, a preguiza…) e dicimos que “a solución é a educación” porque cambiar o currículo escolar pode con todo.

Xa mencionei que Adelaida Nery Rossi é parente de Charo. Os Nery de Campofremoso descenden dunha familia de malagueños que viñeron a finais do século XIX, seguramente afastados dos seus lares pola filoxera. Será italiana tamén, verdade? Resulta que non. O seu pai foi vivir a Trelew, Arxentina. Alí casou coa señorita Rossi. O matrimonio veu a España durante a ditadura militar, ao parecer por motivos políticos, e aquí naceu Adelaida. Tal vez ela se interesase polo tema da memoria histórica precisamente por estes antecedentes familiares. Iso non llo preguntei. De feito, a entrevista foi moi curta porque…

…Adelaida Nery Rossi: Teño un pouquiño de présa. Ti es da prensa?

(Púxenme no medio cando ela cruzaba a praza montada en bici. Díxenlle que quería preguntarlle polos nomes das rúas.)

Philip Duncan Webb: Son dunha revista cultural da Coruña.

ANR: Como se chama?

PDW: A Que Cheira, Papá? É nova.

ANR: Síntoo, pero non me soa.

PDW: É que é nova.

ANR: Estou indo ao spa.

PDW: Eu acabo de estar alí.

ANR: Campofremoso é especial.

PDW: Pois si.

(Ela pensa un momento.)

ANR: Supoño que teño un par de minutiños para falar, se queres.

PDW: Gracias. A ver… pois primeiro ía preguntarche por que hoxe é a primeira vez que estou vendo o que fixestes? Por aí vin que hai unha Rúa de Franco e Millán-Astray: Galegos Ilustres. Ou sexa, é flipante.

ANR: Si, a xente adoita sorprenderse. De feito é a nosa intención.

PDW: Pero os letreiros cambiástelos hai poucos meses. Non entendo como pode ser que os grandes medios o ignorasen. Disto non se falou nada.

ANR: Arestora sigo preguntándome como foi que non fixemos saltar o radar, por dicilo dalgunha maneira. A nosa iniciativa é algo moi de aquí, por e para a xente de Campofremoso, pero tamén é certo que nos esperabamos moita polémica do tipo que sempre xera a dereita en España: esa polémica baleira e desleal. Por que non nos atacaron os nostálxicos do franquismo e os centralistas españois? Casualidade, creo. Saíron outras noticias máis importantes ao mesmo tempo e optaron por intentar afogarnos no silencio.

PDW: Como se che ocorreu a idea de cambiar os nomes das rúas?

ANR: A idea non é soamente miña, senón que xurdiu e se debateu no seno do pobo. Dito isto, eu comentaría que a Lei de Memoria Histórica é loable nalgúns aspectos e criticable noutros. Aquí hai persoas que sentimos que se trata dunha forma particular de facer as cousas que ao fin e ao cabo se impuxo dende o centralismo español-castelán. Porén, si penso que a nosa forma de aplicala desemboca nunha manifestación máis enxebre e máis auténtica de como nós os galegos podemos abordar o asunto. Este país ten un problema moi grave no tocante á memoria histórica. Case non hai memoria histórica, e isto é culpa da política centralista e tamén da apatía de certos cipayos que hai por aquí, e os campofremosíns e as campofremosinas sentimos que este exercicio de memoria histórica é un xeito novidoso de afrontarnos ao noso pasado e á Ditadura que non acaba de pasar. Non é para todos pero funciona para nós.

PDW: Cres que foi un cambio importante para Campofremoso?

ANR: Si. A topografía da vila agora non nos deixará esquecer o que algúns preferirían calar. Os nomes das rúas conmemoran a morte, a mentira e a hipocrisía. Son nomes feos -ata dá noxo pronuncialos- e son difíciles de lembrar, o cal sirve unha función simbólica. Neste senso, temos a Rúa do Tráxico Fracaso da Sanjurjada, que antes levaba o nome dun ex alcalde, Demetrio Sanjurjo. A xente sigue chamándoa Rúa Sanjurjo. Logo está a Avenida de Emilio Mola: o Golpista que Mola. Esa tamén me gusta. Hai uns cambios máis sinxelos. Por exemplo, hai unha Rúa da Censura e unha Rúa dos Presos Políticos. Entre elas está a de Carrero Blanco, pero por razóns obvias teño que aclarar que neste caso se trata dunha homenaxe sincera (entendo que é unha alusión ao caso da rapaza que case meteron no cárcere por unhas bromas en Twitter).

PDW: O teu é un proxecto atrevido. Non recibiches ningunha crítica por parte dos veciños?

ANR: Había cidadáns que pensaban que ao mellor íamos demasiado lonxe. Non obstante, xeralmente a resposta cidadá foi positiva. E sempre haberá cipayos, nostálxicos do franquismo e centralistas españois que se poñen en contra de calquera denuncia das inxustizas. Ben, agora si que teño que ir indo ao spa. Espero que a entrevista che resulte útil. Ata loguiño.

PDW: Vale, grazas, deica.

 

Así terminou a entrevista, repentinamente. Agora terei que ofrecervos algo a modo de conclusión. Primeiro, diría que me custa opinar. E que dereito teño de opinar, sendo como son un estranxeiro con poucos anos de residencia en España? Realmente podo dicir que neste tempo vin o suficiente para opinar? Son dunha nación e dunha clase social de antropólogos afeccionados e arrogantes, pero haberá que pór límites. Por este motivo, quizais o que vos deixo agora, máis que un argumento acerca dunha sociedade e unha historia que non son miñas, son as impresións que levei delas como forasteiro.

E quero deixar constancia de que son consciente do gran peso desta temática. En Bos Aires coñecía un rapaz un pouco menor ca min. Caíame ben, falabamos moito, e incluso cheguei a doar un par de libras á súa colección de moedas. O día en que morreu Videla, o meu amigo chorou. É un exemplo entre moitos. No meu país hai moito paspán que cre que os ingleses civilizamos aos negritos da África. Volvendo a Campofremoso, atopeime con opinións diversas, contraditorias, interesantes e/ou cuestionables acerca da memoria histórica e o proxecto da alcaldesa.

Estas opinións poden ser claras, no sentido de que se defenden con tesón, pero asemade contraditorias. Hai persoas que maldín a Ditadura de Franco pero, incluso antes de volver tomaren alento, dirán que dende aquela época houbo un estrepitoso declive no moral. Ese hombrecito embrollou España nunha guerra terrible. Así dirán, pero logo alábano por ter impedido que a patria se intricase no matadoiro dos anos corenta. Ou ven na Segunda República un tempo de liberdades mal aproveitadas, o fracaso da democracia, a ameaza do caos e o espectro do bolxevique. Home, algo había que facer! E foi Franco quen inventou o sistema de seguridade social. Non o sabías? Así é. Todos os países democráticos copiaron o modelo franquista e así naceu o Estado de Benestar, porque os dereitos dos obreiros e os desamparados sempre foi a primeira preocupación dos fascistas.

Ups, terminei opinando un pouquiño. Quería ser imparcial. Porén, cando se trata dun debate desta índole, en que por unha banda están os que cremos que Franco era pouco máis que un asasino hipócrita, e por outra tes as terxiversacións de ABC e as verdadeiras eminencias do saber que chían que #elvallenosetoca, pois complícase o tema da imparcialidade.

Dito todo isto, penso que non votaría a Adelaida Nery Rossi. Estou de acordo cos veciños que coñecín no bar “Charo”: a alcaldesa é unha personaxe.

 Campofremoso 

2 COMENTARIOS

  1. Cuidado com os “deime conta”, que por vezes se repitem muito próximos. Uma boa alternativa é “reparei” que, por suposto, também melhora a qualidade da língua. Grande Phil, apertas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí