Dhogs. Señoras saíndo a media sesión.

Crítica da película Dhogs, do meirego Andrés Goteira, que lamentablemente dúas señoras non puideron rematar de ver.

Hai certas películas nas que informarse sobre elas, supón xa en certa medida condicionar a experiencia de visualizalas. Non son moitas, pero penso que Dhogs é unha delas. Dígoo xa desde o principio: recomendo Dhogs, é unha experiencia moi interesante, paga a pena. Se non sabes nada da película, anímote a que leas este artigo, quizais algo do que se comenta nel esperte o teu interese no filme. Se xa sabes seguro que a vas ir vela no cine, podes gardar a ligazón do texto e lelo despois. Este artigo non contén spoilers da trama de Dhogs, pero si fala dalgunhas cuestións que quizais quererías descubrir por ti mesma.

Levo uns días pensando en que quería destacar de Dhogs. Pensei en debullar as súas referencias, algo habitual ao falar dunha opera prima, desde o monólogo inicial típico de Tarantino. Matinei na súa estrutura, en forma de capítulos, que podería ser tamén un punto de partida. Pero pasaron os días e ao final cando penso en Dhogs, o primeiro que se me vén á cabeza son dúas señoras de idade xa algo avanzada que marcharon da sala na que estabamos vendo a película, pasada algo máis da metade da sesión. Comenteillo á miña irmá e cando ela foi ver o filme, ao volver o primeiro que me dixo foi “Buah si, na miña tamén marchou xente pola metade”.

Podería parecer un problema, verdade? Ningún director quere que a xente fuxa da sala. Normalmente. Digo normalmente porque estou seguro de que Andrés Goteira non tomaría a mal esas pequenas escapadas. De entre os moitos obxectivos aos que Dhogs aspira, o máis constante na película é o de molestar ao espectador. Anoxalo, perturbalo, facerlle a vida imposible. Preténdese falar da relación entre o público e a arte, e a maneira en que Goteira decide afrontalo é desde unha tensión permanente.

Moitos dos recursos empregados no filme están orientados nesta dirección. O máis evidente e polo que seguramente esas dúas señoras acabaron saíndo é o uso da violencia. O nivel de brutalidade escala ao longo da película, pero late durante toda a metraxe. Desde a escena inicial onde dous homes gardan unha porta, como se fosen matóns da mafia, queda apuntada a posibilidade da forza bruta. Hai usos máis simbólicos da violencia (penso en determinada escena de Morris), pero segundo pasan os minutos, aparecen os pratos fortes e Goteira non dubida en saltar ao xénero gore por momentos. A tensión propia dun thriller convértese en crueza e barbarie, en certos puntos mesmo xogando coas expectativas do espectador, que pode pensar que a escena xa se resolveu e a atrocidade volve aparecer case arbitraria, inxusta.

escena de Dhogs

Pero non é un uso gratuíto. A violencia é unha ferramenta para conseguir transmitir mensaxes na película e de feito os mecanismos empregados para realzala aparecen tamén noutros momentos que poderían semellar máis pausados. Na primeira parte do filme hai unha longa escena de sexo. Ben, non sei se longa en minutos pero a min fíxoseme longa. Podería parecer que esa escena debería ser tranquila, sensual, un pouco excitante incluso. Pero eu tiña a tentación constante de apartar a mirada. Non son un moralista, non foi polo sexo. Había algo na maneira de narrar o momento, nas faccións das personaxes, a luz, o ritmo, había intención de que mirásemos a esas dúas persoas e nos sentísemos incómodos, sen saber por que, pero como se algo terrible estivese pasando sen que soubésemos exactamente o que.

Foi ao rematar esa escena e no enlace coa seguinte cando me decatei doutro dos elementos que se estaban a empregar para xerar ese desagrado acedo. Os silencios. Hai longos tramos de película cheos de nada, onde as personaxes non falan, en moitas ocasións mesmo onde non acontece nada en particular. Hai ata un personaxe con certo peso que non chega a dicir unha soa palabra. Unha técnica que é máis habitual en documentais onde o silencio forma parte da vida, colocada no medio dun thriller non cabe dúbida de que está asociada á mensaxe. Goteira coloca eses ocos como trampas, para o que espectador tome consciencia de si mesmo, para que sen querelo se vexa introducido na mesma película. Como nesas pequenas ocasións onde nos decatamos do rara que soa unha palabra que repetimos a miúdo, son neses momentos de silencio onde lembramos que estamos nun cine, cos flocos de millo na man, que estamos vendo unha película, pero ao mesmo tempo non desconectamos da súa historia. É unha sensación de alienación molesta, moi perseguida polo surrealismo e que xunto con certos aspectos da imaxinería da película fíxome lembrar ao mellor David Lynch (ao final non puiden evitar falar de referencias).

Para ilustrar esta idea penso que vale como exemplo este clip da película. E este video para ilustrar a relación con Lynch.

A música de Germán Díaz alíase tamén para lograr estas sensacións. A banda sonora pasa desapercibida durante moitos minutos, pero de súpeto colócase como protagonista nunha escena, cunha canción que soa primeiro frouxiña, de fondo, e vai aumentando o seu volume de forma atronadora ata que parece ocupar e facer pequeno todo o que aparece en pantalla. Nalgúns momentos a música limítase a reproducir sons estraños e repetitivos, unha corda de zanfona que parece rañada máis que tocada, que parte dun grave ominoso ata un agudo rechiante, nunha imparable escalada de volume que converte todo o espectro sonoro nun desafío insidioso. Non puiden evitar lembrar a banda sonora que fixera Jonny Greenwood para a película There will be blood, pero a verdade é que en Dhogs non se xoga tanto con tonalidades estrañas para formar unha atmosfera perturbadora, senón que se busca esa sensación por vías máis directas e viscerais.

Falamos ata o de agora dalgúns elementos illados do filme. Pero como dixen antes, a vontade de incomodar ao espectador é constante na película, porque está inserida na propia maneira de contar a historia. Dhogs segue aos seus personaxes a través de escenas sen unha causalidade clara, en ocasións con grandes cortes entre elas, a xente entra e sae da narración sen que saibamos moi ben o por que. A propia xestión de información está viciada, o pacto de ficción estirado e toqueteado para ver ata onde somos quen de aturar esa incomprensión. Goteira xoga moi ben as súas cartas neste sentido, conseguindo moito magnetismo nas imaxes e nas escenas, que nos atrapan, a pesares de que hai tantos elementos do filme empeñados en botarnos fóra. Un equilibrio moi complicado de conseguir e que se logra con notable destreza.

escena de Dhogs

Dhogs é unha obra poliédrica que pola súa propia natureza está aberta a unha constante interpretación. Quedan moitas cousas sen comentar, como o gran traballo de actores, con grandes como Morris, Carlos Blanco e Miguel de Lira, pero tamén interesantes achados en Melania Cruz e Iván Marcos. Ou a fotografía de Lucía C. Pan e as impresionantes e evocadoras imaxes do deserto de Tabernas. Pero por riba de todo, o que a min máis me impresionou da película foi o propio esforzo de visualizala, mental e físico incluso. Non é Dhogs unha película doada, non está exenta de eivas, pero é unha viaxe intensa que paga a pena descubrir.

Non quero rematar esta análise sen volver a lembrar a esas dúas señoras. A sala onde vin a película estaba bastante chea, o que me enche de ledicia sobre todo sendo un filme galego. Penso que en gran medida ese interese do público débese aos éxitos recadados polo filme de Andrés Goteira en festivais e sobre todo aos 13 Mestre Mateos gañados na última edición dos premios. Desde aquí quero gabar precisamente aos galardóns do audiovisual por destacar unha película coma esta. É unha decisión valente. Dhogs non é a típica cinta comercial que pode agradar a todo tipo de públicos, non é unha película sinxela que se contente con cumprir. Pode haber xente que marche da sala. Pero é importante dar visibilidade a este cine orixinal e cargado de intencións, que non dubida en arriscar e, se é necesario, provocar. Son as emocións intensas as que crean e fidelizan un público propio, as que crean escena. Que cheguen moitos máis Dhogs para o cine galego.

escena de Dhogs

Dhogs

Director: Andrés Goteira

Guion: Andrés Goteira

Fotografía: Lucía C. Pan

Reparto: Melania Cruz, Miguel de Lira, Antonio Durán ‘Morris’, Carlos Blanco, Iván Marcos, Roi Gantes, María Costas, Xosé López, Alejandro Carro

Productora: Gaitafilmes / Pixel Films

Ano: 2017

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí