De marxes e centros. Conversamos coas gañadoras dos Premios Xerais

Falamos con Amador Castro, Emma Pedreira e Rosa Aneiros, as gañadoras do Premio Xerais de Novela deste 2019. Sobre os seus libros, premios e inspiracións.

Mañá, 19 de outubro, entréganse os premios Xerais deste ano. Amador Castro Moure con Shanghai a Barcelona acadou o premio de novela, Emma Pedreira o Jules Verne de literatura xuvenil con Os corpos invisibles e Rosa Aneiros o Merlín de literatura infantil con Xelís, o guieiro das botellas de mar.

Portadas dos libros gañadores desta edición.

Moito despois destes ditames que se deron a coñecer en xuño e unhas horas antes da entrega, falamos cos tres autores. Quen isto escribe, tivo a sorte e o pracer de ler a obra gañadora da categoría de novela antes que o xuri. Por iso, as preguntas son máis abundantes, máis precisas e con máis coñecemento na entrevista de Amador. Porén, non queriamos esquecer a Emma e Rosa, cuxas obras agardamos incluír axiña nos nosos andeis. Por iso, animamos á lectura tamén cun par de preguntas para cada unha sobre as súas respectivas obras.

Parabéns aos tres! Adentrámonos, pois, no libro de Amador.

 

Amador Castro Moure, gañador do Xerais de novela.

Por que elixes este tema para a novela?

Difícil pregunta. O do tema sempre me trouxo de cranio. Se te refires ao tema da emigración, este sempre está presente nas miñas novelas dun xeito máis ou menos explícito. Mais non podería ser doutra maneira. Calquera que fale do mundo, ten que falar de migracións humanas. As culturas de hoxe son froito das migracións de onte e as culturas de mañá serán froito das migracións de hoxe. Cando fas a escolla dun tema para unha novela, adoita ser, nun principio, algo moi xenérico: o amor, o crime, a culpa… esas cousas que saen nas recensións. Ao afondar un chisco, cando estás mergullado no proceso de construción da novela en si, decátaste de que en realidade o tema é algo máis concreto. E iso máis concreto adoita estar agochado no inconsciente. Escóllete a ti. Ou ás túas personaxes. No caso do Shanghai, a sensación de paraíso perdido, o que creo que é o verdadeiro tema da novela, xorde da pregunta que moitas nos facemos: e que tería sido da miña vida se…? Na próxima novela, seguramente tamén falarei da emigración, pero o máis probábel será que non sexa ese o tema de verdade.

Que é o que máis che gusta da novela e por que?

Quedei moi contento coas voces que representan a inestabilidade mental do protagonista, o seu desnortamento. Coido que quedaron bastante ben fiadas. Unha delas, a do protagonista, apóiase no tema «Te amo», dun cantante italiano moi mainstream do ano 1977 (o mesmo ano do nacemento do punk), que a cantaruxa cando se sinte inseguro ou nervioso. De feito, o título que lle puxen á novela, Teamoté, era unha referencia ao fío que ese cantaruxo supón ao longo da trama. Mais a editorial decidiu cambialo. Supoño que non se me dá moi ben escoller títulos. Eu estou satisfeito con conseguir que esas voces sexan críbeis.

Pensas que as túas novelas evoluíron en calidade ou as anteriores a Shanghai a Barcelona son, sinxelamente, diferentes?

Eu considérome un aprendiz da lingua. Cada libro é unha lección moi valiosa, da que aprendo moito. Canto máis solto escribo, menos teño que me preocupar pola sintaxe ou pola morfoloxía. Divírtome moito máis. Na primeira novela, a diversión estivo na documentación, no pensamento literario antes de escribir e na corrección. A parte da escrita foi un inferno, tendo que acudir aos dicionarios case que en cada frase. Nesta novela, aínda que os dicionarios están sempre aí, tiven as mans moito máis ceibes para escribir. Agora, se iso fai unha novela mellor ou peor, non cho podo dicir. Pódoche contar a sensación que me quedou a min. E a que me quedou ao rematar o Shanghai, foi a máis satisfactoria das tres.

Tes un pasado musical. Eu creo que un dos teus fortes narrativos é, sen dúbida, que sabes medir moi ben as cadencias e os ritmos nas túas historias, mantendo ao lector sen grandes éxtases, mais sen que descanse o interese. Pensas que isto que reflicte a túa narrativa bebe, en certa maneira, do teu control coa harmonía musical?

Nunca pensei niso, hahaha. E, agora que o dis, fasme decatar dunha cousa que me pasou por alto ao considerala natural. Cando escribo, adoito poñer música de fondo, pero non calquera música ao chou. Algo que cadre coa atmosfera do capítulo no que estou traballando. Se me molesta é que non dá o ritmo que quero e cambio de estilo. Pode ser que sen me decatar inflúa no ritmo do que escribo ou que inconscientemente busque ese ritmo xusto que lle quero imprimir. O feito de ter composto cancións, onde a letra ten que se amoldar á música e non ao revés, pode axudar. En todo caso, trataríase de algo inconsciente, algo que vén do interior, non planificado.

Amador Castro Premio Xerais
Amador Castro, gañador do Xerais de novela 2019

Tes varias novelas publicadas, mais tamén se observa gran calidade literaria nalgúns poemas que viron a luz en libros en colaboración e na túa páxina. Por que decides apostar por premios de novela tan grandes e importantes como o Xerais e non por premios poéticos? Que che aporta a poesía para non querer abordala, cando se pode comprobar que es moi bo escribíndoa?

Discrepo. Pero non vou discutir a miña calidade como poeta. Considérome un poeta mediocre. Un poeta sen alma de poeta. É certo que cando comecei a escribir, aos doce anos ou así, escribía poesía. Pero quen non escribe poesía aos doce, trece ou quince anos? Facía o mesmo que moitas adolescentes. E así foi até a aparición da Escolma de poesía galega onde me publicaron, por primeira vez, poemas que escribira con dezaseis anos… Algo así como poemas póstumos porque, cando se publicou, eu xa non era a mesma persoa. Todas as autoras que alí aparecen, seguiron por ese camiño. Eu deixei de escribir. Considerei que a miña mediocridade cadraba mellor con letras de cancións, máis lixeiras que a poesía. Non teño nin idea do porqué, chámalle trauma infantil se queres, pero apenas escribo poesía. Ten que me saír de dentro e escasas veces sucede. Ten que se dar un clic no cerebro para que me poña a escribir un poema e no mundo actual non hai moitos catalizadores para que ese clic se produza. En todo caso, no Shanghai hai moitos haikus. E os haikus son poesía.

En canto aos premios, presenteime porque, ao perder o tren da idade para me introducir no ambiente cultural e, así, poder publicar, considerei que un premio abría esa porta. O que non cheguei a maxinar, dígoo coa man no corazón, é que ía gañar o Xerais coa terceira novela.

No programa Un País Mundial, falaches sobre a túa identidade cultural galega, a pesar de que saíches da Galiza con 16 mesiños e viviches toda a vida en Catalunya. Como sentes esa identidade a respecto do que ves que senten os galegos que si que viven na Galiza? Pensas que dende a visión da diáspora podes facer máis pola identidade cultural galega que o que se fai dende dentro da terra? Noutras palabras: tes os ollos máis limpos grazas á túa perspectiva?

Non considero ter os ollos máis limpos polo feito de ter unha certa perspectiva. En todo caso, só están máis lonxe do obxecto que ven. O que máis mágoa me dá do que vexo é o complexo de inferioridade e o autoodio dunha parte, non pequena, da sociedade galega. Un complexo de inferioridade que eses ollos observaron toda a vida nas amizades dos meus pais e nas veciñas galegas do barrio. A posición da sociedade catalá a prol da súa cultura actuou en min coma un colirio. Entón, o que teño en todo caso, é uns ollos limpos de complexos en canto á lingua e á cultura. Tamén foi unha reacción fronte ao cliché que en Catalunya teñen das galegas en canto votantes eternas do PP. Unha forma de pór en valor a nosa cultura en pé de igualdade coa cultura catalá. É unha teima miña dende a infancia. Mais non creo que eu poida facer «máis», pois está claro que cada pobo ten de loitar polo seu desde dentro. Poden facer máis polo feminismo en Irán as iranianas na diáspora? Ou, aínda que poidan axudar a visibilizar as súas batallas, esta é unha loita que teñen que sufrir as mulleres iranianas desde dentro? Non podo vir eu, de fóra, a dicirlle a ninguén que é o que habería que facer para combater o autoodio, revitalizar a cultura galega e convertela en algo normal, cotián. Esa ollada limpa de complexos tamén a tedes moitas galegas no interior. Penso que a cada paso máis. Eu podo poñer o meu gran de area, participar en asociacións como a ACGB (Asemblea Cultural Galega en Barcelona) ou, antes, na Asociación Fillos de Galicia. Non deixa de ser unha tarefa de embaixadora en Catalunya. Pero nin teño unha clarividencia que vos falte ás que traballades a prol da cultura galega, nin me sinto lexitimada para lle dar leccións a ninguén. Creo que a Galiza goza dun tecido cultural cunha moi boa saúde, con iniciativas moi interesantes en vilas e cidades, en institutos e universidades, cunha mocidade que quere tomar o relevo (que xa era necesario) e que vai no bo camiño (porque, a falta de compás, o bo camiño é o que se fai camiñando). Un exemplo moi claro é a vosa revista, da que son moi fan. Para min a máis fresca das revistas dixitais galegas. Que sodes unha minoría? Claro. Sempre o foi en todas as culturas.

 

Emma Pedreira, gañadora do Jules Verne de Literatura Xuvenil

premio xerais 2019 Emma Pedreira
Emma Pedreira, gañadora do Premio Xerais Jules Verne de Literatura Xuvenil con “Os corpos invisibles”

Supoño que para ti é unha ledicia enorme acadar este premio en narrativa de literatura xuvenil. Coñecendo a túa extensa e variada obra, gustaríache contarnos que che parece máis difícil de escribir (de xénero) e para que público (de idade)?

Podo dicir que escribir literatura infantil e xuvenil (LIX) era algo que tiña pendente por facer. Ata agora sempre escribín para persoas adultas e non por falla de contacto coa rapazada, se cadra polo respecto á hora de responsabilizarme da obra, xa que a xente nova é moito máis esixente e crítica co que len que a adulta. Dese respecto veu un medo a escribir LIX que me durou bastante tempo, ata que comecei a ir polos institutos e clubes de lectura para xente nova con obras que nun principio estaban escritas para o público adulto e ver que o que me achegaban era unha ollada moito máis intensa e refrescante. Os prexuízos eran meus! Así que á hora de contar a historia de Prometea Stoner e L.C., que é unha rapaza de quince anos, decidín volver a ollada ao público xuvenil e ver que conexión podería ter con el.

Fica pendente algo que aínda me dá máis medo, que é a franxa de idade por baixo dos doce ou trece anos, coa que creo que me terei que relacionar desde a maternidade. Así que teño que confesar que, aínda que lles conto moitas historias ás miñas fillas de cinco anos, nunca me atrevo a levalas á escrita e moito menos a un proxecto que teña que saír da miña casa.

Nos teus títulos, tanto de poesía como de narrativa, tes unha relación constante e provocativa co silenciado, o morto, o que non se ve, a cinza… Como cres que Os corpos invisibles enganchan ao público e que tipo de público é o que agardas?

Este ano teño tres libros na rúa con títulos moi semellantes desde o punto de vista morfosintáctico: As fauces feroces, As voces ágrafas e Os corpos invisibles. As tres obras tratan do silenciado, do desaparecido, daquilo que non se conta ou que hai necesidade de recuperar. De aí que precise da axuda e da complicidade do público lector: para desenterrar algo metido moi fondo nos abaixos da terra, precisamos moitas mans e son moitas as voces, figuras, fazañas e nomes de mulleres que están sen contar e sen desenterrar dese silencio de séculos. Esta é precisamente a base sobre a que escribín Os corpos invisibles; por unha banda a intención de visibilizar unha serie de autoras (literatas, científicas, investigadoras) que pasaron un pouco desapercibidas polas nosas casas e lecturas de adolescentes e, por outra banda, reivindicar as figuras anónimas das rapazas e mulleres que traballaron case na escravitude nas factorías da chamada Revolución Industrial. Isto último é unha simple escusa, xa que agora mesmo, en certos lugares do mundo, hai un bo feixe de nenas e rapazas a facer traballo escravo para o chamado «primeiro mundo». Coido que é máis doado ver certas cousas coa distancia do tempo e non tanto a xeográfica. Contar a historia de Prometea e L.C. sérveme para falar de todos eses temas.

 

Rosa Aneiros, premiada co Merlín de Literatura Infantil

Rosa Aneiros
Rosa Aneiros, gañadora do premio Merlín con “Xelís, o guieiro das botellas de mar”

Gañar un premio de literatura infantil supón enfrontarse a un público lector moi esixente e que, ademais, agarda moito dun libro. Na túa proposta, non só atopamos espazo para o tempo de lecer, senón unha temática que precisa concienciación dende os primeiros anos de vida. Creo que é un libro necesario nun momento moi oportuno. Por que apostaches por este tema?

Si, é un lectorado esixente e moi intelixente. Levo algúns anos de experiencia diaria cun público que demanda, pregunta e esixe moito, así que cada frase e cada palabra ten que ter un sentido porque para eles todo importa. A aposta polo tema vén pola preocupación pola contaminación do mar, moi presente en toda a miña obra, pero sobre todo pola clarividencia de que o futuro está na xente miúda e nas aulas. Todo cambio pasa necesariamente por elas e eles e a educación e a lectura son piares básicos para a súa formación e concienciación.

Pensas que Xelís, o guieiro das botellas de mar podería axudar a cambiar actuacións nos colexios e nas casas? Ou sexa, alén do público infantil que seguro que terá, sabendo que o tema que elixiches é tan importante para todos e todas nós, que potencialidade che gustaría que lograse o libro? Oxalá mude moitas mentes!

Non é que me gustaría que o libro mudase comportamentos nas casas, é que estou segurísima de que o vai facer porque elas e eles aprétannos moito! Son elas e eles os que sinalan co dedo cada vez que un obxecto está fóra do caldeiro de lixo oportuno, as que pechan as billas, as que advirten das bolsas de plástico. Non nos quedará máis remedio que oílas porque a xente nova non está de farol, por dicilo dun xeito coloquial, queren outro futuro para o planeta e confío en que o consigan. É curioso, o movemento que iniciou Greta Thunberg comezou cando o libro xa estaba escrito e pareceume unha coincidencia marabillosa coa miña Ilva. Son a esperanza do mañá.

.

Moitas grazas aos tres! Agardaremos a chegada masiva ás librarías!

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí