“Gardas! Gardas!” de Terry Pratchett

Tradución ao galego das primeiras páxinas da novela "Gardas! Gardas!" de Terry Pratchett, unha das súas novelas fantásticas do Mundodisco.

 Ilustración dos dragóns feita por Laura Bellas

Dedicatoria:

Pode que os chamen Garda de Palacio, Garda da Cidade ou Patrulla.
Sexa cal que sexa o seu nome, a súa función en calquera obra de fantasía heroica é idéntica: máis ou menos no capítulo terceiro (ou aos dez minutos de comezar a película) deben irromper na habitación, atacar ao heroe de un en un e ser masacrados. Ninguén pregunta nunca se iso era o que querían.
Este libro vai dedicado a eses sufridos homes.
E tamén a Mike Harrison, Mary Gentle, Neil Gaiman e todos os demais que me axudaron ou riron coa idea do Espacio–L;
mágoa que nunca usamos a encadernación de Schrödinger…

Dragons

Aquí é onde foron os dragóns.

Xacen…

Non mortos, non durmidos. Non agardando, porque agardar implica expectación. Posiblemente a palabra que estamos a buscar aquí é…

…latentes.

E aínda que o espazo que ocupan non é como o espazo normal, están moi apertados. Nin un centímetro cúbico que non estea ocupado por unha garra, unha pouta, unha escama, a punta dunha cola, de xeito que o efecto é como nun deses debuxos tramposos, e os teus ollos acaban por se decatar de que o espazo entre cada dragón é, de feito, outro dragón.

Poderían recordarte a unha lata de sardiñas, se pensases que as sardiñas son enormes, escamosas, orgullosas e arrogantes.

E presumiblemente, nalgures, está a chave.    

Noutro espazo totalmente diferente, era cedo de mañá en Ankh–Morpork, a máis antiga, vella e cocha das cidades. Un fino orballo pingaba desde o ceo gris e perforaba as néboas do río, que reviraban entre as rúas. Ratas de varias especies lidaban cos seus asuntos nocturnos. Baixo o manto húmido da noite, os asasinos asasinaban, os atracadores atracaban, as rameiras enredaban. E así.

Un bébedo Capitán Vimes da Garda Nocturna baixaba a rúa cambaleando. Deixouse caer suavemente contra o caleiro da Casa da Garda e tirado aí, sobre el, estrañas letras feitas de luz chirlaban na humidade e cambiaban de cor…

A cidade era unha…, unha…., unha aquela. Cousa. Muller. Iso, si, era unha muller. Bramante, vella, séculos de vella. Seducíate, deixaba que te iso, que namorases, dela, e despois dábache unha patada no, no, chisme. Chisme, na túa boca. Lingua. Dengua. Dentes. Niso, niso, nos dentes, iso foi o que fixo. Ela era unha… cousa, xa sabes, a muller do can. Cachorriño. Galiña. Unha cadela, iso, si. E entón ti ódiala, e, e xusto cando pensabas que xa a tiñas fóra do teu, do teu, boh, fóra diso, entón ela abríache o seu enorme corazón podre e collíache de impre… de impra… de improviso, si. Nunca sabías onde, onde ficabas. Estabas. O único do que estabas seguro era de que non podías soltala. Porque, porque ela era túa, todo o que tiñas, túa ata as cloacas.

A húmida escuridade cubría os venerables edificios da Universidade Invisible, a principal escola de maxia. A única luz era un débil escintileo octarino nas pequenas fiestras do novo edificio de Maxia de Altas Enerxías, onde as mentes máis experimentadas estaban investigando o tecido mesmo do universo, tanto se lle gustaba a el como se non.

E había luz, por suposto, na Biblioteca.

A Biblioteca era a maior colección de textos sobre maxia de todo o multiverso. Milleiros de volumes de sabedoría ocultista ateigaban os seus estantes.

Dicíase que, dado que as grandes cantidades de maxia podían distorsionar seriamente o mundo cotiá, a Biblioteca non obedecía as normas habituais do espazo e do tempo. Dicíase que era infinita. Dicíase que podías vagar días e días entre os estantes máis distantes, que había tribos perdidas de estudantes nalgures, que estrañas cousas asexaban en alcobas esquecidas e eran cazadas por outras cousas aínda máis estrañas. [1]

Os estudantes sensatos que buscaban os volumes máis distantes coidábanse de deixar marcas de xiz nos estantes a medida que se adentraban na escuridade balorenta, e pedían aos amigos que os buscasen se non volvían para a cea.

Ademais, como a maxia só se pode confinar ata certo punto, os libros da Biblioteca eran máis que mera polpa de madeira e papel.

A maxia crúa crepitaba nos seus lombos, controlada por uns arames de cobre cravados en cada estante como toma de terra. Lixeiras marcas de lume azul percorrían os andeis e había un son, un murmurio de papel, como se unha colonia de estorniños aniñase alí. No silencio da noite, os libros falaban entre eles.

Tamén se escoitaban os son de alguén roncando.

A luz dos estantes subliñaba a escuridade máis que iluminala, pero o seu escintileo violáceo bastaba para que un observador puidese identificar un vello e roído escritorio baixo a cúpula central.

Os ronquidos viñan de debaixo de el, onde unha manta esfarrapada apenas cubría o que semellaba unha morea de sacos de area, pero era, en realidade, un orangután macho adulto.

Era o Bibliotecario.

Non quedaba moita xente que mencionase o feito de que era un simio. O cambio fora provocado por un accidente máxico, unha posibilidade sempre a ter en conta onde tantos libros poderosos son almacenados xuntos. Considerábase de feito que tivera bastante sorte. Despois de todo, seguía tendo basicamente a mesma forma. Tamén lle permitiran manter o seu traballo, no que era bastante bo, aínda que “permitir” non era a palabra máis axeitada. Fora máis ben a forma en que podía dobrar o seu beizo superior para revelar máis dentes incriblemente amarelos dos que ningunha outra boca que o Concello da Universidade tivese visto antes, o que conseguira que o asunto nunca chegase a ser tratado de xeito oficial.

Pero agora había outro son, o insólito son dunha porta ao se abrir. Pasos de la resoaron a través do chan e desapareceron entre os estantes abarrotados. Os libros farfallaron indignados ante a intromisión, e algúns dos grimorios máis grandes sacudiron as súas cadeas.

O Bibliotecario seguiu durmindo, arrolado polo murmurio da choiva.

No aloumiño do seu caleiro, a media milla de distancia, o capitán Vimes da Garda Nocturna abriu a boca e comezou a cantar.

    Unha figura envolta nunha capa negra percorría as rúas na medianoite, agochándose de portal en portal, ata chegar a un portón lúgubre e ominoso. Ningunha porta consegue ser así de lúgubre sen esforzo. Semellaba como se o arquitecto recibise instrucións específicas. Queremos algo terrorífico en carballo escuro, debéronlle dicir. Así que coloca unha desagradable gárgola sobre o arco, que ao pecharse retumbe como a pisada dun xigante, que lle quede ben claro a calquera que esta non é unha desas portas que fan “ding–dong” cando chamas ao timbre.

A figura petou co ritmo dun complexo código contra a escura madeira. Abriuse un pequeno postigo protexido con barrotes e un ollo desconfiado escrutou o exterior.

“A asisada curuxa pía na noite” –dixo o visitante, tentando secar a auga de choiva da súa capa. “Mais moitos señores grises ollan tristes aos homes sen amo” – entoou a voz ao outro lado da grade. “Hurra, hurra, pola filla da irmá da solteira” –replicou a figura enchoupada. “Para o verdugo, todos os suplicantes teñen a mesma altura”. “Mais certamente, a rosa está dentro da espiña”. “A boa nai fai sopa de feixóns para o fillo perdido” –dixo a voz trala porta.

Houbo unha pausa, apenas acompañada polo son da chuvia. Entón o visitante dixo:

Que? “A boa nai fai sopa de feixóns para o fillo perdido” –dixo a voz trala porta.

Outra pausa, máis longa desta vez. A figura empapada dixo:

Estás seguro de que a torre mal construída non treme ante o paso da bolboreta? Eee, non. É a sopa de feixóns. Síntoo.

A choiva seguía caendo implacable sobre o vergoñento silencio.

E que hai da balea engaiolada? –preguntou o visitante enchoupado, tratando de acubillarse no escaso refuxio que ofrecía o terrorífico portón. Que pasa con ela? Que non debería saber nada das enormes profundidades, iso pasa. Oh, a balea engaoilada. Ti buscas aos Irmáns Esclarecidos da Noite de Ébano. Iso é tres portas máis abaixo.

Quen sodes vós entón? Somos os Iluminados e Antigos Irmáns de Ee, Pensaba que tiñades as reunións na rúa Melaza –dixo o home empapado. Si, ben, xa sabes como vai. Os do clube de artesanía teñen o local os martes. Andamos algo enleados. Oh, vaia, grazas de tódolos xeitos. Non hai de que –pechou o postigo.

A figura envolta na capa fitou para el un momento, e despois baixou chapuzando pola rúa. Era certo que había outro portón alí. O construtor non se molestara en cambiar moito o deseño.

Petou. Outro postigo abriu de novo.

Si? Mira “A asisada curuxa pía na noite”, vale? “Mais moitos señores grises ollan tristes aos homes sen amo” “Hurra, hurra, pola filla da irmá da solteira”, si? “Para o verdugo, todos os suplicantes teñen a mesma altura”. “Mais certamente, a rosa está dentro da espiña”. Está diluviando aquí fóra, sábelo, non? Si –dixo a voz co ton de quen sen ningunha dúbida o sabe pero non é quen se está a mollar.

O visitante suspirou.

“A balea engaiolada non sabe nada das enormes profundidades”, e abonda xa. “A torre mal construída treme ante o paso da bolboreta.”

O suplicante agarrou os barrotes da fiestra e alzouse nas puntas dos pés.

Déixame entrar dunha vez, estou pingando.

Houbo outra pausa chea de humidade.

Esas profundidades… dixeches que eran enormes? Si, ben clariño. Tan enormes como poden ser as profundidades. Son eu, o Irmán Dedos. Pareceume que non o dicías –insistiu o gardián invisible, cauteloso. Mira, queredes o maldito libro ou non? Eu non teño que facer isto. Podería estar na casa metido en cama. Estás seguro de que dixeches “enormes”? Mira, estou seguro do profundas que son as putas profundidades, vale? –urxiu o Irmán Dedos– sabía o enormes que eran cando ti non eras máis que un neófito. Abre a porta xa! Isto… de acordo.

Escoitouse o son dos pasadores oxidados. A voz dixo desde dentro:

Impórtache darlle un empurrón? A Porta do Coñecemento Que Non Debe Traspasar O Ignorante atráncase un pouco coa humidade.

O Irmán Dedos bateu co ombreiro, entrou, mirou con xenreira ao Irmán Porteiro e pasou ao interior.

Os demais agardaban por el no Santuario Interior, chantados de pé co pudor propio da xente que non adoita levar sinistras capas negras con capucha. O Gran Mestre Supremo fíxolle un aceno.

O Irmán Dedos, non é? Si, Gran Mestre Supremo. Traes aquilo que che foi encargado conseguir?

O irmán Dedos sacou un paquete de debaixo da capa.

Estaba xusto onde dixen –afirmou–. Ningún problema. Ben feito, Irmán Dedos. Grazas, Gran Mestre Supremo.

O Gran Mestre Supremo golpeou co seu martelo varias veces reclamando atención. Os demais formaron unha especie de círculo ao seu redor.

Chamo á orde á Única e Suprema Loxia dos Irmáns Esclarecidos. –entoou– Está selada a Porta do Coñecemento para evitar a entrada dos herexes e ignorantes? Ben cerrada –dixo o Irmán Porteiro–. É a humidade. A semana que vén traerei a miña lixa, en nada… De acordo, de acordo –interrompeu o Gran Mestre Supremo– Bastaba con dicir “si”. Está o triplo círculo debuxado con pericia? Fordes todos os que estandes, estandes todos os que fordes? Malfadado o non iniciado que se atopase aquí, pois será expulsado deste lugar e a súa xárgala será fendida, os seus moldos esparexidos aos catro ventos, o seu galvo crebado con moitos garfos e o seu finglo colocado na punta dunha estaca, que pasa agora? Desculpa, dixeches Irmáns Esclarecidos?

O Gran Mestre Supremo quedou mirando para a solitaria figura que levantaba a man.

Si, os Irmáns Esclarecidos, gardiáns do coñecemento sagrado desde antes do que ningún home recorda… Desde febreiro –dixo o Irmán Porteiro intentando axudar. O Gran Mestre Supremo sentiu que o Irmán Porteiro nunca acaba de entrar no espírito do asunto. Perdón, perdón, perdón –dixo a figura, preocupada–. Trabuqueime de sociedade, síntoo moito. Debín coller mal un cruce. Marcho xa, se me desculpades… E o seu figlo colocado na punta dunha estaca –repetiu o Gran Mestre Supremo, levantando a voz por riba do barullo de ruídos de madeira húmida que facía o Irmán Porteiro intentando abrir o terrorífico portón–. Estamos xa? Algún outro non iniciado que acabase aquí mentres ía cara outro lado? –engadiu cun acedo sarcasmo–. Ben. Perfecto. Supoño que é moito preguntar se as Catro Torres de Vixía están pechadas? Oh, ben. E o Pantalón de Santidade, alguén se molestou en confesalo? Oh, ti. A xeito? Vouno comprobar, se non che importa… ben. E foron as fiestras trancadas cos Vermellos Cordóns do Intelecto, de acordo coa antiga prescrición? Ben. Entón quizais xa podemos seguir.

Co aire lixeiramente ofendido de quen acaba de pasar o dedo por riba do estante máis alto da súa nora só para atopalo limpo como o ouro, o Gran Mestre proseguiu.

Vaia banda, pensou para si mesmo. Un fato de incompetentes que ningunha outra sociedade secreta tocaría nin cun Báculo de Autoridade de tres metros de longo. Os típicos que se dislocarían os dedos co saúdo secreto máis sinxelo.

Mais incompetentes con posibilidades, así e todo. Que as outras sociedades quedasen cos hábiles, cos esperanzados, cos ambiciosos, cos afoutos. El collería os cheos de remorsos mexericas, os enchidos de bile e ira, os que sabían que poderían facer algo grande se tivesen a oportunidade. Collería aqueles cuxas riadas de veleno e vinganza estaban apenas contidas por delgados muros de ineptitude e paranoia.

E estupidez, tamén. Todos prestaran xuramento, pero a ningún se lle ocorrera preguntar que demos era un figlo.

Irmáns –dixo–, esta noite temos que discutir asuntos de profunda importancia. O bo goberno, non, o futuro mesmo de Ankh–Morpork está nas nosas mans.

Todos se achegaron. O Gran Mestre Supremo sentiu o vello formigar da sensación de poder. Estaban agardando as súas palabras. Só por esa sensación, pagaba a pena vestirse con esa ridícula capa.

Non sabemos nós que a cidade esta baixo o xugo de homes corruptos, que se congratulan dos seus podres tesouros, mentres mellores homes son reprimidos e forzados practicamente á escravitude? Claro que o sabemos! –dixo o Irmán Porteiro con vehemencia, en canto tivo o tempo de traducir isto mentalmente–. A semana pasada mesmo, no Gremio de Panadeiros, tentei dicirlle ao Mestre Critchley que…

Non foi por contacto visual, pois o Gran Mestre Supremo asegurárase de que as capuchas da Irmandade ocultasen as súas caras en mística escuridade, mais aínda así conseguiu calar ao Irmán Porteiro coa forza do puro silencio ultraxado.

Mais non foi sempre así –continuou o Gran Mestre Supremo–. Houbo un tempo, unha época dourada, en que aqueles merecedores de poder e respecto eran xustamente recompensados. Unha época en que Ankh–Morpork non era só unha cidade grande, senón grandiosa. Unha era cabaleiresca. Unha era na que… si Irmán Vixía?

Unha corpulenta figura envolta na súa capa baixou a man.

Estás a falar de cando tiñamos reis?

Moi ben, Irmán –asentiu o Gran Mestre Supremo, lixeiramente molesto ante aquela inusual mostra de intelixencia–. Unha era… Pero iso foi como hai cen anos ou mais –insistiu o Irmán Vixía–. Non houbo como unha gran batalla ou algo así? E desde entón o que sempre tivemos foron gobernantes, como o Patricio. Si, moi ben, Irmán Vixía. O que intento dicir é que xa non hai máis reis –aclarou o Irmán Vixía. Como di o Irmán Vixía, a liñaxe dos… A pista deuma cando falaches de cabalería. Máis ou menos, e… Iso é o que pasa cando hai reis, que tamén hai cabaleiros –engadiu alegremente o Irmán Vixía–. E torneos. E sempre levaban posto… En todo caso –interrompeu bruscamente o Gran Mestre Supremo–, pode ser que a liñaxe dos reis de Ankh non estea tan extinta como ata o de agora imaxinaramos, e que proxenie desa liñaxe aínda viva nos nosos días. Así o indican as miñas investigacións nos antigos pergamiños.

Recuou, expectante. Porén, as súas palabras non parecían producir o efecto que esperaba. Probablemente foron quen de entender “liñaxe”, pensou, pero co de “proxenie” creo que me pasei.

O Irmán Vixía volveu levantar a man.

Si? Estás a dicir que hai algún tipo de herdeiro ao trono andando por aí? Ese pode ser o caso, si. Si, fan ese tipo de cousas –dixo o Irmán Vixía, sabichón– Pasa todo o tempo. Sae nos libros. Chámanlles binculeiros. Críanse alá en aldeas perdidas, pásanse unha espada secreta, unha marca de nacemento e cousas así, de xeración en xeración. Entón, xusto cando o vello reino precisa deles, aparecen e botan a calquera usurpador que ande por aí. E hai alborozo xeral.

O Gran Mestre Supremo quedou pampo. Non esperaba que fose tan sinxelo.

Si, vale –dixo unha figura que o Gran Mestre Supremo sabía que era o Irmán Estucador–. Pero, que importa? Digamos que un binculeiro aparece, vai onde o Patricio e di “Que hai tío, son o rei, aquí teño a miña marca de nacemento e todo iso, xa podes largar” Que consegue entón? Unha esperanza de vida duns dous minutos, iso consegue. Non me escoitas –dixo o Irmán Vixía–, a cousa é que o binculeiro ten que aparecer cando o reino está en perigo. Entón todos poden velo, entendes? Lévano nos ombreiros ata o palacio, cura unhas cantas persoas, anuncia medio día de festa, reparte por aí un chisco do tesouro real, e acabado o día, acabada a romería. Ten que casar cunha princesa tamén –dixo o Irmán Porteiro–. Porque é un porqueiro.

Todos fitaron nel.

Quen dixo que fose un porqueiro? –bufou o Irmán Vixía–. Eu nunca dixen que fose un porqueiro. A que vén isto do porqueiro? Ten algo de sentido –retrucou o Irmán Estucador–. O binculeiro típico normalmente é un porqueiro ou un monteiro. É para poder pasar de, como se chama, de cognito. Ten que aparentar ter, xa sabes, orixes humildes. As orixes humildes non teñen nada de especial –apuntou un Irmán moi miúdo, que parecía consistir por completo dunha capa negra con halitose–. Eu teño un monte de orixes humildes. Na miña familia pensabamos que ser porqueiro era un traballo de xente con cartos. Pero é que a túa familia non ten sangue de reis, Irmán Nonchosei –dixo o Irmán Estucador. Pois poderíamola ter, ti que sabes –replicou o Irmán Nonchosei, amolado.

O que ti digas –seguiu o Irmán Vixía–. A cousa é que no momento exacto, o rei xenuíno desfaise do seu disfrace e di “Olládeme” e a súa maxestade esencial faise evidente. Como, exactamente? –preguntou o Irmán Porteiro. ...pois claro que poderiamos ter sangue real –rosmaba o Irmán Nonchosei– non ten dereito a dicir que non temos sangue de… Mira, porque se fai evidente e punto. Sabes o que é cando a ves. Pero antes diso teñen que salvar o reino –dixo o Irmán Estucador.

Oh, si –asentiu o Irmán Vixía– ese é o asunto principal. E salvalo de que? …teño tanto dereito como calquera a ter sangue de reis… O Patricio? –suxeriu o Irmán Porteiro.

O Irmán Vixía, de súpeto convertido unha autoridade en asuntos da realeza, negou coa cabeza.

Non sei se poderíamos dicir que o Patricio é unha ameaza –respondeu–. Non é precisamente un tirano. Tivemos outros moito peores. Quero dicir, tampouco é que… oprima. A min oprímenme todo o tempo –contestou o Irmán Vixía– O Mestre Critchley, o meu xefe, oprímeme mañá, tarde e noite, berrándome e todo iso. E a muller da tenda de verduras, ela oprímeme o tempo todo.

É certo –asentiu o irmán Estucador–. O meu caseiro oprímeme pero ben. Petando na porta e machacando co alugueiro que di que lle debo, que é mentira por certo. E os veciños do lado tamén me oprimen a noite toda. Dígolles que traballo todo o día, que un home necesita algo de tempo para aprender a tocar a tuba. Iso é opresión, vaia que si. Se eu non estou baixo a bota da opresión, non sei quen estará. Visto así… –dixo o irmán Vixía lentamente–. O meu cuñado oprímeme todo o tempo co de que se ten comprado un carro e un cabalo novo. Eu non teño ningún. É iso xusto? Aposto a que un rei non tería permitido ese tipo de opresión, as esposas oprimindo á xente con que por que non temos un carro novo como Rodney e iso.

O Grande Mestre Supremo escoitou todo isto cunha lixeira sensación de desconcerto. É como se soubese que existen unhas cousas chamadas avalanchas, pero nunca imaxinara que soltar unha folerpa de neve no alto da montaña puidese producir uns resultados tan abraiantes. Case non tivera que darlles o empurrón na dirección adecuada.

Aposto a que un rei tería algo que dicir sobre os caseiros –dixo o Irmán Estucador.

E prohibiría os carros tan pomposos –engadiu o Irmán Vixía–. Probablemente comprados con cartos roubados, seguro. Creo –apuntou o Grande Mestre Supremo, axustando un pouco as cousas– que un rei sabio só prohibiría os carros ostentosos aos que non se mostrasen merecedores.

Houbo unha pausa pensativa na conversa, mentres a Irmandade mentalmente dividía o universo entre os merecedores e os non-merecedores, colocándose a si mesmos no lado apropiado.

Sería xusto –dixo paseniño o irmán Vixía–. Pero o irmán Estucador tiña razón en realidade. Non me imaxino a un binculeiro acudindo ao seu destino só porque o Irmán Porteiro pensa que a muller na tenda de verduras non para de miralo mal. Sen ánimo de ofender. Ademais de estafarme sempre co peso –engadiu o Irmán Porteiro– e ademais… Si, si, si –interrompeu o Grande Mestre Supremo–. Certamente, as boas xentes de Ankh–Morpork están baixo o xugo da opresión. Porén, un rei adoita mostrarse en circunstancias un pouco máis dramáticas. Como unha guerra, por exemplo.

As cousas estaban indo moi ben. Aínda con toda a súa idiotez narcisista, sería alguén quen de facer a suxestión correcta?

Antes había profecías antigas ou algo así –comentou o irmán Estucador–. Contoumo meu avó –os seus ollos brillaron co esforzo de recordar–. “Si, o rei virá traendo Lei e Xustiza, nunca dirá máis que a Verdade, Protexerá e Servirá á xente coa súa espada”. Non me miredes así, que non mo estou a inventar. Que dis, se esa lenda sabémola todos. Para o que che ha valer… –mofouse o Irmán Vixía–. Quero dicir, que significa?, que cabalgará coa Lei e a Verdade e todo iso, como se fosen os Catro Xinetes da Apocalipse? “Ola xente, son o rei e esa de alá é a Verdade, dándolle de beber o seu cabalo.” Non moi práctico, non si? Nah, un non se pode fiar das lendas vellas. Por que non? –inquiriu o Irmán Nonchosei. Porque son lendarias. Así é como as distingues –engadiu o Irmán Vixia. A da bela dormente está bastante ben –interviu o Irmán Estucador–. Só un autentico rei pode facer que esperten. Non sexas pailán –indicou o Irmán Estucador–. Non temos rei, así que non podemos ter princesas. Cae de caixón.

Tamén é certo que nos vellos tempos era máis sinxelo –dixo animado o Irmán Porteiro. Por que? Só tiña que matar un dragón.

O Gran Mestre Supremo xuntou as mans e ofreceu unha pregaria silenciosa ao deus que for que estivese escoitando. Tivera razón sobre esa xentalla. Antes ou despois, as súas pequenas mentes divagantes acababan xusto no lugar onde el quería que fosen.

Que idea tan interesante –comentou, excitado. Non pode funcionar –contrapuxo o Irmán Vixía–. Xa non hai dragóns dos grandes hoxe en día. Podería habelos. O Grande Mestre Supremo fixo estalar os cotobelos. Van volver? –inquiriu o Irmán Vixía. Dixen que podería habelos.

Escoitouse un riso nervioso desde o fondo da capucha do Irmán Vixía.

En serio? Os de verdade? Os das enormes escamas e ás? Si. Os do alento como un forno de lume? Si.

Os das unllas esas enormes nos pés? Garras? Oh, si. Tantas como queiras. Como que tantas como eu queira? Pensei que estaba quedando claro, Irmán Vixía. Se queres dragóns, podes ter dragóns. Ti podes traer un dragón aquí, agora mesmo, ao cerne da cidade. Eu? Todos vós. Quero dicir, nós –insistiu o Gran Mestre Supremo.

O Irmán Vixía dubidou.

Pois así pensado non sei se é unha boa ide… E obedecería todas as vosas ordes.

Iso parounos. Iso atraeu a súa atención. Iso caeu sobre as súas cativas mentes furtivas como un filete de carne no medio dunha canceira.

Podes repetir iso? –pediu a modiño o Irmán Estucador. Que o poderiades controlar. Poderiades obrigalo a facer o que quixerdes. Que? Un dragón de verdade?

O Gran Mestre Supremo puxo os ollos en branco na privacidade da súa capucha.

Si, un de verdade. Non eses dragóns miúdos de pantano que a xente ten de mascota. Un dragón xenuíno. Pero eu pensaba que eran… xa sabe, ritos.

O Gran Mestre Supremo inclinouse un chisco cara diante.

Eran mitos e eran reais –indicou en voz alta– Partícula e onda a un tempo. Aí xa me perdín –dixo o Irmán Estucador.

Deixádeme entón facer unha demostración. O libro por favor, Irmán Dedos. Grazas. Irmáns, é a miña obriga contarvos que cando estaba baixo a tutela dos Mestres Secretos… Os que, Gran Mestre Supremo? –preguntou o Irmán Estucador. Por que nunca escoitas? Dixo os Mestres Secretos! –exclamou o Irmán Vixía– Xa sabes, os venerables sabios que viven nunha montaña e dirixen todo en secreto, e claro, ensináronlle toda a súa sabedoría, e poden andar por riba do lume e iso. Xa nolo contou a semana pasada. Ías ensinarnos, verdade, Gran Mestre Supremo? Ah, os Mestres Secretos –retrucou o Irmán Estucador– Desculpa, son estes carapuchos místicos. Perdón. Xa me lembro.

Cando eu goberne a cidade, dixo o Gran Mestre Supremo para si mesmo, non vai haber nada disto. Formarei unha nova sociedade secreta cos máis intelixentes e astutos, aínda que non demasiado intelixentes, claro, non demasiado intelixentes. Derrocaremos o frío tirano e entraremos nunha nova era de ilustración e fraternidade e humanismo, e Ankh–Morpork mudará nunha utopía, e a xente como o Irmán Estucador será feita churrasco a lume lento se eu podo decidir, que poderei. Xunto cos seus figlos.[2]

Cando eu estaba, como ía dicindo, baixo a tutela dos Mestres Secretos… Iso foi cando che dixeron que tiñas que camiñar sobre papel de arroz, verdade? –interrompeu o Irmán Vixía–, sempre me pareceu un bo detalle. Desde que nolo contaches a primeira vez, sempre gardo o papel que vén nas caixas de bombóns. É incrible. Podo andar por riba del sen ningún problema. Demostra o que podes conseguir se estás nunha boa sociedade secreta.

O irmán Estucador non arderá só na grella, pensou o Gran Mestre Supremo.

Os teus pasos no camiño da iluminación son un exemplo para todos nós, Irmán Vixía –dixo–. Se podo continuar, de entre os secretos que aprendín… Sobre o Corazón do Ser –engadiu o Irmán Vixía. Sobre o corazón, como di o Irmán Vixía, do ser, estaba a actual localización dos dragóns nobres. A crenza da súa morte é un craso erro. Sinxelamente atoparon un novo nicho evolutivo. E poden ser invocados desde alí. Este libro –brandiuno no ar– dá instrucións específicas para conseguilo. Están nun libro así sen máis? –preguntou o Irmán Estucador. Non é un libro ordinario. Esta é a única copia. Levoume anos localizalo –contestou o Gran Mestre Supremo–. Está escrito pola man de Tubal de Malaquita, un gran estudoso da ciencia draconiana. É a súa propia caligrafía. En vida invocaba dragóns de todos os tamaños, e vós podedes facer o mesmo.

Houbo outro longo e incómodo silencio.

Hum –musitou o Irmán Porteiro. Soa un pouco… xa sabes….máxico –sinalou o Irmán Vixía, no ton nervioso dun home que acaba de ver en que vaso está agochada a pelota pero non quere dicilo–. Quero dicir, sen cuestionar para nada a túa suprema sabedoría e iso, pero…. ben… xa sabes… maxia…

A súa voz esmoreceu.

Si –concordou o Irmán Estucador, incómodo. É que… os magos, sabes? –interviu o Irmán Dedos–. Probablemente non o sabes porque pasaches tanto tempo cos venerables vellos na montaña esa, pero por aquí abaixo os magos, se te collen facendo algo máxico, caen sobre ti coma un montón de ladrillos. Din que é cousa de ter claras as demarcacións –explicou o Irmán Estucador–. Vamos, que eu non vou por aí fedellando cos místicos chismes da causalidade, e eles non se dedican a estucar muro ningún. Non consigo comprender cal é o problema –dixo o Gran Mestre Supremo.

Claro que o comprendía. Este era o último obstáculo. Se conseguía que as súas mentes diminutas superasen ese medo, tería o mundo na palma da man. O seu sorprendentemente estúpido egoísmo non o decepcionara ata o momento, confiaba en que non lle fallase agora.

A Irmandade remexía intranquila. Entón, o Irmán Nonchosei dixo:

Ha, magos. Que saben eles dun duro día de traballo?

O Grande Mestre Supremo fixo unha profunda inspiración. Ah… O aire de mesquiño resentimento case se podía apalpar.

Nada, iso é un feito –rosmou o Irmán Dedos –. Pasan o día dando voltas por aí co nariz engurrado, como se os demais cheirásemos a merda. Eu adoitaba velos cando traballaba na Universidade. Uns fantoches, xa volo digo eu. A ver quen os atopou nunca facendo un traballo honesto. Como roubar, queres dicir? –comentou retranqueiro o Irmán Vixia, ao que nunca lle gustara o Irmán Dedos. Pero logo van dicindo –o Irmán Dedos continuou, ignorando o comentario– que ti non podes ir por aí facendo maxia porque se non vas escarallar a harmonía universal e non sei que máis. Un montón de patrañas, na miña opinión.

Isto… –o Irmán Estucador dubidaba–. Non sei. Quero dicir, se eu fago mal a mestura, só remato cun montón de estuco ata os nocellos. Pero se te trabucas coa maxia, mesmo nalgún detalle pequeno, disque aparecen unhas cousas horrorosas que acaban contigo. Xa, pero son os magos os que contan iso –contestou o Irmán Vixía, pensativo–. Eu tampouco os aturei nunca, se vos digo a verdade. Creo que saben que teñen amarrado un bo negocio e non queren que os demais o descubramos. Non é máis que menear un pouco as mans, entoar unhas palabras inventadas e pista.

A Irmandade considerou a idea. Soaba plausible. Se eles tivesen un bo negocio, non deixarían a ninguén meter os fociños nel.

O Gran Mestre Supremo decidiu que os tempos eran chegados.

Entón estamos todos de acordo, irmáns? Estades preparados para practicar maxia? Oh, practicar? –dixo o Irmán Estucador, aliviado de súpeto–. A min non me importa practicar, mentres non teñamos que facelo de verdade.

O Gran Mestre Supremo deu un golpe co libro.

Estou falando de levar a cabo auténticos feitizos! Guiar a cidade cara o bo camiño! Invocar o dragón!

Deron un paso atrás. O Irmán Porteiro comentou vacilante:

Entón, se traemos o dragón, o rei verdadeiro aparecerá así sen máis? Si! –exclamou o Gran Mestre Supremo. Vale, parece probable –apoiouno o Irmán Vixía, solidario–. Ten sentido. Polo do destino e os traballos dos gnomos e iso.

Houbo un momento de dúbida e despois un asentimento xeral de carapuchas. Só o Irmán Estucador parecía vagamente descontento.

Isto… Non se nos irá das mans, verdade? Asegúroche, Irmán Estucador, que poderás deixalo no momento que queiras –respondeu suavemente o Gran Mestre Supremo. Vale –dixo o Irmán aínda vacilante–. Probarei un pouco, entón. Podo quedarme o necesario para arrasar a lume unha tenda de verduras opresora?

Ahhh.

Gañara. Habería dragóns de novo. E un rei de novo. Non como os antigos reis. Un rei que faría todo o que el lle dixese.

Iso –continuou o Gran Mestre Supremo– depende de canto poidas axudar. Precisaremos nun principio todos os obxectos máxicos que poidades traer..

Igual non era boa idea contarlles que a última metade do libro de Malaquita estaba completamente chamuscada. O tipo claramente non estivera á altura das circunstancias. El podería facelo moito mellor. E absolutamente ninguén sería quen de detelo.

Un trono retumbou.

    Dise que os deuses xogan coas vidas dos homes. Pero por que xogan, a que xogo, cales son as identidades dos peóns, cales as regras…quen o sabe?

Mellor non especular.

Un trono retumbou…

e pareceu o son dun dado rodando.

    Saiamos agora rapidamente das pingantes rúas de Ankh–Morpork, viaxemos a través das néboas matutinas do Disco, para fixarnos nun mozo que se dirixe á cidade coa franqueza, sinceridade e inocencia dun iceberg á deriva que acaba no camiño dun transatlántico.

O mozo chámase Cenoria. Non polo pelo, que o seu pai sempre cortou a rente por estritas razóns de Hixiene. Non. É por causa da súa forma.

É o tipo de forma que un rapaz consigue a base de limpeza, orde, comida saudable e o fresco aire da montaña nuns bos pulmóns. Cando flexiona os músculos dos ombreiros, outros músculos teñen que se apartar primeiro para deixar paso.

Tamén leva no cinto unha espada, que lle foi entregada en misteriosas circunstancias. Moi misteriosas circunstancias. Porén, hai algo moi inesperado nesta espada. Non é máxica. Non ten nome. Cando a empuñas non consegues unha sensación de poder, só vexigas. Imaxina unha espada usada con tanta asiduidade que deixara de ser nada máis que a quintesencia da espada mesma: unha peza de metal longa cos cantos ben afiados. Non tiña un destino escrito na súa folla.

É practicamente única, de feito.

Un trono retumbou.

Os sumidoiros da cidade gorgolexaban con suavidade mentres carretaban os detritos da noite, con algunha fraca protesta ocasional.

A auga dividíase en dúas correntes cando chegaba ata o Capitán Vimes, que estaba deitado no chan. Vimes abriu os ollos. Houbo un intre de paz baleira antes de que a memoria batese nel como un martelo.

Fora un mal día para a Garda. Fora o día do funeral de Herbert Gaskin, nada menos. O vello e pobre Gaskin. Rompera unha das regras fundamentais que todo garda debe seguir. Non era o tipo de regra que alguén como Gaskin puidese romper dúas veces. Así que tiveron que baixalo á terra empapada, coa choiva repenicando no seu cadaleito, sen ninguén máis para gardar loito por el que os tres membros superviventes da Garda Nocturna, o grupo de homes máis desprezado de toda a cidade. O Sarxento Colon chorara todo o tempo. O vello e pobre Gaskin.

Pobre e vello Vimes, pensou Vimes.

O pobre e vello Vimes, aquí, nun sumidoiro. Pero aquí fora onde el comezara. Pobre e vello Vimes, coa auga corréndolle por debaixo da cota de malla. Pobre e vello Vimes, mirando como o resto do contido do sumidoiro esvaece pouco a pouco. Seguramente ata o pobre e vello Gaskin ten mellores vistas agora mesmo, pensou.

Vexamos…. marchara despois do funeral e collera unha boa prea. Non unha borracheira, non, unha auténtica prea. Porque agora o mundo parecía revirado, como un cristal distorcido, e só conseguía enfocalo de novo mirando a través do fondo da botella.

Había outra cousa, cal era, cal era…

Ah, si. A quenda de noite. A chamada do deber. Agás para Gaskin, claro. Precisaba dun novo compañeiro. De feito xa llo mandaran, non? Outra cabra no millo. Era algo así. Outra vaca no trigo…

Vimes rendeuse. Deitouse de novo. A auga seguía correndo cara o sumidoiro.

Arriba, as letras iluminadas escintilaban e fervían baixo a chuvia.

capagardas [1] Todo isto era falso. A verdade é que mesmo grandes coleccións de libros normais poden distorsionar o espazo, como se pode comprobar facilmente por calquera que visite unha librería de vello, unha desas que semellan deseñadas por M. Escher nun mal día e teñen máis escadas que historias, con esas fileiras de estantes que remataban en diminutas portas, evidentemente demasiado pequenas como para que entre un ser humano normal. A ecuación é: coñecemento=poder=enerxía=materia=masa; unha boa librería non é máis que un refinado burato negro que sabe ler.  

[2] Un figlo é definido polo Dicionario das palabras gallofeiras, como “un follado pequeno e crocante que contén uvas pasas”. O Dicionario tería sido de gran axuda para o Gran Mestre Supremo cando redactou os xuramentos da Sociedade, xa que tamén incluía palabras como chelchalet (“un tipo de chaleco moi empregado por certos reloxeiros”) ou tartaconcho (“un xogo de destreza e habilidade, no que as tartarugas eran empregadas dalgunha maneira”)

 

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí