O tempo resorte en “A ponte sobre o Drina”, de Ivo Andrić

Reflexións arredor dos recursos empregados por Ivo Andric para manexar e construír o tempo narrativo na súa famosa novela sobre a historia de Bosnia.

Ivo Andrić gañou o premio Nobel o único ano en que Tolkien estaba na terna. Este dato digno de trivial foi o único que souben do escritor iugoslavo durante moitos anos, apenas unhas frases soltas lidas nun foro de fantasía onde o nome de Andrić non era máis que unha escusa para laiarse das inxustizas que se lle fixeran a Tolkien, en versións de: “sen ter lido a ese tal Andrić, quen se lembra del hoxe?”.

Líbreme Deus de defender ao chorimicas de internet, ou de darlle ningún tipo de importancia ao Nobel (agás o ano en que o gañou Dylan ou cando o leve Ferrín, claro).

Bromas á parte, se actualicei os meus coñecementos sobre Andrić foi porque en galego comezamos a ter unha máis que decente biblioteca de literatura dos Balcáns, grazas a editoras como Rinoceronte e tradutores especializados como Jairo Dorado Cadilla. Xa hai uns anos lin tamén A boca chea de terra de Branimir Šćepanović, que me deixara impresionado, así que cando vin por certos sitios mencionado A ponte sobre o Drina e o nome de Andrić, decidín buscalo.

Tardei un tempo de feito en poder meterlle o dente porque a día de hoxe está xa descatalogado. O meu instinto bibliófilo confiaba en poder atopar un exemplar; preguntei nalgunhas librerías de vello, contactei coa editora, pero nada. Un pouco absurdo todo isto, admítoo, porque era tan fácil como ir ata a biblioteca máis próxima á miña casa, onde estaba agardando por min. Sempre saio das bibliotecas un chisco confundido, como se non me acabase de crer a súa utilidade absoluta e sinxela. Linlle a alguén no twitter (sinto non lembrar a quen para citar), que as bibliotecas son unha idea tan revolucionaria que se as tivésemos que inventar agora probablemente sería imposible.

Síntome un pouco ridículo recomendando un libro como A ponte sobre o Drina, que ten arrecendo de clásico e un lugar ben asentado no canon culto europeo. Por suposto, lede se podedes A ponte sobre o Drina. É unha novela fermosa, de adxectivo exacto e retrato lúcido, ademais dunha porta moi boa para achegarse á complexa realidade social dos Balcáns.

Quero centrarme hoxe nun aspecto concreto da novela, nun intento de organizar pensamentos e aprender algo da mestría de Andrić. Hai moitos recursos nunha obra tan ambiciosa como A ponte sobre o Drina, pero penso que paga a pena destacar os xeitos en que Andrić manexa e moldea o tempo, sacando moitas das ferramentas da caixa de escritor. Falemos delas.

Andrić diante da ponte sobre o Drina en Višegrad
Ivo Andrić diante da ponte sobre o Drina en Višegrad

 

Un choque entre forma e fondo. As habelencias do escritor   

A ponte sobre o Drina nace cunha tensión entre fondo e forma. A idea da novela é relatar a historia da ponte Mehmed Paša Sokolović, que se levanta como paso sobre o río Drina en Višegrad, no leste de Bosnia. Unha vez colocada esa premisa como limitación, o formato máis natural sería artellar un conxunto de relatos, cada capítulo unha miniatura histórica sobre un suceso na ponte. O problema dos relatos, porén, é que se ben son acaídos para a forma, chocan co fondo da novela. O propósito de Andrić co libro é facer unha crónica dos últimos séculos en Bosnia, falar das idas e vindas dos poderes, das relixións, das maneiras sutís pero imparables en que varía a sociedade, coa ponte como paradigma do alicerce, do que permanece. Unha serie de historias curtas e inconexas non parece acaída para este propósito.

“… unha cousa é certa: entre a vida das xentes da kasaba e esta ponte existe unha relación íntima e secular. Os seus destinos están tan entrelazados que é imposíbel pensalos ou narralos por separado. Esta é, pois, a historia da xénese e o destino da ponte, e ao mesmo tempo é a historia da vida da kasaba e das súas xentes, de xeración en xeración, do mesmo xeito que en todos os relatos sobre a kasaba se filtran as pétreas liñas da ponte de once arcos e a kapia coroando no centro.”

Como soluciona esta tensión Andrić? Disfrazando a forma. Non escapa dos capítulos como relatos curtos independentes, (en realidade non creo que haxa outro xeito de abarcar os case 400 anos desde a construción da ponte ata o comezo da primeira guerra mundial), pero desenvolve unha serie de técnicas de cohesión coas que evitar esa sensación de colección de anécdotas. A idea é dotar ao conxunto dunha sensación de continuum, un truco de maxia que fai o escritor para que nos sintamos como nunha novela. Este truco faise sobre todo moldeando o tempo.

 

O estilo e a elipse. A dimensión vertical do resorte.

O primeiro destes elementos é o estilo, ámbito no que Andrić toma unha decisión que podería parecer antiintuitiva. Estaredes pensando, ah claro, se o obxectivo é buscar unha cohesión para o conxunto, manter un estilo constante en todos os “relatos” da novela é a mellor idea. Porén, Andrić decide xusto o contrario. A ponte sobre o Drina parte nos seus primeiros compases dun estilo case épico, como saído das mil e unha noites, para contarnos a historia do neno cristián arrincado polos turcos dos brazos da súa nai como tributo de sangue. O neno acaba convertido nun poderoso visir en Istambul e manda levantar esa magnífica ponte na súa terra natal. Un ton lendario acompaña toda esta primeira fase do libro, dedicada á construción da ponte en Višegrad: personaxes debuxados como arquetipos, elementos fantásticos, contos que imaxinan os aldeáns e a visión do afastado Imperio Otomano como fonte de marabillas e poderes imposibles.

Segundo van pasando os séculos de vida sobre a ponte, Andrić vai mudando aos poucos o estilo. Cando chegamos aos séculos XIX e XX encontrámonos cunha narrativa moi distinta, moito máis psicolóxica, de personaxes que son desenvoltos na súa complexidade e manteñen relacións con máis matices. Visto en conxunto, é moi notable o cambio, comparando aquela lenda inicial cun tramo final onde hai todo un capítulo dedicado a unha conversa filosófico-política entre dous mozos nunha ponte (capítulo interesantísimo ademais por canto hai do autor nun destes mozos).

Hai que matizar que esta mudanza de estilo é moi sutil, de a poucos, de xogar cos ritmos e a propia natureza dos acontecementos para que semelle unha evolución natural. É precisamente ese avanzar inmutable o que dota ao libro de unidade. Aproveita no seu favor Andrić  esa noción que temos gravada a lume na nosa cultura de concibir a historia como un constante progreso determinista, imbricando a narrativa dese mesmo descorrer. É fascinante pensar que emprega ferramentas propias da historiografía decimonónica adaptadas ao literario para conseguir unir o que podería parecer aleatorio e desfiado.

Ivo Andric, A ponte sobre o Drina
Ponte Mehmed Paša Sokolović na actualidade

Dos recursos empregados por Andrić n’ A ponte sobre o Drina, que son moitos, ese evoluír de a poucos o estilo é o máis impresionante, polo dominio do ritmo e da tensión narrativa que require. Máis replicable, por puramente formal, é o seu emprego da elipse, complemento necesario para esa unidade na evolución de estilo.

De novo unha decisión antiintuitiva. Onde o que parecería sinxelo sería facer unha serie de miniaturas de, eu que sei, un capítulo ambientado en cada século, cunhas elipses entre eles medidas e constantes, Andrić de novo sae do rego. Nun libro de 322 páxinas, na 79 xa estamos a comezo do século XIX e na 214 xa en 1908. Só 6 capítulos dedicados aos dous primeiros séculos e 24 ao século e medio final. Estas elipses de tamaño tan desigual están intimamente relacionadas co tema do estilo do que falabamos. O ton lendario require lirismo e síntese, que os eventos acontezan cunha lixeireza propia desa idea de pasado remoto. En canto máis nos achegamos ao presente, o tempo parece acelerarse e facerse máis denso, hai páxinas para dedicar ao estudo de personaxes concretos, para un observar e meditar polo miúdo. Remata o tempo da “dourada tranquilidade” turca e chegan os austríacos, as guerras en Serbia, as idas e vindas do que sería un século de xigantescos cambios nos Balcáns. Andrić quere dedicar páxinas a ese século XIX onde comezan os movementos en cadea que acabarán creando no “presente”, a Primeira Guerra Mundial, mais sen renunciar a visión de conxunto de crónica dos tempos e a vida na ponte.

Moldear o tempo significa aquí conxugar forma e fondo dun xeito maxistral. Por medio do estilo e a elipse Andrić crea esa noción de unidade desde o cambio, desde o desigual. Para ilustrar esta idea, gústame imaxinar o tempo narrativo como unha onda que avanza cara a dereita, onde os eventos son as perturbacións. Con estes elementos de estilo e de elipse, o tempo n’ A ponte sobre o Drina quedaría algo como isto.

 

Recursividade, analepse e prolepse. O elemento horizontal do resorte

Neste gráfico, porén, non temos aínda o “tempo resorte” que puxen no título do artigo. Para conseguir esa forma fai falla engadir o elemento horizontal, a recursividade, mecanismos para non só acelerar e direccionar o tempo, senón tamén para pregalo sobre si mesmo.

O elemento de recursividade máis habitual en novelas e historias que discorren en longos períodos de tempo é a reiteración de personaxes. É esta a base estrutural das sagas familiares, onde van introducindo novos personaxes mentres desenvolven as que xa coñecemos. Exemplos típicos aquí serían que sei eu, Star Wars ou Cien años de soledad. O mecanismo base de cohesión nestas longas sagas é precisamente esas relacións entre personaxes que se van pasando a testemuña.

Andrić tamén emprega este recurso n’ A ponte sobre o Drina. Porén, como o formato aquí é de relatos independentes arredor da figura da ponte e non unha saga familiar, esa repetición de personaxes ten un alcance limitado, e é empregada sobre todo na segunda parte do libro, no século XIX, onde as distancias temporais máis pequenas nas elipses o permiten. Un pequeno exemplo que me gusta bastante: Os líderes das tres relixións, o pope Mihajlo, o hodža Ismet e o rabino Elias Levi, son os protagonistas dun dos capítulos, onde Višegrad queda asolagada por unha enorme crecida do río. A capacidade dos tres homes de fe de se reuniren baixo un mesmo teito e conversar relaxados sobre anécdotas do pasado, co gallo de tranquilizar ao resto dos habitantes, é todo un símbolo da capacidade das tres comunidades de convivir pacificamente e mesmo unirse se é preciso ante unha emerxencia común. Estes tres homes non volverán ser protagonistas, e con todo, si aparecerán nalgunha outra ocasión máis adiante, como secundarios ou de fondo nalgúns momentos concretos. A repetición destes personaxes sírvelle a Andrić precisamente para abrir unha fiestra a aquel momento de irmandade e unión, un recordatorio do pasado en forma de personaxe.

Podería poñer moitos máis exemplos: o do desgraciado Ali Hodža e a familia Musevelic, encargada do karavaj-seraj que queda en ruínas, a xudea Lotika, dona dun dos hoteis que abren xunto ao río… Mais a efectos do que estamos comentando aquí, non penso que sexa necesario repetirme. A idea é que recursividade de personaxes existe n’ A ponte sobre o Drina, pero ten un papel secundario, serve máis como elemento cohesivo e non como motor da trama, como si pasa noutras novelas.

Ivo Andric, A ponte sobre o Drina
Postal da ponte Mehmed Paša Sokolović arredor do 1900

O mecanismo de recursividade que máis me fascina de n’ A ponte sobre o Drina, que penso máis orixinal e que no fondo deu pé a todo este artigo, é o uso que fai Andrić da prolepse e a analepse (os famosos flashbacks e flashfowards en inglés). Penso que non fai moita falla definilos, mais en resumo sería unha recuperación para o presente narrativo dun evento que pasou no pasado (analepse), ou que acontecerá no futuro (prolepse). Son recursos moi habituais: penso nos flashbacks para contar a orixe das personaxes en Lost, ou na prolapse do comezo in media res da Odisea.

O que me parece moi curioso do uso de Andrić deste recurso é que como acontecía coa repetición de personaxes, non é nesta novela un motor narrativo, senón empregado como un detalle de cohesión. O narrador n’ A ponte sobre o Drina é omnisciente, sabe todo o que aconteceu no pasado e acontecerá no futuro, e non dubida en constantemente romper o fío da narración para mencionar como afectará un determinado evento no futuro, como un personaxe repite o que outro xa fixera séculos atrás, como serán recordados polos devanceiros un feitos que se contan.

Por exemplo, no caso do capítulo da crecida que antes mencionaba, comeza  Andrić un parágrafo deste xeito:

 “Naquela xeración, como relatarían despois os vellos, non había ninguén que se lembrase ben da última gran crecida. Aínda así aqueles foran uns días de outono de moita chuvia, e todos estaban alerta xa que as augas andaban bravas”.

Ese “como relatarían despois os vellos”, é unha prolepse minúscula, de referencia misteriosa a un futuro indefinido, que con moi pouco resitúa e contextualiza o conxunto.

Andrić emprega este recurso a miúdo durante toda a novela. Son audaces rupturas da cuarta parede, de tamaño moi comedido para non romper o ritmo, que fan evidente a natureza de historia narrada dos eventos que se nos contan, da súa inclusión nun devir xeral dos acontecementos nesa vila de Bosnia. Remata por exemplo Andrić o segundo capítulo con estes dous parágrafos:

[…] Foi unha época excepcionalmente activa e importante para a kasaba e para toda a rexión, que mudou moito e á que lle aconteceron grandes e pequenas cousas. Pero de xeito sorprendente, na kasaba, que durante séculos se contaban e repetían os sucesos máis diversos, incluídos aqueles referidos á ponte, non se conservan moitas historias relativas ao comezo da obra.

            O pobo lembra e fala do que pode comprender e do que pode converter en lenda. Todo o demais pasa ao seu carón sen deixar unha pegada fonda, coa absurda apatía dos fenómenos naturais sen nome, sen tocar a súa imaxinación nin ficar na súa lembranza. Esta obra dura e longa foi para eles traballo doutro a expensas doutro.  Só cando a gran ponte empezou a xurdir, habilmente construída e con materiais perdurábeis, o pobo comezou a se decatar do seu carácter único e da súa exclusiva orixe, e coa súa lembranza comezaron de novo a tecer historias marabillosas lembradas durante moito tempo.”

Con esta reflexión do narrador omnisciente xustifica unha elipse entre a lenda inicial do visir e as primeiras historias da ponte que vai contar, e as relanza cara o futuro distante, onde efectivamente algún personaxe moitos séculos despois mencionará ao temido Abidaga ou ás palabras escritas en árabe na kapia.

É impresionante a capacidade que ten Andrić para comprometerse con este mecanismo narrativo ao longo de toda a novela, de xeitos enxeñosos e innovadores. Penso por exemplo nos canóns de Karadjordje, a insurrección serbia de 1804 que se verá como lumes nos montes da fronteira desde Višegrad e que Andrić referencia en tres tempos narrativos: no pasado, o narrador profetiza en prolepse a tensión que haberá de chegar cando alumeen os canóns na montaña; no presente, o lume do monte é un medo físico á guerra e á morte; e no futuro, os canóns de Karadjordje son vistos como un flashback do pasado, metáfora das esperanzas que os serbios de Višegrad teñen de que a súa patria domine Bosnia.

Xa temos con todo isto o segundo elemento, o horizontal, co que Andrić abre no tempo narrativo buratos de verme desde os que podemos albiscar o pasado e o futuro, que durante un pequeno instante se confunden nesta crónica dos séculos da historia de Bosnia. A función de onda xa non avanza apenas cara diante con máis ou menos perturbacións, senón que se permite volver e repregarse sobre si mesma, buscando eses puntos de conexión. Aparece así o “tempo resorte”.

 

A literatura, como medio abstracto, é quizais o que máis capacidade ten para esculpir o tempo e o espazo sen máis limitacións que as que sexamos capaces de imaxinar. É a través deste esculpir que os eventos crus adquiren dirección e dramatismo, o agromar das historias desde os feitos. Quixen reflexionar aquí sobre algunhas das ferramentas que Andrić emprega n’A ponte sobre o Drina para conseguir esa cohesión entre acontecementos moi distantes e desconectados, domando o tempo para que sirva á súa vontade narrativa. O estilo, a elipse, a recursividade de personaxes, a prolepse e a analepse.

Evidentemente, foi unha análise formal de apenas algúns elementos, e hai na obra momentos de beleza (penso nas primeiras imaxes do capítulo XXIII que me parecen incribles) ou de fiel retrato socio-histórico, que só se poden apreixar desde outras perspectivas. Como comentaba ao comezo, non tiña aquí outra intención que poñer por escrito algúns pensamentos, facer patente a mestría de Andric tamén no estrutural e formal, e nun mundo ideal aprender algo sobre literatura no camiño. Se non conseguín isto, váleme se polo menos serviu de escusa a alguén para ir ata a biblioteca e coller A ponte sobre o Drina.

 

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí