Por quen dobran as campás? – Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global (III)

O son das campás toca estes días a laio polos que marchan, mais tamén son ameaza e recordatorio para os que nos gobernan. Nova crónica de confinamento.

Any man’s death diminishes me,
because I am involved in mankind.
And, therefore, never send to know
for whom the bell tolls;
it tolls for thee.
John Donne. No man is an island

 

A Coruña, 03 de abril de 2020

Esta mañá o sol brilla no ceo azul. Oio cantar as gaivotas, isto gústame. Sinto que hai vida que rodea o meu lar incluso nestes días de clausura. Encántanme as gaivotas e os paxaros en xeral, aínda que teño conciencia de que a súa excesiva proliferación pode representar un perigo. En Xénova a miúdo o fai. Porén, neste período de confinamento síntome en compañía ao velos a través da xanela da miña habitación. De súpeto, mentres escribo algo no computador, escoito o son das campás. Creo que son as da parroquia de San Pedro de Mezonzo, non estou seguro. O son das campás sempre me fai pensar na novela For whom the bell tolls de Ernest Hemingway sobre a Guerra Civil española. Mais quen gravou estas palabras na historia da literatura en lingua inglesa foi o crego británico John Donne, alá polo século XVI. Nesta mañá de confinamento, mentres nos atopamos en plena emerxencia sanitaria global, eu volto ás súas palabras: “Por quen dobran as campás?”.

Estamos a comezos de abril de 2020, aproximadamente tres semanas desde que o goberno de Madrid declarou o estado de alarma, cun atraso dificilmente xustificable se adoptamos criterios sanitarios mais comprensible á luz das primeiras reaccións da xente ás medidas de emerxencia. Fique claro: trátase dunha falta de valor das institucións que, ao mostrárense tan débiles, fallaron nas súas responsabilidades para coa comunidade. Si, é certo que a maioría do goberno actual é tan débil que o executivo non ten amplas marxes para moverse, mais esta non abonda como xustificación para que un goberno abandone o seu papel institucional. De todos os xeitos, fiquei bastante perplexo ao ver que algúns días antes da declaración das medidas de seguridade, ningún partido renunciaba ás súas charlas electorais para as eleccións autonómicas, ou a presencia dunha multitude de persoas na manifestación do 8 de marzo. Claro, o Día Internacional da Muller é extremadamente importante, mais neste momento amasar 13000 persoas no centro da Coruña pareceume un azar.

Non sei por que en xeral a xente non tomou en serio a ameaza do virus, en particular despois de ver o que estaba a pasar en Italia (onde agora se chega ao extremo oposto, mesmo hai xente que espera medidas alucinantes como enviar o exercito ás rúas… caramba, sería suficiente que a xente usase o cerebro e ficase na casiña). Quero dicir, vivimos nun mundo globalizado onde millóns de persoas viaxan continuamente: en serio era posible pensar que algo como un virus respectaría as fronteiras nacionais? Aínda nos primeiros días de confinamento, lin un comentario de alguén que se queixaba das medidas, lamentando que cancelaran o seu voo a Italia programado para abril (que é o que non entendiches, colega?!). Creo que o goberno fixo exactamente o que non debía facer neste momento: aprazar medidas impopulares ata agravarse a situación. “Impopulares” non significa absurdas, mesmo fascistas como sería o exercito na rúa. A lóxica fala bastante claro: sabemos que se non actúamos a situación vai agravarse, así que hai que adoptar medidas rapidamente. Honestamente, non sei se en 1939 a meirande parte dos cidadáns do Reino Unido estarían en favor de entrar en guerra contra Alemaña; de todos os xeitos, Winston Churchill (do que non son un grande admirador, por certo) tivo o valor de tomar a decisión certa, aínda que lle custou.

Non estou a escribir isto para botarlle a culpa ao PSOE, porque na verdade non creo que outro executivo o fixese mellor e, en xeral, os gobernos dos países occidentais tanto de dereitas ou de esquerdas xestionaron as cousas de maneira bastante nefasta. A crise do virus mostrou claramente a debilidade de organismos supranacionais como a Unión Europea: será preciso afrontarmos moitas cuestións se queremos que a UE sobreviva á pandemia. A nivel de organización China demostrou ser moito máis eficiente que Europa e Estados Unidos, a pesar de que a epidemia orixinou alí. Parece como se en occidente, ao estaren tan afeitos á supremacía do poder económico e financeiro sobre o político, os gobernos xa non se sentisen cómodos tomando decisións que non sexan ditadas polas bancas. A presente emerxencia sanitaria está a expoñer as institucións occidentais contemporáneas como estruturas tecnocráticas/plutocráticas que renunciaron a facer política. Ben, eu diría que a crise demostra que a situación xa non se pode sustentar. Ao rematar a emerxencia precisarase de honestidade e coraxe para sanear as feridas sanitarias, económicas e políticas causadas pola pandemia. O traballo acabará de comezar.

Só e sen wifi no estranxeiro na época da pandemia global (III):  Por quen dobran as campás?

Déixolles estas consideracións neste paradoxal día de abril, mentres o sol brilla no ceo cun vigor extraordinario, iluminando de cores a primavera coruñesa. Nun día como este cómpre destacarmos dúas cousas: a maxia da natureza que nos rodea día a día (que a miúdo non sabemos observar coa atención que merece) e a fraxilidade do ser humano, que ao cabo representa a característica que máis nos une a todos. Fronte a un acontecemento catastrófico global como este polo menos temos a oportunidade para decatármonos do artificial das etiquetas que demasiado a miúdo nos dividen. Ao virus non lle importa nada o teu pasaporte, a cor da túa pel, a túa relixión, o teu xénero, as túas preferencias sexuais, as túas condicións económicas, o teu estado social. Na verdade, o virus nin sequera sabe moi ben que es nin te percibe como un inimigo a conquistar, menos procesa algo como “atacar o sistema respiratorio humano”: el simplemente procura un medio onde prosperar e replicarse. Ao sermos humanos, cada un de nós pódese converter na súa casa. Nestes días difíciles deberíamos parar un momento e aprender a sentirmos máis empatía cara o próximo: nela/nel, podémonos ver a nós mesmos.

Volvemos á pregunta do comezo: “Por quen dobran as campás?” Metaforicamente, poderían dobrar polas institucións: dobran polo goberno de Sánchez? Pola Unión Europea? Pola globalización? Polo neoliberalismo? Isto diránolo o tempo. Mentres tanto, prefiro enfocarme nas persoas. Claro, estarán a dobrar polas moitas persoas que faleceron pola Codiv-19 arredor do mundo neste período. Porén, ao mesmo tempo dobrarán polas moitas mulleres e os moitos homes que morreron estas semanas por razóns independentes do virus: as vítimas de outras enfermidades, as vítimas da fame, as vítimas da guerra, as vítimas da violencia doméstica… a lista podería ser moi longa. Dobrarán tamén polos responsables das inxustizas, directos e indirectos. Dobrarán polos verdugos, dobrarán polos indiferentes. Mais, ao cabo, ao lembrar a fraxilidade da vida humana como a característica que nos une a todas as persoas, decátome de que John Donne tiña razón. Na verdade, non teño que facer máis que mirarme no espello para saber por quen dobran as campás. Ao ser eu humano, as campás dobran por min.

 
 
Pola imaxe de portada ©Id-iom

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí