Quen monta un rebumbio coas Letras Galegas?

Un pequeno eloxio ao escribir porque é divertido. Nun día das letras onde todo segue parado, escribamos como quen fai un rebumbio na praza da vila.

Que 17 de maio raro. O bo de Carvalho Calero soña cun outono con aire máis puro, quen sabe se repetir para o ano que vén, un bis tamén raro, como se lle pedísemos outra volta á orquestra porque a primeira non saíu moi ben sen culpa súa. Sei ben que hai cousas programadas para hoxe, mais a sensación de hibernación segue impregnando todo, aínda máis nun día que se quere festivo. Todo parece correr ao ralentí.

Aínda con todo, e isto é algo que se pon especialmente hoxe de manifesto, as Letras Galegas insisten en non entrar en hibernación. Paran os actos oficiais, máis coa oficialidade sempre hai xa certo ralentí presuposto, así que aí non notamos tanto cambio. A cultura galega, coa súa famosa mala saúde de ferro, está acostumada a vivir no arame e agora que todo se pon un chisco no límite, pode fachendear dos seus mecanismos de supervivencia. Cando todo o demais para, a creatividade de base segue facendo xirar a roda.

que monta un rebumbio coas letras galegas

En realidade o que pasa é que escribir é unha actividade divertida. Sempre me deu moita preguiza o típico discurso de escritor maldito que escribe para exorcizar os seus demos ou algo así. Mira, non: crear mundos, imaxinar historias e montar enredos é unha actividade humana con milenios de historia, antes que nada, porque resulta pracenteira. Tamén porque é moi barata e directa. Todos os avances de democratización da produción audiovisual (e de vagar, mesmo da creación de videoxogos), son intentos de emular a universalidade da historia contada ou escrita. Mesmo encerradas e aburridas na casa, en situacións complicadas no persoal ou no material, nada máis fácil que collermos un folio en branco, un boli e lanzarnos a escribir algunha cousa, só polo goce particular de facelo. Non será a forma de ocio máis popular, mais quizais si a máis accesible entre as que implican creación. Non é cousa menor.

Moitas veces o debate sobre a literatura e o libro galego céntrase na chamada “industria cultural”. Fálase en termos de produción, distribución e marketing, ou arredor de debates un tanto bizantinos (agora todas as polémicas de que se chegaba o ano de Carvalho ía ser o fin do mundo semellan histriónicas). Tamén temos orientado o Día das Letras neste sentido, cun aquel historicista de celebración dun autor e da súa obra. Industria e oficialidade teñen o seu papel, non o critico, son patas necesarias do sistema. Mais a min apetéceme este ano pensar nesa outra dimensión da literatura como xogo e divertimento, o acto máis puro de poñerse a escribir unha historia e pasarlla a alguén para que a lea.

Moitos proxectos subterráneos na nosa cultura móvense nestes parámetros. Os fanzines como concepto nacen dese pulo de creatividade imparable, da necesidade de coller unhas cuartillas, grampalas e lanzalas ao mundo sen máis boato. Hoxe en día son proxectos tamén na rede, unha ferramenta que empregan coa naturalidade propia de sabérense un tanto outsiders. Podería citar eu que sei, o Infumable, relacionado con esa editorial-pero-non que é Leite edicións, un fanzine que se pode consultar online e onde se cocen cousas diferentes, literatura máis nova e fresca. Tamén Barullo, un colectivo artístico que se organiza arredor dun fanzine e que está a dinamizar as letras galegas na comarca de Valdeorras a base de sacar textos que doutra quizais quedarían nas gavetas, animando a escritoras e debuxantes a colaborar nese proxecto común. Facer algo así entre xente nova en Valdeorras, tantas veces esquecida e onde o galego sobrevive golpeado, é emocionante.

Esa é a cousa, crear plataformas que se guíen máis pola vontade de crear rede e de publicar cousas, polo propio pracer de sacar fóra as historias. Esta é a idea por exemplo de Contos Estraños, un proxecto editorial organizado a través de volumes de autoría compartida, de inspiración pulp e cada un dedicado a un tema (pantasmas, aliens, terror…). Unha especie de Weird Stories en galego que permite facer canteira, que creadores galegos exploren xéneros que non teñen representación editorial tan forte na nosa lingua.

Sen necesidade de sacar un volume físico, hai tamén plataformas con este mesmo alento na rede. O ánimo constante de páxinas como Palavra comum, onde se publica literatura de Galiza e dos países lusófonos, constrúe un elo aberto e real que conecta as nosas voces coas outras irmás que riman coa nosa lingua (Carvalho sorrí aquí). Eu que sei, aquí mesmo, A que cheira, papá? naceu tamén en certa medida como un medio onde acoller literatura que podería ser de marxe, unha especie de porto franco para creadoras. Se o constrúes, eles virán. E por aquí andamos.

Boto algo de menos este espírito de xogo e experimento noutro ámbito do sistema: os concursos. Organizados en moitas ocasións como sistema cego, ao participar parece que lanzas o teu texto ao mar nunha botella e non sabes se volverá. Case nunca hai unha recepción, un lugar onde poder falar sobre os textos. Hai algunha excepción que paga a pena comentar. O certame de narrativa do concello de Curtis, que leva xa quince edicións, lánzase como un reto creativo onde a premisa cambia cada edición. Nesta era “Diario marciano. Queridx extraterrestre, cóntanos que che parece este mundo”, o ano pasado era “Vacas, un tren e zombies”. Case te está mirando a ver se te atreves a escribir algo delirante co que participar. Outro formato que penso paga a pena explorar é o do Torneo de Duelistas que fan en Biosbardia, un certame organizado en duelos entre dous contos, onde as participantes teñen tamén que votar e comentar os que máis lles van gustando. Funciona moi ben porque obriga a sacar textos a un ritmo rápido e con premisas aleatorias, un exercicio para endurecer o músculo literario, mais sobre todo porque require dar e recibir un feedback, unha lectura crítica. Un concurso gamificado, que se vai asentando e serve para poñer en contacto a xente que lle gusta escribir, facer rede. Están xusto esta semana coa final da súa terceira edición, podedes botarlle unha ollada e comentar. Se os certames literarios que hai nos concellos, financiados con cartos públicos non o esquezamos, teñen de verdade a vontade de funcionar como dinamizadores do sistema cultural, quizais poidan aprender e tirar ideas deste tipo de formatos.

Hai xa moitos anos que levo un obradoiro literario na Coruña. Comezou no ambiente da universidade e desde hai uns anos reunímonos cada semana no Macondo, un café do centro. É algo moi informal, sempre aberto a quen lle apeteza probar e unirse, cun achegamento moi relaxado ás normas. Co tempo foi pivotando xente, uns marchan, outros aparecen, mais na práctica funciona como un grupo de amigos, e aí radica a súa resiliencia. Cando se decretou o estado de alarma e todos tivemos que quedar na casa, a nós apetecíanos seguir co obradoiro, así que comezamos a facelo por Skype. E aí seguimos, escribindo e pasándoo ben a través de pantallas, foi ata unha forma de que volvese algunha amiga que había tempo que non podía achegarse. E por que iamos parar, se isto é divertido?

Cando Lord Byron, Percy e Mary Shelley estaban nos Alpes, un verán especialmente frío obrigounos a estar encerrados na súa cabana de montaña sen poder saír. Nesa tesitura, decidiron retarse a escribir contos de medo para lelos e pasar o tempo máis entretidos. Podería parecer unha anécdota pequeniña, mais dese xogo saíu o xermolo do que despois sería Frankenstein. Haberá quen pense que hoxe falamos de proxectiños pequenos e de marxe, de letras galegas e non de Letras Galegas. Tal diferenciación é só unha miraxe. A literatura precisa de clásicos e obras sisudas, de finais de champions, mais tamén de montar un rebumbio na praza da vila, xogar a escribir cunha soa portería feita con xerseis. Precisamos de porteiros que lancen o balón para atrás e sen mirar, para que as demais poidan probar a ver quen é capaz de facer malabarismos coas palabras, zafar dos contendentes e quen sabe se marcarse un clásico inesperado no futuro. Hoxe é un 17 de maio raro, cos grandes foros pechados. Mais nada impide que sigamos escribindo para pasalo ben. Por iso pregunto: quen se apunta a un rebumbio coas letras galegas?

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

4 COMENTARIOS

    • Ai Amador, coidado coa visa platino que as carga o diaño! Canto nos alegra que che prestase a reflexión. Sempre recordar que a literatura está aí para gozar dela, e non para tela metida nun museo. Pasa que si xa nos miras sempre con moi bos ollos.

  1. Interesante o artigo. Coincido co que dis.
    Ser sempre anti ou pro paréceme moi primario e creo que indica moita febleza.
    Como dis, hai institucións, actos oficiais, clásicos, pero tamén, e sobre todo, hai ganas de ler, de escribir e polemizar se fai falta. Penso que en literatura non hai nada excluinte. (E, único matiz que lle fago ao artigo, iso inclúe o de poder exorcizar os demos interiores. He, he).

    • Pois si, o artigo pensaba ser unha reivindicación de escribir como algo divertido, mais en realidade acaba sendo unha constatación de que na literatura cabe de todo e con distintos matices (o do escritor maldito era un pouco provocación, claro hahaha). Interesante o que comentas das posicións pro ou anti por defecto, falan de febleza e case diría non só dos suxeitos, tamén nos sistemas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí