Tempo fósil de Pilar Pallarés. A ausencia e os felinos á espreita

Comentario literario sobre o poemario, da destrución dunha casa ou dunha vida

tempo fósil
De Chamando á terra, CRTVG

Tempo fósil resplandece. As cubertas coidadas sobre papel Curius Blueprint axudan a que o libro reluza. Non pode ser casualidade este universo que se abre ao esqueleto da capa. É unha breve marabilla milimétrica de ósos e de verbas. Puiden ouvir, mentres procuraba imaxes para este texto, que non son a única persoa que reparou nisto: escoitade a Alba Cid en Chamando á terra. É curioso estar escribindo o final deste primeiro parágrafo despois de crer rematado o artigo e é fermoso estar tan de acordo co que escoito ao tempo que o fago.

Se alguén me preguntase por Pilar Pallarés, tería que falar do Livro das devoracións. Grazas a un traballo obrigatorio sobre este poemario, cheguei á autora. Unha das poucas (ou a única) descubertas poéticas en galego que lle debo ao profesorado de Filoloxía da Universidade da Coruña. E non supón, abofé, unha achega pouco importante. Podería agradecerlle persoalmente á persoa que mandou a toda a clase recensionar ese libro de poemas cando só había tres ou catro exemplares na biblioteca da facultade, mais non manteño contacto con Leticia Eirín e non sei se lle gustaría que o seu nome aparecese neste artigo. Brincadeira aparte, unha vez dei con el, o libro e a poeta convertéronse para min nun referente. Realmente considero que Pilar Pallarés é unha figura elemental na representación con voz feminina na nosa lírica. Amei ese pequeno traballo do Grao, como amo en realidade todo o que poida facer con poesía polo medio. Nese caso concreto, foi breve, mais efectivo. Por iso Eirín será sempre: «a que nos mandou recensionar a Pallarés».

Pero este artigo vai sobre Tempo fósil. Fixen con el algo que non adoito facer, un pouco por embeberme no azul da purpurina dese universo que hai nas cubertas. Así, souben que a xestación deste conxunto de poemas veu pola destrución dunha casa que levantou coas súas propias mans o pai da autora. Ollo co que acabas de ler: a creación poética naceu da de-forma-ción (‘acción de separar a forma’). Foi no ano 2011 cando comezaron a ampliar o aeroporto do Alvedro na Coruña e iniciouse así unha devastación de flora, fauna, propiedades, lembranzas, ósos, ríos e memorias. Non puiden evitar lembrarme das tuneladoras facéndose oco nas faldras das autoestradas: unha ruína consentida para chegar antes. Pregúntome cantas persoas amadísimas teñen que aterrar no Alvedro para sandar a ferida da construción sobre o pasado indeleble.

Desvieime outra vez! Volvendo ao libro, cómpre apuntar que os poemas están coidadisimamente medidos, puídos, reducidos. Non hai palabras que sobren; por iso hai conxuntos de tan só tres versos. Nel, podemos atopar a fala enxebre e pura dun lugar: Do Lugar. Así, achamos seseos e xiros léxicos introducidos natural e harmoniosamente no texto. Como se todo encaixase necesariamente desta maneira e non houbese máis peza que coubese no espazo exacto que se lle permite. Tampouco é de estrañar: así é Pilar Pallarés! Hai poemas desta autora que poden engaiolar e hai outros que poden non gustar tanto, pero os residuos que fican unha vez o liches son sempre eficaces, probabelmente porque a depuración dos textos deixa albiscar máis cousas das que nese momento de lectura somos quen de ver. Sabe crear atmosferas e envolver ao lector moi eficazmente. Sabe permanecer moito tempo, do mesmo xeito que permanece na memoria a expropiación dos terreos que se posuían máis alá dos papeis dos catastros. A comprensión do texto vai aparte e sempre en suma infinita: máis les, máis ves. Por sorte, unha sempre pode voltar ao libro e redescubrir. Tampouco nós sabemos cal vai ser a derradeira vez (páx. 43).

Supoño que tamén por mor da miña teima cos gatos e coa arquitectura, sentín o impulso de escribir algo sobre esta obra editada por Chan da Pólvora. Dende logo, os felinos teñen oco nestes poemas, aínda que tamén outros animais cuadrúpedes. Mais unha queda co que lle obsesiona e por iso eu non me desprendo da patoloxía da ausencia na arquitectura cando leo o poema da páxina 23:

«A VOZ QUE PODERÍA dar non ten sustento.
Pero amoreo terra, ergo un valo
para que dentro lle medre o meu vacío
e o silencio, batendo contra os muros,
remede eco e sombra».

Que se extrae do interior da terra máis que o que permitiu a vida? Quen crea realmente a xénese do que somos e do que seremos? Que alcatrán borra a memoria e por canto tempo? Cantas xeracións herdan o recordo dunha casa destruída? Por que o tempo é fósil? Por que se pode quebrar o esterno que pecha o mecanismo interno do noso organismo vital? Se parten a estrutura piar na vertical da casa, como se enche o baleiro? Definitivamente: como se enche o baleiro?!

PALLARÉS, Pilar (2018), Tempo fósil, Chan da Pólvora, Santiago de Compostela.

«Van afacéndose a comer da miña man, / porque saben que nin elas nin eu regresaremos» (páx. 17).

 

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí