Tier Zoo. E se o mundo real fose todo un RPG?

Falamos da canle de youtube Tier Zoo, que explica o mundo natural como se fose un xigantesco xogo de rol, mesturando bioloxía e videoxogos.

Imaxina o videoxogo de rol máis complexo que poidas. Unha versión máis tola e ambiciosa do que ningún xogo ao que xogaches nunca. Atrévete a soñar ao grande. Imaxina algo así como un RPG con  millóns de xogadores online simultaneamente, máis tipos de personaxes dos que podes contar, miles de variables e estatísticas, árbores de habilidades xigantescos, posibilidades infinitas de caracterización. Imaxina ademais que este xogo leva xogándose durante milenios, que está cambiando constantemente e adaptándose ás decisións dos xogadores e os propios cambios no mundo. Sería incrible, verdade? Pois Tier Zoo fala dese xogo. Non está moi claro aínda que compañía o lanzou ao mercado, pero está ambientado no planeta terra, e todos os seres vivos da historia son os xogadores.

Tier Zoo é unha canle de Youtube en inglés, que leva menos de dous anos subindo vídeos pero que conta xa con máis de 1 millón de usuarios. É un crecemento incrible se pensamos que se trata dunha canle especializada en bioloxía. A clave do seu éxito? Como decide pensar na bioloxía, cal é o seu ángulo. Tier Zoo pode falar de dinosauros, de esquíos ou de animais mariños, pero sempre sobre a base de que o noso planeta é un xigantesco RPG, e cada animal un xogador que leva adiante unha partida.

É unha idea bastante tola pero incriblemente rendible. Toma prestada toda a imaxinería do mundo dos videoxogos, todo o vocabulario “gamer” e decide aplicalo ao mundo natural. Así discútese se os humanos están actualmente OP (over powered, se son demasiado poderosos), explicar as características do servidor Ártico por se decides xogar alí, cal é o número ideal de brazos se montas unha build acuática, ou especular sobre as razóns que tiveron os deseñadores do xogo para introducir o parche que deu lugar á extinción dos dinosauros e todo o cambio no meta. Todo ilustrado con documentais da National Geographic.

Tier Zoo ten claro que o seu público é moi específico. É necesario certo coñecemento previo do mundo dos videoxogos e da súa linguaxe para entender os vídeos e que resulten graciosos, pero Tier Zoo confía na popularidade de toda esa subcultura e decide tirarse ao baleiro. A canle é como a dun crítico que comenta diferentes aspectos do xogo, como se poden atopar miles en Youtube. O comentarista nunca sae de personaxe, nunca vai parar a explicarnos un concepto gamer, pero tampouco a romper a metáfora con algunha cuestión do mundo real, porque sabe que o poder da canle é precisamente levar o máis lonxe posible ese pacto de ficción, as posibilidades de imaxinar que o noso mundo funcionase como un xogo de rol.

O propio nome da canle, Tier Zoo, fai referencia as listas de tier que fai a comunidade nos xogos de pelexas, para determinar cales son os personaxes máis poderosos. Así, en Tier Zoo hai vídeos sobre en que tier se colocaría cada variedade de felino, ou se todos os anfibios son de tier baixo. É xenuinamente divertido de ver.

a tier list de Smash Bros e un exemplo de tier en Tier Zoo
A tier list de Smash Bros e un exemplo de tier en Tier Zoo

Sei que pode resultar surrealista para quen non comprenda o mecanismo, pero é un concepto brillante. Todos os vídeos están sustentados nun coñecemento moi vasto de bioloxía, xa que o autor da canle é un biólogo titulado que non afirma nada sen un unha previa investigación e documentación. Isto transforma os vídeos de Tier Zoo, que pasan de ser unha bromiña interna para ás que nos gustan os videoxogos, a toda unha experiencia educativa. Detrás dos nerf, buffs e baneos, aprendes cousas reais sobre as diferentes etapas xeo-biolóxicas da terra. Coas listas de tier podes descubrir animais que non coñecías e como se relacionan co seu entorno. A través dos conceptos gamer como o de árbore de habilidades, é moito máis sinxelo comprender e visualizar ideas complexas, como a evolución das especies.

tier zoo evolución
Exemplo da evolución en Tier Zoo, como se fose unha árbore de habilidades.

Esa evolución foi a miña experiencia persoal con Tier Zoo. Nun principio a canle pareceume moi divertida porque, que cona, puña clips de documentais con elementos gráficos do Dark Souls e de fondo a canción do Smash Bros. Pero se hoxe sigo vendo Tier Zoo é porque de verdade aprendo cousas mentres me entretén co seu xogo. Sempre quero ver cara onde pode estender a analoxía entre mundo real e RPG, e polo camiño amplío un pouco os meus coñecementos amateur sobre bioloxía.

Foi precisamente isto último o que me animou a escribir recomendando Tier Zoo. Un artigo para o público galego sobre unha canle en inglés que só interesará ás que gosten da bioloxía e dos videoxogos de rol? Non parece moi ben pensado. Se me decidín  é porque penso que en Tier Zoo hai unha lección máis xeral sobre modos de aprender. A idea que vertebra a canle é moi orixinal e rendible, pero o seu poder está precisamente en que consegue mesturar mundos. A liña entre o coñecemento académico e o movemento friki desaparece e onde debería haber oposición, de súpeto hai sinerxias. A propia comunidade de Tier Zoo desenvolveu un foro para discutir ideas que se lanzan nos vídeos, aparecen usuarios con novas teorías ou propostas. Imaxino algo así nunha clase de instituto e degoiro polas posibilidades.

Hai algo moi sedutor nese combo. Empregar os coñecementos moi específicos que xa tes nunha área para achegarte a outra que non coñecías. Aprender tendo a sensación de que aplicas cousas que xa sabes. Quizais a idea de Tier Zoo non teña unha réplica directa noutros ámbitos, (aínda que sigo imaxinando esa hipotética clase de bioloxía da ESO), pero si marca cales poderían ser as liñas mestras. Pénsase a miúdo nos xeitos novos en que facer interesante os coñecementos á rapazada, sobre novos xeitos de aprender. Tier Zoo está feito por un só rapaz que se lanzou a montar unha canle de youtube, sen precisar de moitos recursos nin orzamentos. Bioloxía e videoxogos. Deu cunha chave. Pero quizais con ela poidamos abrir moitas outras portas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí