Tus ojos, mis manos. Un recordo de fotografía e verso

As artistas catalanas Martina Matencio e Alba Ribas veñen de publicar "Tus ojos, mis manos", un libro que mestura fotografía e verso. Falamos sobre el.

Martina Matencio é lalovenenoso para as redes. Alba Ribas é albaribas e punto. Cos ollos de unha e as mans da outra fixeron Tus ojos, mis manos, un libro que é arte.

Levo un bo tempo obsesionada co concepto que propoñen, nada novo pero tampouco é necesario que o sexa: unha pon as fotos, a outra os versos, e o resultado é impecable. Con moi poucas palabras o efecto que conseguen é que quedes sen respiración, como cando xogas ao baloncesto e che dan un golpe no estómago, porque acaban de meter un dedo no medio da túa alma e remexeron con saña.

Non é necesario que nada sexa explícito nin evidente, só que teñas un momento para ver e ler, ou ler e ver, e quedes mirando como deixaron a túa ferida sangrando. Esa que non se vía ou na que facía tempo que non pensabas.

Mis ojos, tus manosA vida quédanos, cada día, máis grande

.

Sempre crin que parte do mérito artístico vén da universalidade dun sentimento. E se non recordabas que o tiñas, de paso está cumprindo a función de facerche espertar.

Neste caso no proceso non hai sangue, nin lume, nin derrapaxes ou explosións. É un movemento telequinético que che deixa mallada.

Tus ojos, mis manos é un libro feito con agarimo e con elegancia. Eu levaba moitos meses buscando o momento no que a miña economía estivese aliñada espazotemporalmente co tempo de ir na procura dun prezado exemplar e coa ausencia de [insertar responsabilidade adulta e aburrida aquí].

Tus ojos, mis manos

Coñézote como se te parise

.

Casualmente, a galería barcelonesa Miscelánea organizou hai pouco unha exposición na que se exhibían algunhas das fotos do libro cos versos correspondentes ao carón. Tamén por azar resultou que tiñan na tenda da galería o libro á venda, e estabamos a primeiros de mes… Así que caeu.

Á entrada da exposición chegabas ti, toda cargada coas túas preocupacións occidentais, e saías coa mente limpa e a claridade de quen lembrou que hai algo máis.

Este concepto estase a repetir en diferentes medios: menos é máis, que as cousas sexan unha pero duren, non precisas mercar esa camiseta, non precisas ter en casa o que non utilizas, recicla o que xa non ocupa un lugar na túa vida, mira como esta muller xaponesa ordena casas alleas en Netflix. Estamos fartas dos que len o titular e critican as palabras que se escolleron sen reflectir acerca da mensaxe que se quere transmitir. Opoñémonos á cultura do plástico, do agardar para desfrutar e do piloto automático. Bailamos na tumba do usar e tirar. E Alba e Martina están na batalla connosco.

Casualmente sortearon unha foto entre todas as persoas que mercáramos o libro, e resulta que me tocou (groupie feliz). Ensino a continuación a orgullosa foto gañada, que xa ocupa un espazo de honra na miña habitación ordenada por Marie Kondo.

Tus ojos, mis manosAmor disléxico: o resto do teu lado á miña vida

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí