Unión Soviética Futsal: “Ameazounos a Liga con botarnos se volviamos beber alcol en recintos deportivos”

Entrevistamos á Unión Soviética Futsal, un equipo humilde da Liga de Veteranos de Santiago que arrasa nas redes co seu humor estalinista sen filtros.

Son unhas das sensacións de Internet. A Unión Soviética Futsal, un equipo nacido en Sigüeiro, compite actualmente na Primeira División da Agrupación de Veteranos de Santiago tras unha brillante temporada no parqué na que lograron o ascenso. Agora están inmersos na disputa da Copa. Os seus seguidores cóntanse por miles e as súas publicacións acumulan centos likes na rede social Facebook, onde se manexan cun sentido do humor fresco e particular. Reúnome cun dos seus fundadores e unha das cabezas visibles do proxecto en Sigüeiro trala vitoria por 4-3 ao Filandón, coa que conseguen pasar a oitavos na copa. “Vaia resaca levo” dime ao chegar.

Unión Soviética Futsal

O proxecto nace no ano 2015. Como xurdiu a idea? Xa vos coñeciades todos ou chega alguén precisamente ao xuntar ao equipo?

O equipo nace hai 3 anos, nun primeiro momento como proxecto para facer deporte. Somos todos ex-futbolistas retirados antes de tempo, formabamos parte da canteira do equipo de aquí da vila. Un equipo popular que nun momento dado decide apostar por xente de fóra e tentar levar o equipo a 3ª división, unha cousa un pouco estrambótica. Nun momento dado atopámonos todos no “paro futbolístico” e decidimos formar o equipo no 2015. A única condición que puxemos foi facer un equipo así de colegueo, con todos os que fosen amigos máis que buscando calidade futbolística.

Por que a URSS?

Buscábamos un nome gañador e non hai nada mais gañador que a URSS. Ademais sempre fomos moi nostálxicos do pasado soviético, sempre nos gustou moito esa idea, a estética. Queda coñero e unha parte fundamental neste proxecto é o humor, a comedia. Tres dos que fundamos o proxecto tamén nos dedicamos nas nosas vidas profesionais a traballos creativos e así xurdiu a idea.

Ao montar o equipo xa tiñades en mente facer crónicas dos partidos ou é algo que aparece a posteriori?

Tiñamos a idea de facer unha páxina de Facebook e irlle dando. Pensabamos “isto vainos durar como dura todo, 20 días, un mes como moito”. Foi crecendo moi pronto e pareceunos cada vez máis coñera a parroquia que se estaba formando en Internet. Agora si que o utilizamos, non dunha maneira profesional pero si con métodos profesionais. Programamos publicacións, temos CM aínda que a levamos entre varios, hai xente no equipo que controla posicionamento SEO… ese tipo de cousas.

Falando das crónicas, teñen todas o mesmo autor ou rotades quen as escribe? É cousa dun ou participades todos? Tedes algún referente no xeito de escribilas?

A crónicas facémolas entre tres, pero case sempre o fago eu porque os outros son un pouco vagos, (isto pódelo poñer) [Risas]. Eu penso que realmente escribimos un pouco como somos, nós falamos así, non nos cortamos moito. E a verdade é que non hai referentes, nunca me parei a pensar que houbese. É boa pregunta!

Tolstoi, Dostoievsky ou Chejov?

Nos albores da URSS, un compañeiro comprou unha camiseta china da selección rusa, púxolle o 8 e Dostoievsky. Nas festas houbo xente que lle preguntaba onde xogaba ese tal Dostoievsky. O tipo dicía “no Lokomotiv de Moscú” [Risas], pero isto como curiosidade.

Quen fixo o deseño das camisetas?

A primeira camiseta fíxose a falta de 10 días porque ao principio denegáronnos a inscrición. Procuramos as camisetas máis baratas que encontramos por Internet, pedímolas pensando que ía ser unha merda tremendísima, deseñamos o escudo, o logo de adidas e levámolas ao Decathlon. Resultou que o tipo alá era militante dunha organización independentista, fíxonos un prezo moi adquirible e coma o Decathlon non deixa poñer adidas, puxemos antifa e quedou así.

Fai un par de meses, anunciastes un “patrocinio” coa Lalokomotora.com. Como son eles como patrocinador, como xurdiu o acordo? Que tal calidade dos seus chándal? Gústavos o deseño?

Os da Lalokomotora.com coñecían a páxina. Escribíronnos preguntando que nos parecería que nos mandasen uns chándals, uns suadoiros e unhas mochilas, a cambio de facerlles promoción no Facebook e que as puxésemos. Nós moi contentos, nunca pensabamos que iso ía pasar, co engadido de que nós escribimos en galego e eles son de Alcorcón. Pórtanse moi ben, estamos sorprendidos coa súa calidade e o deseño adáptase perfectamente. O chándal ademais é moi ochentero, chegamos as ligas aí todos vestidos e todos guapos. É outro nivel, un salto de calidade.

Falando de calidade, parabéns polo ascenso á primeira de veteranos de Santiago! Fai pouco tivestes unha pequena crise con tres partidos sen gañar, que rematou cando gañastes onte a O’Filandon FS por 4-3. Asomaron ameazas de Gulag? Como vos motivades nunha situación así?

Debo dicir que durante esa crise si que houbo moitos comentarios da nosa afección, que sempre están nas boas pero nas malas custa un pouco máis. Sempre se escoitan comentarios de gulags, pídense piolets para a defensa, ese tipo de cousas. A nivel deportivo logramos o obxectivo, que é ascender de categoría. Na copa tocounos un grupo moi difícil, con dous equipos de división de Honra e outro contra o que xogamos o ascenso. Era moi difícil pasar de grupos, conseguímolo e aí estamos, a ilusión non nola vai quitar ninguén. Hai moito nivel, hai equipos de división de honra que teñen xogadores que xogaban en 1ª división, no Lobelle, por exemplo. Contra iso que lle vas facer?

Credes que aínda tendes posibilidades de crecer deportivamente? Máis ascensos, nivel galego quizais? Onde está o límite do poder soviético?

O límite do poder soviético está nos ceos, non hai límite. Hai que ter en conta que somos un equipo moi limitado, somos os que estamos e non temos pensado traer a xente de fóra. Se creamos este equipo para criticar as formas de facer as cousas do Sigüeiro, non ten sentido facer iso mesmo para tentar ascender. Se se pode loitar, pois benvido sexa, e se non, pois onde teñamos que estar polo noso nivel. Hai dous anos criámonos boísimos e levamos unhas ostias tremendísimas na liga de Negreira, que é unha liga local dunha vila pequena. Levámonos un chasco pero melloramos moito nestes dous anos. Quen sabe? Igual dentro de dous anos seguimos mellorando e podemos aspirar a máis. Pero de momento, paso a paso e imos ver.

O voso proxecto ten un piar importante nas redes sociais, como levades ese tema? Foi un crecemento rápido? En xeral, estades sorprendidos pola repercusión?

Eu creo que é unha cousa de continuidade, manter a chama acesa. Despois en momentos puntuais hai publicacións que sobresaltan e chaman moito a atención, aí o número de seguidores elévase moito. O primeiro golpe importante foi cando estabamos en Madrid e fumos a La Vida Moderna. Aí houbo un crecemento a nivel español tremendísimo. Despois veu o Diario de Noticias e A Bola, dous puntos moi importantes a nivel portugués. A contestación moi borde a El Correo Gallego tamén foi moi celebrada e houbo un montón de seguidores.

Tedes moitos seguidores de outros países?

Aparte de Portugal e España, hai bastantes de Sudamérica. Mandamos varias camisetas para alá, a México, Colombia, Arxentina, Brasil…non sei se algunha máis, tería que falar co de Pijus Magnifikus, que é quen as envía [Risas], pero os portes superan o prezo da camiseta.

Tamén nos parece sorprendente que sigan as nosas publicacións. Hai un tipo de Serbia, un señor maior, que sempre dá like e ás veces deixa comentarios. Non sei quen será ese señor, pero me encantaría coñecelo. Hai parroquianos ilustres dentro da páxina, que poñen comentarios moi coñeros. Gustaríanos invitalos algún día a vir aquí, facer unha cea e saír todos de movida.

Credes que facer as publicacións en galego e ter seguidores de outros países bota abaixo moitos prexuízos que hai contra o galego?

Realmente estamos sorprendidos con iso porque case nunca tivemos un mal comentario de que non o fixésemos en galego. O proxecto está creado así e non ten ningún tipo de sentido facelo noutro idioma. Nós falamos en galego, comunicámonos en galego, vivimos en Galicia nunha vila onde se fala galego, non imos cambiar de idioma para chegar a máis xente. Creo que é a demostración de que co galego chegas a todas as partes do mundo. Xente de Portugal e Brasil, que son case tantas coma os que nos seguen en España, entenden as nosas publicacións. É mais, os grandes medios de comunicación que nos viñeron a entrevistar son portugueses, non veu ningún medio de Madrid aquí a entrevistarnos.

Que significa para vós ser case o equipo de futsal con máis seguidores no Facebook en Galicia?

Estamos cerca, iso si que é un obxectivo, un dos plans secretos da URSS. Encantaríanos acabar de primeiros. Agora mesmo somos o 2º, superamos hai pouco ao Burela, que o ano pasado estaba en 1ª división e agora ten ao feminino campión ou subcampión de liga. Non sei se é unha noticia boa para nós ou pésima para o futsal que unha panda de borrachos teña máis seguidores que os equipos profesionais [Risas].

 De feito o público está tan entregado que chega a ir a Sigüeiro a animarvos en persoa. Algún fan especialmente alienado?

Hai moita xente á que lle temos un montón de cariño. A nivel comentarios hai dous tipos cos que partimos o cu cada vez que comentan. Hai parroquianos xa firmes que van sempre aos partidos. O día do ascenso veu xente dende Vigo que non coñecíamos de nada. É unha pasada sobre todo co prezo da AP-9, que é cojonudo.

O do chupito de vodka antes dos partidos é certo?

É certo, é unha tradición que arrastramos desde Negreira. De feito recibimos ameazas da Liga de que nos botaban se volviamos beber alcol en recintos deportivos. Eu non digo que nos piten mal a propósito ou que gobernen contra nós pola nosa ideoloxía, pero se neste país hai 150.000 militantes do PP é moi probable que toque algún arbitrándonos, ou dirixindo esta liga. Póñennos pequenas trabas como esa. É o que hai.

Non credes que o alcol é un vicio para alienar ao proletariado?

Completamente, pero tamén é para despertar dentro deste mundo de merda. Isto ten mérito, falarche así tan ben do alcol coa resaca que teño [Risas].

Seguides algún equipo de fútbol na actualidade? Sei que varios sodes do Celta, hai alguén doutros equipos? Preferencias no futsal?

Neste equipo hai xente do Deportivo, do Celta, xente que suda de ambos e son máis do Compos, incluso un que é do Real Madrid. Aínda que tamén hai algún madridista oculto. Fago un chamamento á nosa afección a que descubran quen é o madridista do equipo.

No futsal somos do Santiago Futsal, mais o fútbol sala en Galicia realmente está a un nivel moi baixo. O’Parrulo de Ferrol está en primeira pero levaba 20 anos sen estar. O Burela loita por ascender. O Santiago Futsal, o anterior Lobelle, si que o animabamos moito de pequenos. Hai que ter en conta que tiña un dos mellores equipos do mundo: Betao, Alemao, Siso… Foi campión de Copa, de Recopa… Crecemos con iso, vendo as fazañas deportivas dun equipo de Santiago que realmente daquela non tiña ningún outro na elite. O Compos xa estaba de capa caída, ou de “caspa caída” coma dixo Caneda, e o Obradoiro aínda non resurxira. Nesa altura o Lobelle era o equipo da cidade, ían 3.000 persoas aos partidos. Lamentablemente, foise perdendo co tempo. Eu fíxenme socio cando parecía que se ía desfacer, fíxenme socio porque era o que merecía o equipo. Este ano descenderon e se se confirma que van xogar os partidos os domingos pola mañá, eu non vou ir [Risas], pero se seguen a xogar os venres pola noite, que é un horario cojonudo, pois alí estaremos en Sar.

Que opinades da situación do fútbol galego hoxe en día? E do descenso do Dépor?

O fútbol está nun momento crítico. Todo indica que vai camiñar a un lugar máis apocalíptico, rematarán sendo empresas de fútbol. Onte falaban de que Balaídos vai ser ABANCA Balaídos, Riazor tamén xa se chama ABANCA Riazor… Iso demostra un pouco todo: publicidade en todas as esquinas, horarios que non favorecen ir aos estadios, todo polo negocio e a televisión, os grandes do fútbol español facéndose con calquera xogador que destaque en calquera equipo…podemos seguir vibrando e cagándonos en dios cando o noso equipo perda, pero é complicado, xa non hai ese romanticismo.

Por exemplo, outros grandes afeccionados do noso equipo son os de F.R.A.C. Daban hai pouco na revista Panenka unha entrevista na que dicían moitas verdades. Moloume moito o comentario de que eles eran na música o que un equipo de terceira que ás veces sube a segunda B. Ese carácter de saber perder e rirse das derrotas define moito á URSS.

No canto do Dépor, eu quéroo en primeira e gañarlle sempre, como afeccionado do Celta. Estar sen derbis fai aburrida a liga. Cantos máis equipos galegos arriba, mellor, ou abaixo, se non hai equipos galegos arriba [Risas]. Eu estou a prol de facer unha liga galega ou xogar na liga portuguesa, sería moito máis divertido.

Nos últimos meses entrevistáronvos os xornais portugueses de Diario de Noticias e A Bola de Portugal, fai uns anos tivestes unha intervención no famoso programa “La Vida Moderna”. Como foron esas experiencias e cal foi a importancia que tiveron no proxecto?

Todo se retroalimenta. Que eu apareza na Vida Moderna coa camiseta pois fai vender camisetas. Que aparezas nos medios de Portugal fai que se interese xente de Portugal. Estamos pendentes de pechar o tema de ir ao Festival Avante, que organiza o PCP, para facer un partido de exhibición nun torneo de fútbol. É un Festival moi potente, incluso xente que non simpatiza co PCP vai porque é culturalmente moi interesante.

Iso é o bo de saír en medios, que trae estas cousas. Dar a coñecer o proxecto e van pasando cousas que nunca pensamos que ían pasar con esta merda [Risas]

Na Vida Moderna foi todo un punto máis improvisado que estivo guai. Mais nos medios portugueses, incrible, fala moito de como son os medios en España, alí pertencerán a bancos mais non se autocensuran tanto. A autocensura é moito peor que a censura. Moitos periodistas non se atreven a facer cousas polo medo a que dirán. Alí non, quizais porque hai un PC forte, porque entenden máis ese punto nostálxico, ou porque lles fai gracia a proximidade Galiza-Portugal, que igual en Madrid non é tan especial. Tratáronnos incrible.

De feito un dos periodistas que marchou a cubrir a copa do mundo mandounos unha foto en Kaliningrado ca camiseta [Ensina foto], e xa quedamos para tomar algo con eles cando baixamos a Portugal.

Tamén ten unha camiseta vosa Alfredo Duro, non?

Si, e a exclusiva é que vai ter o chándal tamén. LaLokomotora xa o mandou porque dixo que era moi chulo. Xa lle chegou pero non o abriu aínda, está de vacacións en Palencia, que xa me dirás ti quen carallo vai de vacacións a Palencia [Risas].

A coña de Alfredo Duro foi moi boa, é moi futsalero, gústalle moito o futsal. De feito é seguidor da nosa páxina, ás veces ponnos comentarios e está pendente da nosa actualidade, foi un momento moi random [Risas].

Tivestes contactos para algunha entrevista dun periódico deportivo español?

Ademais de blogs e páxinas pequenas, coma Mundoesferico, Galicia Confidencial fíxonos unha entrevista onde puxemos a foto de Feijóo, aparte do tema con El Correo Gallego e a contestación. Tamén houbo un par de podcast e algún blog de Colombia.

Como foi a foto con Feijóo?

As autonómicas coincidían co centenario da URSS e veu aquí a Sigüeiro. Vímolo e fomos buscar a camiseta ao coche para facernos unha foto con el. A verdade é que debo dicir que con el moi ben, será amigo dun narco pero é un tipo de puta madre [Risas], moi próximo, entendeu o troleo perfectamente e divertiuse. Podería dicir aos seguratas que nos mandasen a tomar polo cu e non o fixo. Despois preguntounos se a sede do equipo estaba aquí ou en Moscú, que é un chiste de merda, pero todos os seus esbirros riron un montón co chiste. Estivo coñero.

A raíz destas cuestións, cal é a vosa opinión do periodismo deportivo na Galiza? Mellor que no resto do Estado?

O periodismo deportivo en Galicia é máis digno, todo o que fai a RTVG é moi bo. Hai programas moi interesantes coma En Xogo, Galicia en Goles, proxectos pequenos coma O Dez, ou pequenas cousas coma Mundoesferico. Está ben, ten boa pinta, pero non ten masa, non ten seguimento e non hai cartos.

No canto do periodismo español quedamos co que sae nos medios, cos Manolos, etc. Pero tamén hai cousas guais coma Panenka, que é un pedazo proxecto, Líbero, Fiebre Maldini, que é tremendo, Informe Robinson, que está a altura de grandes producións americanas. Hai cousas moi dignas, en porcentaxe na Galiza hai menos, pero é un periodismo de boa calidade.

Tamén en Portugal teñen proxectos serios, con boas condicións e cunha calidade e contidos tremendos, cunha forma de facer as cousas que aquí non se ten.

Como pensades que é tratada a lingua galega no mundo deportivo?

Grazas á RTVG comezáronse a utilizar moitas palabras que antes non se empregaban. Quen carallo sabía o que era unha padiola? Ou mesmo as partes do corpo: xeonllo, nocello… iso está moi normalizado grazas ao fútbol e ao traballo de moitos periodistas. Hai unha palabra que nos gusta moito, “galifar”, que sempre nos fixo moita graza. Emprégana no Galicia en Goles, e nós tamén a usamos moito.

Sentides que o futsal é minusvalorado como deporte? Xa non en comparación co fútbol 11, senón mesmo dentro dos deportes máis minoritarios.

O futsal é un dos deportes máis minorizados que existen. Era un deporte emerxente a comezos dos anos 2000, un espectáculo tremendo. Pero houbo cambios de normas que non favoreceron ao espectáculo, moito de táctica, pizarra… restaron improvisación e espectacularidade. A crise económica matou este deporte en España, moitos xogadores brasileiros, arxentinos, deixaron de vir.

Fai pouco tempo lin que a final do europeo que gañou Portugal contra España 4-3, cousa que celebramos na nosa páxina, foi visto por 1 millón de persoas en BMAX, que é unha canle minoritaria e residual. Iso é unha barbaridade. Hai moita xente que quere ver isto e non se lle dá a oportunidade.

Sempre que gañades, hai festa?

Non, imos desmentir iso [Risas]. Mólanos moito saír pero porque somos os colegas de sempre. A última festa da URSS foi o día do ascenso, saímos cos chándal de movida e a xente felicitábanos cando nos vían. Molou moito.

Cales son os vosos bares favoritos de Santiago?

A Reixa, O Rhin, que son os habituais.

Recomendade grupo de música galego.

Pois Familia Caamagno, que un dos seus integrantes é xogador noso, así que o recomendamos encarecidamente. Ten sempre 15 grupis hoolligans facendo pogo en primeira liña cando toca [Risas].

A escena galega controlámola toda. Sempre fomos fans de Terbutalina, The Homens, Ataque Escampe, etc… hai moitos grupos, proxectos interesantes.

De feito o fin de semana do 7 de xullo temos o festival Psicotroita en Sigüeiro, de música alternativa. Veñen grupos interesantes, así que aproveito para facer un chamamento a todo o mundo que queira vir volcar uns vidros.

A unión soviética pasou a cuartos de final o día 11 de xuño, tras vencer ao Pub Albaroque por 5-3. Semella que o poder soviético segue en plena forma. Haberá posibilidades de tinguir o título de vermello? O tempo dirá.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí