7 libros cheirers para o verán

As colaboradoras da revista chegan cos libros máis cheirers para amenizar este verán. 7 libros moi diversos, onde seguro que hai un perfecto para ti.

Agora que comeza o verán e quizais o tempo libre para as máis afortunadas, queremos recomendarvos libros. Xa sabedes que aquí en A que cheira, papá? non somos moi canónicas, así que non esperedes obras clásicas nin nada así. Estes son os libros máis cheirers posibles (sobre todo se temos en conta que o termo foi inventado por nós). Para facer o asunto máis coral, decidimos que cada unha das colaboradoras no magazine recomendase un libro, co que o resultado é moi, moi diverso. Novela, relato, ensaio, divulgación, poesía… atoparedes case de todo nestas suxestións, iso si, todas perfectas para esas longas tardes de verán, nas que non queres máis que te mergullar nun bo libro.

.

Os ditosos anos do castigoos ditosos anos do castigo

Fleur Jaeggy
Rinoceronte, 2013

Recomendación de Laura Lamier

Teño a sensación de que Fleur Jaeggy está un pouco pirada. No mellor sentido da palabra, claro. Lin algunha entrevista súa na que dá a sensación de ser unha muller feérica, un pouco fóra do mundo, case un personaxe literario. Creo que Os ditosos anos do castigo, novela de inspiración claramente autobiográfica, explica un pouco ese misterio. A través das súas páxinas, viaxamos a un internado feminino perdido nas montañas suízas, onde a protagonista pasa a xuventude coa pantasma dos pais e as liberdades sempre inalcanzables. A prosa exacta e seca de Jaeggy constrúe unha atmosfera de represión insoportable, de institutrices e muros invisibles, onde os silencios e as elipses contan tanta parte da historia como as palabras que se chegan a dicir. Con todo, mesmo nun entorno así de castrante aparece o erotismo, sutil e inaprensible, das rapazas que se buscan onde non hai nada máis ao que agarrarse. No estilo lacónico de Jaeggy, agarda tamén a esperanza.

Os ditosos anos do castigo é unha novela curta pero chea de matices, que apetece ler e volver a reler co tempo. Unha historia de tensión, soidade e tolemia, que non deixa indiferente.

.

As I Walked Out One Midsummer Morninglaurie lee

Laurie Lee
Penguin Classics, 1969

Recomendación de Philip Webb

Na sección de Quen somos, di que nacín en Milton Keynes (Buckinghamshire). É certo isto, pero a miña familia mudouse cando eu cumprín os catro anos. Como tal, non son de Milton Keynes en realidade. Isto é evidente se se considera que durante moito tempo pensei que a cidade foi fundada polo goberno de Margaret Thatcher como homenaxe ao economista Keynes, o cal tamén demostra que non sei nada de economía. Entón, non son keynesiano, senón cheltonián – de Cheltenham (Gloucestershire), onde vivín até os dezaoito. Laurie Lee é o escritor máis coñecido de Gloucestershire, e quería traervos algo da miña terriña. As I Walked Out One Midsummer Morning é a crónica autobiográfica das súas andanzas por España en 1935 e 1936, até comezos da Guerra Civil. Lee marcha de Slad, a aldea onde se criou, e logo dun periplo polo sur de Inglaterra, vai á costa e colle un barco a Vigo. O seu motivo? España parécelle guai e non ten nada mellor que facer. Un crac. Ou un irresponsable, como prefiras. Pero como pode gañar cartos tocando o violín na rúa, por que non? Dende Vigo camiña a Andalucía. Cidades, paisaxes, esmorgas, comidas, lobos que case o devoran nas montañas de Ourense… cóntao todo co seu estilo florido e divertido. O libro é un bo acompañante para calquera viaxe. Yes, please.

[Existe tradución ao galego, por María Fe González, Cando partín unha mañá de verán (Trifolium, 2011), e unha ao castelán por Eva Rodríguez Halffter: Cuando partí una mañana de verano (Turner, 1985)]

.

Vidas imaxinariasvidas imaxinarias libros cheirers

Marcel Schwob
Aira Editorial, 2018

Recomendación de Guillermo Rodicio

Non sei vós, pero eu cando no verán viaxo e levo un libro, gústame que non teña nada que ver co lugar que estou a visitar. O poder das palabras para sacarte de ti mesmo, unido ao feito de que xa estás desubicado viaxando, fabrica unha dimensión estraña na que apetece mesturar realidade e fantasía. Perseguindo este efecto, penso que Vidas imaxinarias de Marcel Schwob, é unha aposta segura. Nas biografías ficcionadas dos personaxes de Schwob hai unha fonte inesgotable de marabilla e abraio. Acompañaremos a poetas da antigüidade, xeomantes árabes, herexes, piratas, asasinos, ata a propia Pocahontas! Cada unha das historias ten a capacidade para sorprender e prender a mecha da imaxinación propia, visitando eses mundos pasados que non son como os reais; son mellores. As fermosas ilustracións que acompañan cada historia, cada unha dun autor diferente, fomentan a capacidade evocadora da prosa de Schwob, facendo da edición de Aira editorial un repaso paralelo polo mellor da ilustración galega actual.

Se che gusta Cunqueiro, Dunsany ou Borges, Schwob é o referente e antecesor de todos eles (como explica Xosé Miranda no estupendo prólogo). Se es aficionado á fantasía medieval tipo Tolkien e queres un aire distinto no mesmo xénero, Vidas imaxinarias é unha fantástica opción.

.

Farinhafarinha

Nacho Carretero
Saída de emergência, 2018
Xerais, 2018

Recomendación de Brais Capelán

Ata hai uns días, aínda estaba prohibido mercar no Estado o libro do coruñés Nacho Carretero. Fariña. Editado por Libros del KO en España e traducido ao galego por Xerais (cun deseño de capa realmente cuestionable), converteuse nun auténtico fenómeno xornalístico ao airear a enciclopedia do narcotráfico galego. O texto foi secuestrado por un xulgado madrileño despois de que un ex alcalde do PP denunciase que o seu nome non debía saír vinculado ao do resto de delincuentes citados. Nos primeiros capítulos, Carretero céntrase no contrabando de todo tipo de obxectos procedentes de Portugal. Pois ben, agora o estraperlo cruza a raia no sentido contrario, pois a editora Saída de Emergência vén de publicar o libro baixo o reclamo: “O livro que foi proibido em Espanha”. Na actualidade xa se pode comprar o libro en galego e castelán, pero esta segue a ser unha boa oportunidade para ler en portugués.

O texto é un excelente traballo xornalístico con infinitas testemuñas de implicados e expertos na historia da droga en Galiza. A intención de Carretero de amosar a negra evolución desta é clara, comezando cos pequenos negocios tabaqueiros que desembocaron na chegada da cocaína ás costas galegas. Fariña é un exercicio de memoria totalmente necesario, abordando os dixomedíxome de medio país dos últimos trinta anos.

[Por certo. Teño unha primeira edición do libro. Quen queira probala, que me avise e concretamos o punto de entrega]

.

ClementinaClementina

Lara Dopazo Ruibal
Edita-Me, 2016

Recomendación de David Neira

Lara Dopazo tráenos unha historia corta, contada desde dous puntos de vista que contrastan e completan o relato. Narra con elegancia e sinxeleza unha pequena parte da vida de Clementina, na que o lector deberá mergullarse para ir xuntando as pezas dispersas do puzzle presentes na obra. Só deste xeito se poderán entender as motivacións das personaxes, así como o transcendental das súas accións.

Con esta historia curta Lara Dopazo gañou a primeira edición do premio literario Nortear, que podemos ler agora editado pola editorial portuguesa Edita-Me.

.

mentiras da lingua galego

55 mentiras sobre a lingua galega

Xosé-Henrique Costas (coord.)
Laiovento, 2009

Recomendación de Clara Vidal

«Unha lingua é tan fraxil que desaparece todas as noites cando os seus falantes dormen e resucita ao día seguinte co seu espertar», Manuel Núñez Singala.

Si, xa sei que vos temos moi mal acostumados co nivel cómico que usamos en todas as cuestións sobre as que imos artellando artigos, mais o tema da lingua paréceme primordial. Xa que as miñas colaboracións amosan a faciana máis seria e reflexiva da revista, quérovos recomendar 55 mentiras sobre a lingua galega: análise dos prexuízos máis comúns que difunden os inimigos do idioma, libro en colaboración de moitos autores e dirixido por Xosé-Henrique Costas. Nel, atoparedes as defensas e respostas necesarias que precisades para gañar un debate en favor do emprego da nosa lingua en todos os ámbitos. Libro de cabeceira: para ler, reler e recomendar sempre. Ademais, está escrito con humor, cheo de exemplos e podedes descargalo desde aquí. Non hai escusa!

.

Unicornio de cenorias que cabalgas os sábadosRonseltz

Colectivo Ronseltz
Edicións Positivas, 2014 (2º ediçom)

Recomendación de Jon Amil

Esquece-te de todos os preconceitos que tenhas da poesia. O próprio livro já o avisa, “O poema é unha pedrada na cabeza. Por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco”. O Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados bebe da tradiçom literária galega anterior para depois cuspi-la em forma de humor e retranca. Dito em poucas palavras, trata-se de um poemário breve, absurdo, indignante, fútil. Como a vida.

 

Da imaxe de portada © Steve eng

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí