Apuntes dun crítico malandante (V). Novela turca, cerebro colonizado

Un ensaio sobre como o imperio informal turco aproveita a literatura vitoriana para dominar o mundo a través das súas telenovelas

A novela turca está vivindo a súa época dourada en todo o planeta, gañando os corazóns dos espectadores en todas as nacións e máis nas nacións de nacións, como é España. Xa son moitos os artigos que pretenden contestar a grande pregunta: por que nos gusta tanto a novela turca? Pregunta frívola, superflua… É obvio que o éxito das novelas turcas radica no feito de que son xeniais. Que esa xenialidade patente aínda se cuestione é unha proba máis do raquítico nivel cultural deste país.

Resolto o misterio do éxito da novela turca, congratúlome de poder achegarvos unhas reflexións máis serias e académicas sobre o xénero, alleas ás superficialidades. En concreto, pretendo demostrar que a popularización da novela turca enmárcase nun proxecto de imperio informal, e por outro lado, que estas series beben de fontes literarias moito máis refinadas do que pode parecer a primeira vista.

Primeiro de todo, en que consiste o concepto de imperio informal? Trátase dunha teoría amplamente difundida coa publicación en 1953 do artigo “The Imperialism of Free Trade” de Ronald Robinson (Ronaldo Ruipérez) e John Gallagher (Juan de Oasis). Eu tiña este artigo en PDF e xúrovos que o lin no seu momento, pero borreino hai tempo e paso de descargalo outra vez. Así pois, para definir o imperio informal, realicei unha operación moi complexa. Busquei “informal empire” en Wikipedia, copiei a definición que aparece na versión turca da entrada e pegueina no tradutor de Google para producir o seguinte texto en galego:

“O imperio informal é a esfera de influencia que un imperio crea ao ter influencia sobre rexións que non teñen colonias acordes cos seus obxectivos comerciais, militares ou estratéxicos.”

Esta tradución é horrendamente incorrecta porque o imperio informal non consiste en ter influencia sobre “rexións que non teñen colonias”, senón sobre rexións que oficialmente non son colonias do imperio en cuestión. Non obstante, que mellor exemplo do imperio informal neo-otomano que o que acaba de acontecer? Por que eu decidín traducir a definición dende Turcopedia? A única explicación posible é o poder brando que a Sublime Porta exerce sobre a miña mente grazas á súa longa exposición aos culebróns turcos. Son ou non son un bo súbdito informal daquela afastada metrópole? 

Demostrados, aínda que por accidente, os efectos da novela turca como ferramenta de imperio informal, pasamos á segunda tese acerca da rica tradición literaria que sostén o xénero. Collo como exemplo Hercai (2019) porque esta serie ten un reparto fisicamente moi atractivo. 

En realidade, Hercai é a adaptación dunha novela (refírome ás que teñen follas de papel) de Sümeyye Koç (Simeona Couso). Unha tradución da novela está dispoñible na rede, pero dado que a tradutora pide que non se use a tradución sen o seu permiso, teremos que finxir que non existe.

Afortunadamente, Hercai amosa outras referencias literarias moi zumarentas. E aínda digo máis: Hercai é unha referencia literaria constante composta de varios centenares de capítulos. O caso é que Hercai non é nada menos que unha versión contemporánea da novela (con follas) Jane Eyre (Xoana das Eiras) (1847) de Charlotte Brontë (Carlota Broño). “Que teoría máis atrevida”, diría eu se non fose o propio artífice dela. Pero hei de xustificala. Antes de afondar máis, é recomendable que a/o lector/a vexa o seguinte tráiler de Hercai dobrado nun dialecto estraño do castelán. De Zamora, quizais.

O tráiler abre coa voz da protagonista Reyyan Şadoğlu (o chiste de traducir os nomes ao galego xa perdeu a graza e non o vou facer máis), a cal afirma que “este lugar podría ser un palacio, pero para mí es una prisión”. A frase alude ao feito de que Reyyan sinte que a súa familia a trata como unha allea, sen darlle a consideración nin as liberdades permitidas a outros membros do clan Şadoğlu. Idéntica sensación transmítennos as primeiras liñas de Jane Eyre encol do ambiente de convivencia na mansión de Gateshead, onde Xoana vive coa súa tía política facha e os fillos Cayetanos desta:

“There was no possibility of taking a walk that day. […] Eliza, John, and Georgiana were now clustered round their mama in the drawing-room: she lay reclined on a sofa by the fireside, and with her darlings about her (for the time neither quarrelling nor crying) looked perfectly happy. Me, she had dispensed from joining the group; saying, ‘She regretted to be under the necessity of keeping me at a distance; but that until she heard from Bessie, and could discover by her own observation, that I was endeavouring in good earnest to acquire a more sociable and childlike disposition, a more attractive and sprightly manner—something lighter, franker, more natural, as it were—she really must exclude me from privileges intended only for contented, happy, little children.’”

Incluso sen abrirmos o tradutor de Google, é doado decatarse de que esta pasaxe non se parece moito á primeira frase oída no tráiler de Hercai. Ou mellor dito, non se parecería moito se soamente quixésemos realizar unha tradución domesticante do texto.

ENTREMOS NO RECUNCHO DE APRENDIZAXE

Unha tradución domesticante é unha tradución ao uso, na cal o resultado final absorbe as convencións lingüísticas e culturais da lingua meta para lerse, en caso de estar ben feita, como se fose un texto redactado orixinalmente nesa lingua. Non obstante, como nos ensina Laurence Venuti (Lorenzo Bendito (mudei de opinión sobre a tradución de nomes)) no seu libro The Translator’s Invisibility: A History of Translation (Colega, onde está o meu tradutor?) (1995), a domesticación é un proceso ideolóxico que tende a “violentamente borrar os valores culturais” na transmisión lingüística favorecendo o asoballamento das culturas minoritarias ou periféricas fronte ás dominantes. En cambio, o que Venuti recomenda é unha tradución estranxeirizante que rompe coas convencións da lingua e cultura meta para “enviar o lector ao estranxeiro”. Velaquí, no recuncho de aprendizaxe, tres exemplos de traducións domesticantes versus estranxeirizantes.

1). “Nunca choveu que non escampara” é un proverbio que os galegos empregan principalmente para ensinarlles aos estranxeiros unha ‘frase típica galega’ cando están de Erasmus. Unha tradución domesticante ao inglés sería “This too shall pass” ou, cun significado lixeiramente distinto pero acaído pola alusión ao tempo, “Every cloud has a silver lining”. Unha tradución estranxeirizante consistiría nunha construción algo rebuscada como “Never did rain that did not clear up”.

2). Se un político europeo di que “Israel has the right to defend itself”, a tradución domesticante desta frase sería que “Israel ten o dereito a defenderse”, namentres a tradución estranxeirizante sería: “Eu deixaría que o exército israelí bombardease a casa da miña propia avoa se contase co beneplácito de Joe Biden”.

3). Durante a carreira, eu intentei realizar unha tradución estranxeirizante dunha pasaxe da novela arxentina Adán Buenosayres (Ebeneezer Goode-Airs) (1948) de Leopoldo Marechal. O meu titor díxome que o fixera mal e mandoume facer unha tradución domesticante. Saquei un 6,5.

ABANDONEMOS O RECUNCHO DE APRENDIZAXE

Se practicamos unha tradución estranxeirizante das primeiras liñas de Jane Eyre, o resultado é máis ou menos igual á primeira frase do tráiler de Hercai: “Esta mansión de Gateshead podería ser un palacio, pero para min é unha prisión”.

Pero hai máis. Unhas liñas máis adiante, Xoana das Eiras relata que “gathering up my feet, I sat cross-legged, like a Turk; and, having drawn the red moreen curtain nearly close, I was shrined in double retirement”. Traducido ao turco e traducida a tradución turca ao galego coa axuda de Google, isto di o seguinte: “recollendo os meus pés, sentei coas pernas cruzadas, como un turco; e, despois de pechar case a cortina vermella moreen, fun consagrado nunha dobre retirada”. O Google non realiza nin traducións estranxeirizantes nin domesticantes, senón que fai o que lle dea a gana. En fin, coas pernas cruzadas como un turco, di Jane, e con tecidos vermellos arredor… A situación descrita é exactamente a mesma que a seguinte que observamos no tráiler de Hercai.

Pero hai máis aínda. En Jane Eyre, a primeira vez que Xoana coñece ao seu futuro marido Mr Rochester (Sr. Roca Castro) é cando o cabalo deste esvara nunha placa de xeo botando o seu dono ao chan, e a nosa heroína apresúrase a socorrelo. Prodúcese un encontro idéntico en Hercai: o guapo e aposto Miran Aslambey (Miro Arce de Balay) socorre a súa futura esposa Reyyan ao case atropelala co seu coche cando ela pasea a cabalo, o cal provoca que a rapaza caia o chan, como se aprecia na seguinte diapositiva. 

A casualidade como recurso literario é característico na novela vitoriana, entendido decote como froito da crenza de escritores protestantes na providencia divina, se ben os escritos de Charlotte Broño dan a entender que no seu caso se trataría dunha teoría acerca das ‘simpatías naturais’ que existen entre persoas dun mesmo sangue e que tenden a obrar para que os seus camiños vitais terminen cruzándose. Mais a grande ¡coincidencia inesperada! de Jane Eyre xurde cando Xoana das Eiras descobre que o seu amado Rochester xa ten unha esposa caribeña que se enlouqueceu hai anos e agora vive pechada no faiado da mansión, o que provoca a fuxida de Xoana. (Como inciso: os espectadores de Hercai tamén viven momentos de drama cando Reyyan descubre que Miran xa está casado con outra muller, Gonul. Agora ben, a figura de Bertha, a muller malfadada do Sr. Roca Castro, viuse reivindicada na novela pos-colonial e feminista Grande Mar dos Sargazos de Jean Rhys (Xiana Risos, 1966). Nun futuro próximo, aparecerá unha novela turca sobre Gonul titulada Grande Mar de Mármara? Eu espero que non, porque tal libro non sería moi interesante. Eu quero que fagan máis capítulos de Hercai pero con máis xente pegando tiros. En Hercai os homes sacan moitas pistolas e berran moito, pero case nunca disparan, ou porque teñen máis madurez emocional do que parece, ou porque a cidade de Midyat está cerca da fronteira con Siria e son conscientes das posibles consecuencias dunha espiral da violencia.) O inciso foi moi longo, así que vou repetir a frase anterior ao inciso, como na tele cando os primeiros dez segundos despois da publicidade son os mesmos que xusto antes dela.

Dicía: a grande coincidencia inesperada de Jane Eyre xurde cando Xoana das Eiras descobre que o seu amado Rochester xa ten unha esposa caribeña que se enlouqueceu hai anos e agora vive pechada no faiado da mansión, o que provoca a fuxida de Xoana. Xoana erra por paraxes inhóspitas até o punto de estar en perigo de falecer por frío e inanición, pero ten a sorte de atopar refuxio na casa do predicador St. John Rivers (tradúceo ti que xa me cansei), onde axiña se establece como okupa. Ao cabo de varios meses, descóbrese que St. John e Jane son curmáns. Temos unha trama paralela en Hercai pois resulta que Reyyan e Miran son irmáns porque Miran realmente non é un Aslambey, senón que é o fillo biolóxico de Hassar Şadoğlu, o pai de Reyyan! Logo resulta que non son irmáns porque Reyyan non é a filla biolóxica do seu pai Hassar Şadoğlu, senón que a concibiu un vástago dos Aslambey que só coñecemos na segunda temporada!. É dicir, Reyyan Şadoğlu e Miran Aslambey en realidade non son Reyyan Şadoğlu e Miran Aslambey, senón que son Reyyan Aslambey e Miran Şadoğlu. ¡Coincidencias inesperadas!

Pensándoo ben, esas dúas coincidencias inesperadas non teñen moito en común. Desbotemos esta parte do meu argumento. Todo o demais é impecable. Queda demostrado que a novela turca é a resurrección contemporánea da novela vitoriana, e se a túa avoa re-goza das aventuras dos nosos amigos neo-otomanos, isto é unha nidia manifestación do imperio informal británico proxectado ao longo dos séculos e as idades. Hoxe en día comprendemos que o imperialismo é malo, así que con estas revelacións, naturalmente xurde a pregunta: que tes que facer se queres librarte da influencia estranxeirizante do imperio británico? A resposta: deixa de ver novelas turcas e pon La Promesa, como fago eu, que levo meses sen verlle a cara a un turco, e nunca me sentín menos inglés.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí