Orixe orzánica das sereas todas: a primeira obra intertemporal

Da Galicia onde a Guerra civil nunca aconteceu e a sereas aniñan no Orzán. Por un burato de verme chegou este libro publicado por Alvarellos.

Máis ou menos todas temos claro, grazas á ciencia ficción, que o bater de ás dunha bolboreta no Xapón pode provocar unha serie de cambios na atmosfera que acaben producindo un furacán no Caribe. Se viaxásemos ao pasado para matar a bolboreta e evitar o desastre, dividiríamos o decorrer da historia en dúas liñas temporais: unha na que hai furacán e outra na que a bolboreta morre e un adolescente debe viaxar ao pasado para salvar a bolboreta, pois a morte do insecto xerou unha serie de eventos que levaron a que seus pais non se coñecesen e agora está en perigo a súa existencia. Orixe orzánica das sereas todas (Alvarellos, 2021) de Rodrigo Osorio é froito dunha liña temporal xurdida despois de matar unha bolboreta moi grande: a guerra civil española. O conflito non tivo lugar, nin os 40 anos de ditadura posteriores. O lepidóptero morto non bate as ás e así chegan os nosos compatriotas de outro tempo a un 19 de novembro de 1953 no que Luís Seoane é o presidente da Xunta de Galicia. No ámbito cultural, María Casares ocupa o cargo de directora do Conservatorio Nacional de Arte da Galiza e Manuel Casás Fernández preside a Academia Galega —nótese a caída do “Real”—, con Francisco Vales Villamarín de secretario e Leandro Carré Alvarellos de tesoureiro. Entre os académicos figuran os nomes de María Barbeito, Ramón Cabanillas, López Cuevillas ou Castelao. O teatro de monicreques goza no país de grande vitalidade despois da difusión feita polas Misións Pedagóxicas; por isto, no devandito 19 de novembro de 1953 a Academia Galega reúnese para nomear académico ao principal promotor desta arte: Urbano Lugrís.

Orixe orzánica das sereas todas: a primeira obra intertemporal
“A raíz da descuberta da obra de Osorio, vemos que no Lugrís pintor tamén achamos conexións co Lugrís monicrequeiro”

Despois da súa experiencia universitaria no Madrid da Residencia de Estudantes, onde traballa o guiñol con Bartolozzi, Urbano Lugrís funda a compañía de teatro de monicreques Luva Chea, desde a que desenvolve un teatro social, popular, co que recorre as prazas e feiras de toda Galiza. Como xesto de dignificación da dramaturxia da cachaporra, a Academia decide acoller no seu seo ao para nós pintor do mar, que ocupará a cadeira deixada polo Johan Carballeira do outro tempo, prolífico poeta e alcalde de Bueu.

O libro que temos nas nosas mans é o texto íntegro do discurso de entrada na Academia dese outro Urbano Lugrís, xunto coa resposta que lle adica o seu contemporáneo Leandro Carré Alvarellos. Acompañan os discursos un estudo crítico sobre os mesmos, da autoría de Rodrigo Osorio Guerrero, unha escolma de notas de prensa sobre a cerimonia de nomeamento e unha entrevista co novo académico.

Na liña temporal que habitamos nós, Rodrigo Osorio Guerrero é un señor do que sabemos pouco. Buscando obra publicada por el non atopamos máis libros, só colaboracións en diversos medios (El Salto , Luzes , Me presta el Bierzo …) e a promesa de publicación póstuma de varios ensaios do escritor e mecánico berciano Sergio B Landrove. Comparten Osorio e Landrove, ademais dunha profunda amizade, a inquietude pola relación entre ficción e realidade. En No ventre da matrioska, obra inédita de Landrove da que se poden ler algúns fragmentos en liña, o berciano describe esta relación coma un asterismo no que os feitos son as estrelas e a ficción o debuxo dun guerreiro ou unha osa maior que traza a imaxinación para crear un discurso. Ese discurso é a realidade. Se sumamos o costume de Landrove de mandar cartas a xornais comentando sucesos nunca acontecidos e certas nebulosas arredor das figuras de Osorio e do berciano, poderíamos chegar a pensar que Orixe orzánica das sereas todas é un xogo literario que toma como coartada un tipo de texto de presumida veracidade (un traballo filolóxico) para presentar un discurso que nunca tivo lugar. Aínda que esta hipótese sería a que máis convencería a Ockham, temos que descartala. A editorial Alvarellos conta no seu catálogo con Balada de los mares del norte (2008), a primeira compilación da obra literaria e ensaística do noso Lugrís. Tamén con El tesoro de Punta Herminia y otros textos sumergidos (2017), unha nova compilación de textos inéditos do pintor. Non se entende que interese pode ter unha editorial que conta con esta primicia no seu catálogo en publicar un texto apócrifo, nin sequera como estratexia de mercadotecnia para relanzar Balada… e El tesoro… Poderíanse atopar autores con maior impacto para levar a cabo esta estratexia. Tampouco cremos que se trate dunha iniciativa de Osorio, pois a editorial deixa claro na súa web que non acepta orixinais non solicitados.

Orixe orzánica das sereas todas: un libro doutra liña temporal
Serea alada do Lugrís Freire pintor, o que viviu na nosa liña temporal.

A única razón convincente para que este libro chegase ao catálogo de Alvarellos é que o Rodrigo Osorio da liña temporal onde non houbo guerra civil, un Rodrigo Osorio filólogo, conseguise mandar o seu estudo crítico a esta liña temporal. Entón esta obra si ten sentido no catálogo de Alvarellos: formaría parte dun proxecto de compilación de toda obra literaria de todos os Urbano Lugrís de todas as liñas temporais.

A lectura do discurso de Lugrís que comparte tempo co Osorio filólogo é moi interesante. O seu estilo é máis popularizante có do noso Lugrís. As súas teimas moito máis coruñesas, máis de Monte Alto. O seu discurso Orixe orzánica das sereas todas comeza no mar da Coruña con Larmia, unha muller mariña que acompaña o cuarto Rei Mago, Bren do Orzán, ata Belén en peregrinación submariña. Tras cumplir a súa misión, Larmia convértese en caudillo dun grupo de sereas clásicas, metade muller metade ave. Desde o Mediterráneo, por un enfrontamento coas xentes de Alexandría, vense obrigadas ao exilio no mar de Irlanda, onde prosperan como guerreiras ao servizo do rei de Rocabarra. Despois dunha batalla, Larmia morre. Ás súas sereas quédalles como encargo, para homenaxe da súa líder mariña, bañarse no mar dúas veces á semana. Dúas delas, por maior homenaxe, instálanse no mar do Orzán, o mar de Larmia. Co paso das xeracións o costume segue e as sereas acaban perdendo a funcionalidade das ás e evolucionando para adaptarse a unha vida mariña. Nacen así as sereas con cola de peixe que logo se espallarán polos mares do mundo. Esta é a orixe orzánica das sereas.

Entre a lenda dos homes mariños do Orzán e as viaxes ao mar de Irlanda tamén aparecen o Lionardo, unha coruñesísima taberna do 15006 ou a corrente do Curricán. Tamén se menciona unha capela a Santo Amaro no barrio de Monte Alto, deseñada polo novo académico. Por estilo e acumulación de teimas, o lector ten por momentos a sensación de estar lendo a Xurxo Souto, o que provoca certo distanciamento do texto e a sospeita de estar ante un texto apócrifo. Porén, debemos despexar estas suspicacias, pois levaríannos outra vez ao problema editorial. De ser un texto apócrifo, estaríamos falando dun libro destinado a un público coñecedor do lexendario de Monte Alto, un libro de nicho, sen maior interese fóra da Feira do Libro da Coruña ou, por máis dicir, fóra do colectivo In Nave Civitas, do que o noso Rodrigo Osorio é fundador xunto con Xurxo Souto. O máis probable, e o que convirte a este libro nun documento interesantísimo para os estudos literarios, é que o Lugrís da outra liña temporal, cunha traxectoria ligada á arte popular, desenvolveu unha prosa máis oral, menos barroca que a do noso Lugrís. Cabe pensar que a morte da bolboreta que comentábamos ao principio deste texto, que acabou con Luís Seoane na presidencia da Xunta, ben puido provocar que Lugrís aprendese a tocar o acordeón e pasase as noites de canfurnada a botar repichocas e tocar o corno na Asociación de Artistas. Así comprendemos a aposta da editora: á primicia da primeira compilación de textos de Lugrís súmase a da primeira edición dun autor de outro tempo.

Atopámonos pois cun libro máis valioso polo que representa que polo que conta. O discurso de Lugrís non é memorable, mais si é simpático. Unha historia de sereas sempre se agradece como lectura de verán. O estudo crítico non aporta, en principio, nada novidoso, se ben é certo que tampouco coñecemos o estado dos estudos lugrisáns na outra liña temporal como para afirmar isto de forma categórica. Porén, non podemos pasar por alto —como inexplicablemente fixeron a crítica e a filoloxía— o feito de que estamos ante o primeiro documento alterhistórico, a primeira proba material da existencia dun tempo alternativo ao noso. Este feito é de importancia capital para a física cuántica máis, sobre todo, para a sociedade galega, pois nace así unha nova disciplina na filoloxía: a literatura comparada intertemporal. Este novo campo abre a posibilidade de repetir autores xa homenaxeados para o Día das Letras tantas veces como liñas temporais atopemos. Incluso abre a posibilidade de homenaxear a autores ainda vivos na nosa liña temporal, coa condición de que leven dez anos mortos en calquera das outras liñas. Xa só por isto, Orixe orzánica das sereas todas pode ser o libro máis importante para a nosa literatura desde Cantares gallegos.

Unha serea alada imaxinada por unha IA. Ou se cadra a serea do Lugrís dun universo onde a xente gasta esta cara.

1 COMENTARIO

  1. Moitas grazas por esta lectura tan “cuántica”, razoada, crítica e divertida.

    A calquera que lle interese pódolle prestar o meu “acelerador de ficcións” para procurar outros documentos fulcrales para a historia da literatura desas Galicias dos “universos tanxentes” ao noso.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí