Reflexións sobre educación VI: Poesía Galega Novísima

Ideas arredor do ensino e a aprendizaxe significativa a través do recoñecemento de nomes esenciais no panorama literario.

Neste ano repleto de atropelos, trámites e atrasos, participei na antoloxía poética Poesía galega novísima, editada por Urutau. Esta mesma editorial lanzou o meu primeiro poemario en galego alá polo 2018: Linguaxes dixitais. Así, eu usei algúns dos poemas recollidos neste libro para participar nunha escolma que me acollería xunto con outros e outras poetas que escriben en galego e que, ademais, teñen menos de 30 anos. Todo parecía ir ben até que a pandemia mundial demorou os prazos. Mesmo así, conseguiuse sacar do prelo no 2020 e chegou a min coa promesa tácita de descubrirme versos novos en sangue nova e descoñecida. Obviamente, coñecía a varias autoras e varios autores; mais non a todos e era unha enorme ilusión que me sorprendesen!

Portada de poesía galega novísima de Urutau

Supoño que neste momento, ti, como lector ou lectora, preguntaraste por que estou escribindo sobre un libro de poemas nunha serie que reflexiona sobre educación. Sobre todo cando hai un apartado de literatura nesta revista. Quero xustificar o meu propósito continuando a historia do primeiro parágrafo. Ao abrir Poesía galega novísima, lin primeiro as orellas, despois o limiar e por último cada autor por orde de aparición. As orellas deixáronme sen expectativas: viñemos ler poesía e queriamos poesía. Coma case sempre, vaia. O limiar (cunha enorme carga académica na linguaxe rebuscada que se afastaba moito do que eu buscaba nos versos pelados) foi, porén, a mellor descuberta para min deste libro. Normalmente, é un trámite que me aburre, que me dá pouca información interesante e que me vai subindo as ganas de chegar aos versos, mais non unha sección sobre a que reflexiono nin me marca. Eu lembro versos, procuro nomes, mastigo a poesía, non o que aparece ao redor dela. Iso interésame máis ben pouco, cunha excepción: cando me move e me volve persoa de proveito. Entenderase este texto como froito diso.

Agora ben, non quero dicir con isto que os e as poetas que estamos neste libro non sexamos bos escritores ou merezamos unha lecturiña. Para nada. Todo o contrario, merca o libro e non fiques nas primeiras páxinas! A miña razón para centrarme no texto do comezo resulta ciceroniana, mais é polo docere, movere et delectare. O limiar escrito polo xa coñecido nesta revista Marcus Daniel Cabada (conversei con el hai un tempiño, como podes ler aquí) tivo comigo dous grandes acertos. En primeiro lugar, uns versos reveladores antes de iniciar a introdución, da autoría de Eusebio Lorenzo Baleirón. Sublimes. Fiquei uns minutos lendo e relendo antes de continuar: cando iso me pasa, a cousa vai ben. Para continuar, o texto espertou no meu cerebro a razón que sempre levo por diante cando falo de educación: a aprendizaxe significativa.

Non se trata de ensinar contidos, senón de integrar contidos. Estes só se poden integrar nos cerebros que os acollen de boa fe –que anacrónico falar de fe nestes tempos, non si? –. A presión nunca entran. Un coñecemento que se ensina con metodoloxías lúdicas sempre fica máis tempo na memoria. Entón, hai que seleccionar moito a información: falando de literatura, hai autores que entran e autores que non. Simplemente funciona así. Cantas persoas quedamos fóra? E non me inclúo por ego, senón porque participei neste libro e porque escribo. Di Diego Bará Louro: «cando comecei a chamar poemas aos meus versos» (126). Pregúntome se ese é un salto para o recoñecemento. Para min, dende logo, non o pode ser. Non debe selo. Se agardas tanto, non chegas a poemas nunca. Se escribes versos, escribes poemas; aínda que ninguén máis ca ti os lea. Dende sempre e para sempre. A mesma consideración recibe a túa poesía, Diego, que a de calquera autor soado. Polo tanto, cómpre modificar o que pensamos que poden ser aprendizaxes significativas, porque moitas veces nos afastamos demasiado das pezas do crebacabezas dos cerebros: achegarnos á poesía dende o escrito no 2020 (ou recentemente) sempre vai ser mellor que comezar por Rosalía nunha aula de 3º da ESO. Por iso me parece tan boa idea facer unha escolma periódica que nos manteña activos e nos permita renovarnos, ver a evolución, estar presentes. Á vez, ensinarnos a ollos que se achegan por primeira vez á poesía e que o fan dende preto.

Os educadores debemos partir de que non se pode todo. Non poderiamos facer que outros conteñan a totalidade cando nós nunca puidemos (nin imos poder). Debido a isto, a decisión docente é: os de sempre ou os novos. Todos non caben, aínda que talvez si unha macedonia de versos. Cando se opta pola mestura, novamente adoitan aparecer os mesmos. Sempre os mesmos. Poucas veces aparecen os nomes que asinan este Poesía galega novísima: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alexandre Fernández, Ana Fraile Somoza, Andrea Valle, Antón Blanco Casás, Ánxela do Canto, Arancha Nogueira, Belén Senín, Benjamín Vidal, Carlos Lixó, Carlota Corredoira, Celia Parra, C. Ermitas, Clara Vidal, Diego Bará Louro, Eilún del Pazo Moa, Emmanuel Joven, Helena Salgueiro, Jesús Castro Yáñez, Jorge Rodríguez Durán, Lois Alcayde Dans, Lucía Cernadas, Noelia Gómez, Noemia Veiga Gonçalves, Nuria Vil, Pablo Rodríguez López, Paula Antía Rey Baliña, Quico, Regina Touceda, Sara Villar Aira, Tamara Andrés e Vicente Vázquez Vidal.

Todos estes autores amosan fame de aparecer nos libros de texto: «Con que apatía abortas un verso / profeta de pretéritos neonatos, / afogando en bágoas inertes a matriz / de quen ansía parir un trazo, / morrer nunha palabra» (Ana Fraile Somoza, 43-44). Mais non só. Xa apareceron en libros, xornais e revistas. O que ansían é estar, dentro dun sistema cultural amplamente magoado pola súa pouca rendibilidade económica. Un detalliño que xa comentei cando falaba de Curiosidade: por que non hai marxes na parte do lombo para ler comodamente? Poucas veces tiven este problema na narrativa ou no ensaio. Acaso non hai cartos para publicar poesía unha vez se publica?

A aprendizaxe con significado para nós ten que relacionar as cousas novas coas vellas. Activar a engrenaxe. Debemos aprender a amar os libros coma tesouros. Só así os consumidores incentivaremos que a poesía sexa un interesante produto cultural. De feito, moitos souberon ver que o era, a través de plataformas, innovacións audiovisuais etc. Ensinar: «e os libros que non nos devolveron / e as ganas de choralos coma mortes» (Arancha Nogueira, 74). Pensar: cantos libros non se escribiron porque non ían ser abertos ou, simplemente, chegar a papel? A promoción poética de novas voces serve para acabar con isto e tamén para axudar a que non se perda a lectura de poemas.

Considero moi importante o apoio aos autores e ás autoras novos. Dende o punto de vista cultural, permite que a riqueza e produción continúe. Alén disto, posibilita ter material para achegarse a un público que conectará máis doadamente cos temas e as formas de tratala. Non podemos seguir ensinando Educación Plástica Visual con Velázquez cando o bombardeo artístico por Instagram pode superar diariamente a produción e consumo artístico. O que debemos facer é achegarlles arte que lles interesa. Chegarán a outras a través desa vía. Igual que un artista instagramer pode ser a canle perfecta para a plástica, os debuxos ou a fotografía, os autores novos sono para a poesía e tamén para o coñecemento da literatura tradicional.

Para ensinar literatura poética, temos que centrarnos nos detalles que fan sorprender a quen os recibe. Dicir, por exemplo, que non é certo que a estrela Polar non se mova, só que non é perceptíbel ese movemento nunha vida humana. Que levas toda a vida enganado. Que hai persoas gañando certames poéticos onde descobren cousas absolutamente lóxicas e de sentido común que só poderían ser expresadas nun verso. Máis de 2000 anos e os libros lembran a Platón porque foi elixido entre moitos outros que tamén o merecían. Nós quedamos preguntando tras a ducha:

«Miro as puntas engurradas

dos meus dedos

despois do baño

Pregúntome

se cando a cousa sexa permanente

aínda estarás aquí.

 

Envellecer é algo máis

que ter osteoporose» (Jorge Rodríguez Durán, 163).

 

En definitiva, aínda creo que o mellor continúa estando nos versos. Por suposto, tamén en Poesía galega novísima. Esta foi a súa razón de orixe. Agardo que o Marcus poida volver despois duns anos para escolmar o traballo que levamos facendo (na penumbra, na pobreza e no descoñecemento) tantos autores que simplemente amaron libros e agora teñen menos de 40. Porque «O amor, como a flor, pode suceder, / ou non, / mais cando sucede é un evento fugaz» (Vicente Vázquez Vidal, 243). Non temos mellor opción que amar e continuar traballando por iso que se chama amor á arte. Talvez escapatoria. Talvez refuxio. Talvez algo que un día, se non se aproveita, deixará de deixar pegadas de tinta nas follas. Porque as flores necesitan ser nutridas para viviren.

Reflexións sobre educación VI: Poesía Galega Novísima

Eu teño os cristais chorados neste inverno incipiente. Non hai mellor maneira para aproveitalos que lendo novidades. A educación debería aspirar por este cambio de plans: se chove, poesía!

CABADA, Marcus Daniel (coord.), Poesía galega novísima, Urutau, Galiza-Brasil.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí