Marcus Daniel Cabada: “A poesía acontece no futuro. É máis, xa está acontecendo.”

Entrevistamos a Marcus Daniel Cabada, aproveitando a presentación en Pontevedra do seu novo poemario, "Metafísica da ausencia" (Urutau).

No día de hoxe, o meu seareiro costume de falar sobre poesía vén cun ar novo: en dúas voces que se unen para atinxir moitos temas. A un lado estou eu, preguntando, cuestionándome, relacionando todo con todo. Ao outro, está Marcus Daniel Cabada ofrecendo unha outra visión ao fío condutor polo que se deixa levar coas miñas preguntas.

Este poeta pontevedrés hoxe (3 de febreiro) presenta na súa cidade natal o seu primeiro poemario en galego: Metafísica da ausencia, da Editora Urutau. Será no Espazo Nemonon (Villa Pilar) ás 19:30.

Pregunta (P): Marcus, como estás, sabendo que en poucas horas Metafísica da ausencia vai deixar de ser teu para pasar a ser dos lectores?

Resposta (R): Resulta un feito sempre complexo. Elevar as palabras propias a posicións alleas é como vivir constantemente inmerso nese poema de Gonzalo Rojas que comeza «Entonces nos colgaron de los pies, nos sacaron / la sangre por los ojos, / con un cuchillo / nos fueron marcando el lomo, yo soy el número / 25.033” (risas). Fóra desta exposición á que un se somete, escribir é asistir a un proceso posterior no que a(s) lectura(s) serán tan determinantes como o propio Momento —con maiúscula— anterior de escrita. Nese senso, soltar a obra é unha operación hipotética case necesaria. Nunca a palabra nos pertence, por máis que a asimilemos como unha obra concretamente humana. Dicía Borges que a chuvia é unha cousa que sucede no pasado. A poesía, pois, acontece no futuro. É máis, xa está acontecendo.

(P): Ademais de escribir textos propios, tamén pasan por ti moitos escritores de poesía e de investigación literaria. Como naceu o proxecto da revista Ligeia?

(R): A revista Ligeia é un gran soño que, como a propia poesía, nace sen ollos para definirse posteriormente desde a dúbida. Aí o nome, Ligeia, muller etérea e cambiante do relato do gran Poe. Nun intre é un animal mitolóxico e doutro un pensamento obsesivo ou revelado. A nivel conceptual, partimos desa idea nebulosa. Mais no que atinxe ao proxecto en si, é unha idea que nace da propia vontade de escribir e de relacionar as literaturas perante o mundo inadmisible que opera. Converxer o texto desde a propia equidade das culturas é máis significativo que calquera voz libertina que medite impoñer a súa condición como medio universal polo que pasar inequivocamente. Ligeia nace destas preocupacións afíns ás compañeiras Tamara Andrés e Lois Alcayde, que tanto teñen que ver coma min nesta illa editora. No respecto á transmisión de autores, é un diálogo de aprendizaxe vastísimo. Como editor comprendes a obra publicada desde unha inmensidade interior allea. En dous números temos a sorte de ter publicado a case 70 poetas de 30 países, amais de xornalistas, investigadores ou artistas en xeral. Buscar a transcendencia na unión é unha máxima que ben debera imperar en todos os sensos da vida.

Marcus Daniel Cabada, revista Ligeia

(P): Lendo a túa biografía, sorprendinme moitísimo ao ver que ensinas lingua e literatura dende os 21 anos! Moitos dos lectores que temos en A que cheira, papá? teñen a ver coa educación. De feito, temos unha serie de artigos sobre educación que está nacendo e encantaríanos alimentalo de experiencias para futuros capítulos. Como chegaches a ser profesor tan cedo?

(R): Dar clase débollo ao Azar, se é que se lle pode chamar tal a ter que buscar alternativas polos medios propios. Adoito aplicar á vida o feliz verso de Verlaine «Et tout le reste est littérature», que na miña experiencia persoal vén a significar algo así como ‘sempre nos quedará a literatura’, un hendecasílabo bastante abrupto no ritmo (risas). Quero dicir que a literatura é o único que queda cando nada resta, e a miña única opción nun intre de crise económica e social foi aproveitar as lecturas e os coñecementos filolóxicos para ensinar, aínda que ese termo, ensinar, non é do meu agravio. Mostrar, diría eu.

(P): Aproveitas as aulas para transmitir a poesía aos teus alumnos? De que maneira?

(R): Gústame crer que a poesía existe, polo que toda transmisión é un recoñecemento nada estranxeiro cando o alumno se decata de que a propia vida está modelada previamente na literatura. De feito, todo texto ou tentativa de aprendizaxe é nula sen antes crer que nós tamén nos representamos, individualmente, á súa imaxe. Mostrando que a literatura é a disciplina da vida, o alumno eclosiona e esperta dun sistema que tenta partir a capacidade crítica cunha daga bífida que ben poderiamos aclarar, se queremos, amosando que nada ignoran e que tampouco fican sós perante o mundo. A literatura, a educación, sempre amparan.

(P): En xeral, non só no que concirne á lingua e á literatura, como ves a educación a día de hoxe?

(R): Hai tentativas bondadosas de construír pontes e de minorar defectos. Sen embargo, como no verso, todo impulso inicial debe ser racionalizado e meditado consecuentemente. Fago énfase na aínda ausencia de perspectivas máis sociais e universais, como son as materias de xénero, bullying, igualdade ou mesmo a prevención de riscos tecnolóxicos, necesarias a toda costa para erixir unha educación xusta e moral, acorde ás necesidades dos tempos que nos percorren.

(P): Editor dunha revista, poeta e transportador de coñecementos literarios… Tamara Andrés abre o teu poemario cun limiar que advirte: «Esta frase dirixe cara ao río» (páx. 7). Paréceche que os lectores deben sentir a lectura deste libro como un navegar? Como serían de bravas esas augas?

(R): Aspiro, se é posible aspirar a algo, a «construír un rostro no pórtico da desventura / dende o centro da vida / á branca morte», como din uns versos da obra. Este rostro pode ser un paxaro, ou unha man que vaga pesarosa en busca de referente ao que amarrarse. Penso que a cita de Tamara é ben certeira, pois se a propia poesía non nos leva ao río, á converxencia do tempo, nada o fai. De feito, cando con frecuencia dicimos que «as cousas retornan ao seu canle», estamos implicando que, en efecto, certo canle existe. O río pasa por nós antes de que nós mesmos nos decatemos.

(P): Unha das citas iniciais do poemario é de Fernando Pessoa e di: «Há metafísica bastante em não pensar em nada» (páx. 11). Está claro, entón, que é unha necesaria metafísica da ausencia, non si?

(R): Pessoa é un dos metafísicos da historia máis adeptos en poesía (risas). Pessoa é dos grandísimos poetas, é dicir, de aqueles que nos remiten ás preguntas universais a prol de liberarnos en nós mesmos ou, o que é o mesmo, de mostrarnos a reciprocidade das cousas de fóra cos nosos adentros. Con respecto á túa pregunta, penso que facer unha metafísica da ausencia é esencial para calquera materia. Auscultando a ausencia, esa nada, é indispensable crear algo para enchela. A poesía é ese labor físico, cosmolóxico, que expande a necesidade de crer na creación perante a ausencia, como da nada á materia.

(P): Entón, que relación estabeleces entre a ausencia e a escuridade?

(R): Penso que son unidades non medibles que comparten matices de descoñecemento e arbitrariedade. Podemos medir a presenza ou a luz e se é que estas son cuantiosas ou mínimas. Pero do indeterminado só podemos dubidar e teorizar como Sócrates en potencia.

(P): «No escuro comezamos a temer unha evidencia» (páx. 23). Pensas que a noite é algo que chega e a luz algo que se agarda ou que se poden perseguir ambas?

(R): Falando de evidencias e de perseguir a luz, non podo deixar de lembrar as nais de toda a poesía contemporánea. Grazas a Blanca Varela, Idea Vilariño e Alejandra Pizarnik puidemos sumirnos na reconversión do verso a través da luz que persiste, case inimaxinablemente, en cada greta da palabra ou, máis a fondo, en cada mácula de linguaxe. Con respecto ao que me preguntas, penso que a noite hai que desexala e que a luz hai que agardala. Uns famosos versos de Rilke din «Amo de mi ser la cosas oscuras, / en las cuales se ahondan mis sentidos». Eses sentidos buscan a luz desde a noite persoal, íntima, solitaria.

(P): Nos teus poemas, falas sobre a historia e, en certa maneira, sobre o inevitábel dos sucesos vitais: «mais tamén durmimos na vida non chegada» (páx. 15). Pensas no círculo e na cuadratura cando escribes sobre esta ausencia na que vivimos?

(R): Penso no concéntrico como unha balada de feitos que retornan ao eido que lles corresponde, é dicir, ao inicio unha vez que transitan. Isto non é que haxa certo concepto de normalidade que rexa sobre as cousas, senón certos límites de inercia que ao final nos achegan ás verdades esenciais, como poden ser a vida, a morte, o amor, a ausencia… No respectivo ao poema, direi que todo fin é un comezo.

(P): Neste panorama socio-cultural da actualidade no cal ha tanta convulsión de todo tipo, pensas que cómpre lembrar? «Recordamos en nós todas as ausencias» (páx. 29) necesarias ou preferimos escapar da luz por medo?

(R): Lembrar é acceder sempre á resposta. Rememorar que hai en nós certo coñecemento anticipado ben debera ser a base de toda poética. Non falo no senso da reminiscencia de Platón, senón dunha instancia máis lúdica, menos reveladora. Unha lóxica desde a que as cousas preexisten antes de nós vagar por elas. Agora ben, a luz da que falas é devastadora e descontrolada para os adentros, polo que os humanos optamos, aínda involuntariamente, pola fuxida tentada. Achegarse ao misterio propio é, como dicía o bo Poe, unha condena que nos libera, ou unha liberación que nos condena. Mais tamén o máis sublime da intelixencia.

(P): Usas moita repetición e moitos versos que comezan igual. Tamén citas a moitísimos autores de diferentes correntes, épocas e países. A pesar do enorme coñecemento da literatura universal que demostras, opinas que as túas formas beben esencialmente dos clásicos ou pensas que posúes unha voz poética á que non se lle poden atopar referentes claros por coñecemento de tantos?

(R): Supoño que a repetición é un proceder involuntario (risas). Non sei se é posible ter un coñecemento amplo da literatura, xa que é unha materia de dúbida, unha disciplina azarosa. Penso que o coñecemento, neste caso o poético, vén rexido pola capacidade de xestionar esa dúbida. Sempre Sócrates. Beber dos clásicos é esencial para calibrar a escrita, e sobre todo para evocar con ela. Mais hai que ter presente a propia disciplina da vida, que é o que realmente modela a literatura. Polo resto, o seu motivo é anacrónico. Hoxe a escrita é un proceso de hibridación.

Marcus Daniel Cabada, "Metafísica da ausencia" (Urutau).
©Adrián González Pérez

(P): Es moi novo e traballas con pícaros. Para que público escribes? Pensas que a túa escrita só pode ser gozada por unha franxa de idade moi concreta ou que ha niveis de misterio que desvelar?

(R): Dicir que se escribe para que alguén te lea é case contraditorio, por moito que as tendencias modernas nos leven sen reparo á idea de que todo o creado debe ser exposto. Agora ben, como xa dixen antes, o diálogo que xorde da lectura é determinante e esclarecedor. Partindo disto, o escrito pode achegarse a calquera franxa de idade, xa que o seu propósito é a catarse, a emoción. Ese impulso anterior a que o verso teña sentido, a que exista.

(P): Falamos da luz, da escuridade, da educación no panorama actual… «Señor, / la jaula se ha vuelto pájaro / y se ha volado» (os tres primeiros versos dun poema de Las aventuras perdidas, de Alejandra Pizarnik), que pensas do medo?

(R): É, como a luz, materia cegadora. É imposición e sabotaxe. Imposibilidade no seu estado máis voraz. Coñezo o poema de Pizarnik do que me falas. A miña lectura dela sempre é liberadora, mais intúo que a súa escrita non o foi tanto. A escrita como redención do medo, penso. Tan igual e tan equidistante para cada un de nós. Tan indistintamente compartida.

(P): Israel Sanmartín escribe un posfacio para o teu libro. El fala de que ti, como autor, tomas distancia co futuro e coa ausencia para crear textos sobre esa inexistencia descoñecida. Como é para ti a investigación na procura das palabras precisas no universo infinito das ausencias que o ocupan todo?

(R): Tomar distancia é esencial para calquera disciplina artística. No caso do texto, é case como unha obriga, mesmo despois de publicado. A palabra é o que resta tras o tempo aberto e transitado, expandido como cosmogonía na fala. A súa busca é o que eu, persoalmente, podo chamar feito literario. «Caminante, no hay camino, / se hace camino al andar». Tan vixente.

Marcus Daniel Cabada, "Metafísica da ausencia" (Urutau).

(P): Antes falabas de como transportas a literatura ás aulas no centro de apoio ao estudo. No poema en prosa da páxina 41, falas sobre os límites da linguaxe. Pensas que os ten?

(R): Empregarei un símil filolóxico e direi que é recursiva. A través da súa busca limitada, construímos o seu encontro ilimitado. Penso que os límites son os transeúntes da literatura, mais limitar é compartir un espazo posterior non coñecido que debera ser investigado constantemente.

(P): No sistema docente actual prima a innovación educativa e as metodoloxías sorprendentes. E a lingua, como a transportas ás aulas?

(R): Non hai maior innovación que empregar o coñecemento máis antigo para construír a novidade máis presente. Dicía antes que a escrita é un proceso de hibridación. A fala, así pois, tamén. Nese eido da aprendizaxe maior que é a nenez e a adolescencia primará a emoción, o autorrecoñecemento do alumno na materia dada. A lingua é o motor da comunicación. De comunicarmos dun modo máis eficaz, máis íntimo, próximo e sereno, teremos moito gañado.

(P): Para rematar, apeteceríache recitarnos un poema do libro para a nosa canle de YouTube?

(R): Será unha honra e un pracer. Leo un dos poema que máis reflexa esa teima literaria do descoñecido, «A procura». Grazas pola conversa.

(P) Grazas a ti. Moito éxito!

CABADA, Marcus Daniel (2019), Metafísica da ausencia, Urutau, Bragança Paulista-Pontevedra.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí