Moura confíanos os ingredientes para invocar a mellor psicodelia galega.

Neste longo inverno, sobor das penas, escoitamos a chamada ao ritual lisérxico de Moura, unha das maiores sopresas da música galegas no 2020. Unha longa charla sobre psicodelia.

O ano 2020 foi un ano cheo de incertezas, especialmente para o sector musical. Nese contexto os coruñeses Moura, sacaron o seu debut epónimo, recibido cun notable suceso de público e crítica. A súa proposta mestura psicodelia con melodías da terra, bebendo a partes iguais dos Pink Floyd e de Bibiano. Un transo lisérxico para os ouvintes, que honra os seres mitolóxicos dos que toman o nome. Aproveitamos o solsticio de inverno para charlar con Diego Veiga, guitarra, letrista e voz do ritual druídico.

Fotos da banda por Leo López.

Moura confíanos os ingredientes para invocar a mellor psicodelia galega.

Pechastes o ano tocando no San Froilán e no Campo da Leña (A Coruña). Como foi volta aos escenarios, despois deste ano tan raro?

Un pouco estraña, pero moi desexada. A pesar das condicións, tiñamos moitas ganas de voltar a  tocar ante o público, máis cando sacamos o disco o 1 de abril, no medio de todo isto. No San Froilán tocamos dous días seguidos, todo moi ben organizado. No campo da Leña xuntouse demasiada xente e tivemos que parar á terceira canción (risas). Ía un día espectacular e supoño que tamén había moitas ganas de ver música en directo.

A pesar de que a xente estea sentada, agradécese que se fagan cousas. Creo que é viable e importante para todos os implicados no sector cultural: promotores, técnicos, músicos… Cunha boa organización é factible non ter que parar a cultura. Tocar xuntos é algo que desfrutamos moitísimo, onde sexa e como sexa (risas).

 

Lanzastes o álbum a principios da pandemia e, pese a todas as dificultades, foi todo un suceso de crítica e público. Como planeastes o lanzamento e a promo?

Foi un escenario completamente novo, non sabiamos canto ía durar. O disco xa estaba programado para esa data, e en marzo tiñamos todo pactado: lanzamento, entrevistas, reviews… así que decidimos tirar para diante. Tanto audiencia como crítica recibiron o proxecto moi ben. Agradecese que esteamos en decembro e siga a falarse do disco, pese a non presentalo en directo. Fala moi ben da proposta e do traballo que fixo Berto, do selo [Spinda Records]. Fixo unha promo contra vento e marea. E por suposto, tamén de todos os medios que vos achegades para falar de nós e do disco. Coa cantidade de discos que saen ao ano e toda a masificación de información do mundo no que vivimos… Tivemos a sorte dar un par de concertos e fixemos un streaming para o Monkeyweek. Están tamén por publicar dous concertos en Ourense e en Vigo, para Directo Xacobeo. E gravamos un tema novo, que agardamos publicar como single este ano. A pesares de todo, é para estar moi satisfeitos.

Moura confíanos os ingredientes para invocar a mellor psicodelia galega.

“Moura” é un disco debut, pero soa moi maduro. Nótanse as horas de voo e as traxectoria dos membros.

Xa non temos vinte anos, non (risas). Todos nos coñeciamos das nosas traxectorias anteriores. A Luis coñézoo xa dende a época de Holywater, e con Hugo e Luis coincidín moitas veces en concertos cando tiñan Guerrera, que era un grupazo. A Pedro coñecino nese centro neurálxico, xa  extinto, que era a Casa Tomada, despois Nave 1839. O primeiro disco sempre tarda en gravarse, pero o coñecermos propiciou ensamblar os gustos e caracteres dos cinco axiña.

 

En case todas as entrevistas falades da importancia destes espazos para a escena local.

No noso caso foi fundamental. Alí foi onde naceu Moura, nesa sinerxia de distintos ambientes. Por exemplo, eu e Fernando gravamos un single cun grupo grindcore como é Nashgul. Incluso tocamos alí, metendo interludios instrumentais entre os seus temas. Coñecín a moita xente coa que a priori non coincidía nos ambientes nos que me movo. Son espazos a reivindicar, sobre todo nestes tempos no que a nivel underground é difícil sacar cousas. Neles hai un público fixo que acude aos concertos e obradoiros, e xérase feedback entre o público e as bandas. Oxalá nazan máis destes espazos.

 

O primeiro tema no que traballastes é a versión do “Ronda das Mafarricas” do Zeca Afonso, corte que pecha o disco. Como xurdiu?

Foi unha petición dun colega, Nelson Quinteiro, para un documental que nunca se chegou a rematar. Xusto cando estabamos empezando coa banda, ensinounos o orixinal e pediunos “psicodelizalo” (risas), para cantar despois sobre el. Nesas improvisacións decatámonos que achegar ás raíces a esa mestura de psicodelia e progresivo funciona. Co tema de Zeca e cantar en galego (neste caso portugués), vimos unha vía interesante a explorar. Foi un “eureka” que nos abriu as portas. Despois de ensaialo e preparalo vimos claro cantar en galego e incorporar elementos tradicionais. Mirar cara Galiza en vez de para fóra, cousa que xa fixeramos dabondo nos grupos anteriores.

 

Unha das cousas que reivindicades son os precursores do progresivo galego, como Bibiano ou NHU.

Referentes do progresivo galego que conseguiran gravar hai poucos, entre eles NHU e Bibiano, como comentas. Temos un gusto bastante ecléctico, e a min en particular gústame facer “arqueoloxía musical”. Grazas a Internet descobres cousas, algo faiche click e vas tirando da corda. Desgraciadamente non hai moitas gravacións daquela época. Por iso, dunha música que sempre nos gustou facer, este tipo de psicodelia, vimos o xeito de poder continuar, humildemente, o labor deses precursores.

 

Abrides o disco con Eira, unha invitación comunal a cantar na leira. O riff sona moito aos primerios King Crimson. Como naceu o tema?

Eira foi o primeira tema propio que conseguimos pechar. A partir dun riff meu de inspiración claramente kingcrimsonianos (risas) foi xurdindo a improvisación, e fomos ensamblando as partes que trouxeron Hugo, Fer e os demais. Decidímolo gravar antes de pensar no disco. A nosa colega Iria do Castelo deixounos a súa casa-taller, e encerrámonos uns días para experimentar e probar o noso son. Foi o segundo paso, despois de “Ronda”, a constatación do camiño que queriamos seguir.

 

Nótase tamén as influencias da escena de Canterbury, hai pasaxe mais modais, case de jazz.

A Escena de Canterbury gústanos moito, con esa presenza dos teclados, e en xeral, toda a música que se fixo dende finais dos 60 a mediados dos 70. As influencias están aí e non as agochamos (risas). Introducindo esta identidade galego, dámoslle un aire novo.

 

Co segundo corte, “Da Interzona A Annexia”, pasamos do rural galego a Medio Oriente. Un tema con moitas influencias arabescas.

Encántame o folk británico. Investigando cheguei a Davey Graham, un guitarrista moi influínte que, viaxando por Marrocos, inventou a afinación DAGDAD, o estándar do folk británico. Graham dicía que había unha unión entre toda música que nace en Oriente Medio ata Irlanda. Se te pos a mirar, hai certas cadencias que se asemellan, é cuestión dun semitono achegalas. Todas as músicas do mundo están máis preto do que pensamos. E de aí xurdiu o tema.

 

Cando un pensa no rock progresivo, tende a lembrar sempre os Genesis ou os Pink Floyd. Mais o folk xogou un papel moi importante na escena progresiva, tanto en Gran Bretaña como en Galiza.

Nos 70 o boom do folk británico chegou tarde ao estado. Cando chegan os discos de bandas como Fairport Convention, Albion County Band, Pentagle, etc, comézanse a editar aquí cousas parecidas. Están os primeiros discos de Emilio Cao ou DOA, que tamén facían algo parecido. Sempre houbo xente facendo cousas moi interesantes en Galiza. Nós miramos cara atrás, intentando poñer en valor todo ese patrimonio, que estaba limitado quizais a ambientes máis folk. Hoxe en día temos cousas parecidas, coma a Xosé Luis Romero e Aliboria, mesturando folk con percusións brasileiras. Ao seu xeito tamén son progresivo. É un camiño aberto no que descobres moitas cousas, e nos motiva para seguir estudando.

Voltando ao disco… o terceiro corte, “ O Curioso Caso De Mademoiselle X”, é unha das favoritas do público.

Foi a primeira letra en galego que escribín e un dos primeiros temas que comezamos a ensaiar. Comeza moi folk e remata moi rock setenteiro. Ten ese punto épico dos medios tempos que lle gusta á xente para facer headbanging (risas). É un deses temas nos que comezas a improvisar sobre un riff sinxelo, e comeza a medrar e medrar. Como o resto dos temas, a composición baseouse en improvisar e ensamblar moitas ideas conxuntas. Son temas longos, pero a min gústame pensar que ao final podes tocalos nunha guitarra acústica, en tres minutos. Todos eses desenvolvementos xorden dun xeito natural.

 

Na gravación e nos directos acompáñavos os instrumentos e as voces da Irmandade Ártabra. Como xurdiu a colaboración?

Enfocámolo xa de cara a gravación. A través dos veciños da Cova Céltica (Diego é co-propietario do Ummagumma) comecei a coñecer a músicos que lles interesaba participar e ensinarnos. No proceso de gravación fomos vendo sitios onde podían encaixar pandeiretas, zanfoña, percusión… Foi unha colaboración importante no proceso creativo. Podemos dar certas instrucións, pero os que mellor saben como pode ensamblarse eses instrumentos son eles. Compartimos con eles os novos temas que estamos a compoñer, para que nos suxiran cousas. É unha sinerxia moi positiva na que aprendemos uns dos outros.

 

Falando diso, logo estades xa a traballar nun novo disco?

O disco editouse en abril do 2020, pero gravámolo e mesturámolo en 2019. Estamos xa con moitas ganas de facer temas novos e de gravalos canto antes. Xa gravamos un, “A muñeira da Maruxaina”, que tocamos no San Froilán. Esperamos que vexa a luz antes do verán, sen non hai novidade. E antes do verán comezar tamén a gravación do resto dos temas. Xa que nos teñen en casa, aproveitalo de xeito produtivo (risas).

 

Fernando, o tecladista leva un Hammond, e en redes sociais podemos vervos compartindo guitarras, efectos e demais ferramentas. Apostades tamén por un xeito artesanal de facer música.

Aínda somos deses pringados que cargamos con cousas vellas. Ás veces estráganse (risas). A música que facemos require de certo son, e levaríamos máis equipos se puidésemos permitírmonolo (risas). Gústannos o equipo antigo, as sonoridade que dan os efectos, ecos de cinta e demais avatares. Por construción, ningún soa igual dúas veces. Encántanos ese elemento de azar. Aí tivo grande culpa o noso produtor, J. Gutiérrez, que lle encanta sacarlle o mellor partido a este material.

 

Outra das cousas que máis chama atención é o coidado dos deseños e a produción audiovisual. Como vos describiriades para que non vos coñece? Cando vos escoito vénseme sempre á cabeza a película de The Wickerman.

Alégrame de que a menciones, é unha das miñas películas favoritas (risas). Todo o xénero do folk horror, esa combinación de terror con elementos etnográficos, é unha referencia importante. En Galiza estamos sobrados diso, cun patrimonio riquísimo, tanto material como inmaterial. Gustaríanos poder levar máis veces proxeccións, pero a realidade ás veces ponche o freo (risas). Todo concepto artístico, sexa musical ou doutra índole ten que ter coherencia. Gústanos coidar moito estes detalles, o deseño, as proxeccións e a estética. Intentamos ver a Moura como un concepto, unha experiencia.

Parece que empezan a rachar certos estereotipos no panorama galego e estatal, apostando por música no idioma, e reivindicando as raíces e a escena local.

Si, e a verdade é que xa era hora. Aquí en Galiza tes a Caldo, Boyanka Kostava, Baiuca… xéneros moi dispares. No estado están os Derbys (Motoreta’s burrito kachimba) e Atavismo. Propostas que adaptan as identidades de cada país. Nos 70 houbo certo movemento, pero máis limitado. Está o rock laietá en Cataluña, os primeiros grupos andaluces que mesturaban rock e flamenco, sobre todo Triana… Probablemente El patio sexa para min o mellor disco de rock progresivo en castelán.

Estase perdendo a vergoña, e son propostas de valor. Estabamos acostumados a escoitar música en alemán ou en francés, que che chega igualmente sen entender a letra. Por exemplo, a min encántame Gainsbourg, pero non entendo a letra. O meu pai non sabía inglés, pero mercaba os discos de Deep Purple e Pink Floyd. Falábase do idioma como un problema, cando nunca o foi. No caso do galego, están a racharse esas ataduras.

En Galiza estanse a facer cousas moi interesantes. Vai pouco puiden escoitar a maqueta do novo que están a facer a xente de Cró e Diola. Están tamén os rapaces de Néboa. Hai unha escena que goza de moita saúde, a pesar todo. Rabuñando en Internet, pouco a pouco, conseguimos sacar da cabeza.

 

No caso de Moura xa non houbo dúbida no tema do idioma, non? (Risas)

Chamámonos Moura, o ser mitolóxico totémico da tradición galego. Intentamos canalizar toda esa mística, lendas e supersticións do país. A única voz ritual só podía ser o galego.

 

Aproveitando o final do ano. Cal foi o disco que máis che sorprendeu do 2020?

Pois sen dúbida, Latexo de Xosé Luis Romero e Aliboria. Son fan acérrimo. Neste 2020 puiden ir a dous concertos, e é algo doutro planeta. Temos a sorte de ter no disco a algúns dos músicos de Aliboria, e é todo un orgullo.

 

E para os non iniciados, que disco recomendarías para alguén que quere entrar no mundo do rock progresivo?

Hai moitos, elixir un é difícil. Pero quizas o primeiro dos King Crimson, In the court of the Crimson King. A todo o mundo lle estoupa a cabeza a primeira vez que o escoitas. Ten esas fases de folk pastoral e pop que o fan quizais máis accesible. É un disco tolo, pero amable e revelador ao mesmo tempo. Aínda que o primeiro disco que escoitei deles foi o Larks’ Tongue in Aspics.

 

Podedes mercar a música e merch de Moura a través do seu bandcamp, e seguilos na súa conta de Instragram @Moura. Ah, e non esquezades de tomarlle unha no Ummagumma.

 

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí