Comezarei este artigo sendo o máis sincero posible; non é algo que ocorra acotío hoxe en día no xornalismo. Gústame Bob Dylan, pero penso que non cheguei nin a mergullarme no océano da súa música e letras. Polo tanto, considérome incapaz e sen competencias para centrar nun marco exclusivamente crítico unha crónica do seu concerto no multiusos Sánchez Paraíso (Salamanca) do pasado sábado 24 de marzo. Pese a todo, nas seguintes liñas contarei o vivido nese recinto, que reuniu a case 5.000 persoas para escoitar ao bardo de Minnesota.
“Puto viejo. Ni saluda, ni se despide el cabrón”, escoitábase dicir a un mozo no tendido baixo. Esa irrespectuosa frase pode servir para explicar o ambiente de desconexión que houbo entre público e artista. É chocante que aínda haxa público nos seus shows que non saiban que Dylan se limita durante todo o concerto unicamente a cantar e tocar e o seu xesto máis afectuoso co respectable pode ser o seu sorriso en certos momentos ou a súa mirada implacable cara ao auditorio ao rematar.
Xa desde o comezo viuse a que foi unha gran parte do público. Espero non esaxerar nas seguintes liñas, pero isto foi o que aconteceu. Unha voz feminina avisa ao público cinco minutos antes das 22.00 horas de que está prohibido o uso dos móbiles e a gravación do concerto. Pois na primeira canción os membros de seguridade xa tiñan traballo en todos os sectores. Esa necesidade moderna de amosarlle ao mundo onde estás e que estás a ver foi maior que gozar do concerto de Dylan. Moitos non entenderon as advertencias, e tentaron volver a sacar o móbil ao longo do espectáculo.
Mentres, sobre o escenario, cinco homes de negro acompañaban a un Nóbel de Literatura con americana branca e cabelo ao aire, sen o seu característico sombreiro. Para atopar a Bob Dylan había que dirixir a mirada tras o piano situado na parte dereita do escenario. Salvo en dúas cancións, non abandonaría ese lugar. Unha delas foi a xenial Once upon a time, unha versión dun tema de Tony Bennett. Foi erguido onde se veu por que Dylan, que fará en maio 78 anos, xa non toca a guitarra. Sen mover os pés durante esta canción, cando tivo que volver ao seu piano fíxoo con torpes movementos que só conseguiu ocultar parcialmente a penumbra na que se sumía o escenario tras cada corte.
O que non houbo foi silencios. Entre canción e canción a súa banda afinaba ata a extenuación, o que daba ao concerto a sensación de ser un conxunto musical sen fin. Outro síntoma de desconexión co público foi a ausencia entre os temas da noite deses grandes éxitos que moitos pensaban que ían escoitar por unha vez en directo. Pero se alguén no mundo da música ten o dereito a facer o que queira, ese é o bardo de Minnesota. Dylan tamén parece afastado desa figura que hai poucos anos interpretaba en festivais e auditorios de todo o mundo Like a rolling stone ou Knockin’ on Heaven’s Door. Iso que o fagan outros.
O concerto tivo dous grandes protagonistas: o blues e o rocanrol. Ao longo da carreira musical de Dylan, foron moitos os que o identificaron como un artista de rock e non un cantautor folk. “A súa maneira de tocar e totalmente híbrida. Musicalmente, non ten sentido para o académico. Cando toca o piano, só ten sentido para quen o escoita. Se es músico, dis: Que está a facer? Non ten sentido. A primeira vez que o escoitas, é inútil. Despois, pensas e dáste conta de que é perfecto”, díxolle Eric Clapton a John Bauldie sobre o estilo do de Minnesota nunha cita do libro Wanted Man: In Search of Bob Dylan.
A segunda desconexión do público co concerto viuse nos numerosos paseos que fixo parte dos presentes ás cantinas do auditorio. O movemento nas gradas e o foso foi constante. Pode que chamase en exceso a atención dun servidor, que recorrera case 500 quilómetros coa intención de non deixar pasar un segundo sen deleitarse con cada nota e canción. O lugar escollido para o concerto pode estar tras este tipo de comportamento, xa que nun teatro ou recinto máis pequeno –lugares nos que está a actuar Dylan nesta xira- é impensable que alguén chegue ao seu sitio en primeira fila cun litro de cervexa.
Resultou complexo abstraerse deses elementos externos. Pero é que o concerto foi soberbio. Dylan nunca deixa indiferente a ninguén. Eu, que chegaba avisado dos seus fracasos en terras galegas, non tiven dúbidas de que, tras case dúas horas de actuación, acababa de ver un espectáculo difícil de esquecer. Certo é que a gorxa de Dylan xa non emite os mesmos tons que hai dez ou vinte anos, pero é a súa figura sobre o escenario a que fai que cada canción semelle ser un himno. Incluso permitiuse erguerse para tocar intensamente algún solo de piano.
“Why can’t I be more conventional/People talk/People stare/So I try/But can’t be/’Cause I can’t see/My strange little world/Just go passing me by”, di a letra de Why try to change me now, de Fiona Apple, a segunda e última canción na que estivo de pé fronte ao público. Despois chegou outro dos temas máis coñecidos do setlist do artista, xunto a Desolation Row. Con Lovesick, Dylan marchou do escenario durante uns minutos. Houbo xente que pensou que non volvería e, abrigo en man, desfilou polas bocas de saída do auditorio.
Pero o de Minnesota saíu de novo. A melodía da seguinte canción, cun violín que trasladaba ao espectador ao sureste dos Estados Unidos, non axudaba a recoñecer un dos grandes éxitos de Dylan. Só cando o bardo dixo aquelo de “How many roads must a man walk down” a xente identificou Blowin’ in the wind. Pois, ao final, diso tratou o concerto. Dun afastamento tan completo do mito, que ata a súa canción máis célebre semellaba outra. Iso non choca coa fermosura desta versión, cunha melodía que, xunto á inconfundible letra, carga de optimismo a calquera.
Rematou o tema e o concerto faríao con Ballad of a thin man. Luces fóra. Grande ovación. Préndense de novo os focos do escenario e Bob Dylan e a súa banda forman un triángulo sobre o escenario, no que o de Minnesota se sitúa na parte máis próxima ao público, coas pernas ben abertas. Cinco segundos estiveron inmóbiles, mirando ao respectable (dun xeito similar ao da foto que encabeza este artigo), e marcharon en fila. Case dúas horas de Dylan darían para moitas análises pormenorizadas. Esta é unha humilde achega. A experiencia persoal da miña primeira vez fronte ese “puto viejo” que “ni saluda ni se despide”.
2. It Ain’t Me, Babe
3. Highway 61 Revisited
4. Simple Twist of Fate
5. Summer Days
6. Make You Feel My Love
7. Honest With Me
8. Tryin’ to Get to Heaven
9. Once Upon a Time
10. Pay in Blood
11. Tangled Up in Blue
12. Soon After Midnight
13. Early Roman Kings
14. Desolation Row
15. Spirit on the Water
16. Thunder on the Mountain
17. Why Try to Change Me Now
18. Love Sick
Encore:
19. Blowin’ in the Wind
20. Ballad of a Thin Man