A estación violenta. Ese tipo tan particular de tristura

Crítica de A estación violenta, a primeira película de Anxos Fazáns. Silencios, tristura, e un neno que se cría inmortal.

Cando era pequeno críame inmortal. Quizais non o verbalicei nunca así, pero sospeitaba que as regras non se me aplicaban, atrevíame a pensar que sería unha excepción, o primeiro da especie que duraría para sempre. Pero entón chegou unha clase de coñecemento do medio na primaria onde me revelaron que “sempre” tamén remataba. A profesora explicounos que o noso sol non era infinito, senón que semellante a unha bolsa de gasolina, ardía sen parar e, igual que o depósito dun coche, tamén un día se esgotaría. (Nota: souben despois que en realidade antes diso hai unha fase de expansión na que seremos engulidos pola estrela, pero vaia, que o efecto é o mesmo). Aclarou a mestra que non nos tiñamos que preocupar por iso, que non acontecería ata dentro de millóns de anos. Aquela lección inofensiva resultoume devastadora. Significaba que a Terra tiña data de caducidade, que daba igual que eu conseguise vivir para sempre, sortear todos os límites anatómicos, chegaría un momento no que sinxelamente non habería lugar onde vivir. Aínda cunha prórroga de millóns de anos, estaba destinado a morrer.

Os días seguintes estiveron cheos de terror silencioso. Cada vez que quedaba pensativo, antes de durmir pola noite, era presa do máis puro medo ao tomar consciencia da miña propia mortalidade. Era pequeno e non o lembro ben, pero diría que de xeito descontinuo estiven aterrorizado un mes enteiro. Ata que se me esgotou o medo. Xa non podía manter esa presión, non había máis dentro de min. Así que o pánico foi substituído por unha tristura morna e implacable, disfrazada de aceptación, porque os humanos nunca aceptamos a morte. Incapaz de seguir aterrorizado, entregueime a esa melancolía. A mesma que aínda hoxe me acompaña cando penso na miña propia finitude.

A estación violenta

Desa tristura fala A estación violenta. O filme de Anxos Fazáns abre cunha escena luminosa de xuventude, onde varios rapaces entre os que están os nosos protagonistas fican nus na area dunha praia e correndo desbocados entran na auga, como querendo comer o mundo. Fundido a negro, unha elipse de varios anos e cando volvemos a ver a eses mesmos personaxes xa pasaron por toda a fase de ilusión, medo e derrota. Non lles queda máis que tristura.

Claudia e David (Nerea Barros e Xosé Barato) son unha parella que volve a Compostela despois de varios anos, porque ela está moi enferma e vai morrer. Reúnense co seu amigo Manuel (Alberto Rolán), escritor e xornalista frustrado e sen recursos, que sobrevive como pode. Pasamos xunto a eles eses días de retorno, reencontros, nostalxia e demos do pasado. Os tres están atravesados por esa tristura tan particular, pero cada un mostra un matiz diferente. Claudia enfrontada á realidade da súa enfermidade e morte. David incapaz de pensar en que será de el despois de ela. E Manuel máis consciente que nunca ao velos de que o tempo se lle escapa e el continúa estático.

A estación violenta

Igual que nesa elipse negra, A estación violenta constrúese a través dos ocos e os silencios. Non vemos todas as fases dos personaxes pero intúense no cansazo vital que os acompaña. O tema das drogas está sempre pairando por riba da metraxe, sabemos que Manuel é aínda un adicto, que Claudia o foi, pero nunca se nos mostra alguén colocado ou nun subidón. Só aparece a patética resaca, a vida escrava do yonki (na figura de Darío interpretado por Morris), as ausencias dos amigos que xa non están, a propia dúbida apenas apuntada de que quizais a enfermidade de Claudia está relacionada co seu pasado de drogadicción.

—Vou morrer, amor.

—Ti tamén?

Dúas frases ditas moi rápido ao principio do filme, e nada máis. Tampouco imos ver a Claudia chorar ou berrar desesperada. Apenas hai unha fermosísima escena onde se deixa caer núa nunha toalla sobre unhas rochas, David a vai buscar para que non colla frío e ela intenta debatirse e loitar contra el. Parece agromar nesa reacción violenta algo do pánico de saberse no final, pero non dura máis que uns segundos e remata de novo acubillada nos brazos do seu mozo. Porque xa non ten forzas para o medo.

Nesa escena, Manuel observa todo desde unha fiestra. Manuel sempre observa, pero nunca fai. O seu terror é o de pasar pola vida sen conseguir ningún dos seus obxectivos, non lograr escribir nada relevante, non acadar ningún tipo de éxito profesional. Vémolo traballando na radio onde el mesmo se impide crecer, rexeita unha relación coa locutora porque non se sente con dereito a ser feliz. Pero non o vemos aterrorizado, xa vive nesa tristura apática. Non lle quedan enerxías para ter medo de non ser alguén, así que decide entregarse resignado a non ser ninguén.

Mentres pasaba a película lembrei en varias ocasións esa frase de Vinicius: “Tristeza não tem fim, felicidade sim”. Porque do mesmo xeito que nesa sentencia, A estación violenta podería parecer depresiva e case cínica, pero trae agochado un recanto vitalista. No seu estudo da melancolía hai sempre un lugar para a felicidade, aínda que esta sexa como unha pluma que require vento sen parar. Primeiro, e antes que en calquera outra cousa, cando Anxos Fazáns coloca a cámara sobre a pel núa. Hai longos pasaxes do filme onde os corpos enchen toda a pantalla e sen palabras vemos como a vida acontece silandeira, sen que importen as cuitas, porque polo menos estamos vivos. Os personaxes sen capacidade para loitar con verbas contra a tristura recorren ao máis básico, á proximidade do corpo alleo, expor a súa propia pel e sentila contra outra, tentando así facer o presente máis auténtico. Sen outros mecanismos no final, a marabilla do sangue correndo, a epiderme que se ouriza co frío e o corazón latindo son a última liña de defensa.

Pero non a única. A película parece dicirnos que pode que a melancolía acabe sempre por volver, pero teremos sempre un refuxio contra ela na beleza. Se as historias de David, Claudia e Manuel son océanos de tristura, hai illotes de felicidade aos que acceder desfrutando das cousas fermosas. A paisaxe das rías baixas é reclamada pola propia Claudia para ser testemuña dos seus últimos días. Colocada como fondo de luxo, hai unha ollada ao mar que se mestura co verde, chea dunha serenidade e paz da que as personaxes parecen beber. Non só nos grandes planos de longas paisaxes, senón tamén nos detalles. Hai uns segundos onde a cámara se pousa sobre a auga, case como unha fotografía, e mostra o fondo transparente cheo de cores e de vida. Bulicio e carnaval fronte ao desespero.

Esa mesma algarabía descóbrese nos concertos que percorren o filme. Unha festa na illa de San Simón, un local de directo en Santiago, Atras tigre, Contenedor de mierda, The soul jacket. Case funciona a modo de paseo a través da escena galega, pola que os personaxes se deixan arrastrar, punk, rock e electrónica, esquecendo as tristuras nos ritmos e nos riffs. A canción dos orfos que cantan Claudia e David, case como un exorcismo, o sorriso dos tres ao atopar o vinilo onde está gravado ese tema. Pero sobre todos os demais, quero destacar o momento en que Daniela (interpretada por Laura LaMontagne) canta coa súa guitarra Azulejos, nunha tarde chea de luz, como se fose a esperanza entrando brillante pola fiestra.

Se Manuel é o protagonista da película en realidade é porque viven nel todos estes elementos dos que falamos. Se está frustrado por ser escritor, a propia literatura é a súa salvación, por iso as portadas dos libros non paran de perseguilo por toda o filme. Se a tristura de saber que vai perder a Claudia ameaza con derrubalo de todo, aparece Daniela como un faro que lle axuda a volver a terra. Tristura non ten fin, felicidade si.

A estación violenta está habitada de silencios. E haberá momentos nos que pensaremos que está a piques de berrar ou que a acción vai rematar por sucederse e as personaxes non terán máis remedio que dicirse todo o que non se atreven a poñer en palabras. Pero Anxos Fazáns non o permite. Porque non lle interesa a catarse e a revelación. A estación violenta non quere ensinarche ao neniño con medo ao descubrir que o sol vai estoupar. Mira para o adulto que pasará o resto da súa vida sabendo dese inevitable final. E con todo, hai que vivir.

A estación violenta

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

1 COMENTARIO

  1. Gustoume moito o teu comentario sobre o filme e como relacionas a túa historia persoal no comezo para pechar o texto. Moitas grazas. Vexo que a parte filmográfica da revista lévala xa ti de cabeza. 😉
    Terei que ver a película e conversaremos!

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí