Quen somos

Pois somos a grande horda mongola que corre imparable contra ti

Diso exactamente vai A que cheira, papá? De poñer unha pregunta no título, ter un riso nervioso ao atreverse e pechar os ollos esperando que todo saia ben.

Lanzamos o A que cheira, papá? porque sentimos que hai oco para un proxecto coma este. Un magazine para falar de cultura galega, desde unha perspectiva nova e fresca, fóra dos circuítos xa coñecidos ou das voces de sempre. Un espazo onde poder falar en galego de culturas e proxectos de todas as partes do mundo, coa ollada que nós lle poidamos dar. Coa vontade sempre de ser orixinais, divertidos, sinceros e independentes.

Se estás interesada en colaborar co proxecto, pincha, aquí. Se queres saber máis de nós, podemos presentarnos:

 

Brais Capelán
Nado no 1993 en Mesoiro e criado en Feáns (A Coruña), é un permanente estudante que emigrou a Madrid para facer Comunicación Audiovisual e voltou a Galiza para traballar coma xornalista en La Voz de Galicia. Amante do cine, os videoxogos e a farándula en xeral, ten as súas bases de operacións na zona centro e sur da provincia da Coruña, principalmente na súa terra natal e en Compostela.

Violeta Pérez
Natural de Koru, renega do “La” e do “neno”. Afincada vai ti a saber onde, os seus pais mercaron unha casa preto do aeroporto porque sabían a que lles ía caer. Ás veces pensa que é punki pero acaba pasándoselle. Catedrática emérita en petardeo e Ciencias Mariquíticas, de tolos tamén entende. Do resto non.

Philip Webb
Nado en Milton Keynes (Reino Unido), actualmente vive en A Coruña como émigré (parecido a un inmigrante, pero moralmente superior a este polo feito de ser doutra categoría social e non ter ningunha necesidade económica de emigrar). É autor de numerosos correos electrónicos, Whatsapps e listas de compras. Nos últimos anos participou nos certames literarios Nortear e Manuel Murguía – premios de indiscutible relevancia no marco galego. Ou sexa, participou pero non gañou. O importante é participar.

Diego C. Val
Burelao, burelés e burelense. É un pasmón peatón con opinión. Cos pés considérase ambidiextro porque lle pega á bóla igual de mal con ambos, polo que se aquí as mans lle dan para ir colocando tan ben os puntos como no seu apelido, algo estará indo con xeito (?). Ocasional tradutor freelance de Facebook. Cre no Hevi todopoderoso.

Laura Bellas
Coruñesa de incógnito, chiscadora de ollos amateur e suprema garabateadora en sobres de propaganda. Adoita estar tan confusa que podería atacarse a si mesma. Goza modificando vocablos, chegou aquí á espera de que escribir fixera dela unha mellor persiana (fallou estrepitosamente).

Guillermo Rodicio
Um, si, naceu en León. Despois de deambular polas categorías inferiores do fútbol valdeorrés, milita actualmente como monxe activo nas filas da orde da Santa Oposición. Refinado gourmet da filloa, insumiso lector en papel, aficionado sendeirista, insoportable adxectivador. Tamén intenta inventarse historias. De cine sabe máis Diego.

Darío M.J
Coruñés de monte, melómano empedernido. Capaz de recomendarche 200 grupos distintos en 5 minutos de conversa. Afeccionado aos videoxogos, alguén di que é un gafapasta pero el cre que é un punk. Esperto en historia soviética e cociñeiro só ocasional, xa que desde que comprou unha crockpot que cociña por el non é o mesmo.

Víctor Fernandez Alves
Nado na vila de Camariñas no ano 1992 dun xeito un tanto accidentado: a súa nai rompeu augas tras pillar unha fochanca co coche. Dedicou parte do seu tempo a traballar detrás da barra, aínda que foi maior a estancia diante dela cunha cervexa na man. Anda un pouco perdido. Fiel admirador de mercar libros e non ter sitio onde poñelos. Fala de todo, non sabe de nada…

Clara Vidal
Nada na Coruña, todo indica que noutra vida foi medio serea. Amante do mar e da poesía, ten a capacidade de transformar todo o que escoita e ve en estrofas. Gosta do silencio, mais non cala a boca. Especializada en Filoloxía, estudou todas as disciplinas e artes para acabar reducindo o xénero poético a un grao superior do que non a sacan e ao que para ela non chega ningunha outra manifestación artística. E como conduce todo ao verso, de historias sabe máis Guillermo.

Laura Lamier da Sousa
Baiana residente en Toulouse, con saudades dos seus anos galegos de universidade. Non entende como a temos convencido para escribir aquí se considera en xeral as nosas opinións como máis ben mediocres. Insiste en que este debuxo de Marceline é o que mellor a descrebe no mundo.

 

 

 

Colaboradores (sospeitosos) habituais