A-6 e ferro a fondo nunha noite de Samaín

Un conto terrorífico de autoestrada para unha noite de Samaín. O Rubén mestura a alma cochista do país coas almas en pena, para que leades hoxe en baixiño diante do lume máis longo.

Se o chego a saber, facíalle caso a María e quedaba a durmir. Ás tres da mañá só cruzan a A-6 camioneiros (porque non lles queda outra) e esganados (porque non lles dá para máis). E eu, esganadísimo, que tiña que durmir na Coruña, home! “Nada, non te preocupes! A A-6 non é mala estrada e a estas horas podo zouparlle. Ás tres estou na Coruña, xa na cama”. Ao final, co que chovía, nin zouparlle nin vírgenes. Algo si que lle pisei, a verdade, porque estaba toda a autoestrada para min. Cando vía as luces dun coche ou dun camión ao lonxe, aínda lle pisaba máis, porque eu estaba no meu videoclip de llanero solitario e tiña que estar só.

O conto foi cando pasei Baamonde. Eu ía ao meu e ao lonxe vexo as luces dun camión. E alá vou, coma o bobo, a intentar adiantarlle. Veña leña al mono, Torete! E cando me estaba achegando, que a autovía fai así un pouco de curva, vexo que diante do camión vai unha caravana de trinta ou corenta coches. Que cousa máis rara. E eu de bobo, tiña que adiantarlle a todos, claro. E alá vou. Xa nin o intermitente puxen. Baixei marcha coma os de A todo gas e lume.

Ao pasarle ao do camión (que lle zoupaba de carallo tamén) vin que daba cabezadas e así, e eu: “Este vai armar un cristo…”. E logo paseille ao seguinte coche, que vin que daba algunha ese. “Ai, estamos bos” pensei. Pero o conto era raro, porque ningún dos outros coches ía ben tampouco. Outro falando polo teléfono, outro discutindo co do lado, outro apagando un pitillo que lle caera nas pernas, algún que ía durmindo enriba do volante… E todos en caravana, ningún se escarallaba. Pero cando me estou poñendo á altura do que ía segundo na caravana aquela, vexo que é unha persoa que me mira con desesperación, como dicíndome que non adiante; e fíxome, e está cunha man no volante e coa outra así como querendo protexer un neno pequeno que ía sentado de copiloto. E xa non quixen ver o primeiro coche. Acojoneime de verdade.

Metinme á mediana e dixen “Que lle den polo cu á caravana esta!” E nisto que paro e empezo a ver os coches todos que adiantara polo retrovisor. Vexo o que viña durmindo que trae a defensa desfeita, o do teléfono cun corzo metido no radiador, do lado do copiloto. Ningún dos coches viña enteiro! Ata o camión, o primeiro que adiantei, traía un coche chantado nunha aleta. E eu que sei, tío, eu que sei o que era aquilo, nin quen me mandaba a min cruzar a A-6 desas horas!

A-6 e ferro a fondo nunha noite de Samaín

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí