A dimensión palla

Relato que reflexiona sobre o necesario dunha educación sanitaria forzosa e institucional. Baseado vagamente nunha idea de Miguel Noguera no seu libro "Ultraviolencia"

Este debuxo tamén é de Noguera

Todo o tempo que pasaba facéndose pallas era unha obriga, unha adicción que lle perseguía e escravizaba, ou era o único momento en que era verdadeiramente libre? Tratábase de dúas persoas que compartían corpo, ou unha soa atrapada pola súa máscara, xa fose a social, de traballo muller e fillos, ou esa viciosa e privada de palla espasmódica cada 3 horas aproximadamente?

Cando remataba, saía do retrete e limpábase no lavabo. Minucioso, xuntaba as mans molladas baixo o secador e xa que estaba rezaba unha oración. Mataba dous paxaros dun tiro e sen querer entraba noutra dimensión palla. Porque aqueles 10 segundos de Ave María, unhas catro veces ao día, 7 días por semana, facían que o domingo non tivese que ir a misa. Ou quizais en realidade aínda que deixase as mans molladas, de tódolos xeitos non iría comungar. Convivía nel un cristián que nunca se masturbaba e ía a misa, e simplemente arranxaban o seu horario daquel xeito para ir tirando?

Na consulta do médico tocouse unha vez no curto período de tempo no que o doutor saíra buscar unhas análises. E pensou en que tería unha próstata portentosamente musculada, gracias a un adestramento disciplinado e incesante. Iso aforraría moito tempo en futuras revisións e problemáticas asociadas. Déralle moito gustiño, ademais. A confluencia de propósitos era o suficientemente excitante como para non ter que pensar na enfermeira da recepción, un pouco rechonchiña e de pelo rizo, que lle sorría ao pedirlle cita. Vaia, tamén estaba pensando nela. Sería o vicioso adolescente que se impuña agora, matando o tempo con fantasías.

Se a globalización e os salarios demasiado altos non tivesen levado toda a construción naval aos portos asiáticos, probablemente non se tería feito tanta palla triste a soas no estaleiro. Teríase corrido as mesmas veces, pero de xeito máis alegre, armando barcos, nas esquinas dos buques que singrarían os mares do mundo. O día en que o acabaron por despedir, volveu pola noite ao despacho do señor Suárez e derramouse varias veces por riba do seu escritorio, comendo plátanos entre unha e outra para recuperar forzas. Conseguiu vinganza, pracer e a dose diaria de potasio nun só movemento, interrompido apenas por limitacións anatómicas. Claro que o señor Suárez sempre se portara ben con el, e xubilábase practicamente coa pensión completa. Vingábase de todos os anos que perdera alá sen facer nada de proveito, ou coárase nas oficinas só porque tiña unha escusa poética para se tocar alí unha vez máis? Si. Que si a todo.

Chegou aos 117 anos de idade cunha saúde de ferro, convencido de que lle arrincara moitos anos de ancianidade á parca, palla a palla. Non había moita lóxica niso, xa que a cousa da eficiencia é aproveitar mellor o tempo, non estiralo, pero por outra banda tiña 117 anos e era difícil levarlle a contraria. Sobreviviu á muller, a dous dos tres fillos, e pasou os seus últimos días medio xordo e cego. Alí, diante da solitaria fiestra da residencia, visitou a terra da masturbación con toda a asiduidade que lle permitiron as súas decrépitas articulacións, sen facer moito máis, ata a mesma mañá da súa morte.

Haberá quen diga que foi nesa última época, nu xa de toda obriga e inmune na senectude, cando saíu a relucir o seu verdadeiro ser, a súa esencia. Pode ser. Pero tamén é posible que todos os homes que lle viviran dentro fosen morrendo antes ou despois ao longo dos anos, ata que só quedou el, o que vivía na dimensión palla, agardando. Despois de todo, fora o que máis tempo libre tivera.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí