A galegada marcha para o Bad North: unha epopea músico-dixital.

Unha partida ao Bad North que se converte en epopea imaxinaria, ao cambiar a BSO por unha escolma de música tradicional galega. Virse arriba.

O poder de fliparse é de cotío minusvalorado. Entendamos aquí fliparse como esa potencia da imaxinación de pensarse no centro dunha historia que te contas a ti mesmo. Se cadra o problema é que este mecanismo (como tantos outros) foi cooptado pola linguaxe corporativa e o mundo management, con lemas como “fake it till you make it”, que, con bo criterio, disparan as nosas alarmas mentais.

Sorteando todas as trapalladas do marketing empresarial, hoxe veño contarvos unha historia de virse arriba, un mecanismo resolución de problemas a través de motivarse, como un pracer feito no tempo de lecer. Os videoxogos, quizais máis que ningunha outra arte, parecen estar pedindo que te flipes mentres os consumes. A literatura ou o cinema poden reclamar un sentido crítico, mesmo un compromiso de consumo activo, mais nada te permite crear historias como un videxogo que deixa portas abertas.

Bad North é un xogo minimalista, onde manexas unhas tropas que teñen que defender as casas dunha illa do ataque viquingo que cae sobre elas. Se es quen de sobrevivir, podes avanzar á seguinte illa, facer outra resistencia e volver avanzar, sempre en dirección o Bad North onde rematará a viaxe. Bad North é un rogue like, o que significa que cada partida as tropas e illas serán diferentes. Ah si, e a morte é permanente, de xeito que o game over obriga a comezar desde o comezo. E xa che digo que vas morrer, porque Bad North é un xogo implacable. Non ten mecánicas complexas, mais castiga os pequenos erros sen piedade e un par de malas decisións nun combate acaba co teu exercito derrotado moi moi rápido.

A galegada marcha para o Bad North: unha epopea músico-dixital.

A cousa é que botei varias partidas e o xogo era divertido, pero nunca era quen de rematalo e chegar ao Bad North. Esixía moita concentración durante toda a partida  sen dar nada a cambio, non había historia, nin outra motivación que o propio reto para logralo. Así que decidín inventarlle eu unha trama, a ver se dese xeito conseguía estar durante toda a run metido e non cometer erros. Para facer esa invención, metín man unha parte que o xogo non explotaba: a música. Substituín a BSO minimalista do xogo por unha playlist de Spotify de música tradicional galega, folk cláisico e outro máis moderno ordeado de xeito máis ou menos cronolóxico. A idea era que a historia que contaba a playlist metaforicamente lograse mesturarse cos acontecementos do xogo.

 

O resultado dese experimento é esta historia. Iniciamos partida e…

 

A illa inicial chámase Varoya, nome xerado aleatoriamente, e a canción que puxen de comezo na playlist é No castro de Baroña, de Milladoiro. Vale, vale, isto é inmersivo. O castro mirando o océano era a nosa casa, ou polo menos érao nesa altura, ata que os intentos de conquista se volveron, se non mortais, si incómodos. Hum, non o pensara ata esta partida, mais se cadra en realidade non imos cara o Bad North buscando algo, senón escapando. Claro, é unha historia de refuxiados! A nosa música antes de marchar de Varoya é unha gaita no ar, mais aos poucos vai nacendo un retumbar de tambores, o son dun pobo que se comeza a acostumar a pelexar pero que aínda soña coa paz. Se cadra por iso escapamos. Si, a galegada marcha para o Bad North, neste primeiro momento, pensando que alí poderá vivir tranquila, non afogada polo medo. Varoya era un puntal verde e tranquilo, mais quizais o horizonte teña algo mellor agardando. Non imaxinaban o que había de vir.

Os primeiros combates, nas primeiras illas, son sinxelos, case de trámite. As nosas tropas gañan sen apenas baixas e pasamos longas tempadas en cada illa antes de marchar. Parecería que a galegada é a mesma que vivía en Varoya, mais para un observador atento, algúns cambios son evidentes. A loita comeza a ser parte da nosa vida e isto tamén ten ecos na música. Aparece un novo xeito de cantar, as letras invitan ao enfrontar ao inimigo, un grupo chamado A quenlla escribe “Abril de ferro e lume” que di: “É o tempo do combate e o clamor, da afirmación enteira máis baril. É o tempo do incendio abrasador, baixo este ceo purísimo de abril.” Cando cantamos estes novos versos nas tardes longas, as cancións son dalgún xeito amables e animadas, tenras, mais cancións de guerra no enfín. Os gaiteiros compoñen marchas e pasodobles marcados, e cando navegamos a xente de Milladoiro colócase en proa e toca a desafío.

 

A primavera agasalla con calor as illas do enorme arquipélago onde vivimos. En cada illa montamos pequenos poboados, traballamos a terra unha tempada antes de pensar nun novo lugar. Con todo, a espada sempre pronta fai que nesta época a nosa música tradicional acolla novos significados. Nunha noite de lúa nova, teño medo de que os invasores aproveiten a falta de luz e non consigo durmir. Saio a dar unha volta pola aldea e xunto a unha casa escoito unha vella cantaruxar. Un pícaro ten o mesmo medo ca min, non concilia o sono e a súa avoa canta no berce “A este neniño pequeno, quen lle vai a dar a teta, súa nai vai no muíño, e seu pai na leña seca.Recoñezo a voz da muller: o pai dese neno é un dos nosos arqueiros, a súa nai unha das primeiras lanceiras que adestramos. Ambos fan garda esta noite. Non tivemos tempo de construír ningún muíño nesta illa.

 

No final da primavera arribamos á casa dun pobo veciño. Virgil, o seu comandante, fainos os agasallos da hospitalidade e acóllenos na súa casa. Ao calor do viño e o lume cóntanos que eles mesmos levan tempo sendo asediados, e que pensaron que se cadra os pobos máis ao sur como o noso xa foran arrasados polos invasores. Non pasan nin dúas xornadas antes de que suframos un ataque. A illa de Virgil é moi cha e os inimigos chegan desde todas as direccións; coloco os arqueiros no medio e movo ás tropas máis rápidas nunha esquina para que poidan atacar polo flanco. Cando remata a batalla, a galegada recupera a normalidade cunha velocidade que impresiona a Virgil. A súa xente sufriu máis baixas ca nós, e iso que non estiveron no máis duro da pelexa. Recuperámonos durante uns días, pero cando botamos os barcos ao mar, a xente de Virgil decide virse connosco. Aprendémoslles a loitar coa espada e o escudo, e de andar con eles vexo como tamén o seu vibrar vaise mesturando co noso. Bailan na Lubre, manexan a guitarra, tocan coma nós o flautín pero tamén sopran nun novo tubo ao que chaman saxofón. Alcumamos á súa música o Noró, o ritmo do norte, pero non tarda moito en ser unha soa cousa coa nosa. Nalgunha illa, pasadas as semanas, vexo como unha rapaza de Virgil e un galego co que anda namorando cantan de corrido unha canción nova, de morriña polas illas onde creceron:Se algunha vez decidiras regresar, te-la miña porta aberta, unha fala e un cantar. Heite de amar e máis hei, heite de amar e mais hei. Non me perda-lo cariño e non che perderei a lei.” Non quero que ningún dos dous morra en combate. Teño medo de ser peor comandante por coñecelos.

 

Chega un momento en que deixamos de pensar nas illas como posibles fogares para velas como un eterno discorrer, pedras no camiño. Fixémonos nómades antes de imaxinarnos como tales. Agora pasaron as estacións cálidas e eu perdín a conta de cantas resistencias fixemos. Seguimos tendo o Bad North como obxectivo último, a nosa Xerusalén, quizais xa máis un mito para animarnos neste peregrinar do que un obxectivo real. Existe o Bad North?

O que sen dúbida existe son os inimigos. Ao comezo gañabamos por superioridade numérica, a forza dos invasores estaba na súa capacidade para desgastarnos no tempo, mais agora virou a mesa e son eles os que chegan en horda, ás veces acompañados por loitadores cun estraño equipamento que semella oriental, ás veces con xigantes grises de máis de tres metros que parecen indestrutibles. A clave para nós é termos soldados especializados e con experiencia, coñecer os puntos máis favorables na orografía. Cada nova illa é un tesouro; as veces mesmo literalmente. Unha espadeira da compañía de Irwyn atopou enterrado un estraño corno, marcado con runas e o debuxo dun cervo branco. Deixei que quedase con el, mais advertíndolle que debía empregalo con cautela. Vina presumir do instrumento fronte as compañeiras, facerlle odas e describir en versos requintados a fermosura do seu gravado, mais nunca sopraba nele. Ata o momento de escuridade. Nunha illa estreita, onde a única protección era un promontorio no sur, as espadeiras gardaban a praia norte, o punto máis perigoso. De entre a brétema da noite asomou unha barcaza e sobre ela tres xigantes, de casco prateado e espadas máis longas que a altura nun home. Agochados polos elementos, non os vimos ata que xa estaban sobre nós. Botaron pé a area e os seus brazos inhumanos abaneaban segando vidas dos nosos espadeiros. Pánico, morte, nus segundos perdéramos moitos homes e a compañía ameazaba con entrar en desbandada. Xireime e berrei: Toca agora o teu corno, espadeira de Irwyn! Vina sacar o instrumento, levalo aos beizos e co aire as runas pareceron tinguirse de branco, lanzou un son alto e limpo que parecía ir acompañado de pandeiretas. Ardeu a música na alma das espadeiras e comezaron a cantar como cantigueiras enfervecidas, furiosas, mantendo coas súas voces vivo o son do corno, que parecía mesmo revivir os mortos: “Agora que veu a guerra, leváde-los homes todo, levade o meu queridiño, lévame a vista dos ollos”. Caeron os xigantes, afundidos no cantar. Sobrevivimos, por milagre.

 

Hoxe o vento zoou do sur e pensei en como de lonxe estará Varoya. Navegamos tanto e tan lonxe que aquí ata o mar parece diferente, máis escuro e bravo. Quixera ser dos paxaros, di unha canción do noso pobo, e eu agora tamén desexaría erguer o voo aínda que fose só por un día e volver a ver a miña illa, o espigón verde dos meus antergos. Mais xa non somos só os fillos de Varoya. Igual que pasou con Virgil, fomos atopando novos aliados nesta nosa odisea, o vento do sur empuxa os barcos da galegada e tamén os de Gareth, Selwyn, Jontur e outros. A música de todos eles deu en mesturas insospeitadas e agroman grupos con nomes que me parecen tan exóticos como Berrogüeto, Trilitrate, Caxade. Algunhas novas cancións que non son nin para cantar, nin traballar nin bailar, só para escoitalas e fascinarse. Nunca puidera imaxinar algo como isto.

Foi Selwyn, o líder dos mellores arqueiros que eu nunca tiven a sorte de ver, quen me falou do paso de Tindholmur. Dous grandes remuíños estreitan o mar e xuntan nunha illa relativamente grande, á que é difícil acceder e que podería ser complicado defender, sen outros camiños alternativos que puidésemos tomar. Decido que o mellor é dividir a nosa xente (creo que é a primeira vez que penso neste grupo como nun “nós”) e avanzar cos máis expertos, deixando atrás un posto de retagarda con Jontur, por se non puidésemos chega a Tindholmur en seguranza. O vento sur axudounos unha vez máis e o acceso foi sinxelo. Na primeira noite que pasamos alí sufrimos un ataque pero puidemos rexeitalo tamén con facilidade. Montamos campamento e agardamos polos barcos de Jontur. Non chegaron. Pasada unha semana, decidín volver ata o lugar onde os deixaramos, acompañado só pola miña compañía persoal. Atopamos a illa arrasada, os cadáveres ciscados, ata os dos inimigos que conseguiron abatir, ninguén se preocupou por darlles sepultura. Atopei a Jontur, a quen consideraba un querido amigo, a quen lle regalei un dos meus aneis de comando, no alto dun penedo, atravesado por unha frecha no peito. Entre bágoas, montamos unha pira e deixamos que o lume os limpase. Parou o vento, as lapas erguéronse coma varas cara o ceo e co fume nos ollos, cantou a miña xente un canto fúnebre coa voz da Faltriqueira axudádeme a cantare mozas da miña aldea, axudádeme a cantare que estou en terra allea, ai alala ai alala, ai alala.”

A morte de Jontur foi primeiro unha pedra nos nosos ánimos, “ábrelle a fenda, ábrelle a fenda, xa non son lobos os homes, son bestas cegas”, como podiamos loitar contra un inimigo así, que non comprendiamos, que non quería negociar, falar, nin roubar, que nos perseguiría por todo o mar durante leguas infindas de treboadas apenas para vernos mortos?

Non. A desesperación non calou no peito da galegada, cando contei as tristes novas na reunión que fixemos ao regresar a Tindholmur. Carraxe, ira, iso prendeu nos seus corazóns: “Mais todos nós ben sabemos, aínda non nos sobra memoria, Mozos da terra emigrante, da Galiza xenerosa, non deixemos que nos rouben, a Patria do pobo, A Nosa”. A cantiga de guerra pasou a ser cantiga de vinganza, afiáronse as armas. Marchamos para o Bad North, mais agora xa non escapabamos, buscabamos o noso destino.

 

Fixerámonos máis duros, o inverno xa nos rodeaba sen ambaxes e a neve cubría todas as illas nas que parabamos. A última en unirse a nós, neste inverno final, foi Rowena, muller de poucas palabras e brazo férreo á que confiaría a miña vida. Coa xente de Rowena e o final preto de nós, a música da galegada acabou por explotar e cambiar de xeitos inesperados. O xenio de Peón trouxo os metais e o ritmo de batalla era pesado e implacable. A voz dun vello cantando (de novo) sobre un muíño, modificada co sintetizador, a gaita acompañada do de ritmo electrónico de Baiuca. Xa non había coherencia interna pero a nosa furia non se preocupaba por detalles así. Loitamos con tal fereza que os combates máis complicados, cos que os inimigos intentaban evitar que chegásemos ao noso destino, acabaron resultando fáciles.

E chegamos ao Bad North, a illa de Norby, o último fogar. Baixo unha nevarada fixemos a nosa última resistencia e matamos a todos os inimigos. Gañamos, por pirmeira vez batín o xogo. Da nosa vida a partir de aí terán que falar outros novos cronistas, a miña voz remata co meu cargo de comandante, que xa non é preciso, pois xa non hai invasores. Para pechar o noso canto, volven soar os tambores de Milladoiro, os mesmos cos que despediamos Varoya ao comezo, homenaxe e se cadra sospeita de que todas as Odiseas son circulares. En todo caso son boas pezas.

 

 

Deixo por aquí a lista de Spotify, que podedes atopar tamén alí buscando “Bad North” nesa plataforma. Podedes escoitala xogando ao xogo, que está relativamente barato en Steam, xa ten uns anos. Ou podedes poñer a música mirando pola fiestra e imaxinar outras epopeas doutros xeitos claro. Quen escribe sempre fai convites.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

2 COMENTARIOS

    • Se o xogo non te solta da gorxa sempre se pode deixar aparte e imaxinarlle historias a playlist coa imaxinación do escritor coma ti! Mil grazas por ler e comentar Amador.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí