“A muller do estudante” de Raymond Carver

Tradución de "The Student's Wife", relato publicado na colección Will You Please Be Quiet, Please? (1976) de Raymond Carver

A muller do estudante

Estivera léndolle algo de Rilke, un poeta que admiraba, cando ela quedou durmida coa cabeza na almofada del. Gustáballe ler en alto, e lía ben —unha voz segura e sonora, agora cun ton baixo e sombrío, agora crecente, agora emocionante. Nunca quitaba ollo da páxina da que lía e só se detía para coller da mesa de cabeceira un cigarro. Era unha rica voz que a inducía nun soño de caravanas a saír de cidades amuralladas e barbudos homes en túnicas. Ela prestáralle atención durante uns minutos para despois pechar os ollos e adormecer.

Continuou a ler en alto. Os rapaces levaban durmidos xa horas e fóra un coche circulaba de cando en cando polo pavimento mollado. Despois dun tempo deixou o libro e virouse na cama para acadar a lámpada. Ela abriu os ollos de súpeto, como aterrada, pestanexando dúas ou tres veces. A el as súas pálpebras semellábanlle curiosamente escuras e carnosas ao esmuxicaren arriba e abaixo sobre os fixos ollos vidrosos. Mirouna.

«Andas a soñar?» preguntou.

Ela asentiu e elevou a man, tocando cos dedos os rolos que tiña a cada lado da cabeza. O día seguinte sería venres, o día no que lle tocaban todos os rapaces de catro a sete anos nos apartamentos Woodlawn. El continuou mirándoa, apoiándose no cóbado, intentando estirar ao mesmo tempo a colcha coa man libre. Ela tiña unha face de pel suave con prominentes pómulos; os pómulos, insistíalle ás veces ás amizades, viñan do seu pai, quen fora un cuarto Nez Percé.

Daquela: «Faime un emparedado de algo, Mike. Con manteiga e leituga e sal na rebanda».

El nin fixo nin dixo nada porque quería marchar durmir. Mais cando abriu os ollos ela estaba esperta todavía, ollándoo.

A muller do estudante de Raymond Carver
Summer in the City, de Edward Hopper

«Non podes ir durmir, Nan?» dixo, moi solemnemente. «É tarde».

«Gostaría de comer algo primeiro» dixo ela. «Dóenme as pernas e os brazos por algún motivo, e estou famenta».

El gruñiu con profusión ao saír da cama.

Preparoulle o emparedado e levoullo nun pratiño. Ela incorporouse na cama e sorriu cando entrou de volta na habitación, para despois deslizar unha almofada para detrás das costas ao coller o pratiño. El pensou que semellaba unha paciente de hospital ao vela no seu camisón branco.

«Vaia soño máis estraño tiven».

«Que estabas a soñar?» dixo el, meténdose na cama e virándose cara o seu lado, lonxe dela. Ollou fixamente a mesa de cabeceira, á espera. Logo pechou os ollos devagar.

«De verdade queres sabelo?» dixo ela.

«Quero» dixo el.

Ela recostouse confortabelmente na almofada e apañou unha faragulla do labio.

«Bon. Parecía como un prolongado soño, xa sabes, cunha chea de cousas a ocorrer, mais non podo lembrar todo neste momento. Víao con nitidez cando espertei e agora comeza a se esvaecer. Canto tempo estiven a durmir, Mike? Pouco importa, imaxino. Tanto ten, creo que era algo como que estabamos a pasar nalgures a noite. Non sei onde estaban os rapaces, mais eramos só nós dous nalgún pequeno hotel ou así. Era á beira dalgún lago que non coñeciamos. Alí había outra parella, maior, que nos quería dar unha volta na súa motora». Riu ao lembralo, e botouse cara adiante, separándose da almofada. «O seguinte que recordo é estarmos no embarcadoiro. Polo que for, só tiñan un asento no barco, un tipo de banco na proa no que só había oco para tres. Ti e máis eu comezamos a rifar sobre quen se ía sacrificar sentando na popa. Ti dixeches que serías ti e eu dixen que sería eu. Mais á fin fun eu quen sentou toda apertada alí. Era tan estreito que mancou as miñas pernas e temía que a auga fose pasar por enriba das bordas. Despois espertei».

«Menudo soño» alcanzou a dicir el, para despois sentir, somnolento, que debía engadir algo máis. «Lémbraste de Bonnie Travis? A muller de Fred Travis? Dicía que adoitaba ter soños en cor».

Ela mirou o emparedado na súa man e deulle un bocado. Cando o tragou, pasou a lingua por entre os beizos e pousou o pratiño no regazo ao mesmo tempo que estirou a outra man para amolecer a almofada. A continuación sorriu e recostouse de novo.

«Lembras aquela vez que pasamos a noite no Río Tilton, Mike? Cando pescaches aquel peixe grande á mañá seguinte?» Colocou a man no ombreiro del. «Lémbralo?» dixo.

Ela lembrábao. Despois de apenas pensar sobre o tema nestes últimos anos, comezara a lle voltar á cabeza dun tempo a esta parte. Ocorreu un mes ou dous despois de casaren, mentres pasaban unha fin de semana fóra de casa. Aquela noite sentaran á beira dunha pequena fogueira, puxeran unha sandía no xélido río e ela cociñara carne e xudías enlatadas cuns ovos para a cea e, á mañá seguinte, freixós, carne enlatada e ovos na mesma tixola ennegrecida. Queimáraa ambas veces ao cociñar, e non foran quen de facer ferver o café, mais foi unha das veces que mellor o pasaron. Lembraba que el lle lera aquela noite tamén: Elizabeth Browing e algúns poemas do Rubáiyát. Tiveran tantas mantas enriba que ela apenas puidera mover os pés baixo todo o peso. Á mañá seguinte el pescara unha inmensa troita, e a xente detía os seus coches nas estradas que cruzaban o río para velo sacándoa da auga.

«Entón que? Lémbralo ou non?» dixo ela, dándolle unha palmada no ombreiro. «Mike?»

«Lembro» dixo el. Mexeuse un pouco no seu lado e abriu os ollos. Non o lembraba moi ben, pensou. O que si lembraba era un cabelo peiteado con moito coidado e ideas charramangueiras a medio facer sobre a vida e a arte, e non tiña gana de pensar niso.

«Foi hai xa moito tempo, Nan» dixo.

«Xusto acabaramos o instituto. Aínda non comezaras na facultade» dixo ela.

El agardou, despois apoiouse sobre o brazo e virou a cabeza para ollala por enriba do ombreiro. «Acabaches con ese emparedado, Nan?» Aínda estaba incorporada.

Asentiu e deulle o pratiño.

«Xa apago eu a luz» dixo el.

«Como queiras» dixo ela.

Despois escorregou de novo cara o interior da cama e estirou os pés até que tocaron os dela. Quedou inmóbil durante un intre e logo tentou relaxarse.

«Mike, non estás durmido, non?»

«Non» dixo el. Nada diso

«Bon, non te durmas antes ca min» dixo ela. «Non quero quedar esperta eu soa».

El non respondeu, mais achegouse a ela devagariño sen chegar a saír do seu lado. Cando ela lle puxo un brazo enriba e lle chantou a man no peito, el colleulle os dedos e apertounos lenemente. Ao pouco de facelo, deixou caer a man até a cama e suspirou.

«Mike? Amor? Oxalá me deses unhas fregas nas pernas. Dóenme» dixo ela.

«Meu deus» dixo polo baixo. «Estaba a durmir coma un lirio».

«Verás, é que quería que me deses unhas fregas nas pernas e me falases. Os ombreiros dóenme tamén. Mais as pernas en especial».

El virouse e comezou a masaxearlle as pernas, mais ao pouco quedou durmido de novo coa man na cintura dela.

«Mike?»

«Que foi, Nan? Dime que foi».

«Gustaríame que me deses unhas fregas por todo o corpo» dixo, virándose sobre a espalda e quedando boca arriba. «Dóenme as pernas e máis os brazos esta noite». Alzou os xeonllos para facer unha torre coas sabas e as mantas.

El abriu os ollos durante un intre na escuridade e pechounos de novo. «Aínda estás a medrar, ou?»

«Vaia se debo estar», dixo ela, bambeando as dedas, leda por telo feito saír da súa apatía. «Cando tiña dez ou once anos era tan alta como son agora. Tíñasme que ter visto! Medrei tan axiña naqueles días que me doían todo o tempo as pernas e os brazos. Ti non?»

«Eu non que?»

«Ti non sentiches como medrabas?»

«Non que eu lembre dixo el».

Á fin ergueuse sobre o cóbado, acendeu un misto e mirou o reloxo. Virou a súa almofada cara o lado máis frío e deitouse de novo.

Ela dixo: «Estás durmido, Mike. Oxalá quixeses falar».

«De acordo» dixo el, sen moverse.

«Apértame e fai que prenda no sono. Non consigo durmir» dixo ela.

El virouse e púxolle o brazo sobre o ombreiro ao mesmo tempo que ela se virou, mirando cara a parede.

«Mike?»

El deulle uns pequenos golpes no pé coas dedas.

«Por que non me dis todas as cousas que che gustan e as que non?»

«Non se me ocorre ningunha agora» dixo el. «Cóntame ti se queres».

«Se prometes que me dirás despois as túas. Prometido?»

Golpeou o pé dela de novo.

«Ben…» dixo ela e púxose boca arriba, satisfeita. «Gústame a boa comida, filetes con cachelos, cousas así. Gústanme os bos libros e revistas, viaxar en trens de noite e as veces que o fixen en avión». Deteuse. «Claro que nada disto vai por orde de preferencia. Tería que pensalo se fose por orde de preferencia. Mais si, gústame viaxar en avión. Hai un momento mentres deixas o chan no que sentes que todo o que ocorre está ben». Cruzou a perna co nocello del. «Gústame estar esperta ata tarde pola noite e logo quedar na cama a mañá seguinte. Oxalá puidésemos facelo todo o tempo, non só unha vez cada moito. E gústame o sexo. Gústame que me toquen de cando en cando sen eu o esperar. Gústame ir ao cine e despois tomar unhas cervexas cos amigos. Gústame ter amigos. Gústame moito Janice Hendricks. Gustaríame ir bailar polo menos unha vez á semana. Gustaríame ter sempre roupa feitiña. Gustaríame poder comprar roupa boa para os rapaces sempre que a precisen sen teren que esperar. A Laurie faille falta un conxuntiño agora para a Pascua. E gustaríame conseguirlle a Gary un novo traxe ou algo así. Xa está na idade. Tamén me gustaría que ti tiveses un novo traxe. A ti faiche moita máis falta. E gustaríame que tivésemos un fogar de noso. Gustaríame que deixásemos de mudarnos un ano si e outro tamén. Sobre todo» proseguiu, «gustaríame que simplemente vivísemos unha vida decente sen térmonos que preocupar do diñeiro, das facturas e de cousas así. Estás durmido» dixo.

«Non tal» dixo el.

«Non se me ocorre nada máis. Tócache agora. Dime que che gustaría».

«Non sei. Unha chea de cousas» balbuciu.

«Ben, cóntame. Estamos a falar, non é?»

«Gustaríame que me deixases tranquilo, Nan». Volveuse ao seu lado da cama de novo e deixou o brazo pendurando no bordo. Ela tamén se virou e apertouse contra el.

«Mike?»

«Xesús» dixo el. Pouco despois: «Está ben. Déixame estirar as pernas un momento, logo espertarei».

De aí a un anaco ela dixo: «Mike? Estás durmido?» Moveu lenemente o seu ombreiro, mais non houbo resposta. Quedou alí durante un tempo, arrexuntada contra el, intentando durmir. Ao principio ficou queda, apiñada contra el e respirando paseniño. Mais non era quen de prender o sono.

Tentou non prestarlle atención á respiración del, mais comezou a incomodala. Había un son que proviña do interior do seu nariz cando respiraba. Tentou regular a súa respiración para poder inspirar e expirar ao mesmo ritmo ca el. Foi inútil. O pequeno son do seu nariz volvíao todo inútil. O peito tamén lle xemía. Ela virouse de novo e acomodou o traseiro contra o del, estirou o brazo até o bordo e coidadosamente tocou a fría parede coas xemas. As sabas amontoáranse ao pé da cama e puido sentir unha airexa cando moveu as pernas. Oíu a dúas persoas subindo as escaleiras até o apartamento da porta do lado. Unha delas botou unha risada gutural antes de abrir a porta. Despois escoitou unha cadeira ao se arrastrar polo chan. Virouse de novo. A cisterna descargouse e ao pouco volveuse a descargar. De novo ela virouse, sobre as costas desta vez, e tentou relaxarse. Lembrou un artigo que lera unha vez nunha revista: se todos os ósos e músculos e articulacións do corpo puidesen unirse nunha perfecta relaxación, o sono case de seguro acabaría por chegar. Respirou fondamente, fechou os ollos e permaneceu perfectamente queda, cos brazos estirados aos seus costados. Tentou relaxarse. Tentou imaxinar as súas pernas supendidas no aire, bañadas nun aquel como de gasa. Virouse sobre o ventre. Fechou os ollos e volveunos abrir. Pensou nos dedos que xacían curvados nas sabas, diante dos seus beizos. Ergueu un dedo e baixouno até a saba. Tocou co polgar a súa alianza. Virou cara o seu lado da cama e despois púxose de novo boca arriba. Logo comezou a sentir medo e, nun irracional intre de anhelo, rezou para poder adormecer.

Por favor, Deus, permíteme durmir.

Tentou durmir.

«Mike» murmurou.

Non houbo resposta.

Oíu a un dos rapaces virándose na cama e batendo contra a parede na habitación contigua. Escoitou e escoitou mais non houbo outro ruído algún. Pousou a súa man baixo o peito esquerdo e sentiu o latexo do seu corazón subir até os seus dedos. Virouse sobre o ventre e comezou a chorar, coa cabeza fóra da almofada e a boca contra a saba. Chorou. E logo saíu polo pé da cama.

Lavou as mans e a cara no cuarto de baño. Lavou os dentes. Lavou os dentes e ollou o rostro no espello. Subiu a calefacción na sala de estar. Logo sentou á mesa da cociña, erguendo os pés e poñéndoos baixo o camisón. Chorou de novo. Prendeu un cigarro do paquete de enriba da mesa. De aí a un anaco camiñou de volta ao dormitorio e apañou a súa bata.

Foi botarlle unha ollada aos rapaces. Arroupou ao seu fillo até os ombreiros. Volveu á sala de estar e sentou na poltrona. Folleou unha revista e tentou ler. Ollou as fotografías e despois tentou ler de novo. De cando en cando un coche cruzaba a rúa e ela alzaba a vista. Cada vez que un coche pasaba, ela agardaba, escoitando. E despois volvía baixar os ollos de novo á revista. No estante á beira da poltrona había unha morea delas. Folleounas todas.

Cando comezou a clarexar fóra, incorporouse. Camiñou até a xanela. O limpo ceo sobre os outeiros comezaba a pórse branco. As árbores e a fileira de apartamentos de dous pisos do outro lado da rúa estaban comezando a tomar forma asemade ela ollaba. O ceo branquexou, expandiuse a luz con rapidez desde detrás dos outeiros. Agás as veces que tivera estado en vela cun ou outro dos rapaces (as cales non contaba porque nunca ollara fóra, só se apresurara en voltar á cama ou á cociña), apenas vira amenceres na súa vida e a maioría foran de pequena. Sabía que ningún deles tivera sido coma este. Nin nas fotografías que puidera ter visto nin en calquera libro que lera aprendeu que un amencer puidese ser tan terrible coma este.

Agardou e logo desprazouse até a porta e quitou o fecho e saíu ao soportal. Apertou a bata á altura da gorxa. O aire era húmido e frío. As cousas comezaban a volverse moi visibles aos poucos. Deixou que os seus ollos visen todo até que se cravaron na escintilante luz vermella que gabeaba pola torre da radio no outeiro de en fronte.

Cruzou o sombrizo apartamento, entrando de novo no dormitorio. El estaba feito un nobelo no centro da cama, coas sabas amoreadas sobre os ombreiros e media cabeza baixo a almofada. Semellaba desesperado no seu fondo soño, cun brazo botado no lado dela e a mandíbula tensa. Mentres ollaba, o dormitorio foi clarexando cada vez máis e as pálidas sabas branquexaron desmesuradamente ante os seus ollos.

Humedeceu os beizos cun son pegañento e axeonllouse. Sacou as mans e púxoas enriba da cama.

«Deus» dixo. «Deus, axudarasnos, Deus?» dixo.

Morning Sun, de Edward Hopper

Tradución de “The Student’s Wife”, relato publicado na colección Will You Please Be Quiet, Please? (1976) de Raymond Carver

Voar! Un soño compartido por persoas e as aves sen ás. - Troy Barnes

1 COMENTARIO

  1. Bo día:

    Que alegría que se empece a traducir o Raymond Carver ao galego! Parabéns!

    Eu traducín, para os Premios da Universidade de Vigo (2017), o relato «What We Talk About When We Talk About Love». Está publicado por Xerais (https://www.xerais.gal/libro.php?id=4675841) e, se se quixer, pódese ler aquí: https://derrubandoisoglosas.files.wordpress.com/2017/05/do-que-falamos-cando-falamos-do-amor.pdf

    Para a edición deste ano do mesmo certame, traducín unha escolma de poesías do autor, que sairán publicadas nos próximos meses. Cómpre seguir «anosando» este magnífico autor!

    Saúdos,
    Manuel Arca Castro

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí