Abente y Lago. O muxián que refundou as letras paraguayas

Falamos da vida e obra de Victorino Abente y Lago, o “primer maestro” das letras paraguaias, pero esquecido na súa Galicia natal.

Fumeaban as ruínas dunha Capital espoliada en nome do Libre Comercio e a avaricia dos Estados veciños. Arxentina e Uruguai: dúas Repúblicas independentes e valentes que se libraran do xugo da tiránica Coroa española para convertérense nos países máis progresistas do mundo; dúas Repúblicas que, medio século despois, se aliaron cun xigante Imperio escravista para levaren o estandarte da Liberdade e o Progreso ao pobre, aldraxado pobo paraguaio. En seis anos de guerra morreron centenares de miles de persoas. Ao final quedaba apenas un home por cada tres mulleres paraguaias, anciáns na súa maioría.

Cando Abente y Lago entrou na subministración militar arxentina, as armas riopratenses e brasileiras aínda gardaban a presa desangrada -case cadáver- e desfilaban orgullosas polas súas rúas. Non, esperade un intre. Unha cousa é a imaxinación histórica e outra moi distinta é a mera fabricación. Eu non debería presumir de saber que orgullo sentían (ou non) eses soldados que cumprían ordes reprochables, iso si, pero á fin de contas tampouco tiñan porqué odiar un pobo irmán. Parecido reparo tivo o anarquista cántabro Rafael Barrett en 1907 cando dicía que “en la Argentina no se debía recordar la guerra del Paraguay sino con sonrojo y remordimiento. Esa guerra de exterminio ha sido unha grave vergüenza. Pero digo mal: la Argentina no merece palabras tan duras. ¡Pobre pueblo argentino! Amemos a los pueblos, aborrezcamos a los gobiernos” (Barrett, 2010: 110).

Era 1869 cando Abente y Lago arribou a Asunción. Chegou en medio da rapina e a desolación. Negouse a cumprir un encargo que lle pretendía facer un comandante do exército: remitir artigos a Bos Aires en defensa dos intereses arxentinos na guerra contra o ditador paraguaio Francisco Solano López (que non era ningún santo, admitámolo), o cal equivalía a xustificar tamén o asasinato de incontables miles de persoas inocentes. Recoñezo que eu moi probablemente recaese no presentismo ao falar da Guerra da Tripla Alianza (1864-1870) co ton sarcástico que utilicei ao principio deste texto -digamos que é un luxo que me permito porque esta non é unha revista científica-, pero coido que respecto á tal hecatombe podemos dicir con toda seguridade que xustificala tería sido defender o indefendible.

Abente y Lago negouse a cumprir e foi despedido do emprego. Pero quedou no Paraguay. Namorou do país e dos seus costumes. Namorou de Isabel, unha das fillas da súa caseira, unha supervivente da guerra que lle arrebatara o pai. Casaron. Tiveron fillos. Co paso dos anos, Abente y Lago, un inmigrante nado en Muxía (A Coruña), consideraríase un paraguaio máis e deixaría unha marca profunda na historia da súa segunda patria.

Eu comecei a miña tese doutoral sobre a inmigración galega no Paraguai sen saber nada de Victorino Abente y Lago (1846-1935), pois hoxe en día case ninguén sabe del. Como tal, descubrir que unha das máximas figuras da letras paraguaias era muxián foi unha sorpresa bastante agradable para min. Como moitos outros artistas, fixo cousas dignas de lembranza pero correu a mala sorte de ser esquecido. Non era inevitable, pero éche o que hai. Con este aporte, e previsiblemente con outros posteriores, espero comezar a rescatar a súa memoria, aínda que só sexa de maneira limitada.

Abente y Lago chegou ao Paraguai con vinte e dous anos e alí viviu unhas seis décadas. Durante esa tempada, publicou gran cantidade de textos en verso e prosa, espallados nas columnas de distintos xornais e semanarios. O alcance temático da súa obra é envexable. Escribía recensións das zarzuelas que se interpretaban no Teatro Nacional e crónicas de festas campestres e viaxes, por exemplo dunha excursión ás maiores cataratas do mundo: os Saltos del Guairá (afogadas dende entón coa construción da represa de Itaipú na década de 1980). Escribía sobre temas sociais. Criticaba as actitudes retrógradas dalgúns dos seus coetáneos cara á muller e metíase coa clase alta por prostituírse ás modas estranxeiras, desprezando a cultura propia, chapurreando o francés e porteñizándose á maneira da oligarquía bonaerense. Tamén publicaba oracións relixiosas, relatos gauchescos, descricións dos ríos, aves e paisaxes do Paraguai, censuraba os políticos corruptos e ignorantes e comprometíase cos candidatos do Partido Colorado que, ao seu xuízo, merecían a confianza da sociedade. Non faltaban as declaracións de amor… máis unha chea doutras cousas que non podo resumir nun artigo desta extensión.

En lugar disto, imos falar dun poema en concreto, o cal probablemente sexa a súa obra máis importante. Trátase de La Sibila paraguaya (1886). Agradézolle a Maru Acosta Torres a lectura que realizou deste poema para a nosa canle de Youtube.

Por se estás no choio lendo artigos en Internet en vez de traballar e non podes escoitar a gravación -estou falando de ti, Mari Carmen (estatisticamente te chamas Mari Carmen)- abaixo glosamos un par de fragmentos seleccionados para darche unha idea. Non son filólogo, senón historiador, máis ou menos. Como tal, non me atrevo a realizar unha análise estética de La Sibila paraguaya; pretendo sinalar o seu significado histórico.

As estrofas hispano ou galaico-románticas de Abente y Lago, cantadas pola figura alegórica de “La paraguaya Sibila / Que las patrias glorias nombra”, incorporan dous elementos discursivos principais. O primeiro é o enaltecemento do heroísmo amosado polo pobo paraguaio durante a Guerra contra a Tripla Alianza de Arxentina, Brasil e Uruguai. Con este fin, a Sibila cita algunhas das batallas máis notorias da contenda:

Aquí estuvo la muralla
De Curupayty famoso,
Donde mostró poderoso
Su ardimiento el paraguayo,
Y envió la gloria un rayo
De su centro esplendoroso.

Allí Humaitá renombrado
Muestra su ruina altiva,
Como un espectro que aviva
El sufrimiento pasado
Allí el valiente soldado,
De pié sobre la trinchera,
Entre la metralla fiera,
De su valor hizo alarde,
Cayendo muerto más tarde
Envuelto con su bandera.

Curupayty (1866) foi a maior vitoria paraguaia da Guerra. Alí faleceu o futuro sogro de Victorino Abente y Lago – Luis Myskowski, un coronel exiliado pola súa participación nas loitas do independentismo polaco. A Campaña de Humaitá (1866-1868) tamén queda inmortalizada na memoria, sobre todo polo bombardeo e a pulverización final da súa igrexa emblemática, a segunda maior de América do Sur, baixo a furia sostida dos canóns brasileiros.

O segundo elemento discursivo da composición é o afán de vaticinar un glorioso porvir para a nación, como se aprecia no fragmento que segue:

No llores más, Patria mía;
Enjuga el llanto, no llores,
Y mira los resplandores
De un nuevo y hermoso día.
La paz, que en grata armonía
Alegra y anima el mundo,
Sobre tu suelo fecundo
Extiende su inmenso manto,
Y torna en alegre canto
Tu sentimiento profundo.

O conxunto destes dous elementos primordiais, heroísmo e optimismo, dotaban La Sibila paraguaya dunha notable orixinalidade no eido literario asunceno. Para entendermos por que, hai que dar un pouco máis de contexto histórico.

Aínda que se firmaron as paces en 1870, os exércitos aliados seguiron ocupando o país até 1876. Malia isto, cando se retiraron, os que chegarían a dominar a política non serían os Legionarios -antigos opositores de Francisco Solano López que apoiaran os arxentinos na Guerra para derrocalo-, senón que o faría a á militar do que fora o goberno de López: heroes de guerra, xenerais transformados en poderosos caudillos como Cándido Bareiro (Presidente da República 1878-1880), Bernardino Caballero (1880-1886) ou Patricio Escobar (1886-1890). Nun plano ideolóxico, prodúcese certa tensión entre o nacionalismo conservador destes últimos e a misión «civilizadora» dos Legionarios, a cal consistía na liberalización da economía e o fomento dunha crecente penetración capitalista, máis a europeización da cultura paraguaia. Ademais, a inxerencia estranxeira na política local era constante e apenas se ocultaba.

Abente y Lago mestre das letras paraguayas. Detalle dun cadro da batalla de Curupayty, por Cándido López
Detalle de Curupaiti por Cándido López

Unha estratexia para evitar as confrontacións que poderían xurdir a raíz dos intereses diverxentes e ás veces incompatibles da clase dirixente, adoptada como regra non escrita, sería a virtual proscrición da Guerra da Tripla Alianza no discurso público. Por que ocorrera tal traxedia? Para que? Que banda tivera razón? Quen tivera a culpa? Interrogantes que se silenciaban para non crebar a convivencia.

Con La Sibila paraguaya, Abente y Lago rescatou a temática bélica do seu esquecemento forzado, pero sen tomar posicións acerca das súas causas reais ou o seu significado político (unha tarefa historicamente necesaria pero imposible naqueles tempos). A súa lectura en 1886 causou toda unha sensación no Ateneo Paraguayo, o círculo literario dos máis eximios escritores e pensadores no escenario nacional. José Segundo Decoud, amigo do poeta e líder dos Legionarios, escribiu unha carta para darlle os parabéns afirmando que “son sus estrofas los primeros cantos épicos que resuenan en el corazón de la patria y hacen vibrar las fibras del patriotismo” (Abente y Lago, 1897: 12). No ambiente de derrota e desesperanza que reinaba nesa longa posguerra, Abente y Lago logrou transmitir unha visión «terapéutica» do conflito que foi capaz de unir paraguaios de todas as lealdades nun mesmo sentimento de orgullo nacional e -por fin- optimismo cara ao futuro.

Dixen antes que Abente y Lago deixou unha marca profunda na historia da súa segunda patria. Concretamente, La Sibila paraguaya (e outras obras que tal vez tratemos noutro intre) tería unha influencia importante na articulación posterior das letras nacionais e, por extensión, o pensamento nacionalista. De modo parecido ao nacionalismo galego que se desenvolve en parte como reacción á agresiva castelanización do país, ante as constantes ameazas político-económicas das potencias estranxeiras, “el pueblo paraguayo se verá compelido a construir un blindaje nacionalista, hasta el extremo que el patriotismo se convertiría en sentido común en el seno de la sociedad civil” (Coronel, 2011: 66-67). Neste senso, no caso de Victorino Abente y Lago estamos falando dun legado cultural que transcende os círculos literarios das elites para tornarse en algo autenticamente popular.

Deamos un salto no tempo. 1943. A estas alturas, o escritor Juan O’Leary é o Castelao do nacionalismo paraguaio (por facer unha comparación moi inexacta pero que adecuadamente dá unha idea da súa transcendencia). O’Leary publica na Revista de las Fuerzas Armadas de la Nación un artigo titulado “El primer cantor de nuestra resurrección: Victorino Abente”. Así xulgaba el o lugar reservado para o muxián na memoria nacional:

Por sus labios habló “La Sibila Paraguaya” y cuando todo era desesperanza […] lanzó este grito de optimismo, que fue como un llamamiento a la vida. […]

Así se adentró Victorino Abente, en el alma paraguaya, hasta confundirse con ella, para relampaguear en el fulgor de sus cantos, para ser música en sus endechas, para ser lampo perenne de belleza en todas las manifestaciones de su fecundo numen.

El copioso acerbo [sic] de sus poesías es el sólido cimiento de nuestra cultura paraguaya. Fue nuestro primer maestro y el primero que estimuló el renacer de las letras paraguayas. Poeta paraguayo, el primero y el más alto después de la guerra, lo miramos y debemos mirarlo, como a un patriota. (Abente y Lago, 1984: 443-444)

Quizais todo isto non deba sorprendernos. Os Abente eran unha familia de poetas. Victorino era curmán de Pondal (nome completo: Eduardo Pondal Abente) e tío de Gonzalo López Abente. E aínda que non era poeta, ilustre tamén sería o seu irmán maior, Ezequiel, o médico militar que dá o seu nome ao Hospital Abente y Lago na cidade de A Coruña. Falando de Galicia, o derradeiro tema que quería tratar é a súa morriña. Victorino chegou a identificarse integramente co seu país de adopción, pero xamais deixou de ser galego. Volvería á súa terra en dúas ocasións, en 1884 e 1907, e na segunda destas viaxes casou unha das súas fillas, Balbina Abente Myskowski, con Gonzalo López Abente, polo cal este tamén lle era xenro.

Tamén compuxo poesías en lingua galega. Gustaríame terminar con unha delas –a proba definitiva de que este fillo insigne de Galicia nunca renegou das súas orixes. Chámase Lembranzas (1907). A lectura dela que se escoita no vídeo de abaixo realizouna Guillermo Rodicio. E por se calquera motivo non podes velo agora mesmo, Mari Carmen, deixo esta estrofa como declaración final:

De seito que non hai no meo Muxia
Curruncho nin petouco
Que, sexa moito ou pouco,
Non me lembren os feitos d’otro día,
E dende que pisci a terra amada,
Decote vendo estou
Cos ellos da miña alma asoedada
Os encantos do tempo que pasou.

Referencias

As fontes citadas neste artigo figuran a continuación. Pola parte que me toca, quedarei moi contento se a miña aportación anima a alguén a buscar máis lecturas de literatura e historia paraguaias. Desafortunadamente, temo que a maioría desta produción bibliográfica, incluídos os cinco textos aquí citados, sexa difícil de atopar e consultar fóra do propio Paraguai. Se es alumno da Universidade de Santiago de Compostela, podo adiantar que a súa Biblioteca Xeral conta cunha colección bastante completa neste sentido. Para os demais, a mellor opción pode ser procurar artigos académicos que estean de acceso aberto en Internet. Se isto che interesa, deixa un comentario e axudarei na medida que poida.

ABENTE Y LAGO, Victorino (1984), Antología poética, 1867-1926. Recopilación de Cándido Samaniego Abente, Editora Litocolor, Asunción.

ABENTE Y LAGO, Victorino (1897), La Sibila paraguaya, J. Peuser, Bos Aires.

BARRETT, Rafael (2010), El dolor paraguayo y Lo que son los yerbales, Capital Intelectual, Bos Aires.

CORONEL, Bernardo (2011), Breve interpretación marxista de la historia paraguaya, Arandurã Editorial, Asunción.

PLÁ, Josefina (1985), Españoles en la cultura del Paraguay, Araverá, Asunción. [Foto de Victorino Abente]

 

Imaxe de portada: detalle da Batalla de Curupayty pintada por Cándido López

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí