Al-himá, o outeiro das laranxas. Ascenso, caída, esquecemento.

Corenta décadas pasaron as mulleres cantando no alto de Al-Himá, o outeiro das laranxas. 400 longos anos que comezaron cunha nota lanzada ao vento, alí.

Corenta décadas pasaron as mulleres cantando no alto de Al-Himá, o outeiro das laranxas. 400 longos anos que comezaron cunha nota lanzada ao vento alí, preto do ceo. Desa primeira harmonía naceu a inspiración e o dominio. Non atopamos límites ou rivais, os guerreiros volvían vitoriosos e máis limpos aínda despois da batalla. Tan longa e frutífera foi a nosa vitoria que ao pé do outeiro naceu a cidade da Zallaqa, a Gloriosa, e nela viron a luz xeracións e xeracións dos nosos descendentes, aloumiñados polo canto das mulleres.

Pasaron os séculos e os antigos inimigos deixaron de acosarnos, ou apareceron diante das portas da Zallaqa pedindo ser os servos dos nosos templos, ser menos que os cans, desesperados por escoitar aínda que fose nun besbello ao lonxe o cántico que baixaba como veludo desde o Al-Himá. Fomos piadosos, buscamos a paz sempre que nos foi posible e co tempo os nosos nenos deixaron de empuñar a espada e cabalgar durante estacións enteiras para dedicar os seus días e as súas noites a escribir poesías sobre gacelas e ríos fermosos que abrazaban cidades de ouro, en versos feitos de teas e tapices que chegaban cruzando o deserto para honrar a nosa riqueza e facer máis fermoso o noso tempo na terra. Esquecemos a guerra, o sangue e vimos innumerables danzas do sol deitados nos nosos xardíns, os máis inspirados que ningún home deseñara nunca, saboreando as laranxas que crecían vizosas no outeiro das laranxas.

Fomos tan grandes e tan garridos que o resto do mundo desapareceu para nós. As portas da Zallaqa caeron dos seus gonzos oxidadas pola falta de uso e pasaron lustros e lustros sen que vísemos a cara dun estranxeiro. Todo o que era importante xa estaba nas nosas mans. O cantar das mulleres alzouse por encima de todos os sons, do retumbar das ondas e o deslizar das follas, da voz dos poetas e o chiar dos paxaros.

As mulleres, novas cando chegamos á Al-Himá, envelleceron sen que nós nos decatásemos, tan enchidos viviamos na nosa gloria, as súas voces enroucaron na vellez. Unha mañá apareceu na corte un dos nosos gardiáns das postas máis lonxíncuas, das que non sabiamos nada desde había séculos, e comunicou unha mensaxe. Ninguén a entendeu. Era estraño, porque ría como debía un dos da nosa casa, sabía os xestos e levaba os brazaletes da Zallaqa atados cos sete nós. Pero as súas palabras resultaban incomprensibles. Levámolo ante as mulleres, repetiu a mensaxe. As anciás, despois de 400 anos, cambiaron a canción e as súas voces pasaron a un falsete que as gorxas non podían soportar. Do novo cántico entendemos o seguinte: Viñan os bárbaros. Mais, que eran os bárbaros? Debiamos ter medo? As anciás non puideron resolver as nosas dúbidas, porque o seu cántico xa non se podía escoitar coas orellas dos homes.

Os bárbaros atopáronnos amoreados no alto da Al-Himá, rodeados de mulleres mortas e laranxas podres. A Zallaqa caeu e foi esquecida, así como os nosos poemas e as nosas proezas. A nosa lingua non volveu ser falada.

.

Al-himá, o outeiro das laranxas

Tanto a imaxe de portada como esta última están formadas a partir de fotografías do National Geographic do mar de area de Soussusvlei, no deserto de Namibia, xunto cun detalle da arte caligráfica na mesquita de Wazir Khan, en Lahore, Pakistán.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

1 COMENTARIO

  1. Gosto da imaxe de que as crianzas medren no canto aloumiñado das mulleres que despois se ergue sobre outros ruídos «porque o seu cántico xa non se podía escoitar coas orellas dos homes».

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí