Amantes, de María Lado. O verso que pecha o engano á mantenta

Comentario literario sobre o poemario gañador do V Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas no ano 2010.

Portada de Amantes

O Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas que convoca anualmente Caldeirón en Malpica de Bergantiños posibilitou numerosos libros de poemas. Porén, non todos tan desexados como Amantes, o gañador da quinta edición do concurso, no ano 2010. O seu éxito deixou lectores sen un exemplar nas baldas. Eu fun unha desas persoas e puiden ler peticións e comentarios de xente na procura do volume. Unha segunda oportunidade do destino –desas que poucas veces achamos cando falamos de publicacións poéticas– tróuxomo coa segunda edición (corrixida e aumentada) do 2018.

A tecedora das palabras tralo libro presentado ao premio era María Lado, coñecida na actualidade por ser a outra parte de Lucía Aldao en Aldaolado –entre outras moitas angueiras nas que ela se move coma peixiño nas augas–. Cabe salientar que a parte humorística coa que relacionamos por norma xeral á autora non se perde neste poemario. Ao contrario, axuda a nutrilo aínda máis. Poucas persoas poderían rematar un poema tan cargadamente erótico referíndose ao pai do «eu poético», como ela fai no texto que leva por título «1961» (páxinas 15 e 16 desta nova edición do pasado mes de maio).

Nunha análise minuciosa do delicioso libro (verdadeiramente constitúe unha delicia para o gusto e vou a expor un porqué), podemos atopar unha linguaxe moi elaborada no paradigma marítimo. Personaxes de costa salvaxe, de terreo abrupto, de onda brava, de mareos internos: «son algas na marea as nosas linguas» (páx. 29). Se ben é certo que hai moita repetición referida á lingua, talvez por esta mesma resonancia léxica esteamos ante esa delicia á que aludía liñas arriba, porque tamén «as nosas linguas son serpes de auga, / enrédanse en loita» (páx. 19) e participan nas historias nas que se nos ofrece oco desde o inicio.

Alén do apetitoso da temática, se eu tiver que salientar algo, subliñaría sen dúbida a capacidade que ten sempre María Lado para chegar ao público. Dálle igual subir a un escenario dun pub, aparecer tralo veludo vermello do teatro ou agocharse no papel: engánanos. Fainos crer que non traballa tanto nas palabras como que se deixa fluír, quérenos levar por unhas augas mansas, acalmadas. Entón, voltamos a vista atrás e recoñecemos un significado retorcido nun substantivo, entendemos o adxectivo que non sobraba ou volvemos a ler o que ela sabe gardar e conter ata o momento exacto: o verso que pecha. E así marchamos co recendo do seu poema nas costuras cerebrais do noso gusto (páx. 31). Así nos trampea. Así regresamos como o mar volve con furia a bater na rocha de percebes. Así arrandeamos.

LADO, María (2018), Amantes, Caldeirón, Malpica.

Amantes percebes
© Minette Layne

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí