Reflexións sobre educación I: Na construción dunha apocalipse en positivo

Un alumno pregunta a un profesor: "para que serves?". Ideas arredor dun artigo de Umberto Eco, sobre a figura e a función do profesor na educación de hoxe.

Parece que a apocalipse da cordura está hoxe á orde do día. Non ha tema máis falado que o mal que vai todo. Eu opino que os problemas xermolan pola falta de educación. Parece que, por desgraza, o transcorrer do tempo está a darme a razón a labazadas: políticas, educativas, sociais, humanas, civís…

Levo un tempo cantando case todos os días esa canción de Ataque Escampe que di: «O mundo comeza a dar medo, pero na Galiza non hai cámara de gas. O mundo comeza a dar medo, pero na Galiza non hai cámara de gas. Só esta tristeza azul como os Sugus de ananás. Só esta tristeza azul como os Sugus de ananás. Vamos!». Serei medorenta, mais eu creo que o mundo dá medo dende ha xa bastante tempo. O que non entendo é como vós non tendes.

© Matt Lee

Os que me coñecedes, sabedes que levo moitos anos falando destes temas. Ou falo de arte ou falo de educación. Supoño que é o que máis me atinxe, o que máis me preocupa e o que considero que merece máis o meu tempo por todo o que abranguen. Por esta razón, enceto aquí unha serie de reflexións sobre educación referida a diversos temas. Para comezar, falarei sobre a figura do profesor no século XXI, a propósito dun artigo de Umberto Eco –que vos recomendo ler e que podedes atopar en Internet doadamente en varios idiomas– onde se cuestiona a utilidade dun profesor na era de Internet. A situación que se presenta no artigo é a seguinte: un alumno pregúntalle ao profesor «para que serves?».

Cando un pícaro ou adolescente protagoniza un comportamento xulgado socialmente como errado (que o sexa ou non daría para outro capítulo deste fío de artigos), a culpa considérase dos profesores ou dos coidadores responsábeis da súa custodia. Umberto Eco trata dende una perspectiva allea un feito moi interesante: un alumno con capacidade racional facendo unha pregunta ao profesor. A pregunta pódese entender como provocativa, querendo ofender ou con mala intención, mais eu creo que cómpre reparar no feito de que o alumno arrisca o que pode rematar nun castigo ou nunha expulsión da aula para comprender algo sobre o que reflexionou. E non é a educación iso? Capacitar a cabeciñas pensantes para que fagan o que lles é propio e que poidan tomar decisións e cuestionarse o mundo a través das súas dúbidas?

© NIH Image Gallery

O artigo de Eco paréceme interesante principalmente porque recoñece que o cambio nos métodos de fixación do coñecemento teñen que mudar cando se modifican as fontes de información. A dura opinión do alumno é que a figura do profesor a día de hoxe, na era de Internet, non serve para nada.

Está claro que as metodoloxías de ensino teñen que adaptar o seu ritmo aos tempos que corren e favorecer unha compenetración cos mesmos. O texto convida a reflexionar, obrigando ao lector a meditar sobre un asunto do que toda a comunidade mundial forma parte. Vós tamén! Tendes Google, tendes acceso ao coñecemento. Pensade, entón, para que serve un profesor hoxe? Serve para algo?

O sistema educativo caducou. Os coñecementos que debe transmitir a escola son incorporados a día de hoxe a través de medios de comunicación masivos fóra do centro educativo. Entón, por que perdura o profesor? Ten sentido preguntarse isto e a resposta é clara: a figura do docente vai más alá do aporte de información. Ademais de seleccionar a información, este tamén forma. Se cadra, esa é a tarefa principal do profesor, mesmo cando non se percibe con tanta claridade.

O profesor intervén no tocante á selección, pois non toda a información resulta válida. Porén, non só administra e verifica o que cómpre saber e o que non, senón que ten a obriga de construír no alumnado un resistente valado que lle permita facer unha escolla de información ao longo da súa vida, rexeitando a que non conveña manter dentro do cerco. O motivo está claro: unha vez rematen o período escolar, continuarán a recibir información de múltiples fontes, mais moita estará manipulada e moita non será a adecuada para lembrar. Por iso, a implicación docente ten como cometido último formar na información individual. Isto é, capacitar a cada persoa para que poida realizar unha axeitada retención do que desexe ao longo da súa vida, enchendo con coñecemento o espazo de dentro do seu propio muro de resistencia ás manipulacións e informacións porque estas chegarán de xeito continuo, en gran cantidade e sen refinar.

En palabras de Robert Fisher (1990), os alumnos deben aprender a pensar e cuestionarse o mundo por si mesmos e guiar no camiño cara a esa meta forma parte do traballo do docente. A mesma idea amosa Eco no artigo da polémica pregunta e a mesma reclama o alumno que non entende a figura do profesor. Cun proceso adaptado ás necesidades dos estudantes, poderán facer uso das novas tecnoloxías para informarse no que procuran e no que queren. Coa carencia do profesor, a información non estaría filtrada previamente e as capacidades para facer o filtro por eles mesmos non estarían aseguradas.

No ensaio Apocalittici e integrati (Eco, 1964), moi anterior ao artigo do que falo, o autor xa abordaba as ondas de información masiva. Neste libro, facíase unha diferenciación entre os apocalípticos e os integrados para discernir se en realidade a cultura de masas tiña posibilidades útiles das que sacar proveito ou, pola contra, viña imposta para constituír un xerme horríbel na nosa sociedade. Segundo os apocalípticos, este novo sistema mataría a orixinalidade de cada persoa, creando un gusto medio xerador de homologación do establecido, sen crítica, manipulado de xeito inconsciente, provocador de emocións preconstruídas, fomentador de información que deteriore a historia etc. Neste senso, a pregunta do alumno que se proxecta neste artigo xera unha alarma que reflicte o mesmo medo. Obviamente, o que está a suceder coa absorción de información que provén de todas as partes do mundo non se pode reducir a unha visión que forma parte do fenómeno capitalista, porque tamén encarna expresións culturais e ademais facilita o acceso á cultura a moitas categorías sociais que antes non tiñan oportunidade de chegar á información.

Xa non só nenos escolarizados, senón adultos que non tiveron oportunidade antes, agora teñen acceso a moito coñecemento. Con pagar unha factura ao mes ou acudir á biblioteca pública máis preto da casa, a información está á disposición de calquera usuario da rede. Este fenómeno non supón un retroceso, senón unha potente ferramenta que progresa cara ao avance. Polo tanto, a apocalipse da manchea de información debería formar parte da composición dunha cultura mellor, máis global, con maior accesibilidade para todos e garantida grazas á capacidade crítica e formativa de saber empregar esa abundancia de información que nos vén dada a través de Internet na actualidade, sexamos alumnos ou non. Debería.

© Reigh-Leblanc

O problema é que esta segunda parte da ecuación non só non está garantida, senón que está favorecendo que a non-información e a non-educación vaian da man da toma de decisións. Moi agarradiñas. E isto é un enorme problema, porque non podemos decidir sobre o que é mellor para nós se non coñecemos as opcións que en realidade temos. Estamos contribuíndo, se cadra, a mallar en nós. E o peor de todo radica en aceptar que a sociedade ignora que as nosas accións están indo na nosa contra. Que podemos facer?

Precísase, en primeiro lugar, asentar unhas bases de coñecemento, de discernimento e de crítica. En segundo lugar, aprender a recoñecer e diferenciar as informacións que nos conveñen ou benefician, para tirar resultados favorábeis aos nosos obxectivos, intereses ou procuras. En terceiro lugar, non deixarnos adoutrinar con só unha fonte de información, senón aproveitar a oportunidade de optar a moitas para elaborar unha opinión nova, nosa, crítica, consciente e orixinal. En cuarto e por último lugar, incorporarnos aos avances de xeito constante para compenetrar todas as fontes dispoñíbeis e todas as nosas capacidades coa fin de non esmorecer coas ferramentas que nos ofrecen a oportunidade de facernos máis conscientes, máis formados e máis democraticamente capacitados para calquera información que queiramos saber en calquera momento da nosa vida –educativa e posteducativa–.

Referencias bibliográficas:

ECO, Umberto (1964), Apocalittici e integrati, Bompiani, Milán.

ECO, Umberto (2007), «A che serve il professore?», en L’Espresso, 17 de abril, dispoñíbel na ligazón http://espresso.repubblica.it/opinioni/la-bustina-di-minerva/2007/04/17/news/a-che-serve-il-professore-1.3250 [17 de outubro de 2018].

FISHER, Robert (1990), Teaching Children to Think, Stanley Thornes, Cheltenham.

ROSENBERG, Mirta (trad.) (2007) «¿De qué sirve el profesor?», en La Nacion, 21 de maio, dispoñíbel na ligazón https://www.lanacion.com.ar/910427-de-que-sirve-el-profesor [16 de outubro do 2018], do orixinal, Umberto eco (2007), «A che serve il professore?», en L’Espresso, 17 de abril, dispoñíbel na ligazón http://espresso.repubblica.it/opinioni/la-bustina-di-minerva/2007/04/17/news/a-che-serve-il-professore-1.3250  [17 de outubro de 2018].

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí