Hai dúas semanas, eu tiven a brillante idea de escribir unha crítica do último capítulo de Pazo de Familia, o especial ‘Ti decides o final’, aínda que -xiro na trama- nunca vira esa serie na miña vida. Ía comezar así:
“Viches os primeiros 109 capítulos de Pazo de Familia e non sabes se che paga a pena ver o capítulo 110?”
Como podedes apreciar, ía ser moi irónica e graciosa. Ha. Ha. Ha.
Pois non. Ao final, resulta que esa idea innovadora era unha estupidez, e até dá a impresión falsa de que eu teño algo en contra de Pazo de Familia. Non sei como se me ocorreu. O peor é que, a pesar de terme comprometido a escribir para A Que Cheira, Papá? con certa regularidade, o único que teño agora son os apuntes que tomei mentres vía o capítulo.
O que realmente tiña que facer era escribir sobre Fatmagül, a novela turca que botan cada día en Nova. Esa si que me ten enganchado, e o malo da serie chámase Erdogan, o cal é bastante gracioso. Porén, este blog é un magazine cultural GALEGO. ¿Oíste, neno? Que pinta aquí unha novela turca dobrada ao castelán? Nada, que eu saiba. Aquí o que hai que facer é versar sobre temas galegos, por exemplo sobre Mariano Rajoy e os pesadelos que o noso presidente tería se lese demasiado a Isaac Asimov.
Por dito motivo (non o de querer tratar temas galegos, senón o de non ter outra cousa escrita na miña libreta), preséntovos humildemente, e con non pouca vergoña, os meus apuntes de Pazo de Familia:
-O capítulo empeza con dúas persoas metidas na cama. A muller espértase xa maquillada. Será que ligaron cando saían de festa despois de ver xogar o Celta? (Isto é lóxico porque o Pazo Quiñones de León está ao lado de Balaídos). Din que ás súas familias non lles agradará esta unión. Espero que sexan felices. A muller di que non quere casar con el pero que tampouco ten porqué meterse nun convento (pero cóbrese coa saba para que o home non a vexa espida cando pasa ao cuarto de baño. Para que tanto pudor? Paréceme un comportamento algo monástico).
-Teño moitas preguntas. Como se chaman estas persoas? Comezar unha serie no capítulo 110 non será unha mala idea?
-Está chamando o pai da muller e o home -que finalmente se chama Alberto- colle o teléfono. Na próxima escena, o pai di que “non quero ver a Alberto coa miña filla nunca máis”. Que terá feito o Alberto para merecer iso?
-Aparece o avogado de Serramoura, que tamén (!) sae en Fariña. Estas series estarán ambientadas nun mesmo universo como as películas de Marvel? Será o mesmo avogado – as súas aventuras nos anos oitenta antes de mudarse a Serramoura, tipo Better Call Saul e Breaking Bad?
-Hai un home que comeu sen querer o seu anel de prometido ou de matrimonio. Toma unha laxativa para cagalo. Funciona demasiado rápido (lémbrame á miña viaxe á China). Non é da gran familia do pazo, senón que é un dos empregados que están aí de parola coas criadas. É como o teatro do Século de Ouro: os nobres viven intensos dramas, mentres os de abaixo son máis de comedia.
-Resulta que a muller da primeira escena, que se chama Claudia, non pode estar co Alberto porque as dúas familias están en guerra como en Xogo de Tronos.
-O señor ese nin sequera perdeu o anel. A súa muller teno na man, pero deixa que o home siga buscándoo. Gústame esta trama.
-Resulta que violaran a unha das criadas que se chama Rita. Esquecede o que dixen da comedia e o Século de Ouro.
-Ao final os pais de Claudia falan dunhas probas de ADN que se fixeron, e parece ser que a verdadeira propietaria do pazo ou é unha sueva ou é unha muller que se chama Suevia.
-Hai un home no cárcere que se chama Nino. Nalgún intre sae de novo o avogado de Serramoura e Fariña. Isto reforza a miña teoría de que todas estas series forman parte dunha mesma saga épica sobre o narcotráfico galego (terei que mirar se ese actor saíu en Matalobos tamén).
En conclusión, pídovos perdón por ser un auténtico cheiramerdas. Que conste que me gustou o que vin. Dito isto, prometo nunca volver a ter unha mala idea, como pretender criticar unha serie sen tela visto antes, ou non levar pastillas para a cagalera na miña viaxe á China.
Emítese Fatmagül todos os días ás 21:30 en Nova.
[…] de Philip D. Webb? A hipótese que máis me convence é que foi en abril de 2018 cos primeiros Apuntes dun Crítico Malandante. Escribindo a propósito dun programa da TVG, o crítico malandou como ninguén nunca malandara ao […]