Apuntes dun crítico malandante (IV). A esmorga británica ou a proto-literatura philipesca

Novos apuntes críticos nacidos no viveiro das máis penetrantes recensións culturais en toda Gran Bretespaña. Philip observa a literatura philipesca.

A última malandanza destas saíu do wordprelo en maio de 2019. Canto tempo… este viveiro das máis penetrantes recensións culturais está condenado a ser un barbeito onde paceren as vacas da ignorancia? Non! Como é lóxico, a posibilidade do lanzamento duns novos apuntes críticos está xerando unha ondada de anticipación expansiva entre os lectores galegos. Agardamos que o texto escollido estea dotado da forza creativa e das proporcións intelectuais precisas para erixirse como un muro de contención que se resista ao impacto de tal tsunami de augas literarias.

Trátase dun texto incompleto, inédito e sen título que o autor destas liñas escribiu nunha confeitaría do Carrer d’Aragó de Barcelona e que aquí reproducimos exclusiva e integramente por primeira vez. Datado o 15 de setembro de 2013, o texto representa o primeiro intento deste autor de expresarse en galego a través da ficción, polo cal ofrece unha ollada privilexiada ao seu proceso de desenvolvemento como artista. Como artefacto dun pasado cultural aínda recente, de veras esta peza é un descubrimento fascinante.

[Aproveito esta pausa entre parágrafos (ollo: este non é o texto do Carrer d’Aragó; como xa dixen, é unha pausa inocente entre parágrafos) para dicirvos que hoxe aposto por unha narración en terceira persoa coa fin de contrarrestar a manía de escribir sempre sobre nós mesmos, xurdida como consecuencia da ditadura do eu que a lectura de certo artigo me revelou como o gran mal dos nosos días. O solipsismo fainos antipáticos, e as persoas que falan moi alto en sitios públicos empezando cada frase cun estrondoso yo son as máis antipáticas de todas. Iso é o que se chama egocracia e fai que nos centremos demasiado nos nosos embigos en vez de escribirmos sobre temas de interese universal. Por este motivo, pois, o presente autor rebélase contra o individualismo e a tiranía da obsesión do porque yo, o sea, YO…]

Centrándonos, o texto en cuestión resulta enigmático porque non leva título, o cal non fai senón aportar outro elemento ao seu atractivo. Para conservarmos a experiencia lectora primordial na súa reprodución, mantense o sistema gráfico de dúbidas elaborado polo autor mentres o redactaba naquela confeitaría do Carrer d’Aragó, acompañado por unha ensaimada ou, o que a todas luces é máis probable, un croissant recheo de Nutella. A saber, (these words) aparecen en inglés porque o autor descoñecía as súas equivalentes en galego e non ía contratar un servizo de datos móbiles deica o ano 2016, entrementres estas palabras son as que el sospeitaba como posibles grallas ou castelanismos. Con estas consideracións xa sobre a mesa, o texto reprodúcese do seguinte modo:

Á madrugada, nun recuncho da rúa de King Charles un gato mouro olea cautelosamente unha charca de vómito humano, o que indica que hoxe é sábado. O gato e a charca están á beira dunha discoteca que abre as súas portas soamente os venres e os sábados pola noite, portas das cales saen os clientes unhas horas despois, envoltos nun (haze) de borracheira, para baleiraren os estómagos en susodito recuncho. Pois se fose un domingo habería dúas charcas, como (aftermath) de dúas festas, e en calquer outro día todo se disiparía na choiva, ou o limparía un empregado do consello, ou o comería un can particularmente (indiscriminate) nos seus gostos, e o rincón ficaría máis habitábel para o gatiño, cuxa busca (quest?) por unha nova casa sigue sen conclusión.

De socato o (rumble) dun motor espanta o gato, e fuxe pola beirarúa mentres Richmond se achega na súa furgoneta para entregar leite aos veciños. O home mira hacia o recuncho notorio e as botellas rotas que (litter) os adoquíns fóra da discoteca “Bermuda”, e (sighs). No líquido cheirante aí no chan ve a decadencia da xuventude e a tristura da súa xeración; os xoves afóganse en vodka ou cerveixa; contaminan a sangue con drogas e trastornan o cerebro perigosamente; e seguramente as epidemias de (liver failure) e enfermedades sexuais que sen dúbida causará o estilo de vida do novo século serán a morte da dignidade das Illas Británicas. Baixa da furgoneta para depositar unha caixa de catro botelas

Apuntes dun crítico malandante (IV). A esmorga británica ou a proto-literatura philipesca
O texto que nos ocupa colocado entre plantas sen ningún motivo obvio.

Ben, o fragmento que acabas de ler, parte dunha narración máis extensa que non chegou a nacer, manifesta unha visión negativa das noites de festa e os seus efectos sobre o tecido social das grandes urbes. O texto compúxose como contrapunto a outra peza escrita pouco antes sobre unha saída nocturna na ficticia City Lymehouse, na tamén ficticia República dos Grádacos, peza que reflicte como a personaxe pobremente desenvolvida de Ingrid Avenue, unha inmigrante gradaquí no norte inglés, lembra e idealiza as súas bebedeiras adolescentes. A historia das rutinas de Ingrid, redactadas nun inglés algo máis prolixo do que o autor adoita empregar na actualidade, non levou a ningunha parte nin tiña nada en concreto que dicir, máis ou menos como a pasaxe aquí exposta, a menos que o obxectivo fose enxalzar a profesión dos carreteiros de leite (milkmen) que percorren as rúas británicas ás seis da maná, pero tal eventualidade semella dubidosa.

Como afirma Eloy Fariña Núñez, entre outros autores que afirman o mesmo pero que eu non lin, ou mellor dito como afirmaría Eloy Fariña Núñez se non estivese morto (sabemos que el está morto porque era paraguaio e morreu na Arxentina, e Paraguai e Arxentina son os dous países aos que vai parar toda persoa que non se sabe se morreu de verdade ou se se trata dunha morte fake (Hitler, Elvis Presley, Amy Winehouse, Bin Laden etc.), e sabemos ademais que Eloy Fariña Núñez non deambula por aí agora mesmo (Steven Seagal tamén pode que non morrese, ou quizais si), polo cal non pode estar vivo en ningunha outra parte (e seica Patrick Swayze cabe na mesma categoría). Así pois, Eloy Fariña Núñez ten que estar morto de verdade (aproveito esta pausa antes da fin do paréntese para sinalar que estou lendo o libro Conceptos estéticos. Mitos guaraníes (1926) de Eloy Fariña Núñez como parte da miña preparación para un futuro episodio de O Tigre do Futuro, o podcast oficial de LucasArts) (no Extended Universe, por certo, Boba Fett escapa das cámaras dixestivas do Sarlacc e consegue establecer un negocio de carpintaría no sur de Bos Aires) (ah, e Steven Seagal non morreu aínda, agora que o penso)), é dicir, como afirmaría Eloy Fariña Núñez en todo caso, a traxectoria do artista pasa sempre por tres ciclos:

  1. REMINISCENCIA. Mera imitación de modelos varios. Necesaria para acumular ideas, teorías e coñecementos.
  2. A ARTE POLA ARTE. Cultivo da técnica, a parte formal da arte, pero aínda sen un fondo emocional ou filosófico.
  3. RENACEMENTO. Posesión dun estilo propio que expresa a nosa maneira peculiar de ver e sentir as cousas.

Cabe pensar que podería engadirse algún ciclo complementario a este modelo para incorporar aqueles artistas que, ao cabo dun ciclo de extraordinaria creatividade, adrede ou non, acaban repetíndose a si mesmos no longo luscofusco das súas traxectorias, ou ao experimentaren con distintos estilos e xéneros, vense obrigados a regresar a algún ciclo anterior. Imaxinemos a autora de dez novelas que escribe poesía sen telo feito antes, e empeza plaxiando todas as letras de Amistades Peligrosas, por exemplo.

Secasí, deixando por sentada a teoría dos tres ciclos na vida dun artista, o presente fragmento de Philip D.W. tería que encaixarse nun deles. Verbo do ciclo inicial, veñen á memoria algúns relatos temperáns na traxectoria do señor W. que eran obras de imitación máis que de creación: un que pretendía ser como un relato de Chekhov sobre o furto dun gnomo nos suburbios de Cheltenham; ou outro sobre un neno cheltonián que sufría abusos físicos no fogar como en El Bola, a película que se estaba traballando daquela nas clases de lingua castelá [tíñamos a coña de que no exame oral o profe ía pegarnos con berros de ¡contéstame! como na peli].

Non obstante, o texto do gato e os vómitos encáixase no segundo dos ciclos, o da arte pola arte. O autor non fai máis que pintar un cadro para comprobar que o poida facer, pero sen unha pinga de sinceridade, xa que, creme, condenar escenas de licencia e balconing xamais ocupou un alto rango na súa escala de inquietudes morais. Para unha aproximación a este ciclo, existe unha libreta chea das rutinas de Ingrid Avenue. A súa vida colócase baixo a lupa autora e desenrólase nun rebumbio de fíos, anécdotas e digresións dende a relación co seu hámster ás súas reflexións sobre os mitos e lendas da República dos Grádacos. En conxunto, a libreta é a posta en práctica de todo o aprendido polo autor a través de todas as súas lecturas até ese momento, pero estritamente nun sentido formal. A vida de Ingrid e a súa personalidade, se cadra contraditorias pola natureza ad hoc da súa construción, revélanse como un campo de experimentación para un escritor curioso que xa non imita, senón que fala con voz propia pero, iso si, sen dicir nada aínda. A libreta non garda ningunha reflexión edificante, ningunha reivindicación ética nin calquera pretensión de contar algo. Ingrid é unha personaxe pero non pode considerarse persoa porque non deixa de ser un pastiche de ocorrencias e ideas prestadas. Iso tamén é o que nos transmiten o gato e os vómitos: ocorrencias.

Por certo, aquí vemos Steven Seagal en Bos Aires, onde viviu Eloy Fariña Núñez a maior parte da súa vida. Confírmase que non morreu pois. Steven Seagal, digo, non Eloy Fariña Núñez (por algo el sae chorando na portada deste artigo).

Compréndase, porén, que o segundo ciclo é unha fase pola que todo artista debe atravesar para lograr o renacemento, ese terceiro ciclo en que a súa obra é autenticamente súa, con sólidos alicerces de técnica e cultura maila capacidade de dialogar coa natureza e a sociedade. No caso do escritor que nos concirne, o renacemento plásmase posteriormente no abandono de calquera arela de perfeccionar a súa obra —loita infértil de tantos espíritos inquietos— ao entender que esta endexamais poderá ser o espello perfecto da natureza. Como razoa Fariña Núñez (p. 102):

É capaz a arte, cos seus medios técnicos de expresión, sexan estatuarios, pictóricos, musicais ou poéticos, de pintar a natureza na súa grandiosa e profunda unidade? De imitala, si, máis non de reproducila na súa unidade polifásica. Toda reprodución dela é un calco fragmentario inerte. O que chaman os pintores natureza morta, é, con perdón deles, a metade da pintura. Por iso dicía Aristóteles na súa Poética, que a arte trata de imitar a natureza, dando a entender con isto que entre a natureza e a arte mediará sempre a distancia que existe entre o orixinal e a copia.

Cando o artista se decate de que a mimese perfecta é inalcanzable, comeza a gozar dunha liberdade delirante porque o seu nume se revela como un universo propio, alleo á natureza, o cal, no eido da crítica artístico-literaria, por exemplo, implica que calquera recensión que el propoña existe con total independencia da obra criticada, sen que obre ningunha regra estilística que determine o que é e o que non é lícito opinar, nin como hai que interpretar a natureza inefable do outro. Visto así, o autor até podería abordar a súa propia obra como se fose un suxeito á parte, esquivando de xeito enxeñoso as trampas da ditadura do eu. Cando se decate de todo isto, podemos dicir que o artista renaceu como un Crítico Malandante. Pero mal non anda, senón que anda con liberdade.

[Aproveito este espazo entre o derradeiro parágrafo e o deceso do artigo para preguntarme en que momento preciso se produciu o renacemento artístico de Philip D. Webb? A hipótese que máis me convence é que foi en abril de 2018 cos primeiros Apuntes dun Crítico Malandante. Escribindo a propósito dun programa da TVG, o crítico malandou como ninguén nunca malandara ao recomendar unha novela turca que nada tiña que ver con Pazo de Familia. Agora, neste ano que corre, a TVG estreou Irmáns, a primeira novela turca dobrada en lingua galega. É posible que aquela malandanza pioneira fose o mesmo semente que fixo florecer o fenómeno turco aquí en Galicia ao familiarizar o público local con Fatmagül? Tal vez pareza demasiado atrevido confirmalo, dados todos os factores que moldean os gustos e os hábitos dos centenares de miles de persoas que habitan estas catro provincias. Pero vamos, pode ser. É moi posible.]

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí