Catro ou cinco ideas para autoodiarse con xeito (sen prescripción médica)

Literatura galega e autoodio: unha revolución a medio facer.

Sería posíbel que se publicasen hoxe en galego un Bernhard, un Carver ou un Modiano?”. Manuel Veiga formulaba esta pregunta hai un ano para respondela inmediatamente ao modo gorxiano: se en Galiza houbese un autor capaz de ter unha voz como a de aqueles, non se atrevería a empregala; se se atrevese, non sería publicado; se fose publicado, non habería deus que o mercase. A que cheira, Papá? respondeu outramente uns meses despois pola vía dos feitos: traducindo o segundo deses autores. Quero agora eu ensaiar unha outra aproximación, unha que parta da reformulación da pregunta e que vise un caso concreto. É posíbel que alguén hoxe odie Galiza tanto como Thomas Bernhard odiou Austria, tanto como a odiou publicamente? Ou mesmamente, por que ese odio, que sen dúbida circula polas entrañas da literatura galega das últimas décadas, adoita ser silenciado e domesticado, submetido a unha visión condescendente na liña do bo salvaxe? Véxase que non se trata xa de por que non xorden escritores-orixinais-capaces de-escribiren-para-maiorías, que era por onde ían os disparos inicialmente. Máis ben, o que interesa é por que unha determinada forma de orixinalidade que podería ter atopado na cultura galega unha fértil esterqueira non quixo ––ou non puido–– xermolar.

 Thomas Bernhard (1931-1989)
Thomas Bernhard (1931-1989)

Hei declarar no primeiro lugar, que o que teña que dicir agora vai ser necesariamente tendencioso e mesmo desinformado, polo que circulará polos sendeiros do trazo groso. Algo tan moralmente desaprobábel como culturalmente salutífero. A miña idea é ––xa acabo de advertir tendenciosa e vólvoo facer decontado–– coller para usar e tirar a vella idea da “revolución permanente” de Marx, na que os trotskistas atoparan niño, e con ela afirmar que canto a cuestión do autoodio nacional, na produción artística galega hai unha revolución a medio facer.

Fenómeno sen dúbida estraño nunha cultura que tanto ten pensado sobre as súas formas de odiarse e que tantas e tan ilustres autodestrucións executa diariamente, con aceno desprecatado e tranquilo mais coa precisión dun profesional en derrubes. Como nós, tan acostumados quer a tirar abaixo patrimonio, quer a rifar aos demais por facelo, non fomos capaces de acadar ese desapego que implica renunciar por completo a Galiza? Háseme entender: é claro que as desercións de Galiza son constantes e incluso normativas, mais cando se producen, estas parten de negar o mesmo obxecto da deserción. Quen renuncia á cultura galega adoita facelo mediante un esquecemento total a posteriori ou unha ignorancia total a priori. Sempre na procura de aparatos estatais mais logrados e con mellores subvencións; de xornais que, sen seren tampouco máis do que follas parroquiais, informen freguesías con máis subscritores; de cidades nas que o plano dunha liña de metro forneza a satisfacción sedante do cosmopolitismo; de cuantiosos, en resumo, Premios Planeta. Ora ben, cantos renegan como Thomas Bernhard ––ou noutro exemplo tamén austríaco, Gregor von Rezzori––, sabendo que non hai alternativa, que fóra só fica ser apátrida? Ninguén ou case ninguén. Falo dun desprezo tal que non poida borrar o seu obxecto, que teña de carrexar con el e que se alimente desa mesma incontornabilidade. Dunha deserción imposíbel de consumar completamente e, polo tanto, obrigada a purgarse mediante o discurso público.

Ao pensar nestas cousas non podo non me lembrar das infames croquetas de momia de Castelao que Suso de Toro encomendara cociñar á intelligentsia naquelaApoteose do churrasco” (Polaroid, 1986), unha das primeiras ocasións na que se dicía publicamente aquilo de Galicia, esa merda que algunhas décadas despois Ataque Escampe retomaría en rigoroso castelán e con verbo copulativo, nunha forma máis acaída a estes tempos de noso: Galicia es una mierda. Mais sendo honestos, un desprezo sincero e in toto por unha cultura non pode executarse mediante croquetas; nin tan sequera mediante chourizos, cuxa elaboración, por ir mediada da violencia, podería semellar un chisco máis radical. (Non se poden facer chourizos con momias, ademais). Toda esta gastronomía antropofáxica é interesante embora cativa, e ten o sabor da rifa paterna, que sempre acaba cunha lección edificante, un aloumiño no cabelo e o agasallo dunha larpeirada. Dunha revolución así, feita a medias. Non está moi lonxe disto a xa tradicional denominación de Impaís, difundida por Xavier Alcalá e Xaquín Marín entre outros. Parece que cando queremos odiar con cultura sempre odiamos un pouco en broma, talvez por acharmos que aqueles a quen odiamos son vítimas e non verdugos. Somos, até para estes afectos escuros e tan íntimos, absolutamente republicanos.

Mais isto só pode ser a primeira parte do problema, do que o republicanismo é un mal secundario. Aceptemos que odiar os teus paisanos non é doado cando pretendes convencelos de algo. Mais fica inexplicado por que ninguén se atreveu sequera a odiar a paisaxe galega. Non a estragada visión das rías ou as minas a ceo aberto, non, senón o mellor da súa paisaxe: execrar os Ancares, por exemplo; aldraxar, eu que sei, o Monte Louro. Quen podería odiar o Courel sen notar o sentimento inevitábel de estar sendo un malvado e, aínda peor, de estar séndoo de balde? Ollo, non se trata dun xogo de enxeño ou dunha brincadeira. Que só sexamos capaces de elaborar un desprezo da paisaxe baseado no discurso do feísmo de La Voz de Galicia indica un severo couto á imaxinación. Alguén que quixese odiar con elegancia acharía Galiza fea de seu. E non tería nada de raro, xaora.

Parécese tratar dun problema do noso sistema inmune, que tende a identificar a crítica coa deserción e a deserción co esquecemento. O protagonista de Extinción, a novela de Bernhard, acha Austria insoportabelmente provinciana. En consecuencia, exíliase en Italia, lonxe do rural no que naceu, só as vodas e os funerais son quen de convocalo de volta. A posibilidade dun retorno permanente está fóra de discusión, xa que a súa patria é detestábel, mais a mesma negativa desta a transformarse, a mellorar, que é o que separa dela, alimenta a súa xenreira e non a empatía ou a condescendencia. Celso Emilio comentaba que o seu exilio en Venezuela fora voluntario, ao envés do que era común, motivado polo cansazo que lle provocaba a monótona Galiza. Mais dese pensamento illado, polo que for, non quixo facer teima.

Quizais o momento no que máis próxima estivo a literatura galega de acadar este punto que veño chamando revolucionario sexa Cara a Times Square de Camilo Gonsar, cuxo argumento quero lembrar agora sucintamente –– advirto: estragando de paso a súa revelación final––. Segundo o modelo platónico ao que Gonsar sempre adheriu, trátase aí de dous homes intercambiando preguntas e respostas na procura do coñecemento firme e final que xorda dese debullado. Ambos os dous non se coñecen, e ignoran insistentemente as súas respectivas nacionalidades e nomes, que un deles obriga a subtraer da conversa por precaucións misteriosas. A mención do polbo á feira pon ao cabo ás cartas sobre a mesa. Tras falaren unha noite enteira en inglés, non sen dificultades, recoñécense mutuamente galegos. Precisamente aquilo que un deles, o Belga, tratara de evitar. Por que? pregunta o seu interlocutor, por que desertar do país natal até ese extremo? Sobrevén moi logo a frase seguinte, que inaugura o clímax da novela e que cómpre anotarmos: “Deixei ese país aos vinteún [sic.] anos, e non tiven endexamais o menor desexo de retornar a el e de vivir con aquela clase de xente”. Tras un tenso intercambio de reproches, o protagonista guinda ao Belga ao mar dunha patada; conducíndoo, previsibelmente, á morte.

Hai varias cousas que comentar aquí e que poden ser de proveito. A primeira é alegórica e moi significativa: para un que vai e di abertamente que detesta Galiza, sen máis requilorios, van e tírano pola borda. Para o protagonista, tal mostra de rexeitamento é insoportábel, marca ao seu interlocutor como un ser arbitraria e propositadamente inxusto. O mesmo Gonsar, a través dun prólogo e dun epílogo ad hoc, tivo que insistir con pouco disimulo que “do único que sigo seguro é de que as ideas expresadas ou suscitadas polo Belga me resultan, non podo remedialo, repelentes”. Eis o segundo aspecto interesante deste caso: aquilo que di o devandito debe de ser tan infausto que o mesmo autor ten de intervir, se cadra evitándolle ao lector un súbito infarto nacional.

Canto medo tiña Gonsar de que pensásemos que el odiaba Galiza! Mais non podería ter sido Gonsar todo un Bernhard? Precisamente para xulgar este exemplo traía ao inicio a idea de “revolución a medio facer”, posto que boa parte da súa obra acariñara esa posibilidade sen se decidir a adoptala. Está en Cara a Times Square, sen dúbida. Parece aniñar no fondo d’A noite da aurora, que podería lerse como unha cumprida glosa do dictum “para quen non quere nada teño eu moito”, sendo “quen non quere nada” este esfarrapado país de noso. É, por último, protagonista absoluto en Desfeita, na que non obstante o narrador, polo demais silandeiro, vese de novo compelido a xustificar paternalmente o que despreza: os monstros humanos e urbanos que xurdiron da rápida modernización na Galiza posfranquista.

Gonsar experimentara ––xustamente como o austríaco, xustamente como outro célebre autoodiador, o polaco Witold Gombrowicz–– ese proceso de puído da lembranza propio dos exilios delongados que permite a negación completa do país de procedencia. Permíteo, mais non obriga: o de Sarria tivo, conxecturo, de se conter. Gombrowicz no entanto, aproveitaba as poucas oportunidades de falar publicamente que a emigración polonesa lle podía brindar para deostar todo o polonés. Puña así unha certa radicalidade autorial por riba dos intereses nacionais, a irreverencia por riba do patriotismo. Máis aínda, matinara que a milleiros de quilómetros da súa patria, cun país arrasado pola guerra e unha esfera pública desartellada, o odio á Polonia era a única blasfemia estética que podía transcender o seu cativo círculo de amigos epistolares. E isto sabendo moi ben que calquera día tal blasfemia podía levalo, exiliado nunha Arxentina na que case ninguén o valorizaba, ao silencio absoluto e despois ao esquezo irreversíbel.

Witold Gombrowicz (1904-1969)
Witold Gombrowicz (1904-1969)

Quizais, penso agora, a propia pregunta pola inexistencia dun Bernhard implique ficarmos na mesma circularidade que impediu a súa existencia noutrora. Un desprezo que sexa real e asemade literario non pode nacer de acharmos que sería moi bo para a nosa cultura. É a posición do médico de cabeceira que prohibe o tabaco a un seu paciente. As palabras ferintes e rifantes con que o reconvén teñen un propósito clínico, parten da súa doutrina e non da preocupación ou a raiba. Son unha mímica. Por outras palabras, o extraordinario non pode ser normalizado e as reaccións sinceras dificilmente parten de programas previos. Eis, ao meu xuízo, unha das chaves para entendermos por que non houbo ––nin haberá por agora–– Bernhard galego: porque estamos medicalmente preocupados porque o haxa, porque a súa existencia nos importa proporcionalmente á saúde que nos reporte. Por isto mesmo, estas poucas palabras mal arrombadas non poden ter carácter prescritivo ningún; isto é, son apenas gratuítas. Por outra banda, odiándonos literaria e libremente hoxe só seríamos epígonos. Poida, polo tanto, que cheguemos tarde a non-nos-gustarmos-nada en público e para uso público. De que é tempo agora, logo? Non o sabemos. Todo parece indicar que tampouco non hai moito interese por descubrilo.

 

(Da foto de portada, ©Ataque Escampe, e os autores correspondentes dos comentarios de Youtube.)

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí