Despois desta volta atópase xusto onde quería: o árbitro que indica quen é agora a jammer líder está a sinalala no que pode ser o jam decisivo. Hai tempo aínda, mais urxe aproveitalo. Avanza os primeiros metros da súa segunda volta -a estrela do seu casco sempre á fronte- e encara de novo o pack, onde a esperan as bloqueadoras rivais. Mentres tanto, as súas compañeiras aínda conteñen a jammer rival, conscientes de que o seu éxito reténdoa será tanto ou máis crucial para achegalas á vitoria. Se logran que non as supere, máis valiosos serán os puntos que realice a súa jammer. Confiando nelas, esta adéntrase na lea de corpos rivais.
As Brigantias aténdennos ao finalizaren o adestramento que parte do equipo realiza na Coruña. Ao contrario da idea que traiamos da casa para proporlles (unha entrevista individual estándar), iniciamos, levados pola súa inercia grupal, unha conversa con todas elas.
O 16 de marzo xogastes no pavillón de Monte Alto contra Jabatas Roller Derby Ourense o último partido da fase regular da I Liga Galega. Como valorades o encontro e a vosa actuación durante esta fase?
Eyeliner: Foi un partido complicado porque non é o roller derby ao que estamos acostumadas. Xogamos contra un equipo mixto e para nosoutras foi complicado. Intentamos xogar como sabemos, creo que estamos orgullosas do noso resultado e sobre todo de termos sido o único equipo feminino da competición. Mais tampouco era o noso obxectivo último ese partido, temos outros a curto e a longo prazo.
Poison Isy: Todo o mundo pode xogar ao roller derby, o que pasa é que non estamos de acordo con que se disputen partidos entre un equipo mixto contra un feminino porque xamais vai ser equitativo. A nosoutras obrigáronnos a xogar contra o equipo mixto e non quixemos porque o noso club é feminino.
.
O seguinte partido, que decidirá o terceiro e cuarto posto da liga, será o derbi da cidade contra Irmandiñas. Como valorades esta primeira edición da competición?
Poison Isy: Pois valorámolo como un principio sobre o que traballar e sobre o que mellorar. Non houbo outra maneira de organizar mellor a liga, fíxose o que os equipos puidemos cos recursos que tiñamos, e esperamos que isto sexa o comezo dunha liga feminina galega.
.
Volvendo agora ás orixes, como entrastes en contacto co roller derby?
The Joker: Eu por exemplo entrei no equipo a través da miña prima, que quería formar parte deste deporte. Vin acompañala e finalmente quedamos as dúas no equipo. Entras en contacto a través de xente que coñeces; a través de redes sociais, porque permite coñecer cando son as nosas xornadas de portas abertas e a xente vén probar; a través do boca a boca ou pola ideoloxía do que é o deporte en si, que tamén é unha gran motivación que leva á xente a vir coñecernos.
.
En que ano se inicia o roller derby en Galiza e/ou España?
Poison Isy: En 2011, un ano antes da fundación das Brigantias. De feito unha das nosas integrantes estaba vivindo daquela en Barcelona e estivo nos inicios do roller derby. Logo ao volver a Galiza uniuse a nosoutras, pero viviu en primeira persoa esa eclosión.
.
Como xorde o proxecto de crear un equipo aquí en Coruña?
Evil Nurse: Pois xurdiu hai uns 6 anos polas redes sociais. Outra compañeira do equipo e máis eu estabamos interesadas neste deporte, contactamos con outra xente e quedamos un día para coñecernos e ver se podiamos establecelo e bon, por diferentes motivos o resto da xente foi marchando e quedamos só dúas integrantes. A partir de aí foi evolucionando, foi sumándose máis xente e acabouse creando o que hoxe en día son as Brigantias.
.
Tivestes contacto con outros equipos galegos ou estatais previamente antes de creardes o equipo?
Evil Nurse: Non, a verdade é que tanto o noso equipo como o de Vigo creáronse máis ou menos á par. E xa non só en Galiza, senón a nivel español estaba aínda iniciándose o deporte. Había moito ensaio–erro á hora de aprender porque non se sabía moi ben como enfocar sobre todo os adestramentos para ir evolucionando e xogando a este deporte. En Galiza un dos equipos que estaba tamén bastante desenvolto era O Porto, que acabou sendo un equipo moi potente e foi do que collemos nos nosos primeiros anos información para asentar as nosas bases.
.
Como está organizado a nivel estatal o roller derby? Hai algún tipo de federación que o articule?
Eyeliner: Comezou o ano pasado ARDE, que está composta por xogadoras e xogadores de roller de distintas partes de España. O seu obxectivo é promover o deporte, facilitar pistas, adestramentos, información para xente que queira empezar e os novos equipos que se están creando… De feito vaise celebrar este verán o primeiro torneo ARDE no que imos participar, que é un evento que verdadeiramente nos ilusiona polo que implica: empezar o roller derby de España feito desde a propia xente que xoga ao roller derby.
Evil Nurse: Estamos suxeitas á Federación de Patinaxe e dentro dela creamos, por así dicilo, a disciplina do roller derby. Un dos motivos da creación de ARDE é non depender da Federación de Patinaxe, senón que nosoutras mesmas xestionemos absolutamente todo.
Este deporte ten un forte elemento de autoxestión.
Eyeliner: Absolutamente. É un deporte autoxestionado e as que traballamos nel somos as propias integrantes dos equipos.
The Joker: O deporte organízase mediante comités de traballo, ben dentro dos equipos ou ben dentro de ARDE. As xogadoras que participan dentro dun equipo deben aportar a base de traballo, e do mesmo xeito que formamos parte de ARDE, tamén se traballa para a asociación. É autoxestionado a todos os niveis.
.
Hai pouco anunciastes que xa sodes full member da WFTDA, o órgano de goberno do roller derby feminino. Como foi este proceso?
Poison Isy: Pois foi longo e moi laborioso porque pedían un montón de requisitos e para conseguilos tivemos que traballar moito. Á parte de que tes que aportar un pouco de traballo tamén a esa mesma organización.
.
Conseguistes que A Coruña acollese as eliminatorias da WFTDA este pasado verán, onde participaron algúns dos mellores equipos de roller derby feminino do mundo. Como foi posible organizar un evento deste calibre?
Poison Isy: Pois con moita ambición. Vimos que podiamos ser capaces de entrar a formar parte da WFTDA e dixemos “por que non solicitar a candidatura para organizarmos as eliminatorias?”. Non sabemos os condicionantes que lles levaron a tomar a decisión, mais nós presentamos o proxecto traballando con todo: pedimos axudas ao Concello, pedimos todo tipo de apoio que puidésemos necesitar, e fixemos un proxecto completo no Pazo dos Deportes de Riazor. Vendimos un pouco a praia, o sol… e vese que as convencemos.
.
Pensades que se tivo en conta o potencial deste evento á hora de encontrar apoios na cidade ou patrocinadores?
Eyeliner: Véndoo con perspectiva, eu creo que o resultado foi positivo. É verdade que houbo complicacións, mais son comprensíbeis. Tivemos apoio por parte do Concello, tanto da Concellaría de Deportes como da de Turismo. En canto a patrocinadores foi un pouco máis complicado, porque realmente non hai moita empresa que queira apostar por un deporte minoritario. Aínda así, agora mesmo contamos con patrocinadores cos que estamos encantadas e que se portaron incribelmente ben con nosoutras.
Poison Isy: Unha das cousas que tamén era unha barreira foi o feito de que toda a información viña dos Estados Unidos e estaba completamente en inglés, polo que ao chegar aquí había que traducila, entendela e facela entender. Os papeis, os contratos, os requisitos… era un rebumbio. Existía unha distancia cultural, custaba facer entender o noso xeito de traballar.
.
Notastes moita repercusión na cidade con este evento?
Evil Nurse: É verdade que pensamos que ía haber moita máis repercusión da que houbo.
Eyeliner: E a pesar de todo o deporte xa é coñecido na cidade, que iso é algo positivo. A xente vén a Monte Alto a ver o partido, estaban as bancadas cheas no último partido e tamén viñeron representantes do Concello. Eu creo que esa é a repercusión que tivemos a posteriori das eliminatorias, que polo menos xa se sabe que existe este deporte. Que haxa xente interesada ou non, iso xa virá máis adiante. Polo menos xa se coñece.
Poison Isy: Eu penso que a cidade aínda non é capaz de imaxinar o que significaba ter ese evento aquí. Era a segunda ocasión que se celebraban as eliminatorias fóra de América (a primeira foi en Malmö en 2017) e era algo asombroso mais aquí non se chegou a apreciar porque non se tiña o coñecemento do deporte.
.
Volvendo ao tema da visibilización: tedes máis estratexias para darvos a coñecer, como o merchandising, que faciliten o voso recoñecemento como club e que faciliten o achegamento dun público concreto ou dunha estética determinada?
Poison Isy: Onde queremos coller a atención é no público feminino, porque son as mulleres as que non teñen tanta posibilidade de facer deporte. Os homes, en xeral, teñen moita máis facilidade, moita máis oferta, moitas máis opcións. Para nosoutras non hai tantos deportes, sobre todo que sexan de equipo. Queremos reivindicalo e dar a opción de que poidan acudir a un club feminino.
Eyeliner: Non creo que teñamos unha estética determinada, pero si que é verdade que temos merchandising e levámolo a todos os nosos eventos (que ademais gosta moito, por certo) e xunto coas redes sociais é a forma que temos de facernos chegar á xente.
.
Elaborades vosoutras mesmas os deseños?
Poison Isy: Eu iniciei o que é o deseño do equipo e demais, mais foron chegando xogadoras aportando ideas para cartaces, para as redes… Nun principio, para arrancar o equipo, o tema do merch foi a forma de poder autoxestionarnos, era a nosa fonte de ingresos para pagar as pistas de forma mensual, as nosas equipacións, material que precisamos… todo saía de aí. Organizar un partido é un esforzo económico importantísimo porque é un deporte descoñecido, hai poucos árbitros e temos que traelos de fóra. Agora en España e en Galiza hai máis xente, mais nos nosos primeiros partidos viñan todos de Europa, o que significaba pagar voos ou o aloxamento (ás veces facíamoslles un oco nas nosas casas para non ter tanto gasto). Son sete árbitros máis doce persoas que tamén están de NSO (non-skating officials). Podédesvos imaxinar o que tiñamos que aforrar para poder xogar un partido.
Desde o roller derby incidides moito na inclusión e na visibilización do colectivo LGTBI.
Ichi the Killer: De feito son valores propios do roller. O 19 de febreiro foi o Día contra a LGTBfobia no deporte, mais no roller derby esta loita é de sempre un valor fundamental. Todas temos cabida.
.
Como valorades ser o único equipo que compita exclusivamente con xogadoras na liga?
Eyeliner: Eu creo que é o camiño que queremos seguir todas. Son os valores da WFTDA, e nós somos un equipo que forma parte dela porque cremos en todos eses valores. Para nosoutras non era unha opción xogar nun equipo mixto. Xogamos contra equipos mixtos, mais nosoutras non imos selo. Temos outros eventos no futuro e non concebimos baixo ningunha circunstancia non ser nosoutras as que conformemos o equipo.
E chegar a unha liga feminina?
Eyeliner: É o habitual en toda España, esta situación só ocorre aquí. O roller derby está separado: hai roller derby masculino e hai roller derby feminino. O inusual é que cheguen a mesturarse e xoguen algo que sexa un partido oficial. Pódese xogar un partido non oficial, mais nun evento formal non é normal que se xogue de forma mixta. Noutros países como Estados Unidos é impensable.
Ichi the Killer: De feito na competición que organiza ARDE vai haber roller derby masculino tamén, cada un vai ter o seu lugar.
Evil Nurse: Creo que en ningún deporte hai liga que sexa mixta. Esta é unha das cousas que nosoutras non compartimos coa Liga Galega, que permiten estas mesturas.
Poison Isy: Contemplamos esta liga como un comezo no que non estamos seguindo as bases do roller derby, entendendo que na ambición de dar a coñecer este deporte se accedeu a que os equipos que non tiñan suficientes xogadoras fosen complementados con integrantes masculinos. Mais isto vai ser totalmente temporal e na seguinte vai haber roller feminino e roller masculino, porque é o ideal. Ademais, se somos un club no que estamos a adestrar mulleres e estamos a facer as nosas estratexias, non ten sentido saírmos á pista e que veña alguén que non coñeces a xogar contigo.
.
Volvendo ao xogo en si, que é máis recomendable: un bo ataque ou unha boa defensa?
Eyeliner: Non está de máis un bo ataque, mais unha boa defensa é moi importante no roller derby.
Evil Nurse: Si, porque por moito ataque que fagas, se non tes unha boa defensa chega un momento no que non consegues solucionalo todo. Estás atacando todo o tempo mais ao mesmo tempo non estás a cubrir, polo que quedan moitos ocos libres.
The Joker: É un deporte no que estamos cinco xogadoras sobre a pista, das cales catro se adican maiormente á defensa e unha a anotar puntos. Ao final do partido gaña quen consiga máis, mais se evitas que marquen puntos, tes moito gañado. Sempre haberá un oco polo que a jammer pase. Se che sacan unha vantaxe moi ampla, é difícil recurtala e chegar a sobrepasala; polo tanto mellor que non che anoten puntos e logo xa intentamos facelos nosoutras.
Anunciades que sodes un club aberto a novas integrantes. Que requisitos deben cumprir e como é o proceso de incorporación?
Eyeliner: O primeiro é que teñas ganas de vir, de aprender, de formar equipo coas túas compañeiras. Se non tes equipación ou non tes patíns nun inicio, o equipo pódechos prestar ata que os consigas. Se tes unha certa base de patinaxe, mellor; se non a tes, pouco a pouco irase mellorando. Eu entrei sen saber patinar e vas aprendendo aos poucos. Require máis esforzo pola túa parte, mais o primordial é vires con moitas ganas.
The Joker: Cando vén unha persoa nova ao equipo, dáselle información sobre como funciona o deporte, que é necesario, como nos autoxestionamos e como funciona o noso equipo en particular. Esa persoa pasa a continuación por un proceso de aprendizaxe do roller e unha vez ten eses coñecementos, organízase un exame de habilidades mínimas, que é teórico e práctico, e ao aprobalo pasa a ser un membro que pode xogar partidos oficiais e fai parte do roster da WFTDA.
Eyeliner: Á hora de xogar tamén tes que cumprir unhas condicións: tes que traballar con e para o equipo, tes que vir adestrar, ter compromiso… Aprobar o exame non che abre a porta a xogar, son moitas cousas as que hai que ter, e o compromiso é a principal.
Poison Isy: Sobre todo porque aínda que a imaxe que chega do roller derby é un tanto violenta ao ver tantos bloqueos e empurróns desde fóra, é un 90% de estratexia. Cada vez que adestramos practicamos o que imos facer; polo que se unha persoa non acode, non vai poder traballar coas súas compañeiras, non vai poder facer equipo.
The Joker: Creo que é moi importante esta parte de facer equipo. Traballar para o equipo mais tamén facer piña, porque sempre se xoga moitísimo mellor cando tes unha confianza nas túas compañeiras que vas creando a través de adestramentos.
.
De feito é algo que se ve en todos os partidos de roller, esa comuñón entre as integrantes do equipo e mesmo entre os equipos.
Eyeliner: Todas compartimos o interese polo mesmo deporte e ademais todas sabemos o que é loitar por un deporte minoritario. Sempre que xogas un partido hai bo rollo. O resultado poderá ser mellor ou peor, mais sempre acabas tomando algo coas rivais despois na afterparty.
Evil Nurse: É un xeito de facer piña. Ti cando estás na pista estás concentrada, estás co teu equipo e fas a unión co teu equipo. Unha vez que se dá o asubío de fin de partido, o primeiro que facemos sempre é darnos a noraboa co equipo contrario, saudámonos, abrazámonos e logo facemos o terceiro tempo todas xuntas. Incluso damos uns premios ao outro equipo para felicitalas ou animalas a que sigan mellorando como un xeito de recoñecemento e de transmitir azos.
Michi: A primeira vez que vin un partido de roller derby pareceume curioso que, en comparación con outros deportes, hai moito respecto cara o equipo arbitral. Neste deporte nunca se lles vai botar a culpa ou se vai chegar insultar. Podes comentar algunha decisión despois co teu equipo, pero durante o partido, nunca. Mesmo ao finalizar o encontro, tamén se lle vai aplaudir ao equipo arbitral e agradéceselle o esforzo por ter vido para que nosoutras puidésemos xogar o partido.
Dentro da vosa concepción do deporte, como valorades o amadorismo? Credes que é algo que permite establecer este tipo de relacións entre as xogadoras?
The Joker: Como un punto desde o que partir, está ben. Todos os equipos comezaron con poucas xogadoras e dun xeito non profesional, mais creo que profesionalizar o deporte debe de ser o obxectivo de todas. É importante xogar baixo as mesmas regras e cos mesmos valores, por dicilo dalgún xeito.
.
En canto á loxística, como vos organizades á hora de ir desputar encontros a outra cidade?
Eyeliner: Traballando en comités. Organizar un partido en casa xa require moitísimo esforzo, fóra máis aínda. Dentro tes que encargarte de buscar o persoal de arbitraxe con e sen patíns, encargar o campo de xogo, montalo (porque é algo que non temos, hai que construílo coma quen di facendo as liñas das pistas nas que se xoga), levar material, estar pendente do aloxamento de outras xogadoras que se cadra o precisan, organizar a afterparty e o sitio onde celebrala… Require moitísimo esforzo, tamén para todo o previo ao encontro.
Poison Isy: Cartaces, publicidade, patrocinio para custear o evento…
Eyeliner: Fóra é case o mesmo traballo mais desde outro punto de vista. Buscar un aloxamento, buscar un transporte, organizarse para que as xogadoras poidan acudir buscando unha data propicia… É un traballo complexo, e é un traballo de todas.
Élles posible aos afeccionados ao roller acudir ao maior número de encontros posibles da Liga Galega?
Eyeliner: Neste caso quíxose que houbese partidos de roller derby en todas as cidades sede dos equipos que participan, entón é complexo. Por exemplo, o seguinte partido é en Ourense, entón non se vai desprazar xente de Coruña.
The Joker: O noso público normalmente está conformado polos nosos familiares e coñecidos, e no seu caso si que é máis probable que se despracen acompañándonos. A xente que é seguidora do deporte mais que non ten unha unión directa con nosoutras é máis difícil que vaia a todas as sedes. O normal é que vaia aos partidos dos equipos da súa mesma cidade ou da que lles quede próxima.
Michi: Hai que recordar que a entrada aos partidos é gratuíta. A quen lle chame a atención o deporte pódese pasar sen ningún compromiso polo recinto, sentarse a velo e, se lle gusta, quedar.
Eyeliner: Así e todo aquí en Coruña temos público, aquí veñen persoas que non son familiares nosas ou coñecidas. Aínda hai pouco me crucei fóra de Coruña cunha rapaza que non coñecía de nada coa camiseta de Brigantias, funlle preguntar e díxome que a comprara nun partido noso. Quedei asombrada, chamoume moito a atención.
Evil Nurse: Normalmente é xente que vive en Coruña, que descubriu o roller e pareceulles interesante, e achéganse a ver os partidos. Mais desprazarse seguindo o equipo é complicado. Dentro da propia cidade é sinxelo atopar máis seguidores que acudan aos partidos.
.
Dúas das vosas xogadoras recibiron a chamada para xogar coa selección española.
Poison Isy: Si, son Evil Nurse e Lady Moratón, precisamente as que iniciaron o equipo, as que van formar parte do equipo español nos Mundiais de roller derby. Faltan aínda 3 anos para que se celebre, polo que aínda non se saben as datas nin a sede. A idea que ten a selección española é utilizar as escollidas para que teñan unha serie de adestramentos cada pouco tempo nos que poidan aprender novas tácticas e técnicas para despois transmitirllas aos seus propios equipos. Está enfocado como un xeito tanto de preparación da selección como de facer medrar o deporte e dar máis coñecementos e formación.
.
Para rematar, cales son os proxectos futuros das Brigantias?
Poison Isy: Esta temporada imos participar no campionato de ARDE, que vai ser en Murcia, e no Torneo Celta de Brest, en Francia, no que imos xogar contra equipos de Irlanda, Escocia e a Bretaña francesa, entre outras nacións. Supuxo moitísimo traballo porque parte do equipo adestra en Coruña e outra parte faino en Santiago, pois temos xogadoras vivindo en diferentes lugares. Coordinar os voos para irmos a Brest, que non é precisamente unha cidade grande, fai que teñamos que viaxar primeiro a Madrid, despois a Nantes e alí alugar unha furgoneta. O que sexa polo Torneo Celta.
The Joker: Imos organizar unha campaña para que as persoas que queiran poidan axudar ao equipo a realizar esta viaxe.
Poison Isy: Alén diso, queremos seguir estendendo o deporte e medrando como equipo. Seguimos coas portas abertas para recrutar o máximo de xogadoras posible e chegar a conformar un equipo B e mesmo C como teñen noutras ligas. Incluso poder comezar cun equipo junior porque temos interesadas de entre 12 e 16 anos, ás que tamén nos gustaría poder ensinar o deporte. A partir dos 16 pasarían a ser integrantes do primeiro equipo, mais se están próximas a eles, tamén poderían comezar a adestrar con nosoutras.
.
Logrou conseguir uns bos puntos até o de agora, cando aínda faltan varios segundos para que finalice o jam. Ao mesmo tempo, as compañeiras foron quen de impedir o avance da rival pechándolle os ocos e resistindo as colisións, tamén as das outras bloqueadoras. Se conseguen manterse firmes mentres nesta volta a súa jammer sortea as rivais de novo, estará feito. Mais non é tan sinxelo: é botada da pista un par de veces, polo que xa non dispón de tanto tempo. Ocórreselle outro xeito. Cando encara o pack, téndelle cun movemento rápido a estrela do seu casco á súa pivot, que se desentende da jammer rival e comeza agora a sortear xogadoras desprevidas, facendo así os puntos que buscaban. Sen perder tempo, realiza o xesto de finalización do jam e deixa sentenciado o marcador. A táctica coral, unha vez máis, é sinónimo de vitoria.
si que existen liga mistas. Na Galiza existe a Liga Gallaecia de fut gaélico