Pedía o mestre Jaureguizar que non quería volver ler nunha recensión aquilo de “a paisaxe é unha personaxe máis”. Nun arrouto de rebeldía, vou comezar eu dicindo que en Dormir com Lisboa, de Fausta Cardoso Pereira, a cidade é a personaxe principal. Mi ma, quizais sexa esta a insurrección contra a autoridade máis morna e menos ambiciosa da historia. Ai, se o Manuel Antonio do “Máis alá” levantase a cabeza…
Brincadeiras á parte, entendo por que se rexeita ese clixé da “paisaxe como personaxe”. Normalmente non é máis que unha frase feita preguiceira, coa afectación propia dos críticos, para dicir que o entorno dunha novela está ben descrito, ou ten importancia en relación coa trama, ou algo nesa liña. Non, no 99% dos casos a paisaxe non é personaxe. Pode ser un elemento central, como a Manhattan de Woody Allen, o Elsinor de Hamlet ou o Ourense de Blanco Amor. Pero en ningún deses casos a cidade ten axencia, nin pode actuar, nin ten arco dramático. Non son personaxes.
Por isto precisamente é interesante Dormir com Lisboa, onde a capital lusa alcanza categoría non só de personaxe, senón mesmo de protagonista. A súa personificación non se fai a través dunha simple “humanización”, Lisboa non é de súpeto unha señora con voz e corpo, como se fose un dos xoguetes de Toy Story ou un daqueles actos sacramentais medievais onde Don Carnal discutía con Dona Cuaresma. A premisa fantástica de Dormir com Lisboa é moito máis suxestiva: dotar á cidade dunha especie de consciencia non humana, convertela nun ser pensante e sentinte, pero sen privala da súa natureza de construción civil, de lugar.
Quero neste artigo reflexionar sobre as técnicas narrativas que Fausta Cardoso emprega para lograr este obxectivo. Pensando arredor deste enfoque atopei moitas semellanzas entre Dormir com Lisboa e Solaris, o clásico da ciencia ficción de Stanislaw Lem. Para os que non a coñezades, en Solaris o mar que baña por completo a superficie dun exoplaneta resulta ser un ente vivo e consciente, e a novela narra os xeitos en que un ser tan incriblemente diferente aos humanos se relaciona co grupo de astronautas que o estudan na súa superficie. Evidentemente, os obxectivos de Dormir com Lisboa son moi diferentes aos de Solaris, pois Cardoso intenta falar da relación da xente co lugar, a cidade, e non da comunicación co alien. Mais na execución, a premisa fantástica atopa retos parecidos aos da ciencia ficción, e os soluciona con estratexias narrativas paralelas. Falemos delas.
.
1. Os límites da ciencia e a burocracia para comprender a Lisboa. Sombras da fogueira.
Dormir com Lisboa comeza coa desaparición dunha serie de cidadáns aleatorios, engulidos por uns buratos que se abren no chan da cidade sen aparente explicación. Ante esta crise, o goberno decide formar comisións de investigación para coñecer a orixe do fenómeno. Para dar un golpe de efecto, incorporan á Dra. Ana Bragança, unha científica portuguesa que acadou fama no Reino Unido (esta circunstancia de migrante intelectual retornada non é casual).
Seguindo a Dra. Bragança, asistimos a unha serie de reunións sobre o modo de afrontar as desaparicións, coa presenza das máis altas autoridades: o Primeiro-Ministro, o Presidente da Câmara Municipal, xenerais dos exércitos. Colocar o foco no aspecto político pretende ofrecer unha ollada retranqueira arredor das elites gobernativas portuguesas (nunca se dan nomes, nin tan sequera partidos, cada unha das personaxes é apenas o seu cargo, co que Fausta Cardoso potencia ese aire de alegoría satírica). Pero esta perspectiva fría e distante de burócratas e científicos tamén é ideal para achegarnos de vagar á cerna fantástica da novela. Os membros da comisión, como o propio lector, ante uns feitos extraordinarios intentarán buscar unha razón lóxica antes de saltar á posibilidade dunha vontade extrahumana que habita na cidade. A cientista artellará unha hipótese, quizais xeoloxía ou enerxía escura; o político temerá un complot da oposición; o militar unha ameaza estranxeira.
Non terán estes personaxes contacto directo con Lisboa. Mais a través das historias de terceiros acabarán, cada un dun xeito acorde ao tipo que encarnan, comprendendo que non se enfrontan a algo racional. Un exemplo: a Dra. Ana Bragança visita as igrexas de Lisboa, onde os fieis acoden a buscar consolo ante a crise das desaparicións. Atopa a igrexa de São Domingos, no Rossio, chea ata as portas con xentes de razas e linguas diversas. Chocan fe e ciencia. Pregúntase a doutora:
Ana Bragança comeza a dar pasos na dirección adecuada. A vivencia da cidade, o ambiente estraño e a ausencia de explicacións serán os desencadeantes da catarse destas personaxes, que reflicte na que vive tamén o lector ao comprender que Lisboa é protagonista e non só localización. As escollas de Fausta Cardoso nesta parte da novela están orientadas a que coñezamos primeiro a Lisboa a través das pegadas que van deixando as súas accións. A distancia da política respecto da realidade é a do narrador que olla para os feitos como un espectador asombrado polos disparates. Da reacción da poboación ante as medidas do goberno e o medo ás desaparicións apenas sabemos por unha canción triste que se canta nunha manifestación, ou unha conversa escoitada ás presas a pé de rúa. Ecos. Distinguimos a forma das sombras da fogueira, pero aínda non vimos o lume.
Cabe comentar que en Solaris tamén se dedican as primeiras páxinas a achegarnos ao misterio do mar consciente. Como en Dormir com Lisboa, faise a través de terceiras voces, tamén co tema dos límites da ciencia humana para comprender a vida non humana. Emprega Lem un recurso máis artificioso que o de Dormir com Lisboa, a través de libros que hai na estación espacial onde se relatan as diferentes fases da historia da ciencia solariana, case como documentos extradiexéticos. Buscan eses libros esquecidos reforzar a idea de illamento nun planeta afastado. Problemas semellantes e perspectivas parecidas, aínda que as técnicas diverxan para reforzar outros temas.
.
2. A declaración policial. As testemuñas de Lisboa.
Abrindo unha segunda parte, Dormir com Lisboa muda de súpeto o seu ton e forma. Deixamos de lado á doutora Bragança e aos políticos para asistir a unha serie de declaracións policiais onde un Inspector interroga a parentes e amizades das persoas desaparecidas. Abren os capítulos con títulos como “Caso nº8, José Inácio, desaparecido no Largo das Olarias no dia 6 de maio – depoimento da esposa, Amália Inácio”.
É un recurso empregado de xeito moi intelixente por Fausta Cardoso para seguir construíndo a Lisboa viva. Se na primeira parte só viamos a políticos reaccionando, aprendendo a base de informes ou de sentir a opinión pública, coas declaracións policiais a autora cambia o foco de xeito brusco e as historias que antes non eran máis que ecos de terceiros, pasan provir de testemuñas moito máis directas.
Cada unha destas declaracións policiais funciona como un pequeno conto independente. A novela máis clásica vira en colección de relatos, un cambio de formato onde se lle dá prioridade ao diálogo e a construción de discurso dos declarantes. (Parece imposible para nós non pensar n’A esmorga ao falar sobre as capacidades do interrogatorio, marco formal que destaca o carácter parcial do relato, da situación comprometida do narrador testemuña.) Todos os declarantes de Dormir com Lisboa falan dunha desaparición, pero todas son diferentes. Non só polas circunstancias particulares de cada caso, senón porque a propia forma de aproximarse ao relato de cada un dos narradores é diferente. As súas cosmovisións, o xeito en que cada un deles entende a Lisboa e as causas das desaparicións, impregna o relato.
A autora necesitaba subir as apostas, deixar de ollar para a cidade con consciencia desde lonxe e baixar ao barro dos efectos das súas accións. A política servía para a primeira parte, pero non para esta segunda, así que muda a perspectiva. Pasa dese puntiño de humor e alegoría das reunións do goberno a unha narración máis realista e dramática, dunha relación concreta, dun evento de trauma para a xente común, con nomes e apelidos. As voces diversas engaden temas, a cidade cada vez é máis complexa. Por fin parece que entrevemos á Lisboa que respira desde máis preto, a súa natureza de ser vivo parece cada vez máis evidente, pero o carácter subxectivo e pouco fiable das testemuñas mantén o elemento fantástico aínda nun desenfoque, nun lugar neboento entre a realidade e como a imaxinamos.
O fío condutor entre todas as declaracións é o Inspector. Convertido nesta parte no trasunto do lector, vai enxergando a Lisboa no puzzle de historias das testemuñas. Descubre que non está tanto investigando un caso como aprendendo a desencriptar a linguaxe dun “quen” que se pensaba ser “onde”. Tamén a personaxe do Inspector está deseñado para complementar mellor con esta parte da novela, e as súa natureza é máis taciturna e reflexiva, golpeado polos dramas persoais máis que polo fenómeno social do pánico na cidade. Os pensamentos que articula cando remata unha declaración en cada capítulo están entre as partes máis fermosas e lúcidas da novela.
A comparación desta parte de Dormir com Lisboa con Solaris é máis complicada, porque non hai un paralelismo directo co estilo de declaración policial na novela polaca. Porén, a nivel de xestión de información narrativa, si penso que esta parte podería ser o equivalente a todas as páxinas que Lem dedica a falar das estrañas formacións “arquitectónicas” (mimoides, simetríadas, asimetríadas) que se forman no mar vivo, de gran beleza pero de finalidade incompresible para os humanos. Sen comprender aínda a Solaris, observan as súas obras. Sen falar directamente con Lisboa, alcanzamos a comprender o alcance dos seus actos.
.
3. Da topografía ao retrato. A reciclaxe das técnicas.
Teño a sensación de que esta reflexión arredor das técnicas de Dormir com Lisboa está quedando un pouco mecanicista, como se os recursos narrativos fosen partes delimitadas e estáticas, que entran na historia para cumprir unha función e despois marchan. Non é o caso, e quero remarcalo. Por exemplo, despois das declaracións policiais aínda volveremos a saber máis dos políticos e da Doutora Ana Bragança, as diferentes partes retroaliméntanse. A novela é tremendamente ambiciosa, tanto nos temas que trata como no complicado da súa premisa, así que tira do arsenal todas as ferramentas coas que se pode armar unha escritora, pero isto non convirte a un libro nun Frankenstein de retallos de ideas.
Creo que Fausta Cardoso consegue esa unidade por un sentido de finalidade moi forte, que impregna todo o libro. Todo o que aparece en Dormir com Lisboa está orientado a construír esa imaxe estraña da cidade que está viva. Isto supón tamén reciclar aspectos da construción narrativa e orientalos, sempre que sexa posible, cara ese mesmo obxectivo.
O exemplo mais paradigmático disto no libro é o uso da descrición. Aprendiamos no colexio en clase de lingua a diferencia entre prosopopeia e topografía, había palabras distintas para describir un lugar e unha persoa. Parecía unha clasificación razoable, pero claro, cando temos unha cidade que pensa, decide e actúa, é un muro que cae. Como describir un lugar cando xa non é só un escenario, cando é tamén actor? O que pode parecer un obstáculo Dormir com Lisboa transfórmao en oportunidade, e atopa xeitos de que as descricións dos diferentes lugares aporten tamén matices ou capas de profundidade ao noso coñecemento da cidade como ente. Un exemplo que me gusta especialmente é cando se describe un lugar coñecido como as Escadinhas de São Miguel.
Cunha descrición así ilústrase unha das desaparicións, pero tamén reflexionamos sobre a complexidade dun sistema tan xigantesco como Lisboa, que ten dentro de si a cidade turistificada e a aldea portuguesa. Aprendemos máis cousas sobre o xeito de ser do noso protagonista, dun complicado sistema que ademais ten séculos de historia, por unha vía indirecta que non tería sentido xamais para unha persoa. Estas son as posibilidades que só a ciencia ficción e a fantasía ofrecen. Moldear as regras da realidade ten repercusión tamén nas do xogo da arte, e as ferramentas que parecían ter unha finalidade adquiren de súpeto novos significados inesperados.
.
4. Soños e historias. A voz de Lisboa.
Xa escoitamos falar de Lisboa, observamos as súas obras e aprendemos sobre o seu xeito de ser. Faltaba o último paso, a comunicación directa; o Contacto, en termos cosmolóxicos. Parece unha tarefa imposible, como comunicarnos cun ente que non é humano, que non pode falarnos nin entender a nosa lingua, que non podemos realmente nin percibir polos nosos sentidos? A mensaxe de Arecibo foi o mellor intento que se nos ocorreu, pero pola propia definición de “alleo”, non sabemos que forma terá a ponte para nos unir.
Solaris ten esta incomunicación como un dos seus temas principais. A cerna da novela é precisamente o mecanismo que o mar vivo, tras décadas de observación, emprega para comezar a “comunicarse” co grupo de astronautas. Faino rastreando nas súas memorias e creando, co estraño material orgánico, réplicas de seres queridos falecidos destes malfadados astronautas, que de súpeto vense acompañados día a noite por esa especie de pantasmas do pasado que se pensan humanos e non son máis que ferramentas de aprendizaxe dun ser alieníxena. O camiño do contacto pode levar a terrores insospeitados.
Non entrarei en detalles ao falar desta última parte de Dormir com Lisboa, porque non quero facer spoilers, aínda que é un concepto este que non me parece que teña demasiado sentido en novelas como estas. Para este último tramo, Fausta Cardoso volve a tirar da declaración policial como marco narrativo, pero desta volta as testemuñas son as propias persoas desaparecidas. A súa narración sobre o tempo que estiveron ausentes será a de vivencias oníricas moi diversas e estrañas, todas relacionadas coa cidade e a maneira en que a pensan, pero sen unha liña de conexión ou unha moral clara. Parecen de novo mediatizadas por cada un dos narradores particulares e os seus propios preconceptos.
Pero os escenarios e o mudo deses soños foron construídos por Lisboa, son o seu xeito de se comunicar con esas persoas. Parece acaído que unha cidade só sexa capaz de comunicarse nunha linguaxe espacial, transmitir conceptos a través de detalles da súa arquitectura, destaques de momentos da súa historia. Fausta Cardoso emprega nesta parte máis simbolismo e linguaxe lírica do que nunca antes da novela, pero porque as palabras do cotián deixan de ser dabondo para falar do que non é “nós”.
O paralelismo con Solaris é moi interesante. Como na novela polaca, a cidade, a entidade non humana, precisa de focalizar a comunicación en persoas concretas, só é quen de artellar unha linguaxe específica para cada receptor. Indaga nas súas mentes e coas ferramentas de tempo e espazo que pode controlar crea un escenario e unha historia, coa esperanza de que o ser humano comprenda algo. Como facía o mar consciente con aqueles pantasmas do pasado. Como na novela de Lem, Lisboa non sempre o consigue. Nin tan sequera acaban de quedar claros os seus obxectivos. É a maldición da incomprensión entre os diferentes.
Precisamente o final de Dormir com Lisboa paréceme o menos interesante da novela. Supoño que, como con todo o anterior, é unha consecuencia da súa propia trama. Como construír un arco dramático para unha personaxe que non é humana? Como apreciar nela un cambio, as consecuencias da historia vivida, cando non es quen nin de comprender a súa natureza? Non parece haber solución. Aprendemos cousas sobre nós, sobre a nosa relación coa cidade, pero Lisboa segue a ser un misterio, e fica un pouso de certa aceda insatisfacción, de historia mutilada. De novo, este é unha eiva partillada coa novela de Lem, onde o final é quizais o menos interesante do conxunto. Porén, isto é así porque todo o anterior foi unha procura honesta de como podería ser falar co “non-nós”, e o máis interesante dese camiño será sempre percurso máis que a meta, as preguntas máis que as solucións.
.
5. Un par de notas finais.
Intentei nas partes anteriores falar de como constrúe Fausta Cardoso Pereira unha Lisboa viva. Penso que non teño que reiterar que penso que é un libro moi interesante, de gran ambición, e aínda quedaron moitas cousas que se podían comentar (en particular a personaxe-narrador, unha especie de avatar da cidade que eu conecto con ese velho do Restelo dos Lusíadas, pero que non souben cadrar nun sitio concreto do artigo). Sei que se me foi este artigo un pouco das mans e vai quedar moi longo, pero non podo evitar facer un par de consideracións finais.
Primeiro, que Dormir com Lisboa foi publicada por Urco ao resultar gañadora do premio “Antón Risco” de literatura fantástica. Paga a pena comentalo porque acho que aquí o premio cumpre coas funcións que penso deben cubrir os certames literarios. Buscar a novela arriscada, fóra do común, que quizais non atoparía facilmente editor. Recoñecendo novelas como Durmir com Lisboa é como un premio gaña prestixio e confianza dos lectores. En particular é destacable porque non é a novela de Fausta Cardoso a “típica” historia de fantasía, pero é profundamente fantástica, consciente das ferramentas do xénero para poder xogar con elas ou transgredilas. O premio fai gala do seu nome, un teórico da fantasía como Antón Risco.
Por último, hai que falar do elefante na habitación. Si, Dormir com Lisboa está en portugués. E chega ao público galego en portugués, editado por unha editorial galega. Este é o potencial da lusofonía, o poder de consumirmos produtos culturais de calidade sen necesidade de intermediarios. Para quen non teña hábito de ler en portugués, é Dormir com Lisboa un bo lugar por onde comezar, como en realidade calquera boa novela na lingua irmá. A sorpresa de atoparnos de súpeto cómodos lendo en portugués, atrapados nunha boa historia, é un deses praceres secretos que nos agasalla o galego. Ogallá un día sexa menos secreto e non faga falta poñer un parágrafo de adenda como este.
Longo e moi interesante artigo que abre o apetito e as ganas de ler a novela. Só o paralelismo con Solaris (amado Stanislav Lem) chega para captar a miña atención. Grazas Guillermo por me dar esta nova. Prometo comentario cando a remate.
Moitas grazas Amador! Sei que tendo a escribir artigos moi longos, xa mo comentan as compañeiras da redacción cheirer, pero xusto neste non quería deixarme nada no tinteiro. Pois agardo con ganas ese comentario para cando lle metas o dente á novela, penso que paga moito a pena. Ai Lem, a ver cando nolo traducen ao galego tamen (quedaría ben na factoría K ou en Hugin e Munin).
Como che prometín, aí tes o comentario sobre a lectura de Dormir com Lisboa da que gocei moito:
http://filloas.gal/dormir-com-lisboa/
Aproveitei o blog, xa que o teño, para ter máis marxe de manobra XD