Nesta segunda parte do fío sobre educación que iniciei ha pouco, quero abordar un tema perfilado xa no anterior. Mentres na primeira parte das reflexións falaba sobre o papel do profesor, agora voume centrar nun compromiso docente que, coma moitas das súas responsabilidades, non é tan visíbel, mais existe. Para tratar este tema, centrareime nun texto de Ana Iglesias Álvarez (2012) que podedes consultar nesta ligazón e que me interesa porque se publica nunha revista sociolingüística centrada no ensino. Coido que xa polo tema que trata e o lugar onde aparece vai ser de relevancia para calquera que estea involucrado na docencia, xa sexa como profesor ou como titor dun alumno. Para sermos docentes, por unha banda, temos que comunicar, polo que a lingua é a ferramenta de transmisión de coñecemento que máis precisaremos. Por outra banda, temos que coñecer o noso público, conque o elemento social de quen nos arrodee vai ser un punto central no desenvolvemento das nosas ocupacións.
O traballo que todo docente leva a cabo consiste en transmitir, mediante unha ferramenta lingüística, un coñecemento que permita aos estudantes (e –polo tanto– á sociedade) unha mellora. Isto supón un compromiso socio-lingüístico. Enténdase esta mellora como un resultado de aspiración a menos ignorancia, a máis capacidade crítica, a máis coñecemento para discernir e decidir por un mesmo etc. Neste senso, a autora deste artigo céntrase na lingua e equipara o galego a calquera outro idioma. Posto que neste capítulo quero falar do compromiso socio-lingüístico do profesorado galego, eu tamén. Con todo, cómpre recoñecer que o compromiso non afecta só ao ensino de lingua. Algo que nun primeiro momento pode resultar tan obvio como querer empregar un idioma en todos os contextos –pois as linguas son faladas e servíbeis para todas as situacións, xa que teñen diferentes rexistros de fala–, non o resulta tanto cando o tema que se trata son os prexuízos coa lingua. Prexuízos, por desgraza, vixentes.
Unha das apostas máximas en prol do emprego da nosa lingua radica na súa utilización en eidos asociados á modernidade e ao progreso. A fin de contas, como xa se adiantaba no parágrafo anterior, o idioma posúe diferentes rexistros e pode ser empregado en todos eles. Polo tanto, o galego (unha lingua máis) non debe ser excluído no panorama científico, nos cartaces publicitarios ou nos filmes que a sociedade galega paga por ver en gran pantalla. Como expresa Núñez Singala (2009): «En galego, por que non?». Pois se cadra porque son os galegos quen pensan peor da súa propia lingua e quen non a empregan para a facer todo o útil para o que potencialmente está preparada. E un contra-argumento explica a situación de quen non a fala porque non a fala ben (páx. 12 do artigo); mais as linguas apréndense falando (Vila, 2012: 3), non deixando que morran. Dende logo, ninguén posúe a completa competencia lingüística en ningunha linguaxe e ninguén aprendeu sen ser pola vía da corrección dos erros. Polo tanto, cal é a razón de que non serva errar en galego?
Precisamente sobre estas cuestións párase Iglesias Álvarez sinalando trazos sociais ou de comportamento xeneralizado na sociedade actual que van en contra da lóxica de que calquera idioma vale (Subiela, 2009: 51). Para comezar, céntrase no descoñecemento que ha detrás dos prexuízos. Se ben é certo que non se cumpriu a intención da lei de normalización lingüística galega de conseguir competencia bilingüe ao saír da ensinanza obrigatoria, a elección (xunto con toda a presión castelá externa) non é real. Se descoñeces unha lingua, non tes criterio igualitario para decidir empregala. E se o fas, como sinala a autora, mesmo podes provocar un rexeitamento que te afaste do teu grupo social (páx. 15), no que antes eras admitido sen ser cuestionado. E a escolla bilingüe tampouco é real. Unha persoa pode ser competente en dous idiomas, mais usará un nun lugar ou cunhas persoas e outro noutro lugar ou con outras persoas; entón, será monolingüe nun idioma A na casa e monolingüe nun idioma B na rúa.
Se nos centramos na estrutura do artigo, este divídese en tres grandes bloques: un asentamento de termos teóricos, unha relación sociolóxica dos prexuízos que existen actualmente na Galiza e unha última parte na que se manifestan algunhas das consecuencias resultantes de todo isto. As fases non se afastan do que leva a cabo o colectivo docente ensinando calquera materia a día de hoxe. Ha unha fase de explicación teórica rexida polo currículo, unha segunda fase onde o profesor debe adaptar esa teoría á situación social e receptiva concreta dos alumnos e unha última parte onde estes ven os resultados dos procesos anteriores, en forma de nota.
No tocante aos prexuízos lingüísticos, moitas das informacións que adoitan guindarse como invisíbeis teñen as súas consecuencias moito tempo despois, sen sermos conscientes da raíz. Despois de recoñecer a parte máis desinformada da construción dun prexuízo (ou sexa, que se basea na ignorancia), sempre que falemos dun prexuízo lingüístico sobre o galego, segundo a autora do artigo, este vai ter tres características básicas: incluirá afecto ou desagrado cara ao idioma; positivismo ou negativismo respecto do idioma; e colaboración activa (que pode ser positiva ou negativa) ou pasiva na resolución dun problema que se acepte como tal ou non respecto ao idioma.
Todas as actitudes que se forman no que concirne ao galego son aprendidas ao longo do proceso de socialización de cada individuo. Esencialmente a través de: pais, profesores, medios de comunicación e grupos sociais elixidos. Isto quere dicir que para unha persoa que teña que comunicar coñecemento mediante unha lingua a alumnos en idade de creación de grupos sociais, de aceptación social e de construción persoal (profesores de secundaria, en definitiva) vai ser moi importante non deixar pegadas prexudiciais no tocante á lingua –iso que chamei anteriormente «invisíbeis»–. Moitas veces, este tipo de actuacións son inconscientes ou non se repara nelas e precisamente por iso ha que ter presente que están aí e temos que evitalas. Como xa adiantei ao comezo, existe un compromiso socio-lingüístico implícito que non se escoita, mais que se pode manifestar logo de moitos anos nos suxeitos que o percibiron.
Os prexuízos que expón a autora no texto son estereotipos xeneralizadores sobre a lingua que non permiten a excepción unha vez foi estabelecida unha categoría na que certos elementos entran a xogar. Por exemplo, adoitan ter unha connotación defensiva que afaste e coloque enriba unha lingua (dominante, de prestixio, válida, maioritaria, para que outros estuden) sobre outra (inferior, só para casa, non vale para falar co médico, minoritaria, non admite falantes novos). Mesmo cando se expresan estatísticas tiradas das respostas da cidadanía, resulta que se observa que o que contestan as persoas entrevistadas forma parte da visión que lles gustaría que se reflectise delas: o «politicamente correcto» (páx. 11), mais non a realidade.
A meta das actuacións de normalización lingüística é o aumento de galegofalantes en número, mais tamén a competencia, a presenza na nosa periferia e o prestixio que lle corresponde como lingua funcional, rica e identitaria. Por unha parte, haberá que coñecer á sociedade e por outra saber aplicar esforzos normalizadores dos que se tiren resultados favorábeis para a lingua (Lorenzo, 2005: 5), de xeito que todos os dereitos dos falantes estean garantidos, alén da escolla lingüística pola que optasen. Ter claro, en definitiva, que os idiomas posúen rexistros e son válidos para todos os ámbitos. Ter claro que o galego non serve única e exclusivamente para falar coas vacas.
Na próxima parte destas reflexións sobre educación, tratarei o tema político da situación concreta no ensino obrigatorio na Galiza, sen esquecer o papel importante do profesor, mais tendo presente o feito esencial que supoñen outros factores nos alumnos.
.
Referencias bibliográficas:
IGLESIAS ÁLVAREZ Ana (2012), «Actitudes e prexuízos lingüísticos en Galicia. A súa influencia nos usos», en A letra miúda, nº1, dispoñíbel en http://coordinadoraendl.org/aletramiuda/index.php?art=art2_n1.html [6 de outubro do 2018].
LORENZO, Anxo (2005), «Planificación lingüística de baixa intensidade: o caso galego», en Cadernos de lingua, nº27, 37-59.
NÚÑEZ SINGALA, Manuel (2009), En galego, por que non?, Galaxia, Vigo.
SUBIELA, Xaime (2009), «Democracia e política lingüística en Galicia», en Henrique MONTEAGUDO(coord.), Sociedades plurilingües: da identidade á diversidade, Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 47-73.
VILA, Ignasi (2012), «Algunhas reflexións sobre a educación bilingüe», en A letra miúda, nº1, dispoñíbel en http://coordinadoraendl.org/aletramiuda/index.php?
art=art1_n1.html [6 de outubro do 2018].
Da imaxe de portada ©Global Policy.
Gostei. Muito interessante. Não importa o ponto de partida, pois isto não depende de nós. O importante, o verdadeiramente importante, é o ponto de chegada. Melhor dito, o que nos legitima é o esforço por chegar. Eu que sou paleofalante, dou-lhe muito mais mérito a um neofalante do que tenho eu. Eu não escolhi ser paleofalante, um neofalante sim. O futuro do galego não está nos paleofalantes como eu, o futuro está nos neofalantes.
Obrigadísima, Arturo, polo teu comentario.
Eu avogo por un traballo en común que teña presente o futuro e que saiba mirar o pasado. Está claro que o que fagamos hoxe vai determinar o futuro, mais moito do que facemos ou do que non facemos vén determinado polo pasado. Cómpre coñecer o pasado para poder mudar o futuro no presente. E isto non só lle corresponde ao labor docente: debería ser labor social.
Pola parte que me toca, son neofalante, mais considero tamén neste punto importantes ambas situacións e condicións. Son importantes por igual, unha vez encetas o compromiso coa lingua. Se non houbese paleofalantes que se tivesen preocupado pola conservación da lingua (consciente ou inconscientemente), eu hoxe non podería elixir usala de xeito libre.
O que si concordo é con que moitos paleofalantes son, de cara aos neofalantes, os peores: os que peor comprenden, os que menos axudan, os que menos animan, os que menos apoian, os que menos tiran por ti… E penso que tamén iso é algo estudábel dende o punto de vista dos prexuízos.
Se gostaches deste segundo capítulo sobre educación, haberá máis abranguendo diversos temas! O terceiro xa está anunciado aquí, mais outros serán sorpresa grande na liña actual.
De novo, grazas.