Arte na pel: unha conversa sobre tatuaxe con Iván Pérez

Entrevistamos a Iván Pérez, un dos pioneiros da tatuaxe na Galiza. Desde o seu estudio en Sada falamos de cultura tattoo, música e arte.

Conta a tradición que a arte das tatuaxes chegou a Occidente desde o Pacífico, a través das viaxes de James Cook. Hoxe, o tattoo non distingue clase ou profesión: punkis, rapeiros, políticos, banqueiros, tronistas… A súa influencia transcendeu as nosas peles e chega ata o mundo da arte e da moda. A editorial Taschen conta con varios volumes especializados só en tatuaxe; Ed Hardy, populizador da arte nos anos setenta, ten a súa propia liña de roupa e as súas obras están expostas en museos.

Se hoxe o tattoo goza de boa saúde é grazas a artistas como Iván Pérez, un dos tatuadores máis respectados da Galiza, un deses tolos que apostaron por un oficio ata vai pouco incomprendido. Pérez traballa a tatuaxe tradicional (tradi ou old school), un estilo nado nos Estados Unidos que bebe das iconas do folklore, popularizado por artistas como Sailor Jerry, Bert Grimm ou o propio Hardy.

Visitamos Rock for light tattoo (Sada, A Coruña) o seu novo estudio. As paredes, dun rosa intenso, están cheas de flashes, eses cadriños con deseños desexosos de ser estampados nos nosos corpos. Ao entrar non distinguimos se o hardcore punk que atrona son os Youth of today, Gorilla Biscuits ou Judge. Pérez sae axiña a recibirnos e baixa o volume, sorrindo cos ollos por enriba da máscara. O estudio é unha extensión del. Apoiamos o móbil sobre a padiola, onde vai menos dunha hora estaba a traballar na pel dalguén. Comezamos parolando sobre os seus comezos e o hardcore punk, se ben rematamos falando de Maruxa Mallo e Díaz Pardo, e ata das crianzas.

Comezando polo principio… Como chegaches ao mundo da tatuaxe?

Foi a través da música, dende rapaz toco en bandas. A imaxe dos grupos de hardcore punk era sorprendente, molábame moito a súa estética. Non son tan vello (risas) pero daquela en Viveiro non tiñamos tantas referencias de fóra. Viamos as portadas e as contraportadas dos discos e flipabamos: tattoos e os calcetíns altos que se usaban no skate… queriamos imitalos. Tiña clarísimo que quería tatuarme.

Cando cumprín dezaoito anos, na metade do primeiro ano de carreira conseguín aforrar para tatuarme o peito. Gustoume a experiencia pero daquela non vía factible dedicarme a isto. Foi coa segunda tatuaxe, con Nortes [un dos tatuadores máis veteranos da nosa terra] e alí flipei: a súa cercanía, velo traballar, a tenda, a xente que pasaba polo estudio… Tamén está moi relacionado coa música alternativa. Nese momento vin o mundo do tattoo máis próximo. Empecei a investigar, mercando revistas e buscando en internet, e púxenme a calcar e debuxar delas.

 

Hoxe en día é doado atopar libros de flashes de Ed Hardy ou Sailor Jerry en tendas online, ou ver o traballo doutros artistas nas redes sociais. Daquela supoño que todo era máis difícil.

Eu penso que non tiña información suficiente (risas). Se ti coñeces o nome de certos tatuadores ou tes nocións da historia da tatuaxe… A información tiña que estar por aí, estou seguro. Pero eu non tiña idea de como encontrala. As primeiras tatuaxes que me molaban atopeinas no estudio de Nortes. Xa empezaba a pasar por alí Mikele, que viña tamén do mundo do hardcore. Tamén flipaba con Gonzalo ou o Bara. Eu vía tatuaxes de Gorilla Biscuits e flipábanme, ou outras relacionadas co mundo do hardcore e o straight edge, e o movemento vexetariano e vegano… tatuaxes moi ideolóxicas. O tattoo no punk e no hardcore reividica moitas cousas. Claro, pensei: “Que potencia lavar eso na pel. Que compromiso por parte dunha persoa”. Pónseme a pel  de galiña só de lembralo.

 

Como pasas de debuxar a tatuar?

Localicei un sitio en Internet e fíxenme cun kit básico. Empecei con balóns de praia, que pigmentaban e non pinchaban (risas), e tamén con laranxas e mazás. Logo pasei aos meus colegas, que eran punkis e xa me empezaban a pedir cousas. Comecei  con todo o coidado do mundo, aínda que hoxe probablemente non empezaria así (risas). Daquela non se me ocorreu mellor maneira de facelo. Pasei un ano tatuándoos na casa, aprendendo a técnica básica. Os debuxos saían como podía, co tempo quedaron  máis ou menos sólidos e visibles (risas). Un día víronnos os colegas Kattattomba e Korti [dono do estudio] pediume unha. Se saía ben, podía quedar na tenda.

 

Que presión, non?

A verdade é que non  lembro presión, máis ben lémbroo con moito agarimo. Alí segue esa tatuaxe, Korti aínda non me denunciou (risas). Estiven doce anos en Kattattomba, son un amor de familia. Naquela época eu estaba a mil historias: no estudio, coa carreira, traballando no Resu [Pérez é un dos fundadores do festival]… Fun despexando o camiño ata quedarme co que máis me enchía, tatuar.

Arte na pel: unha conversa sobre tatuaxe con Iván Pérez

Dende o principio tiñas claro que querías facer tradi ou experimentaches antes con outros estilos?

Si, desde o principio era o estilo que me chamaba a atención. Tampouco sabías o que era (risas), daquela chamabámoslle tatuaxe old school. Sabía que me gustaba como quedaba na pel e era o que quería investigar. Despois na tenda xa empecei a facer de todo, sobre todo tatuaxe de rúa. Para os colegas si que facía máis macarradas. Foi un xeito de pillar técnica e meterse en cousas que podes ver factibles. Agora gústame facer de todo e ser verstátil, pero tamén coñezo os meus límites. Intento enfocarme na linguaxe que eu coñezo, non só no estilo. Podo facer liñas máis potentes ou degradados a gris, tentar imitar a tatuaxe máis chicana, meterlle iconas xaponesas… pero sempre levado á linguaxe que eu coñezo na pel. Agora hai xente que fai unhas texturas que eu non son capaz de facer, nin me apetece poñerme a estudar para facelas. Gústame a versatilidade, pero xa me estou acotando ás cousas que se me dan mellor (risas).

 

Aínda que daquela xa estabas a vivir da tatuaxe, pasaches un ano “sabático” en Valencia. Como foi aquilo? Dúbidas sobre a profesión?

Foi circunstancial. Á miña compañeira déronlle unha beca para marchar alí e a verdade é que nin o pensei. Simplemente sentín que o necesitaba. Andaba a mil cousas e estaba bastante agobiado. Tiña ganas e curiosidade por facer outras mil cousas, pero pouco tempo para facelo. Ao chegar alí vinme por fin con tempo, así que en Valencia estiven moi liado tamén (risas).

Cando estás só tes o contrapunto de que vas dando paus de cego. Se estivese con alguén de apoio ao mellor tería ido a tiro fixo. Por exemplo en Kattattomba o modus operandi é brutal, pero daquela non pintaban flash. Non podía aprender diso. En Valencia estiven pintando flashes a acuarela, construíndo máquinas e tatuando a todas as veciñas. Ata gravei un disco en acústico (risas). De volta na Coruña conseguín rematar a carreira. Foi un punto de inflexión, comíame moita enerxía.

Cando voltei a Galiza vinme máis decidido, comecei a viaxar tatuando nalgún estudio e a ir a convencións, onde tiven contacto con máis xente que estaba no mesmo punto ca min. Aprendín moítisimo nesas viaxes. Nese punto foi cando me decatei do que estaba a facer. Coñecín a xente e aprendín moito. Escoitas conversacións e decátaste de como se fan algunhas cousas nas que levas anos dando tumbos. Agora búscalo en internet e tes un videotutorial (risas), pero daquela… Aínda que tatuar xa era a miña profesión, a partir de entón xa me centrei máis en debuxar todo o día e estudar técnica, comprometéndome totalmente no oficio.

 

Como o tomaron na casa? Hoxe está máis normalizado e ata é cool ser un tatuador, pero no 2007 supoño que dedicarse á isto xeraría máis recelo.

Eu levo desde rapaz dando por saco (risas). Non o vexo como algo malo, eh. Sempre fun facendo as cousas ben, estudando e sen dar problemas, pero reivindicando sempre a miña personalidade. Á miña familia ao mellor naquel momento custoulle asimilar que eu xa necesitaba ter a miña identidade e facer certas cousas que me definían. Había sempre un pouco de recelo ao que pensarían ou dirían os demais de min. Cando comezas a ter máis liberdade e independencia tes a necesidade de vivir cousas novas e experimentar coas realidades que te rodean, pero desde ben novo levo unha vida saudable. Non me gustaba o fútbol, a min gustábame ir aos concertos, tocar en bandas e facer skate.

Mentres estudaba a carreira xa o compaxinaba co traballo diario no estudio, así que tampouco foi unha sorpresa. Ademais, cando rematei a carreira non había traballo do meu. Estudei aparelladores e cadrou unha crise inmobiliaria brutal (risas). Cada vez apóianmemáis e teñen claro que este é o meu camiño. Véxome moi respaldado. Agora que teño fillos entendo que é normal que custe asimilar que as túas crianzas teñen unha voz e unha opinión propia, pero si a teñen desde ben cedo, son individuos únicos. Parte da vida é equivocarse e elixir o teu camiño. É importante escoitarse a un mesmo e ver as opcións reais que tes diante de ti. Eu son consciente de que tiven certos privilexios circunstanciais que me permitiron dedicarme a isto.

 

Nunha desas viaxes chegas a Nova York, nada menos que ao NY Hardcore.

Esa foi un das últimas viaxes longas que fixen. Facíame moitísima ilusión. Nova York é o berce da música e a mensaxe que me fixo click de rapaz. Ademais alí están as orixes da tatuaxe eléctrica. Estiven tatuando no estudo NY Hardcore, que foi propiedade de Stigma [cantante dos Agnostic Front]. Cando fun xa o venderan a tatuadores, pero aínda tiña moita maxia. Despois estiven tatuando con artistas de Long Island, coa xente do Electric Arrow… Visitei moitos dos estudios da cidade que quería ver e puiden coñecer a xente que admiro.

O que lembro con máis cariño é o tempo con Civ [Anthony Civalleri, cantante dos pioneiros do straight edge Gorilla Biscuits e CIV, e tatuador profesional]. Xa me tatuara en Europa, pero en Nova York fun ao seu estudio e ensinoume o material do SW Studio dos irmáns Moskowitz. Tróuxome todas as caixas e estiven unha hora vendo as caixas. É un flash moi tosco, moi folk, pero ter ese material orixinal nas miñas mans foi flipante. No [estudio] Daredevil tattoo vin orixinais de Bert Grimm. Eu pensaba que os ían ter como nun museo, e estaban á vista dos clientes, tal como os teño eu aquí (sinala aos flashes do seu estudio). Tamén me deu tempo de ir a un par de concertos.

Realmente fun porque me escribiu un rapaz de Long Island ao que lle gustaron as miñas tatuaxes. Agora é moi sinxelo conectar con outra xente a través das redes sociais. Teño colegas que estiveron tatuanto en Sudamérica, Asia… Se a alguén lle gusta o teu traballo é máis factible que poidan chegar a convidarte a ir.

 

Hoxe en día é moi común que teñades tatuadores invitados nos estudios. Choca un pouco coa percepción que se ten da tatuaxe como un mundo hermético, con moito secretismo.

Cando empezas a ter algo de experiencia e conectas dalgun xeito con xente que o vive coma ti é máis doado. Supoño que hai secretismo, como en todas as profesións. Hai que pensar que é un oficio moi antigo. Costou moitas xeracións que se convertise nun negocio legal e factible, co que poder alimentar a túa familia. [Por sorprendente que pareza, a tatuaxe estivo prohibida no estado de Nova York ata 1997. A ata o ano pasado en Xapón requería dunha licencia médica]. Tamén agora hai certa présa pola inmediatez e a xente que empeza quere viaxar e estar de tour axiña (risas). No meu caso xa pasaron varios colegas polo estudio, aínda que quero mantelo como algo familiar. Pero se fas as cousas con respeto hoxe é máis doado moverte, o circuíto é moito máis amplo. A min gustaríame retomar as viaxes nun futuro próximo. Volves delas coa enerxía renovada.

 

Falando da historia da profesión, é un dos poucos oficios no que hai certa relación mestre-aprendiz. Empezas lavando a tenda e observando como traballan “os maiores”.

Iso era así antes. Había un ou dos perfís de tenda, e as tatuaxes eran dun público e para un público moi determinado. Agora hai estilos máis diversos. Tes estudios especializados soamente en xaponés, clásico ou minimalista… Estudios unipersoais ou cun equipo maior para cubrir as diferentes demandas que surxiron. A miña visión da tatuaxe e do estudio non é a única válida.

Tampouco podo ofrecer todo o que demanda a xente, e creo que iso ten o seu lado bo. Eu entrei neste oficio porque era algo underground, especial e descoñecido. É interesante que ata certo punto siga sendo así. Non sempre fago tatuaxes do meu flash nin tattoo custom [tatuaxe á medida por petición dun cliente], e ésta variedade véxoa saudable. Eu levo tatuaxes que saen nos libros antigos que tamén leva moita xente, pero creo que sigue sendo unha visión minoritaria. Para min segue sendo algo especial.

A min aseméllaseme moito á artesanía. Sempre poño o exemplo dos mobles. “Quero un moble para esta esquina, que non me tape o enchufe e que me entren estes botes”. O que facemos é o mesmo, aplicando outras técnicas. O debuxo sempre se considerou máis artístico que a madeira e o pan, pero segue sendo artesanía. Ao final é aplicar unhas técnicas que xa existen para facer unha cousa a medida que cumpra certas expectativas. Aínda que teño amigos que cada vez fan cousas máis artísticas, con máis abstracción e investigación detrás. Eu vou máis cinguido a certas normas.

 

Unha reflexión sen base empírica. Teño a impresión de que a xente do Norte somos bastante de tatuaxes tradicionais.

A verdade é que nunca fixera esa reflexión por rexións (risas). O entorno e a realidade diaria das persoas inflúe na súa ideoloxía e gustos. No Norte hai moita industria, moito obreiro e xente de mar… Igual que o punk rock leva asociada unha estética, as circunstancias socioculturais de cada sitio tamén levan asociados uns símbolos: os barcos, as áncoras, os martelos, as engras… Todos eles lévanse  representando anos de maneira sólida na tatuaxe tradicional, máis que dun xeito máis realista.

 

Outra das cousas que me sorprende do mundo da tatuaxe é a continua evolución dos vosos deseños. Supoño que como todo artista ou artesán, traballades a técnica e as ideas para medrar como artista.

Mais que medrar, a miña pretensión é seguir disfrutando do día a día, oscilando e investigando sempre para sacar adiante o mellor que podo dar nese momento. A min o que me gustaría é representar a etapa na que me atopo, deixar certo legado do que me motivaba nese momento.

Levoume moitos anos darme conta do valor que ten o que nos rodea. Sempre tendemos a mirar lonxe á hora de buscar referentes. Cando pasa o tempo e vas construíndo certo criterio comezas a apreciar as cousas preto de ti. Agora síntome mal por non telo feito antes, aínda nin estaba preparado nin creo que nos preparasen para poder aprecialo. O sistema educativo e o sistema en xeral non nos deron as ferramentas. Aquí non lle dábamos valor ao que tiñamos e nos definía, e si ao que viña de fora. Por exemplo, eu vivía na vila  de Maruxa Mallo e non o souben ata os 32 anos cando, visitando o Reina Sofía, no cartel dun cadro lin “Nacida en Viveiro”. Caeume a cara de vergoña. Evidentemente teño parte de culpa. Pero se mo presentaran de rapaz doutro xeito, seguramente me tería interesado. Agora obsesióname, porque estou descubrindo cousas moi guais que sempre estiveron aí.

Arte na pel: unha conversa sobre tatuaxe con Iván Pérez

Flípame o flash que fixeches inspirado en Díaz Pardo.

Alucíname a obra e filosofía de Díaz Pardo, é tan potente. E é moi tatuable. O único que fixen foi aplicar a técnica da tatuaxe tradicional ás súas iconas. Funciona moi ben. Aquí temos moitas iconas e referentes moi potentes. Non teño a capacidade de sintetizar que tiñan Díaz Pardo, Seoane ou Lugrís, pero gústame renderlles, ao meu xeito, unha homenaxe na pel. Que a xente vexa que aquí temos cousas con moito valor. Intento facelo co máximo respeto e coidado, coa pretensión de sumar, sen querer apropiarme da súa obra.

A raíz de ser pai plantéxome máis estas cousas. Nunca vin un barco de guerra americano, pero tatuei uns cantos. Agora sería  difícil ensinarlle un aos meus fillos, pero si que podo levalos aquí ao lado e ver a obra de Díaz Pardo. Saber o que pintaba e porqué o facía, a súa importancia na nosa historia. Os nosos avós padeceron certas cousas na mesma realidade que  Isaac.

Gustaríame aproveitar a visibilidade que ten agora o mundo da tatuaxe para seguir demostrando que tamén é cultura. Unha práctica respectuosa cunha forza para comunicar moi importante.

 

Nos EUA a obra de pioneiros do oficio como Ed Hardy está no San Francisco Arts Museum. Aquí parece que aínda  custa ver a tatuaxe como arte ou cultura.

Aí si que creo que imos por detrás, pero xa coñezo a tatuadores e tatuadoras que están a facer carreira artística. Vai uns anos era imposible pensar na figura do tatuador artista. A xente centrábase máis no oficio de estudio. Agora si que hai máis figuras que crean arte ao uso totalmente vinculada ao mundo da tatuaxe.

Empezo a ver xente que está a facer cousas máis abstractas. Tamén hai moitos tatuadores que están a recuperar o traballo artístico que deixaran parado antes de tatuar. Ou xente que que fai arte incorporando os fundamentos que aprenderon na súa carreira na tatuaxe. Estanse a facer cousas moi interesantes. Para min é unha fortuna sentirme dentro do mundo da tatuaxe. Síntome moi orgulloso do que se está a facer.

 

Algún nome ou referencia actual que queiras destacar?

Buf, moitísimos. Daríame rabia nomear algúns e deixar outros fóra, hai moitos (risas). Ademais, levo un tempo centrado na crianza. Pese a que te contaminas do que ves, no bo sentido, non sigo a ninguén en particular, no modo de referenciarme nel. Estou nun punto no que me gustan todos os estilos: o xaponés, o black and grey… Teño unha pequena biblioteca e busco bastante por internet, sobre todo imaxes das orixes do tattoo.  Gustaríame ser capaz de cinguirme máis a elas, funciona moi ben na pel. Pero xa teño certos vicios e costumes, cústame corrixilos (risas). Sintetizaban as formas dun xeito tan eficiente para a da pel, hai moitísimo estudo detrás.

Tamén es  coñecido por facer moito freehand [deseño debuxado a man alzada directamente sobre a pel].

Gústame facer tatuaxes bonitas e limpas,  pero tamén me gusta moito que as composicións funcionen no corpo, que haxa pouca pel e moita información. Ás veces un debuxo de flash  funciona ben por si só, pero se hai máis tattoos ao arredor descompensa a zona ou deixa ocos. Gústame moito debuxar na pel para compensar eses ocos, funcionando como un todo. Gústame ese frescor de pensar no momento que é o que vai mellor para ese sitio. Sáenme debuxos máis toscos pero con máis equilibrio.

 

Pregunta obrigada de xornalista amateur. Cal é a cousa máis tola que che pediron?

Esta xa ma preguntaron máis veces (risas).

 

Home, hai que buscar o clickbait (risas).

Xa nada me parece tolo. As tatuaxes son fantasía, canta  máis tolemia mellor. O ano pasado polo Samaín o meu fillo díxome que tiña que facer un cu tostadora (risas). E fíxeno, púideno tatuar hai pouco. Como tattoo é moi chulo. A tatuaxe pide novas ideas. Se coñeces a linguaxe e a consegues aplicar, todo pode funcionar na pel. Despois hai zonas do corpo que me dá medo traballar, que poden comprometer a saúde.

 

Por certo, que tal levan os teus fillos ter un pai tatuador?

Para eles non é nada excepcional, non é máis guai que adicarme a calquera outra cousa. Ao final adáptanse á realidade que teñen no día a día, e a súa realidade é esta. Os baremos de medir son algo cultural. Eles conviven con demos e caveiras (risas), gústalles ver os debuxos. Eu flipaba coas motoserras do meu pai (risas). Tamén che digo, cando veñen pola casa amigas con outras ocupacións teñen moita curiosidade, porque non teñen acceso normalmente a esas outras realidades. Pode parecer que é máis cool ser tatuador que outra cousa, pero é unha construcción social.

Arte na pel: unha conversa sobre tatuaxe con Iván Pérez
Os compoñentes de True Mountains. Fotografía de Ricky Hombre Libre.

Ademais da tatuaxe tamén segues no mundo da música, cos True Mountains. Como levades este parón obrigado?

Estou moi contento de verme a estas alturas da vida tocando en bandas. Algunha xente pensaba: “Son cousas de chavales. Xa lle pasará”. A min nunca se me pasou (risas). É un vehículo de expresión moi potente. Faime moi feliz compoñer e saír a tocar. A música é cultura. True Mountains xa levamos uns anos facendo cousas e é moi bonito e reconfortante sentir algo de resposta, anímanos moito a seguir expresándonos a través dela.

Esperemos que que pase a pandemia para seguir facendo as cousas como antes. Sacamos o terceiro disco a principios do 2020 e demos sete concertos nun mes. Agora no verán varios festis [o Meigallo, o Morriña Fest e o Resu], pero non é o que tiñamos planeado. Como todos, supoño, pero que sexa o peor que nos pase (risas).

 

Podedes seguir a Pérez nas súas redes sociais. Se queredes tatuarvos con el, podedes atopalo en @rockforlight.tattoo. Mentres pensades que facervos, podedes escoitar e mercar a música de True Mountains na súa web.

 

1 COMENTARIO

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí