Pasou o día, pero non a romaría. Crónica dunha Florenciada en Córgomo

Desde Córgomo, no corazón de Valdeorras, revivimos os feitos e emocións do Día das Letras dedicado a Florencio Delgado Gurriarán.n.

Ao pasar a curva onde están os petróglifos vese o primeiro letreiro de Córgomo. É momento de respirar fondo. Estamos na casa.

—Polo menos non lles deu por poñer Kuérgamo.

Chegando ao Valsadal vense os louxados das primeiras casas. O balcón de ouro custodiado polo Montouto e o Pando. Destila morriña o alambique dos ollos.

No Chancelo verdega xa o godello e, entre as retortas cepeiras, o maio comezou a tinguir de vermello os rubís dos cireixois. É unha mañá desas en que os brancos foles das nubes inchan e desinchan co piar dos paxaros. O sol, baril muiñeiro, asoma entre as cortinas. Quere guichar quen son estes que visitan hoxe a aldea.

—E vós, de quen vides sendo?

Ao chegar ás Barreiras, antiga mina romana, é inevitable mirar cara abaixo. Alí, onde descansan os corpos dos mortos,  moran tamén as lembranzas dos vivos. Fermosa final cova incerta entre carballos e piñeiros.

—Se non fose polos eucaliptos…

Toda a aldea está enfeitada con flores e versos. Vestido co traxiño branco do día das festas, quita o sombreiro e pono no peito, como para acougalo.

– Mira que manda carallo o que eiquí foron armar!

Pasou o día, pero non a romaría. Crónica dunha Florenciada en Córgomo

A aira dos bolos máis ateigada ca nunca,  máis ca nas millores partidas do Severino e o Ferros. Caras novas e coñecidas agardan o comezo da cerimonia, mentres se quentan as gorxas con rancheiras e rianxeiras. Entre aplausos chega a familia. Do Nova York boligante, á parroquia labrega.

Cando xa non cabe un alfinete na prazuela, apertadiños como uvas de godello pegadas aos acios, os roncóns ábrense paso entre a multitude. Rodeado pola solemnidade da Real Banda de Gaitas de Ourense, abanéase ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia.

—Coidado coa rapaza de diante! Aínda vos vai meter o pau ese nun ollo.

Ao deixar de escoitar o último tamboril, comeza oficialmente o acto: a sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega con motivo do Día das Letras Galegas dedicado a Florencio Delgado Gurriarán. Dende o escenario, os ollos dos académicos e académicas outean con certo abraio o xentío barulleiro que agarda as súas palabras. De seguro que poucas veces tiveron unha sesión tan concorrida.

—É que en Córgomo non cochamos, nin nos bolos, nin ca RAG.

Despois da presentación de Víctor Fernández Freixanes, comezou Ramón Villares, quen lembrou as andanzas d’eiquí e d’alá, desa Galicia Infinda, que só limita coa saudade, que chega tan lonxe como chegue un galego ou galega. Proseguiu Rosario Álvarez Blanco, interrompida constantemente polos aplausos ao louvar a paisaxe e a fala valdeorresas. Chegou, por último, o benquerido compañeiro Alonso Montero, quen xa hai 20 anos estivera en Córgomo loitando porque este día chegase, aínda que este obxectivo parecera entón moi lonxe. “O poeta das cousas e das causas”, di, e á madeira escápaselle un sorriso cómplice. Valdeorras, esquecida á beira do Sil deitada, devecía por ser escuitada.

Tras as intervencións académicas, Córgomo revela a súa última adquisición: o aplausómetro. Entre as risas da academia e o pobo, altérnanse os estrondos e os silencios a medida que Freixanes pronuncia agradecementos. Probas gráficas eiquí. Aquel que durante os discursos non deixaba de mirar o móbil, cobizaba agora a ovación que nunca chegou. Tal vez resoaban na mente dos presentes os versos: Bilingüismo? Seica as cobras teñen a lingua fendida…  Sen dúbida, marca o seu máximo de estrondos este medidor ao pronunciar un nome: Débora Álvarez Moldes, directora do proxecto “As letras de Florencio”.

—Grazas.

Para poñer fin ao acto voltan de novo as gaitas. Centos de gorxas en pé cantan con forza o Himno Galego.

—Veña! Que nos escoiten ata en Correxais! E no pico do Turrieiro!

Pasou o día, pero non a romaría. Crónica dunha Florenciada en Córgomo

E así, como nos días da Santa Marta, despois da cerimonia chega a comilona. Empanada na Cruz, panceta no Poulo, paella na aira das Guerras, e viño e troula en cada rúa. Dos Pensos ás Gralleiras, de Surregos ao Pousadoiro. Cada recuncho de Córgomo, engalanado para a ocasión, arrecende a orgullo e felicidade.

—Chega a festa ata Portela (de Córgomo, por suposto!)[1]

Xogan entre a multitude os cativos e cativas, en castelán. Algún día. Algún día. Se os que veñen de traxe queren algo máis que saír ben na foto. Algún día o falarán.

—Verdade de “Perogrullo” que compre non esquecer: Galiza é soio Galiza, inda que non o queira ser.

Na casa de toda a vida improvísase unha pequena foliada. Houbo baile e foi a millor parexa o mozo merenzao e a mociña fresca. A veciñanza de sempre, a que un día tivo que marchar, e a que chegou de outras terras para facer destas o seu fogar, bailan xuntos ao son dos gaiteiros de Córgomo.

—E como somos de Valdeorras, Valdeorras, Valdeorras. E como somos de Valdeorras, imos de parranda a todas as horas.

Despois do concerto de Acordeireta, chega a noite e con ela a hora de recoller. Non hai temor algún por baixar andando na escuridade. O bo viño escorrenta medos, trasgos e pantasmas. A lúa, branca pastora, é boa compañeira. Polo camiño de volta, co traxiño branco luxado con pingotas de mencía, cóntalle como foi este día. Dille que non se engane, que a cousa non acaba eiquí e que queda moito 2022 para celebrar as letras de Valdeorras. Dille que non esqueza que pasou o día, pero non a romaría.

Programa das noites de Florencio, actividades arredor da figura do escritor e as letras durante todo o verán do 2022.

[1] Nota do editor (AO FINAL NON NOTA DE PÉ): neste texto inclúese certo comentario de índole política que non necesariamente representa as opinións de ACQP. Por suposto, referímonos á tese de que Portela forma parte de Córgomo.

A fotografía de portada foi cedida amablemente por Anxo Baranga para esta crónica.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí