Da vez que finalicei toda unha planta do hospital

Crónica de necrolóxicas e quefaceres dun oficinista. Unha ordalía (con notas) sobre os inescrutábeis camiños da lingüística e a informática nun hospital.

Escribir unha autobiografía pode resultar petulante e insubstancial para moitas persoas. Non é o meu caso, que vivo nun paradoxo anacrónico continuo. Non preciso fantasías que enganchen ao lector: están atados ao dixomedíxome dende antes de comezar a primeira liña. De todos modos, considero que sempre é mellor adobiar as cousas (ver N1.1). Por iso, digamos que esta historia que narro ten dúas inspiracións posíbeis (ver N1.2), dous chismes factíbeis, dúas realidades (ver N1.3). Obviamente, unha é certa e outra falsa (ver N1.4). A redacción está pensada de tal forma que quen le non terá oportunidade de coñecer cal corresponde a cal (ver N1.5). Recoméndoche que non perdas o tempo intentándoo.

A historia é vital, mais a idea é literaria. Poñamos por caso que hai dúas posíbeis fontes de inspiración. A primeira tería como título Sostiene Pereira e viría asinada por un tal Antonio Tabucchi, de procedencia italiana e cunha trama pouco acorde coa historia que contarei (ver N1.6). É un texto narrativo, histórico e relacionado coas crónicas, coas necrolóxicas e co xornalismo mal feito. A outra proposta posíbel é A miña primeira semana de éxito na oficina onde fun contratada por méritos propios despois de acabar os estudios superiores universitarios que elixín por vontade propia e con total consentimento e aprobación felicísima da miña enorme familia unida, da conmovedora escritora Laura Lamier da Sousa, natural de Bahia e con residencia actual en Toulouse (ver N1.7).

A miña primeira semana de oficina concluíu nun momento clave da miña historia académica. Acababa de finalizar os meus estudos nun centro privado, onde podo destacar a grande habilidade adquirida por min á hora de gañar cartos no futbolín da cafetaría. Aposta tras aposta, convertinme no mellor da miña promoción e un dos mellores da historia do centro. Feito, sen dúbida, que fala da miña enorme capacidade de iniciativa empresarial e modelo de negocio. Porén, estes cartos entre Red Bull e cafés cargados con sabor a cianuro (ver N1.8), descoñecidos polos meus pais, non me poderían manter ao longo de todas as festas que me quedaban por vivir durante a pandemia. Agora había máis tempo e había que aproveitar. Por iso, non tiven máis remedio que comprimir todo o esforzo como estudante que fixera ao longo dos meses de curso (ver N1.9) para unha saída laboral onde máis se me necesitaba.

Moi lonxe de estabelecer estereotipos, quero deixarche claro que as cousas se conseguen con esforzos (volver a ler a nota N1.9). Nunca tería chegado até a miña ocupación se non fose pola miña preparación académica (ver N1.10). Para ser elixido, hai que valer. En calquera traballo, mais sobre todo no posto de oficina dun hospital. Non todo é tan bonito como pode parecer: 6 horas sentado nun sitio protexido de virus e atendendo arreo teléfonos que soan amodo, movendo papeis para que pareza que fas algo etc. Hai que estar aí. Hai moitísimas cousas difíciles. Agora non se me ocorre, mais hainas. E tamén hai adversidades físicas. Por exemplo, que a cafetaría non estea no andar onde está o teu posto de traballo é algo arquitectonicamente incorrixíbel, mais non lle podes facer nada. Completar unha novela completa que che inspire, como moito. Como digo, hai que estar aí, sufrilo e coñecer toda a suor que custou ser elixido (ver N1.11).

Caín (ver N1.12) nun servizo sanitario no peor momento posíbel. Unha nova etapa de contaxios masivos de Covid-19 (ver N1.13) foi a causa da inxente cantidade de traballo nos meus primeiros cinco días de absoluta dedicación laboral á causa. Cobrando, claro. O meu destino estaba escrito dende antes, mais esta foi a causa principal que me levou ao recoñecemento do meu labor e á xustificación necesaria de ocupar o meu posto (ver N1.14). O ano 2021 comezara traendo a fe a través da peregrinación a Santiago de Compostela no ano Xacobeo BIS. 2020-2021, tanto dá. A fe viña tamén con Covid (ver N1.15) e pódese mudar de data sen problemas, igual que se un día tes moita resaca, non vas a misa de domingo e deus perdóacho se ao seguinte día do señor rezas máis rápido ou compensas dalgún outro xeito.

A primeira tarefa, como era novato, foi moi sinxela. O problema foi que nos primeiros días da miña segunda semana alí comezaron a ser conscientes de que non me explicaran ben o traballo e tiveron que amañar a súa falta de profesionalidade previa. É unha impotencia total ver como o traballo feito non serviu para nada por culpa dos outros. A campaña consistía en chamar a persoas diagnosticadas e con probas positivas de Covid-19. Dixéronme literalmente que tiña que chamar para que soubesen que había alguén aí, pendente, que non estaban sós no encerro e que o sistema de atención sanitaria estaba, aínda que non fisicamente presente, ao outro lado da liña. A ver, literalmente non, mais dixeron iso. Así que iso fixen. Cumprindo ordes como persoa comprometida e profesional, chamei unha a unha ás persoas cos seus números de teléfono rexistrados na base de datos que me proporcionaron en Excel despois de poñerme en greve os dous primeiros días porque me parecía inhumano ter que marcar a man no programa nove números por cada chamada. Ao terceiro día, cheguei ao meu posto tan só 20 minutos tarde, supoñendo que seguiría coas miñas protestas silenciosas vía Twitter e lendo novelas, cando me dei conta de que un bolseiro pasara os números a Excel. E sen cobrar. Menudo pringao. Así que non tiven máis remedio que facer o meu traballo en canto puiden conter a risa e deixar de chorar.

En tan só tres días (algo que contaban que me levase 21, sen contar feriados e fins de semana), conseguín chamar a todos e cada un dos números. A técnica era sinxela: premer no número do paciente correspondente, darlle ao botón verde de «CHAMAR», deixar que soase, agardar moi pacientemente, colgar cando atendían. Até o segundo día da segunda semana non recoñeceron que o que querían mandarme facer non era iso, senón obrigarme a falar con esa xente e preguntarlle que tal estaban. Xente á que non coñezo aínda agora e que non me importa en absoluto onde están, como ou con quen. Este tipo de tarefas querían que cubrise xa os primeiros días. Nun hospital. Aínda se fose nun programa de televisión, entenderíao, mais quen pensaría que pretendían iso dende un hospital en plena crise sanitaria?

A segunda tarefa comezou ben porque, claro, a anterior fora feita en tempo récord e aínda non coñecían o resultado dos chamamentos. Outro cantar sería cando cheguei o sétimo día a traballar… Eu xa comezara a escoitar cousas o luns, así que quería ir con coidado por se fixera algo mal (xa me parecía que non, mais cómpre previr antes que sandar). Esta segunda xa viña acompañada de contos e chismes varios. Que se eu era o fillo de non sei que. Que se non agardaban nada de min e mira que rápido traballaba. Que se que se. En fin, ao final o debut pasoume factura, aínda que non fose pola miña culpa senón pola incompetitividade e incapacidade da persoa que me explicou o que tiña que facer. Porén, a segunda explicáronma, atendín, preguntei, explicáronma, atendín, explicáronme outra vez porque non atendía, atendín, explicáronme, volvín preguntar, explicáronme, expliquei o que entendera, atenderon, dixeron que si, dixen que vale e púxenme a facela axiña. Non parecía que puidese haber erros por ningunha das partes, mais o futuro é indescifrábel e ás veces as cousas simples tórcense sen que ninguén teña culpa (ver N1.16). Como había moitos doentes no noso andar con diagnósticos de pneumonía por Covid, eu só tiña que ficar no meu computador entrando nos pacientes un a un e marcando o cadriño de «positivo: si». Tras isto, daríalle a «Gardar» e iría cun novo paciente. Prefiro non facer comentarios sobre o mal que lles parecía a todos que fose á cafetería para cubrir necesidades biolóxicas esenciais, como é beber e charlar coa xente na barra.

Agora ben, aínda que pode parecer sinxelo, os campos da lingüística e da informática son inescrutábeis. Había moitísimos pacientes (ver N1.17) e tiña que facer todo iso nun día (comezara cun día de atraso porque a explicación levoulles todo o luns, ao ser eu novato), polo que a presión aumentaba a cada minuto. Descargaba o meu estrés indo e vindo da cafetaría por diferentes copos de bebidas para espertarme: infusións con teína, cafés etc. Con todo, conseguín completar todos os historiais clínicos antes de marchar a xantar a casa. X en «positivo: si», premer en «Finalizar», novo paciente. E así até acabalos. Non foi até o día seguinte cando me indicaron que «Finalizar» fai referencia á fin do historial clínico dun paciente cando falece e que eu matara informaticamente a todo un andar do hospital nunha soa mañá (ver N1.18), así que o persoal sanitario de pola tarde non podía rexistrar os cambios, as evolucións nin os medicamentos desas persoas que seica xa estaban mortas.

Polos decibelios dos berros ao día seguinte e porque me mandaron para casa, entendo que estas mortes informáticas son difíciles de amañar. Aínda que tamén berraban moito por outras cousas, como se me chamaba a miña moza estando no computador ou se tardaba máis de 25 minutos de volver de coller cafés. Mais ninguén fixo fincapé na creación de emprego que puiden estar facendo sen ser consciente a un equipo laboral cada vez máis sobrecargado de competencia e que comeza a non ter ocos vacantes onde se colocar: os informáticos. Supoño que non é o mesmo dar de alta na ficha a unha persoa de 0 anos que a unha de 15, 18, 35, 49 ou 80, mais igual isto me converte tamén nun xenio, inventor de métodos e creador de sistemas. Polo tanto, como non vexo moita saída no aburrido campo laboral de administrativo, comecei a contar unhas crónicas de oficina segundo a miña experiencia, agardando as chamadas de xornais, editoriais e medios de comunicación para abrirme paso á fama de escritor, oficio (de seguro) moito máis recoñecido e mellor pagado. Se tes oportunidade, chámame, que estou aquí sen facer nada (como case sempre).

Da vez que finalicei toda unha planta do hospital

Notas interminábeis e incómodas ao final da historia da primeira semana de oficina (N1)

N1.1: esta consideración baséase na miña profunda experiencia como escritor de prestixio, feito curricular que me permitiu participar nesta revista sen contar moitas máis mentiras sobre a miña traxectoria académica (ver N2.1).

N1.2: ou non.

N1.3: iso dependerá da túa imaxinación, non me responsabilizo de que esteas limitado ou limitada (ver N2.2).

N1.4: ou non, vaia.

N1.5: ver N1.1.

N1.6: tendo en conta que esta teña un argumento, que non o vexo claro.

N1.7: esta escritora forma parte do equipo de A que cheira, papá? dende os seus comezos e publicou moitos textos interesantes sobre diversos temas na revista, sendo unha colaboradora clave e habitual no proceso de fama da publicación e parte do consello editorial que filtra e fai posíbel a mesma (ver N2.3).

N1.8: se estudaches ou visitaches a ETSAC (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña), saberás perfectamente de que falo (ver N2.5).

N1.9: «esforzo» entendido como ‘suborno’.

N1.10: ou o meu pai.

N1.11: a dedo, todo a dedo (ver N2.6).

N1.12: en realidade, o posto estaba agardando dende había meses a que rematase a miña ocupación anterior como administrador das vitorias no futbolín da cafetaría do centro.

N1.13: obviamente, a existencia real deste virus non está aínda garantida, mais mentres algúns se molestan en criticar as medidas e berrar pola liberdade de acción porque non cren nel, outros cobramos do conto dos que si pensan que existe (ver N2.7).

N1.14: hai moita envexa no mundo e xente que me podería mirar mal polo explicado nas notas N1.12, N1.11 e N1.10 (ver N2.8).

N1.15: denunciábel, mais este dato é certo como a vida mesma.

N1.16: quixeron volver a botarme a min a culpa, os desgraciados.

N1.17: 22.

N1.18: este feito é certo (ver N2.9).

Notas interminábeis e incómodas ás notas interminábeis e incómodas ao final da historia da primeira semana de oficina (N2)

N2.1: en realidade, o consello editorial non vai chegar nunca a ler estas notas, obviamente a información anterior é falsa e estas notas para o lector atento serán a forma de explicar que contei o que me pareceu sen ningún aval académico, porque me apetecía e xa está.

N2.2: recoméndoche unha conversa familiar para coñecer máis información sobre o teu ADN.

N2.3: é posíbel que sexas a única persoa que chegou até aquí, polo que debes saber que é un segredo a información que poderás ler no N2.4.

N2.4: esta escritora non existe.

N2.5: non sexas limitado, non só me refiro ao café, senón ao do futbolín entendido coma un: <<estou en clase, son unha persoa de proveito, non sei por que os profesores non me queren aprobar, é que é súper difícil Arquitectura na Coruña, se vivo metido aí, eu non o entendo».

N2.6: si, tamén no ámbito público, a dedo.

N2.7: eu non estou afirmando que eu crea que non existe, só estou incluíndo feitos que se poden ler en calquera medio de comunicación, mais probabelmente se houbese un apartado de notas interminábeis e incómodas ás notas interminábeis e incómodas ás notas interminábeis e incómodas ao final da historia da primeira semana de oficina ou, no seu caso, houbese unha segunda semana, pois igual cantaba.

N2.8: só lle podo dicir a esa xente que hai que nacer mellor e nun mellor lugar, que non todo se consegue con esforzo posparto.

N2.9 (a única que escribe outro suxeito): aínda que non creo que chegue este texto á persoa que fixo iso (era unha muller informática nun hospital digamos que da capital de Galiza, para non dar máis pistas), de chegar, quero que saibas que ten tanta graza a túa cagada no primeiro día de prácticas que non puiden evitar contala todos estes anos cada vez que me lembraba, así que creo que xa é hora de que fique por escrito porque, como foi hai máis de 10 anos que «mataches» a todo un andar do hospital, perdiches a patente e podo usar a historia para facer feliz á xente, así que que non che pareza mal; ademais, por suposto, do feito de que só o lector que chegue a esta última nota saberá que é completamente certo isto e non parte da suposta ficción que podería formar o contiño.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí