Dentro da literatura. Manual de acubillos e confesións

Falamos de "Dentro da literatura", o último ensaio publicado por Suso de Toro. Falamos de acubillos, confesións e breviarios medievais.

Os libros de horas eran tomos medievais de pequeno formato onde se recollían rezos, salmos ou as escrituras do día. Foron moi populares entre a nobreza da Idade Media, luxosos volumes adornados con iluminacións de fantasía (consérvase o que María raíña de Escocia levaba consigo cando acudiu ao patíbulo). Porén, a súa orixe en realidade é moito máis humilde. Naceron os libros de horas para atender a necesidade dos párrocos, que precisaban libros pequenos cos que moverse entre as diferentes aldeas ou lugares onde oficiaban. Pregúntome se non serían os primeiros libros de peto, mais o que é seguro é que o uso destes breviarios chega ata os nosos días. Herdei dun sacerdote, tío avó meu (emprego aquí “herdar” con estremada lasitude), algúns tomos en latín deste xénero, que conservo con cariño sobre todo polo que agochan: nas marxes glosas e firmas manuscritas; entre as súas páxinas recordos de vodas, bautizos ou comuñóns; nas tapas o efecto domesticador do uso constante. Interésanme destes libros, máis que o seu contido, os ecos dunha vida que aínda alenta neles.

breviarium romanum

Dentro da literatura, de Suso de Toro, é tamén un libro pequeniño. Algo menos dun palmo de alto, 180 páxinas. Capítulos curtos e dedicados cada un a un tema concreto, o que invita a lelos en ocasións separadas, quizais un cada día. Entre cada capítulo, ilustracións introdutorias funcionan como as súas particulares iluminacións. Os paralelismos son evidentes. O xenial traballo de maquetación levado a cabo por NUMAX e Xerais, predispón dun xeito físico a forma en que percibimos este ensaio. Xungue felizmente forma e fondo ao poñernos na man unha especie de breviario moderno, porque Dentro da literatura aspira e ser, antes de nada, un libro de horas para o aspirante a escritor. Un manual de acubillos e confesións.

Comparativa entre o libro de horas de María Estuardo e Dentro da literatura.
Comparativa entre o libro de horas de María Estuardo e Dentro da literatura.

Digo manual de acubillos porque cada vez que penso neste libriño imaxino un refuxio apartado de montaña, un lugar onde se agochar da treboada. Son consciente de que hoxe en día case calquera lugar onde se fale de literatura pode recordar a un bunker, pero onde Dentro da literatura podería ter escollido un ánimo de resistencia ou un espírito combativo, opta polo introspectivo e a reflexión solitaria acerca do que significa ler, escribir e ser lido. Non significa isto que esquive cuestións como o canon, os compromisos do escritor ou a carreira literaria; entra nelas a fondo. Pero o ton é sempre máis de meditación que de chamada á acción, máis de acubillo para sentar cun amigo lonxe de todo a conversar das cousas que te preocupan e das que non falas con ninguén máis. Seguindo a metáfora relixiosa de antes, sería este o mosteiro onde poder pensar arredado do mundanal ruído. Non é Dentro da literatura un manual teórico que vaia revolucionar a nosa concepción do fenómeno literario. Non o pretende. A prosa ensaística é aquí sinxela e accesible, de Toro non renuncia a falar dos grandes temas (a natureza da literatura, a noción de autor), pero está interesado sobre todo en deixar claras algunhas ideas xerais que sirvan como mecha para que o lector, quizais o aspirante a escritor, poida prender as súas propias reflexións. Un breviario pro meditatione.

Constrúe de Toro este refuxio de montaña con piares poderosos, e asoman a miúdo entre as reflexións referencias a clásicos, para ilustrar con exemplos as ideas que trata en cada momento: Rosalía, Woolf, Proust, Mann, Oroza, Shakespeare… eu que sei, moitos. Non é de estrañar que nun tratado sobre literatura aparezan este tipo de alusións, mais o interesante aquí é que non son froito dun eruditismo baleiro ou un intento de encher a bibliografía (que tan cansativo resulta ao ler ensaios técnicos ás veces), senón que xorden de xeito natural e sincero, da necesidade que ten de Toro de afianzar o que explica. Destaco esta característica porque entre os usos que pode ter Dentro da literatura, cóntase o de funcionar tamén como unha interesante guía pola literatura dos clásicos, recomendando de xeito indirecto autores moi coñecidos, pero que na realidade non son tan lidos (o propio autor confesa que non foi quen de rematar A montaña máxica, pero consegue falando dela que me entren gañas de darlle eu un tento). Un acubillo con mapa colgado na parede, para saber onde están os outros refuxios entre as montañas.

Dentro da literatura e os breviarios

Chamo a Dentro da literatura manual de confesións. Porque todo isto do breviario para o novo escritor está moi ben, pero un podería imaxinar o fracaso de se ter convertido nun aborrecido tratado de filoloxía, ou aínda peor, nun manual de autoaxuda. O xeito que ten o libro de escapar deste destino, e onde radica o seu verdadeiro valor engadido, é na construción paralela á súa estrutura de manual dunha autobiografía literaria do Suso de Toro escritor. Fálase en Dentro da literatura da relación do autor coa lingua, pero é a relación de de Toro co galego. Da fama, mais é de como de Toro observa ao seu propio personaxe público. Nunca renuncia a pensar nos temas en abstracto, pero salta do teórico ao recordo persoal con absoluta naturalidade, nesa obsesión que ten todo o libro de construír un discurso ante todo sincero e propio, por riba de calquera pretensión dogmática. O resultado é a prosa case febril de Dentro da literatura, que parece escrita como quen se exorciza a si mesmo, acabando o autor absolutamente exposto cando parecía que só ía falar sobre conceptos xerais. Este pulo creba todo formalismo e a obra permítese romper a cuarta parede en ocasións, describindo de Toro o propio feito de escribir o libro que se está a ler (o parágrafo onde rompe un argumento para explicar que nese mesmo intre unha mosca atravesaba a pantalla fíxome rir a esgalla). Dentro da literatura non ten máis sistema que a propia intuición do autor, que ás veces cae en circunloquios ou volve a temas que xa tocou porque o cre necesario. Ata no máis puramente material, como é o capítulo onde se fala dos ritos e os materiais de escritura, de Toro aproveita para contarnos que está a pasar a ordenador o borrador que escribiu a man, e describe a música que escoita para escribir determinados parágrafos (eu agora teño a Laura Marling de fondo).

Cando fala da carreira literaria, Suso de Toro acaba recordando o seu libro Sete palabras, e confesa que sente a súa carreira como escritor xa rematada, a pesares de que continúa a escribir e publicar. Non deixa de ser unha contradición. Pero quizais só así, considerándose a un mesmo desde fóra e como un proxecto cerrado, sexa posible escribir un libro como Dentro da literatura. Unha semente do que foi, que sirva de abono noutras leiras.

Dentro da literatura é un libro para ler cun lapis na man. Un libro para levar na mochila cando se vai facer unha viaxe longa en tren. Para ler primeiro enteiro, coa esperanza de relelo no futuro a miúdo e de xeito desordeado, buscando quizais unha nota que ti mesmo escribiches xunto a un parágrafo interesante. Repite de Toro en varios momentos do libro que a literatura é un diálogo cos mortos. Sei que se refire ás historias dos outros que revivimos cando lemos, pero quero crer que hai algo desa conversa tamén nos libros mesmos. Igual que eu converso co meu tio avó ao que nunca coñecín ao pasar as mans polos breviarium romanum. Igual que quizais quede algo de min na miña copia de Dentro da literatura.

 

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí