E a morte non terá dominio, de Dylan Thomas

Tradución ao galego do poema And death shall have no dominion, publicado por Dylan Thomas en 1936.

Hai uns anos, na universidade, un grupo de amigos decidimos xuntarnos nun obradoiro de tradución. Tiñamos idea de traducir algún autor de fala inglesa ao galego, e escollimos a Dylan Thomas.

En realidade é incrible que a día de hoxe Dylan Thomas siga sen unha tradución ao galego, polo menos unha antoloxía recopilatoria. O galés é sen dúbida un dos poetas do século XX que máis teñen influído a outros artistas, dun xeito transversal. Publicábamos hai uns días unha crónica do concerto de Bob Dylan, e non está de máis lembrar que precisamente o apelido do nome artístico de Robert Zimmerman, alude a Dylan Thomas, ao que admira abertamente. No último evento dos poetas Di(n)versos que se celebra na Coruña, o artista dominicano Frank Baez, citaba con arroubo un verso de Thomas “la mitad del mundo es del diablo, y la otra mitad es mía”. Citouno en castelán, porque a súa poesía si está traducida a ese idioma. Como en castelán está a canción de Tulsa, Aniversario de boda, que musica a versión traducida do poema On a wedding anniversary de Thomas. Son apenas algúns pequenos exemplos.

A poesía de Dylan Thomas garda de si dentro un poder que lle permite viaxar de xeito subterráneo a outros tempos e a outras culturas. Íalle tocando á galega. Daquel obradoiro de tradución non saíu unha publicación, pero si algúns traballos que penso teñen un certo valor, se non doutro tipo, si polo menos a honra de seren as primeiras traducións (que eu coñeza) ao noso idioma do poeta de Swansea.

De entre aqueles traballos, escollo traer á luz, (con esperanza de que outros o sigan no futuro), a tradución que eu fixen de And death shall have no dominion. Thomas é un poeta difícil de traducir, por moitas razóns que non vou enumerar, así que presento este pequeno traballo con toda a humildade do mundo, aberto a comentarios e posibles melloras.

Engado un pequeno video, no que se recita o poema. A música que acompaña á voz é un fermoso himno relixioso en galés, Llef, interpretado por varios coros nun Cymanfa Ganu. O himno, como o poema, tamén se estrutura en tres estrofas, e a súa letra fala da petición dun home a Deus para que lle axude a loitar contra as forzas da natureza. A fondura das voces, o tema, e a propia lingua galesa, fan un nexo co poema de Thomas que achei moi acaído.

Por último engado a versión orixinal en inglés do poema para poder facer comparacións, así como un video no que se pode escoitar ao propio Dylan Thomas lendo And death shall have no dominion.

E A MORTE NON TERÁ DOMINIO

E a morte non terá dominio.
Os mortos nus serán un
co home no vento e a lúa do oeste;
Cando os seu ósos sexan rillados e os ósos desaparezan,
terán as estrelas ao alcance de pés e mans;
Aínda que toleen seguirán lúcidos,
Aínda que afundan a través do mar xurdirán de novo;
Aínda que os amantes se perdan, o amor non;
E a morte non terá dominio.

E a morte non terá dominio.
Baixo as tortuosas correntes do mar
eles deitados ha moito non morrerán torturados;
Retorcéndose no poldro cando os tendóns cedan,
amarrados a unha roda, con todo non se romperán;
Nas súas mans a fe quebrará en dous
e a maldade unicórnea percorreraos;
Despezados por completo, non fenderán;
E a morte non terá dominio.

E a morte non terá dominio.
Xa non poderán berrar as gaivotas nos seus ouvidos,
nin romperán fortes as ondas nas ribeiras;
onde brotou unha flor, pode que unha flor nunca máis
erga a súa cabeza contra os golpes da choiva;
Aínda que tolas e mortas coma cravos,
as cabezas das personaxes martelan nas margaridas;
irrompe no sol ata que o sol caia,
e a morte non terá dominio.

AND DEATH SHALL HAVE NO DOMINION

And death shall have no dominion
Dead men naked they shall be one
With the man in the wind and the west moon;
When their bones are picked clean and the clean bones gone,
They shall have stars at elbow and foot;
Though they go mad they shall be sane,
Though they sink through the sea they shall rise again;
Though lovers be lost love shall not;
And death shall have no dominion.

And death shall have no dominion.
Under the windings of the sea
They lying long shall not die windily;
Twisting on racks when sinews give way,
Strapped to a wheel, yet they shall not break;
Faith in their hands shall snap in two,
And the unicorn evils run them through;
Split all ends up they shan’t crack;
And death shall have no dominion.

And death shall have no dominion.
No more may gulls cry at their ears
Or waves break loud on the seashores;
Where blew a flower may a flower no more
Lift its head to the blows of the rain;
Though they be mad and dead as nails,
Heads of the characters hammer through daisies;
Break in the sun till the sun breaks down,
And death shall have no dominion.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí