Emigretorno é unha serie de traducións de textos relacionados co tema da emigración e o retorno. Hoxe toca falar do racismo. Na súa cuarta novela, Small Island (2004), a británica Andrea Levy (1956-2019) conta a historia duns xamaicanos que se mudan a Londres nos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial, cando Xamaica aínda era colonia inglesa, tal e como fixeron os pais da autora na vida real — eles e miles doutros súbditos caribeños da chamada xeración Windrush.
O fragmento que escollín para traducir é xustamente a primeira escena que eu vin acendendo a tele unha tarde alá polo 2009 cando a BBC converteu o libro en serie: unha escena indignante que decontado me quedou cravada no maxín.
Inverno, 1948. Gilbert Joseph acababa de sacar o carné de conducir e levaba unhas semanas traballando como repartidor para Correos…
—Ei, ti— dixo o xerente da oficina de correos. Que eu saiba, ese home só empregara o meu nome nunha ocasión. A primeira vez que me tivera diante, el balbucira, abobado: “Pero que pasa aquí?” Con cara de pasmón, revolvera os papeis que os seus superiores lle mandaran. Logo, cando vira que eu realmente era o condutor que solicitara, dixera: “Ah. Así que ti es Joseph?” Porén, dende aquel primeiro encontro, que case resultara amigable, “Ei, ti” convertérase no seu xeito preferido de dirixirse a min. Ocupado quitándolle xeo ao parabrisas dunha furgoneta, non lle contestei, a ver se así o xerente acababa chamándome polo meu nome, como facía cos demais condutores.
—Clarke está enfermo— díxome.
Bert Clarke. Levaba semanas repartindo con Bert dende a estación de Victoria. En cada viaxe, ida e volta, Bert insistía en darme indicacións. Aquí esquerda… agora dereita… terceira saída cando chegues á rotonda. Cría que eu, sendo estranxeiro, nin coñecía nin podía aprender a ruta. Todos os días a mesma ruta, e cada día as mesmas indicacións. El traballaba para Correos dende os tempos en que aínda se repartía a cabalo, aseguroume algunha vez. Pero dende había pouco as súas indicacións viñan acompañadas dunha tose rebelde. “Ai, perdoa, Gilbert, teño un pouco de rasquizo pero vas ben.”
—Enfermo?— dixen.
—Si. Non sabes que quere dicir enfermo?— A min parecíame que sempre había un cacho de xema de ovo tenazmente aferrado ao bigote do xerente. E o maldito xeo xa me entumecera os dedos até o punto de non poder facer un puño.
—Irá outro contigo hoxe. Anda.
O xerente mandou vir o home que me ía acompañar. Mireino. Arrogante, as mans metidas nos petos. Limpouse o nariz cunha manga. Apartou o cigarro da boca entre polgar e índice. Soprou o fumo. Tusiu e cuspiu no chan antes de recolocar o cigarro. Viu algún coñecido e, sorrinte, saudouno: “Que tal?” E nese momento entráronme as saudades de Xamaica. Anhelaba o meu lar como un borracho desexoso de whisky. Porque alá podía estar seguro de que quen me mirase á cara por primeira vez non tería ningunha reacción. Non quedaría coa boca aberta, cunha desas miradas conxeladas; sen insultos, sen ollar rapidamente para outro lado como para non ver algo desagradable. Só un encontro tan cotián como ver a mamá na cociña. Vaia cousa que desexar. Que alguén me mirase sen sorprenderse. Que triste anhelar a indiferenza.
Cando me viu, ese home novo que se achegaba á miña furgoneta parou en seco. Eu recibino cun sorriso. Pero o home xa me estaba mirando mal — dúas liñas paralelas engurrábanlle a testa. Quitou o cigarro da boca para abrila ben. Botou o cigarro ao chan, esmagouno cun pé e ollou ao seu redor para asegurarse de que os seus colegas non me plantaran alí para gastarlle unha broma. O home ergueu un dedo, sinalándome, e só nese momento berrou: “Que carallo está pasando aquí?”
Os demais ríronse desta situación tan cómica. Ai, que gracioso era — o seu amigo tiña que ir de paseo co negrito. Eu non tiña tempo para parvadas. “Veña, home” díxenlle, “temos que irnos.”
—Contigo non vou a ningún lado— dixo el, e foi falar co xerente.
O xerente sacoume da ruta de reparto.
—Por que?— pregunteille—. Levo semanas facendo esta ruta.
—Porque cho digo eu. El non quere ir contigo.
—Pero é o seu traballo.
—E paréceme totalmente normal. Eu xa dixen que ías dar problemas.
—Non son eu quen está dando problemas.
—Unha palabra máis, negro, e despídote. Podes recoller o correo de King’s Cross ti só. Ou podes marchar para non volver. Entendes?
Foi a primeira vez que estiven na estación de King’s Cross. Ante os carros cheos de bolsas descargadas do tren, non tiña claro cales eran para Correos. Eu non quería coller as que non eran, pois isto causaría bastante conmoción.
—Cales son para Correos?— pregunteilles a uns obreiros, catro homes, que me estaban observando.
—Falou alguén?— dixo un. Parecían uns auténticos folgazáns, apoiados contra unha parede, rascándose. Todos empezaron a rirse do simpático chiste.
—Podedes axudarme?— volvín facerlles a pregunta. Non me contestaron. Miraban de lado a lado, falcatrueiros, como se isto fose un xogo e non soubesen de onde saía a miña voz. Sen facerlles caso, fun coller unha bolsa.
—Mirade, o negro está roubando— berrou un deles. Pousei a bolsa e suxeitei outra. O único que me importaba era repartir o que tiña que repartir. Collendo estoutra, escoitei: “Mi ma, que se lle ocorreu ao negro agora?” E así con todas as bolsas que intentei levantar.
—Podedes axudarme, por favor?— por fin tiven que rogar.
—Hai que falar inglés— dixo un deles.
—Estouche falando en inglés— contestei.
—Alguén entende que é o que quere este señorito de cor?
Máis risos.
Pero claro, eu non podía permitirme o luxo de reaccionar. “Por favor, podedes dicirme que bolsa teño que levar?”
—Ben, axúdoche— dixo un dos homes. Separouse da parede. Un dos seus ollos concentrábase en min, mentres que o outro daba voltas na súa cavidade como unha bóla perdida. Pensei que ao mellor se cansaran do seu xogo — xa levaban tempo mofándose do negrito. Pero o birollo dixo: “Vouche axudar se me contestas unha pregunta.” Os seus amigos comezaron a rirse de novo ante a promesa dunha nova humillación.
Pero contesteille educadamente. “Dime.”
—Cando tes pensado volver á selva?— Hostia, foi o mellor chiste que os catro homes escoitaran en todo o día. Ríronse todos. Un negro. A selva. Que gracioso. Dous deles acenderon cigarros. Eu incluso estaba resultando máis entretido que a pausa do té. As agullas do reloxo seguían avanzando. Collín outra bolsa. “Ei, negro, non me contestaches. Cando vas volver á túa selva?”
Agora si. Contestei fitándolle ese ollo único que tiña.
—Pero home, se acabo de chegar, e aínda non fodín ca túa muller.
—Que dixeches? Que dixo?— Mirou para os seus colegas pero eles non me ouviran—. Puto negro de merda. Que acabas de dicir?
—Nada— dixen.
Pero o home tirou do meu uniforme de Correos e agarroume polas solapas. “Veña, pégalle” animárono os seus amiguiños. Mais o tío era idiota. Eu tiña os brazos libres. Así que, a ver, eu podía romperlle o nariz. Ou darlle un hostión no bandullo para afogalo co almorzo desa mañá. Ou podía tirar da súa cabeza, circundarlle a gorxa e extirparlle o alento. Ou un xeonllo nos collóns. Quitarlle o aire cun cóbado. Sacarlle os dentes dun cabezazo. E todo iso antes de que os seus amigos puidesen alcanzarme. O home non era forte. Era fraco tras anos de racionamento. De feito, a verdade é que eu podía botalo ao chan dun sopro. Non obstante, aínda que non lle dese máis que unha palmada amigable nunha meixela ou nas costas, sabía que iso bastaría para perder o meu emprego. Tres homes brancos serían as testemuñas — o día que o negrito agrediu este honroso cabaleiro sen ningunha provocación. Un salvaxe, dirían. E todos estarían de acordo: xamais volveremos contratar ningún negro salvaxe, que dan problemas, que non paga a pena. Entón, que podía facer este home xamaicano? Pois baixei a cabeza.
—Non dixen nada. Nada—. E rebaixeime como todo un covarde até que a miña submisión o persuadiu para soltarme.
—Agora terei que lavarme as putas mans por tocarte— dixo, afastándome dun empurrón. Fiquei alí dando pena como un can vencido, en canto el sentenciou: “Hai ingleses decentes que deberían estar facendo o teu traballo.” Eu fixei a mirada nos seus pés e el sinalou cun movemento da cabeza. “Alí, aquel carro. Colle as túas cousas e vaite á merda.” E eu púxenme a traballar cun tiroteo de insultos asubiando e rebotando arredor de min; as bolsas de correos e unha vergoña dolorosa dobrábanme as costas.