Incarnations of burned children é un relato breve que David Foster Wallace publicou orixinalmente na revista Esquire no ano 2000 (podedes ler o orixinal en inglés nesta ligazón). O conto aparecería despois en Oblivion (Esquecemento), unha recopilación de relatos breves publicados no ano 2004. Cremos que é a primeira vez que se traduce ao galego algo de Foster Wallace, considerado un dos escritores máis influíntes da súa xeración nos Estados Unidos.
O Papá estaba na outra beira da casa poñendo unha porta para o inquilino cando escoitou os gritos do neno e a voz da Mamá agudizando entre eles. Puido moverse rápido, e a entrada traseira daba na cociña, e antes de que a porta de tela pechase cun golpe detrás del o Papá xa captara o conxunto da escena, a pota boca abaixo sobre as baldosas diante da cociña e o lume azul do fogón e o charco de auga no chan aínda fumegando mentres os seus moitos brazos se estendían, o bebé co cueiro folgado de pé e ríxido con vapor saíndo do seu pelo e o seu peito e ombreiros vermellos e os seu ollos en branco e a boca moi aberta e parecía dalgún xeito separado dos sons que profería, a Mamá apoiada nun xeonllo intentando secalo sen ningún sentido coa rodela e cadrando os gritos cos seus propios berros, histérica ata estar case conxelada. O seu xeonllo e o peíño descalzo e brando estaban aínda no charco fumegante, e o primeiro acto do Papá foi coller o neno dos sobacos e levantalo de alí e metelo na pía da cociña, de onde tirou os pratos e abriu a billa dun golpe para deixar que a auga fría e limpa correse sobre os pés do cativo mentres que facendo cunca coa man recollía e vertía ou guindaba máis auga fría sobre a súa cabeza e ombreiros e peito, querendo primeiro que deixase de abrollar vapor del, a Mamá xusto detrás invocando a Deus ata que a mandou a por toallas e gasa se tiñan, o Papá movéndose rápido e ben e a súa mente de home sen nada máis que propósito, inconsciente aínda do serenamente que se movía ou de que deixara de escoitar os berros porque escoitalos o paralizaría e faría imposible levar a cabo o necesario para axudar ao seu neno, cuxos gritos eran tan regulares como a respiración e seguiron durante tanto tempo que se converteron nunha cousa máis da cociña, algo máis que sortear con rapidez. A porta de atrás do inquilino colgaba da bisagra superior e abaneaba un chisco co vento, e un paxaro no carballo do outro lado da rúa parecía observar a porta coa cabeza medio virada mentres os berros seguían saíndo do interior. As peores escaldaduras parecían ser as do brazo dereito e o ombreiro, o vermello do peito e o estómago pasaba a rosa baixo a auga fría e o Papá non vía ningunha vexiga nas plantas suaves dos seus pés, mais o bebé aínda apertaba os puños pequeniños e gritaba agora apenas como acto reflexo polo medo, o Papá sabería despois que pensara nesa posibilidade, a cara miúda distendida e venas encordadas sobresaíndo das tempas e o Papá seguía dicindo que estaba aquí que estaba aquí, a adrenalina empezaba a baixarlle e a carraxe contra a Mamá por permitir que isto pasase comezaba a se formar de a poucos no último recanto da súa mente aínda horas antes de ser expresada. Cando a Mamá volveu el non estaba seguro de se envolver ao neno nunha toalla ou non pero mollou a toalla e o fixo, envurullouno forte sacouno fóra da pía e colocouno no bordo da mesa da cociña para acougalo mentres a Mamá tentaba examinarlle as plantas dos pés cunha man facendo acenos na área da súa boca e pronunciando palabras sen sentido mentres o Papá se abaixaba e se puña cara a cara co neno no bordo a cadros da mesa repetindo o feito de que estaba aquí e tentando calmar os berros do bebé mais o neno seguía gritando ata quedar sen folgos, un son agudo puro e brillante que podería parar o seu corazón e os seus labios e enxivas pequerrechas agora tinguidas co azul claro dunha chama feble pensou o Papá, gritando case como se aínda estivese sufrindo baixo a pota inclinada. Así un minuto, dous que pareceron máis longos, coa Mamá a carón do Papá cantaruxando na cara do neno e a cotovía apoiada na rama coa cabeza virada e á bisagra comezaba a saírlle unha liña branca polo peso da porta desgonzada ata que a primeira nubeciña de vapor saíu preguiceira desde unha dobrez da toalla envolta e os pais cruzaron a mirada e abriron os ollos coma pratos –o cueiro, o cal cando abriron a toalla e deitaron o seu cativo de volta no mantel a cadros e soltaron as pestanas amolecidas e intentaron quitalo ofreceu resistencia con novos berros e estaba quente, o cueiro do seu bebé queimoulles a man e viron onde caera a auga e se amoreara e estivera queimando ao seu bebé todo este tempo mentres gritaba para que lle axudasen e eles non o fixeran, non o pensaran e cando o retiraron e viron o estado en que aquilo estaba a Mamá dixo o nome propio do seu Deus e agarrou a mesa para non caer mentres o pai daba a volta e lanzaba unha puñada ao aire da cociña e maldicíase a el e ao mundo non por última vez mentres o seu neno parecería agora estar durmindo se non fose polo ritmo da súa respiración e os diminutos movementos aflixidos das súas mans no ar por riba de onde estaba deitado, mans do tamaño do polgar dun home adulto que agarraran o polgar do Papá no berce mentres observaba a boca do Papá moverse ao cantar, o neno virou de medio lado a cabeza e fixando a mirada moito máis alá do Papá os seus ollos fixeron que el se sentise solitario dun xeito vago e estraño. Se nunca choraches e queres facelo, ten un neno. Break your heart inside and something will a child é a canción fañosa que o pai escoita de novo como se a señora estivese case aí con el mirando o que fixeran, aínda que horas máis tarde o que o Papá non se perdoará é canto degoiraba un cigarro xusto cando cubrían o neno o mellor que podían cun cueiro improvisado de gasa e dúas toallas cruzadas e o Papá colleuno como a un recén nado coa súa caveira nunha palma e saíu correndo con el á furgoneta sufocante e queimou roda ata a vila e a sala de urxencias do hospital coa porta do inquilino aberta e colgando así todo o día ata que a bisagra cedeu pero para entón era xa tarde demais, cando xa non había volta atrás e eles non o conseguiran o neno aprendera a saír de si mesmo e a observar como todo o resto se desdobra desde un punto por riba, e o que fose que se perdese de aí en diante non volveu importar, e o corpo do neno expandiuse e deu paseos e gañou un soldo viviu a súa vida sen inquilino, unha cousa entre cousas, a súa alma pouco máis que vapor no alto, que cae como choiva e despois se levanta, o sol arriba e abaixo como un ioió.
Un par de notas:
Sen entrar a dar unha interpretación dos elementos simbólicos que hai no conto, quería comentar que pouco tempo despois de rematar esta tradución, atopei na “Guía definitiva das aves da Galiza”, de Nacho Munilla e Pancho Lapeña, o seguinte sobre as cotovías (lark no orixinal):
“No acervo espiritual galego a cotovía é o paxaro vixiante e avisador por antonomasia. Son moitos os relatos nos que o papel destes paxariños é determinante para a salvación de comunidades axexadas por perigos diversos, maiormente ataques por sorpresa de forzas invasoras. […]”
Penso que engade outra dimensión máis ao relato, aínda que sexa desde o noso lendario galego.
Por outra banda, sobre algunhas características da prosa de Foster Wallace e o seu papel na literatura americana, penso que é interesante este artigo de Manuel Veiga en Biosbardia.
Felicitacións pola tradución, Guillermo. Un gusto ler a FW en galego e ver que soa tan natural.
E, por suposto, que capacidade de observación a de FW. Que riqueza expresiva sen sairse da fala cotiá. E a poética soterrada. Penso que na literatura galega necesitamos tanto aprender destas cousas…
En fin… Grazas de novo polo disfrute.
Moitas grazas, Manuel, canto me alegro de que gostases do conto.
Estou dacordo, penso que hai moito que aprender de DFW en xeral, e este relato pode funcionar como unha pequena clase maxistral dalgúns deses elementos. Eu destacaría o mesmo que comentas, a poética soterrada, colocada de xeito sutil detrás desa fala cotiá, non colle o foco do protagonismo máis que en catro puntos moi escollidos. Tamén o uso do ritmo, atrevéndose a acelerar todo cunha sintaxe e puntuación tan fóra do común.
Moitas grazas por comentar, dá gusto ver que as palabras chegan aos portos.