Esposa: “Parece que a música non adoita falar moito de facerse maiores”

Esposa fai un pop lixeiro con carga de profundidade. Falamos devagar con elas sobre o seu novo doble EP e sobre pop, emigración e amizade.

Esposa fai un pop lixeiro e alegre que se volve reflexivo e serio a base de falar sobre a vida. A amizade, facerse maior ou a emigración son temas polos que se moven as cancións do doble EP que sacaron este ano: “Belo Horizonte” e “É o que hai”. Tiñamos ganas de falar con elas porque o seu parecénos un proxecto moi atractivo de música accesible que non renuncia por iso a ter discurso. Nesta época de covidia, facer entrevistas por escrito parece, máis que unha conversa, un intercambio de longas cartas ao estilo do século XIX, onde preparas unhas preguntas coas túas teimas e a outra parte pode reflexionar e contestar devagar. Isto ten a súa parte boa, non vos creades. Nas epístolas de documento aberto de google, a voz de Esposa chegou en escrupulosa polifonía de Mar, Cibrán, Xacobe e María. E como o teclado ten menos presa que a voz, algunhas respostas poden permitirse unha pausa e fondura refrescante. Xulgade vós.

Todo o mundo pregunta quen é Esposa, pero que tal está Esposa?

Xacobe: Pois grazas por preguntar! Esposa está ben, cos seus achaques propios da idade. Neste caso esos achaques son as dificultades laborais e a emigración, que poñen distancia entre nós e impídennos ter unha rutina de traballo constante e dinámica. Quitando iso, seguimos con ilusión e ganas de facer cousas dentro das posibilidades que nos deixa a situación vital.

 

En pleno confinamento duro sacastes dous Eps: Belo Horizonte e É o que hai. Un é unha compilación de temas que xa publicarades anteriormente e outro compila versións de distintos grupos. Credes que a recepción foi distinta (para ben ou para mal) polo momento en que saíron os discos?

Mar: A nosa percepción da recepción sempre é boa. Gústanos moito o proceso de facer as cancións e cando chega a hora de publicalas, non pensamos moito. Deixámolas ir. Algunhas cancións funcionan mellor ca outras pero para nós todas son importantes porque representan pensamentos e experiencias que partillamos dalgún xeito e se, aínda por riba, conmoven a outras persoas alleas á banda, iso xa é un regalo extraordinario.

En relación aos Eps que mencionas, a situación da pandemia é, e era, excepcional e, por consecuencias obvias, non puidemos vivir algunhas experiencias que irían asociadas directamente á publicación coma son os concertos ou outro tipo de actividades relacionadas que sempre acaban dándolle un novo sentido ás cancións nos diálogos co público ou coas amigas.

 

En Nube branca diciades: “Non hai cartos, non hai tempo
cando canto no meu templo.
Tal vez, quizais,
as voces dos demais
non se escoiten este inverno.”
Predicistes a pandemia?

Cibrán: A primeira frase desa estrofa penso que fala de atopar espazos nos que o capitalismo non estea moi presente, no que dalgún xeito a esencia das cousas non teña que ver con producir e consumir. Ese podería ser un templo para nós, se cadra un sitio como o Liceo Mutante. O de non escoitar está ben porque non escoitar voces pode ser horrible ou moi positivo. E o do inverno probablemente estea aí porque rima. En conclusión, desmentimos a idea de saber o da pandemia antes ca ninguén. Nese caso teríamos feito algo con esa información…

 

Penso tamén no tema todos.xuntos.unidos.sempre dos Oh! Ayatollah duns meses antes só. Estaba xa a apocalipse asentándose como tropo na música galega antes de todo isto? 

María: A canción de Oh! Ayatollah, feita para CineGalicia, fala un pouco da apocalipse, pero xeracional e de que o único que nos queda, pensando en nós mesmos e nos nosos círculos, onde a emigración, os traballos temporais e a incerteza está á orde do día, son as amigas, a unión e os coidados. Antes e despois da pandemia. En “Nube branca” os temas son os mesmos. Non hai tempo, porque xa non pasamos tempo xuntas e diñeiro haino por temporadas, etc. O que pasa é que son letras tan abertas, que a interpretación pode ir por varias vías, pero é todo casualidade.

 

En Nós contra nós dicides o seguinte:
“Es membro de algo?
Ultimamente creo que non.
Só somos dous covardes distintos dos covardes de arredor.”
É revolucionario montar un grupo sen ter intención de vivir del? Pasalo ben no tempo libre é un xeito de militar?

Xacobe: Imos comezar por deixar un pouco á parte a consideración de se isto é revolucionario ou non, porque teríamos que meternos a definir o termo e tratar de concluír existe a posibilidade ou non de que a día de hoxe teña lugar algún feito verdadeiramente revolucionario e complicaríamonos innecesariamente. Neste caso, a cuestión da militancia pode ser máis interesante.

Pasalo ben no tempo libre, en abstracto, quizais non o poderíamos considerar un xeito de militar. Hai moitos xeitos de pasar o tempo libre, e moitos destes son totalmente pasivos, dirixidos, teñen unha intención cosmética… Probablemente non poderiamos empregar o termo neses casos.

Unha das características das sociedades “desenvolvidas” no momento actual é que todo ten que ir moi rápido e ser moi doado de asimilar. Se nos fixamos nos vídeos de calquera youtuber, a montaxe non deixa ningún espazo, non che poden permitir pensar se queres pasar a outro vídeo ou non. Porque, claro, se cho permiten, enseguida cambias, porque te aburres e necesitas outra dose. En Twitter escríbense poucos caracteres, porque… que é iso de desfrutar de ideas e argumentos complexos cando podo soltar unha tontería que polariza e xera un enfrontamento dogmático? Iso acostuma a ser máis divertido para moita xente, e a Twitter o que lle interesa é que a xente se divirta co que sexa e pase máis tempo conectada, porque é o que lles fai gañar cartos. O mesmo con Instagram, que che ofrece un scroll infinito que te pode atrapar durante horas cheas de banalidades. Todo isto calma os nosos instintos primarios, danos unha inxección de dopamina. O mesmo pasa se o noso divertimento é, por exemplo, arramplar con medio Primark de cousas que non precisamos e que se van estragar nun par de meses para que volvamos a por máis. Ou algo parecido lle pasa á xente que sofre adicción a algunha substancia. Esta clase de divertimentos son narcóticos, desconéctanche o cerebro durante un anaquiño. Pasar a tarde deixando que Netflix enlace un capítulo con outro de calquera serie permítenche de xeito doado non pensar nos teus problemas, esquecer o estrés… Quen máis quen menos sempre precisa algunha cousa deste tipo de vez en cando. Pásanos a todo o mundo, non é unha vergoña, é a sociedade na que vivimos e a maioría non somos de pedra nin robots e precisamos esta clase de escapes, de vez en cando polo menos.

Pero, cando escollemos un xeito de ocupar o tempo libre que escapa a este tipo de dinámicas, que non nos ofrece esta inmediatez, que nos esixe un exercicio de adicación e autosuperación, que nos obriga a ter unha actitude proactiva e consciente… Aquí si que pode ser que esteamos falando dun xeito de militar. Entender o momento de ocio realmente como un momento propio, de desfrute de nós e as nosas capacidades e da compaña de outras persoas coas que non só compartimos moito, senón coas que xeramos, creamos, un novo mundo de cousas en común. Ter un grupo pode ser que entre nesta categoría. Pero tamén calquera outra actividade artística. Tamén aprender sobre algo que che apaixona, que pode ser tanto aprender unha cuestión académica, como a plantar patacas ou a reparar o teu ordenador ou o teu fregadeiro. Pode ser ter algunha iniciativa ou participar nalgún proxecto que sexa interesante para mellorar a túa comunidade. Ou eu que sei, ir ó monte e desfrutalo coma se foses unha persoa do paleolítico en perfecta comuñón co teu entorno, e esquecerte un pouco da vida moderna e vivir ese momento sen pensar en que podería ser “instagrameable”.

 

Como se pode estar nun disturbio na parte de detrás?

María: Pódese estar por covarde ou prudente. As veces que estiven na parte de detrás foi por medo a que houbese cargas policiais e para que me dese tempo a correr. Xa se sabe, mucha policía, poca diversión.

 

“Acordeón”, o tema de Belo Horizonte, fala de crecer, con frases como “Nunca pensei no cambio ata que cambiei,”. Agora que estades nos 30, e coma todos os da nosa idade non acabamos de ter futuro, credes que temos como unha falta de referentes musicais que falen sobre isto? Non temos como certa orfandade xeracional ao desapareceren a maior parte dos grupos non comerciais cando os membros pasan dos vintepoucos?

Xacobe: En xeral parece que a música non adoita falar moito de facerse maiores. Vivimos nunha sociedade na que a técnica e o coñecemento evolucionan a pasos axigantados e os coñecementos de hai dúas xeracións xa non serven ós propósitos do actual devir económico e social. Hai 15000 anos, a xente anciá podía ser reverenciada porque che transmitía dende a experiencia todos os coñecementos que puideses precisar para a supervivencia: como tallar pedras para facer ferramentas, como axexar a unha presa na caza, que elementos vexetais recoller para alimentarte… Hoxe, o avó pode ser o que mellor planta patacas ou tomates, ou pódeche contar como funcionaba unha fundición na Alemaña dos anos 60, pero iso carece de interese no capitalismo da Era Google. A menos que tomes unha posición militante tendente cara o autoabastecemento, eses coñecementos non teñen especial valor máis aló do simbólico ou emocional. Por iso, a sociedade relega cada vez máis á xente maior e trátaos como un estorbo, como un gasto máis no balance das contas, como unha sorte de activos improdutivos que hai que manter porque, ó final, non deixan de ser seres humanos. Isto é terrible, pero en parte configura o pulso social das últimas décadas, nas que a xuventude é valorada como un dos principais activos nunha persoa.

Tendo isto en conta, a música non vai falar de facernos maiores. A medida que os Rolling Stones foron cumprindo anos poderían ter escrito cancións xeniais sobre ese feito, sobre ter pertencido a unha xeración que proclamaba que nunca te deberías fiar de ninguén maior de 30 e que se sinte ó revisitar esas ideas unha vez pasado o limiar. Pero non, decidiron seguir facendo o mesmo que cando tiñan 20 anos, adaptarse ás modas que ían vindo… Todo por non ser uns carrozas. E, ó final, acabaron sendo uns carrozas igual para todas as xeracións seguintes que non comprendían que facían uns señores da idade de seus pais ou avós incluso intentando facer como que eran adolescentes metidos no meollo. A día de hoxe é unha das peores cousas que che poden dicir, chamarte vello ou vella.

Entroncando con isto, é normal que a música popular que vén dende o Rock and Roll non trate moito o tema da idade. Algo hai, sempre, pero tanto o Rock, como o Pop, o Rap… teñen en xeral unha relación co tema da idade que implica que aceptar que pasan por ti os anos é un tanto tabú. E isto acaba pasando tamén no underground, sexa o que sexa a día de hoxe o underground. Porque ó final non deixa de ser unha comunidade, cos seus códigos e as súas normas non escritas, e este tema adoita tratarse do mesmo xeito.

Aínda así, sempre hai quen se achega a tratar o tema de xeito marabilloso. Buscando un exemplo recente na música galega podería estar Santos dos últimos días de Ataque Escampe, que recolle perfectamente esa sensación que tes cando rondas os 30, cando aínda consideras que estás en plena efervescencia pero, de repente, descobres que hai aí un novo grupo de xente que xa tomou o control do espazo “xuventude” e comezas a sentirte fóra de sitio.

 

Tamén crece Esposa como grupo. Visto en perspectiva, como ollades agora o que foi Xardín interior?

Cibrán: Non teño moi claro que medrásemos moito como grupo. Penso que o esquema segue sendo parecido: facer cancións pop sobre as que poder pensarnos en conxunto, falar das cousas que nos preocupen… Creo que Xardín interior foi o momento no que tivemos máis continuidade para traballar no proxecto do grupo, e entón se cadra é algo máis serio que estes EPs, para ben e para mal. Penso que converternos nun grupo de vacacións é un problema a nivel creativo, pero tamén nos fai ter unha actitude máis disfrutona e creo que os concertos que dimos nesta fase foron en xeral máis divertidos. A pena é que non sexan máis, boto de menos a Esposa.

Esposa: Parece que a música non adoita falar moito de facerse maiores
Fotografía de Cristina Calvete

Por que decidistes separar os últimos temas en dous EPs? É o que hai son versións, mais ao final con traducións moi libres. Non sentides eses temas tan propios? 

Mar: Foi unha aposta práctica e organizativa. Nós tiñamos un conxunto de cancións que foramos compoñendo nun tempo bastante dilatado debido as nosas circunstancias vitais e, sobre todo, laborais. Dentro desa amalgama de cancións, unhas eran versións e outras propias. Cando xa tiñamos todas gravadas, quixemos darlle certa coherencia na publicación, e pareceunos divertido reunilas en dous EPs. Foi algo natural, non moi reflexionado, máis intuitivo pero no que estivemos dacordo de inmediato.

No que comentas das versións, é certo que teñen un cariz moi persoal. Por un lado, porque Cibrán traballa con moita adicación e coidado as letras e é quen de levalas á súa vida, son cancións que creceron con el e coas que é quen de reflexionar dun modo moi profundo. Eu creo que este punto é moi importante: Cibrán fala con esas cancións. E cando digo “fala”, refírome a que fala literalmente. É un pouco broma pero é certo. Pero si que penso que hai unha conexión especial con cada unha das cancións e imaxínomo (a Cibrán) indo a traballar, escoitándoas e replicando nelas a través dos seus pensamentos. Por outro lado, no musical nós non queremos imitar acordes ou reproducir con exactitude as notas porque, unha de dúas, ou non sabemos ou nos sentimos ridículas facendo iso. Non nos imaxino sendo unha banda tributo aínda que sería moi divertido. Iso lévanos a preferir tocalas á nosa maneira. Ao final é unha maneira de xogar coa música. Do outro xeito sería un desastre pola nosa parte porque, sinceramente, non somos virtuosas nin temos oído absoluto.

 

Queríamos preguntar tamén se hai algunha intencionalidade na escolla dos grupos en concreto en É o que hai (Feelies, Yo La Tengo, Billy Bragg e Modern Lovers).

Cibrán: Son artistas que nos gustan moito e cos que se cadra compartimos certas actitudes arredor da vida, a amizade, a política… E as catro cancións teñen cousas que nos facilitaron montalas, sexa a cantidade de acordes (a de Yo La Tengo e a dos Modern Lovers teñen un, a dos Feelies dous) ou a cantidade de instrumentos (a de Billy Bragg é só guitarra e voz). Tamén o feito de que estean en inglés dá para xogar máis libremente coa versión en galego que se estivesen xa en galego ou en castelán, que igual nos levaba a ser máis miméticos. En calquera caso, poderían ser moitas outras. Hai un par de anos tocamos no aniversario do Cineclube de Compostela e fixemos algunhas versións máis que non se asentaron no repertorio, como “Burning Down The House” dos Talking Heads, “My Secret” de Heavens to Betsy, “Rumore” de Raffaella Carrá… e máis atrás fixemos “Desaparece” dos Homens durante un tempo, e un día tocamos “Cara oculta” co seu autor Señor Anido. Quedábannos peor, se cadra.

 

Como é o proceso de composición de Esposa? Comentabades nunha entrevista que observabades que as letras non era tan comentadas nas críticas dos vosos discos. É a letra o impulso inicial das vosas cancións?

Xacobe: Para compoñer en Esposa adoitamos partir dunha idea que fai de núcleo e que imos desenvolvendo. Esta idea pode estar máis avanzada e ter xa un certo sentido de canción estruturada ou pode ser simplemente unha liña dalgún instrumento sobre a que imos improvisando e engadindo.

Ás letras dámoslles moita importancia, aínda que non adoitan ser o impulso inicial. Si que pode ser que nalgún momento decidamos que determinado proxecto de canción nos interesa para falar de algún tema, pero normalmente a letra, polo menos a maior parte, vaise facendo unha vez se van visualizando as partes da canción e comeza a haber melodías de voz. Isto ten que ver un pouco con que, ó final, cando tes unha melodía para a voz máis ou menos feita, é moito máis doado meterlle unha letra que partir dunha letra feita e pechada e poñerlle unha melodía. Aínda así, son un dos elementos que máis coidamos e tratamos de que realmente sexan unha certa representación nosa no momento de escribilas.

 

Posteriormente con Snap! Clap! Club sacastes eses Eps en versión Kasette, a que se debeu ese formato especial?

Mar: Nós non contabamos con que houbese edición física nun principio, así que foi unha alegría que nos propuxesen desde Snap! Clap! Club sacar a cinta, que ademais inclúe un audio emocionado de Xacobe e un momento no que falo en xaponés. O casete permite facer unha tirada pequena e é un formato bonito, fórzate a escoitar o conxunto porque ir buscando cancións completas é unha lata. Ademais Esposa xa tiñamos música en cd (en Xardín interior) e en vinilo (no Galician Bizarre 3) e así imos achegándonos ao pleno. Se alguén quere propoñernos unha edición en cilindro fonográfico ou disco de pizarra estamos abertas a negociar.

 

Falemos sobre pop. O conxunto musical de Esposa é de pop moi clásico, quizais o formato máis empregado no mundo, pero pensando na música galega das últimas décadas case sempre primaban as guitarras indo cara o pop-rock ou o punk, ou o sintetizador indo cara unha cousa máis electrónica; agora xa houbo un salto cara novos xéneros como o trap. Está a música pop mal vista en Galicia?

Cibrán: Para min o pop é unha etiqueta o suficientemente ampla para acoller calquera cousa feita con estruturas de canción e unha vocación de ser accesible. Non sei se está mal vista como etiqueta, pero tal como o vexo en Galicia estase facendo moita música pop que me gusta moito. Por dicir algunhas cancións recentes: “Abur” de Sleepy Spice pode ter influencia do trap pero non deixa de ser pop, “Flores” de Lamprea Explosiva é pop e é punk, “Muinheira de costa” de Terbutalina é pop aínda que recolla o ritmo da muiñeira… O que fan Boyanka Kostova ou Verto para min non deixa de ser pop. Dentro diso, o pop que facemos nós se cadra ten máis que ver con cousas anglosaxonas dos 80 e 90, pero podería habelo máis clásico se pensas en Frank Sinatra como tal… ou ser distinto se pensas no que pode ser o pop máis clásico en América Latina. Vai evolucionando e acollendo outras ferramentas pero segue sendo pop. Se o pop está mal visto polo feito de selo, probablemente sexa desde unha posición algo elitista, pero probablemente tamén haxa quen entenda a etiqueta dunha forma distinta.

Esposa: Parece que a música non adoita falar moito de facerse maiores
Fotografía de Mar Catarina.

Falando da escena musical galega, hai un tema voso no Galician Bizarre III e tamén no disco recopilatorio dos 15 anos do Torgal. Que papel teñen este tipo de iniciativas ou proxectos online (penso na canle de Excultura, as sesións Destelo…) á hora de artellar comunidades? Que papel xoga Esposa nesa escena? 

Cibrán: Nas escenas hai normalmente un nivel de actividade moi intenso, que fai que moita xente asuma roles moi diferentes: en Galicia hai moita xente que fai cancións, pero tamén fai fotos ou vídeos, tamén grava discos, ou os edita, ou escribe e fai fanzines, ou organiza proxectos, ou exerce de público en xeral. Penso que o noso papel na escena vai nesa liña, como o de moita outra xente que forma estas comunidades: Mar ten feito clips, portadas ou editado cousas dentro de Prenom, Xacobe por exemplo gravou a Travesti Afgano, Uzumaki… todos temos participado tamén en organizar concertos ou outros eventos, etcétera. Tentamos, dentro do posible (e probablemente con máis intensidade hai uns anos) ter xenerosidade, que se cadra é a parte clave. Prestar equipo, un sitio onde durmir, ir ver un concerto, pegar uns carteis… O máis bonito das escenas ten que ver con atoparse esa actitude xenerosa, e o máis feo é cando esa actitude non está. Dentro diso, as iniciativas como as que mencionas serven ás veces de punto de encontro, para trazar vínculos que non existen (se cadra entre grupos que non se coñecen) ou reforzar os que si. E serven como mecanismos para promover o traballo artístico que fan os grupos da escena (por exemplo, o que fan Excultura a min serviume para descubrir a Mariagrep). Pero bueno, sempre é unha cousa difusa: en Galicia probablemente hai moitas escenas que se tocan nalgúns puntos e diverxen noutros.

 

En É o que hai e Belo horizonte hai morriña da xente que marcha, e morriña dos que quedamos polo que non é, polo que non somos. Como casa esa melancolía co voso estilo musical? Facer música alegre para falar de asuntos tristes é un oxímoron necesario?

María: Pois diría que xuntar melancolía e reflexión, porque moitas letras saen de temas que falamos entre nós ou de sensacións comúns é, xa en si, parte do noso estilo. Que sexa música feliz é parte do tranganillo para facela pegadiza e porque, aínda que o contexto a veces sexa descorazonador, temos o deber de ser positivos. Penso que non serían o mesmo as nosas cancións con música triste, serían para cortarse as venas. O tropo do sentimental fixo moito dano e penso que facemos o posible para afastarnos deso.

 

Quizais unha das marcas de Esposa é o contido un pouco meta da maior parte das cancións (penso aquí en Prá que serve está canción, os vosos topónimos en Belo Horizonte, ou o de “fixemos este tema porque só tiña un acorde” en Pablo Picasso). Mesmo nas vosas entrevistas, ou nas descricións dos discos no Bandcamp, chámame a atención que incidides moito nas vosas circunstancias persoais á hora de manter o grupo, como que a loxística está sempre na tona. É Esposa un grupo montado para falar da experiencia de ter un grupo? 

Cibrán: Non é que sexa unha cousa premeditada. Unha das cousas bonitas de ter un grupo é ter unha plataforma para falar das cousas que che pasan e che preocupan. Dentro diso, é importante ter honestidade e non pretender que vivimos unhas circunstancias que non son reais, así que falamos de non ter tempo ou da nosa propia irrelevancia á hora de tentar que as cancións creen un debate, e deixamos un testemuño para o futuro de quen somos e que estamos facendo. E isto tamén serve para que as letras fagan o esforzo de reflectir ata certo punto unha experiencia común e non un punto de vista individual.

 

Cal é o futuro de Esposa? Estades a traballar nalgo novo?

Mar: Difícil pregunta. Agora mesmo o que máis nos apetece é xuntarnos e seguro que xorden cancións novas. Estaría ben facer un EP.

 

Para rematar, que andades escoitando estas semanas que vos apeteza recomendar?

Pois estivemos escoitamos moito a Sleepy Spice e o último disco de Single (Meri e Cibrán). Tamén a Nathy Peluso.

Ultimamente ando a darlle bastantes voltas a St. Vincent. (Xacobe)

Eu ando escoitando en bucle cancións soltas de Tulsa, The Radio Dept, Mercromina e The Drums (Mar).

Esposa na súa formación de monstros do pantano, exclusiva para AQCHP.
Esposa na súa formación de monstros do pantano, exclusiva para AQCHP.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí