Euphoria é unha serie na que saen moitos penes

Euphoria, a nova serie de HBO, levantou moita polémica pola representación crúa do sexo e as drogas na adolescencia. Mais quizais ten algo máis que dicir.

*Tranquis, que non contén spoilers*

Euphoria é unha serie na que saen moitos penes

O outro día tiven unha discusión cos meus tíos porque dende hai un tempo están adquirindo o horrendo hábito do phubbing. O phubbing, termo feo coma a acción que describe, é o feito de ignorar unha persoa que tes diante por atoparte ocupada facendo cousas no teu teléfono móbil.

Non sei se é impresión miña, mais paréceme que na nosa estimada xeración millenial xa superamos esa fase. Xa nolo fixeron un número de veces suficiente como para chegar a empatizar co mal que senta esa sensación de ser menos importante que unha pantalla. Pero nas xeracións máis vellas, as que escriben whatsapps co índice e non cos polgares, é un conflito non resolto. Ou esa é a miña impresión.

Hai cousa dun ano fun a un concerto de Van Morrison. Para min o gran Van soa a casa, alfombra e lareira de inverno, porque a miña nai estaba obsesionada con The Healing Game cando eu era pequena. Evidentemente, no público do concerto había coetáneas dos meus pais.

Sorprendeume ver que as pantallas de móbil que se alzaban nos momentos álxidos para gravar estaban sostidas por señoras e señores. A xente da miña idade simplemente prestaba atención e desfrutaba desa harmónica morriñenta, ou meneaba a testa nun vaivén estival.

Ao que quero chegar con isto non é nada novo: a distancia xeracional existiu dende sempre e non pretendo inventar a pólvora. Pero nos últimos tempos  estoulle dando voltas a se as novas tecnoloxías non estarán intensificando o proceso.

Euphoria é unha serie na que saen moitos penes

Este é un tema tan trillado que chegados a este punto do artigo probablemente só resistan a metade dos lectores que comezaron a lelo atraídos pola palabra “penes”. Pero se non o escribo estoupo. Non podo estar soa nisto.

Unha necesidade semellante de desfogar podería ter sido a motivación do creador principal de Euphoria. Trátase da adaptación americana dunha serie israelí na que se explica como un grupo de rapazas e rapaces de instituto se poñen en risco dunha maneira bastante descerebrada, en moitas ocasións coa inestimable axuda das novas tecnoloxías.

O home en cuestión chámase Sam Levinson e, oh sorpresa, tivo problemas de adicción a sustancias coma a personaxe principal. Catarses por todas partes, nestes mundos creativos.

Euphoria presenta un panorama pouco alentador para os pais dos adolescentes do presente e do futuro. E de paso pon de manifesto a magnitude dese salto interxeracional, empregando polo camiño moitas imaxes explícitas de violencia, falos e violencia fálica que probablemente non veñan a conto.

O resultado é unha cantidade inconmensurable de ataques de pánico en pais de prepúberes e un crecemento exponencial nas vendas de cámaras ocultas para colocar na casa cando non están. Xuro que no Amazon Prime Day figuraban coma un dos obxectos máis vendidos.

A serie xerou tamén unha avalancha de críticas escandalizadas nas que se argumentaba que o explícito da serie non estaba empregado coma un medio para transmitir unha mensaxe profunda. Os creadores da serie e outros críticos, pola súa parte, alegan que esas imaxes farán que o público empatice con todo o contido sexual e violento que bombardea os adolescentes sen eles pedilo. Tamén apuntan, para complementar, que nas escenas de sexo os personaxes empregan preservativos.

Euphoria é unha serie na que saen moitos penes

Euphoria alarma da posibilidade de que esa distopía esaxerada (ou non) teña lugar, e insinúa que estamos a educar nun mundo que non dominamos por completo. Estamos ensinando as regras sen coñecer o terreo de xogo.

As persoas que traballamos con adolescentes e nenos decatámonos do atrás que nos quedamos cada vez que imos de vacacións e temos que ir aprendendo improvisadamente quen é Zendaya (protagonista, por certo, de Euphoria) ou como funciona Snapchat. Bendito Google.

Pode que a clave sexa esa: que os pequenos ensinen aos maiores un mapa do campo de xogo para que eles, dende a experiencia vital, pensen nas regras. Ou quizais esas normas son máis universais do que pensamos e con educar en valores e prestar atención aos nenos xa é máis ou menos suficiente.

Pois mirade, non teño nin idea, pero tranquilízame pensar que en 2050 morreremos churrascados.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí