Eurovision desde dentro: colas, chocolate, kebabs e policía

Crónica persoal desde Lisboa dun dos acontecementos musicais máis populares do mundo

Se isto fose un capítulo da serie How I met your mother comezaría deste xeito:
—Vouvos contar a historia de cando fun a Lisboa a ver a final de Eurovision, case me mata un autobús, ofrecéronme máis de vinte veces droga pola rúa e acabei secuestrado nun kebab.
Pero imos ir por partes, como nunha boa sitcom, para manter o suspense.

Nas seguintes liñas describirei a miña experiencia persoal e aventuras no país veciño, pasando moi por alto o contido básico do festival, que supoño que moitos xa coñecedes polos grandes medios. Observando a situación con perspectiva, penso que foron unhas 24 horas moi completas.

lumes eurovisión

A viaxe de ida e os intermitentes

Antes de nada, a miña intención era ir a Lisboa sen escoitar a ningún representante e levar alí a sorpresa. O problema foi ir no coche con dous eurofans. Non pasara unha hora e xa sabía que Chipre e Francia eran as miñas favoritas e que seguramente gañaría Israel.

Camiño de Lisboa levei unha valiosa lección: os tópicos, ás veces, cúmprense. Dicía unha das pasaxeiras do coche: “Hai que ter coidado, que os portugueses non saben conducir”. E así foi. O uso dos intermitentes na autoestrada foi mínimo e a piques estivemos de renunciar á eurogala.

Nada máis chegar á capital lusa e aparcar, o seguinte que aconteceu foi que nos ofreceron droga pola rúa. “Chocolate, chocolate del bueno”, dixo un tipo na praza de Restauradores. “Pois xa pode ser Valor”, respondeu alguén do meu grupo. Foi a primeira de moitas veces que nos ofreceron “chocolate”, marihuana e outras cousas cuxo nome non recordo e non escoitara nunca.

Exportando valores

O seguinte paso era ir ao recinto do Eurovillage, lugar de peregrinación de todas aquelas persoas que acudiron a Lisboa sen entradas para a final. Estaba situado na céntrica praza do Comercio. O obxectivo deste lugar era poder ver a final, precedida por actuacións de antigos participantes, nas pantallas xigantes dun escenario.

Unhas 20.000 persoas entraron no recinto. Pero houbo un factor que decantou o meu rexeitamento inicial a pasar os rigorosos controis: a permisividade lusa ante o botellón. Foi entón cando descubrimos que desde a porta de saída do recinto víase perfectamente a pantalla. Non había máis que falar, copa na man e a gozar do evento.

Eurovisión village

Cumpríronse de novo certos tópicos e estereotipos. Os británicos, mentres a súa representante actuaba, quedaron no bar tomando pintas de Super Bock. Iso si, con bandeiras. Se algo houbo en Lisboa foi bandeiras. Así que decidín sacar a galega que levaba por se acaso. Foi coma un reclamo, pois ao pouco eramos xa un grupo duns dez galegos mirando para a pantalla con litronas e cubatas. Non faltaron tampouco os disfraces. A nosa posición privilexiada na saída do recinto permitiunos ver todo tipo de personaxes embutidas nos máis psicodélicos traxes. Azafatas, unha bolsa de patacas fritidas xigante ou astronautas foron algúns dos máis destacados.

Houbo tempo tamén para comerciar co resto de galegas que se foron unindo ao grupo. Elas tiñan pinturas que brillaban na escuridade e nós, brillos. “La cocaína es para los viejos y Sito, la purpurina es el futuro”, chegamos a dicir. Entre toda esta escenografía, arrancou o festival. Aos dez minutos, todos os presentes (menos eu, que non sabía a canción), comezaron a cantar o tema de Amaia e Alfred. A xente que pasaba por alí chegou a gravar a escena ante a motivación que, inexplicablemente, supuxo o tema de España. Cando rematou todas volvemos ás litronas e aos cacharros.

A cuestión nacional

Tamén houbo tempo de afondar cos veciños españois na actualidade do Estado. Non eu, que estaba ocupado co cubata, pero si xente que estaba comigo tratou de analizar a actualidade catalana en profundidade. A resposta ao seu discurso nada belixerante foi un empurrón e un “vete de aquí con tus tonterías, gallego”. A improvisada resposta do meu grupo foi entoar o himno galego, corear un “Galiza ceive” e, de paso, pedir amnistía para Sito Miñanco. “Isto xa parece o Avante”, dixo alguén. Tamén houbo intentos de roubarlles aos maleducados dos veciños a súa auga de Valencia, pero mancharon antes de poder tentalo.

Máis adiante, de madrugada, cando ía de camiño a coller un taxi, tamén fun increpado por levar a bandeira galega. Menos mal que uns andaluces que observaron a escena defendéronme de tres persoas que chegaron a empurrarme mentres un deles dicía agresivo: “¿Para qué traes eso si no participais?”. Cousas que pasan, pensei.

A gala

A estas alturas pensaredes que estou a falar moi pouco do concurso. A verdade é que non son o maior fan deste evento, pero para unha vez que quedaba preto da casa, había que aproveitar. Fun pola festa, pero tamén gocei das actuacións nun ambiente único. Ben certo é que non me gusta demasiado o estilo (salvo o de Hungría, que foron top).

Ao final, e antes das votacións, non puiden evitar pensar: “Merda, vai gañar Israel”. E así foi, mentres no meu interior librábase unha batalla por separar o factor político da calidade musical da actuación. As expectativas patrias eran tan poucas que os galegos reunidos no exterior do recinto propuxemos beber un trago por cada punto que lograse España; rematamos tomando algo máis do que esperabamos, iso si.

Tamén houbo tempo para facer cola, pois para todo había que esperar en Eurovision. Cola para entrar ao recinto (si, entramos un anaco), cola para pedir unha cervexa, cola para mexar… Nesa última, a miña desesperación propiciou que puxese en práctica outro costume dos festivais musicais: mexar detrás da caseta dos váteres. Un membro da seguridade decatouse e veu correndo a botarme do recinto. Eu, totalmente inocente dos meus acto, toqueille coa man no lombo para que acougase, pero a procedencia de dita man fixo que se cabrease máis.

Máis droga no Barrio Alto

Tras a gala, fomos á zona de festa por excelencia en Lisboa: o Barrio Alto. Os que chegamos (pois eran as doce da noite e xa tiñamos varias baixas no equipo), vivimos nas nosas carnes unha das principais características de Lisboa: “As putas costas”, dicía alguén. Tras varias paradas e despois de pagar seis euros por unha pinta de cervexa artesanal (odio eterno a esa puta moda), conseguimos chegar a unha zona chea de británicos bébedos.

O resto da noite tería pasado desapercibida de non ser polo que aconteceu nun kebab ás 4 da mañá. Chegou o momento da retirada e os neóns vermellos daquel local semellaban dicirme que a parada era obrigatoria. Despedinme dos que aínda tiñan gañas de máis festa e entrei no lugar. Un menú durum por 7 euros pareceume razoable a esas horas. Estaban tardando en darme o kebab máis da conta, mentres uns andaluces discutían sobre que os cartos destinados á corrupción en España estarían mellor empregados en comprar votos en Eurovisión (100% verdade). Por fin, o meu pedido estaba listo e xusto no intre en que agarrei o durum (tamén é verídico) entraron no local catro policías. Un dos cociñeiros tratou de marchar pola porta traseira antes de ser interceptado por un axente.

De novo, e tras dous cacheos, todo parecía indicar que o “chocolate del bueno” era o culpable desta redada. Unha hora de reloxo tiven que estar dentro do local mentres os axentes rexistraban o interior, incluído o almacén. Ao final, levaron a dous dos tres empregados do local, e só quedou un para botar o peche. Menos mal que conseguín coller o kebab antes dos disturbios. De volta no albergue, o último gran desafío que presentou a noite foi o de subir a un terceiro piso de liteiras sen morrer no intento.

A redención de Belem

Colas en Belem

Para rematar, o malestar do domingo pedía a gritos algo doce que levar á boca. Por sorte, a gastronomía lisboeta inclúe unha das sobremesas máis ricas do mundo. Non esaxero. “Isto é orgásmico”, dicía un dos meus acompañantes ao dar a primeira mordida a un dos pasteis de Belem. Tamén houbo que volver facer cola, pero esta vez o final ben o merecía. Foi o final perfecto á nosa aventura lusa.

Tras esquivar de novo a varios homes do chocolate pola rúa e dicirlles que lles desen recordos aos pobres empregados do kebab do Barrio Alto, collemos o coche de novo. No camiño de volta houbo tempo para que un bus case acabase coas nosas vidas cando tentaba desprazarse ao lado esquerdo nunha vía con tres carrís e ningún outro vehículo na estrada. “Estes portugueses son o peor”, escoitouse no coche unha vez pasado o susto. De volta en Tui, outro tópico: a chuvia deunos a benvida. Estabamos na casa, de novo.

Obrigado e viva Palestina libre!

Cartaces boicott

1 COMENTARIO

  1. «Así que decidín sacar a galega que levaba por se acaso». Ben está ir sempre precavidos cando se sae do teito habitual. Hahaha.
    Paréceme fatal que xa pasedes de ter en conta a Terito e os vellos a falar de Sito e os vellos. Pero claro, o tempo pasa e Sito xa vai vello. Proba está no que contas dos nomes que nunca antes escoitaras para falar das drogas…
    Polo que contas e polo cansazo que noto na historia, tería sido moito mellor aforrar a hora (e pico, porque haberá que sumar a espera previa da preparación do teu menú) do kebab e marchar ao albergue directo, mesmo con fame.
    A pregunta que todo o mundo se fai ao ler este artigo sabes cal é, non?: cantos pasteis de Belém levaches de contrabando para terras alén do norte de Tui?
    Grazas por este resumo tan pándego e simpático que non fala para nada do festival do que eu non sei nada tampouco. Fala das drogas e das colas, dos mexos e de que galegos hai en todas partes, pero iso na Galiza sabemos que acontece en calquera festival (sobre todo o dos ouriños). De feito, agradézoche tanto a aportación que non vou ver a ligazón de YouTube coa canción que intúo que presentou España. Négome en rotundo. Quedo con este resumo como recordo do que puido ser, que seguro que lle dá mil voltas.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí