Fernando Fernández Rego: “Unha cultura normal tería dúas ou tres biografías de Andrés do Barro e Ana Kiro”

Charlamos con Fernando Rego, o autor de "Unha historia da música en Galicia", nunha charla chea de ideas, dun home que coñece a historia musical do país como ninguén.

Fernando Fernández Rego é un dos principais divulgadores da música de Galicia. Colaborador en medios especializados, leva xunto con Serxio (Carrero Bianco) o selo Ferror Records, un dos máis activos da escena galega. É autor de Saudade (La Fonoteca, 2015), a biografía de Andrés do Barro, e de Unha historia da música en Galicia. 1952-2018 (Galaxia, 2019), unha obra enciclopédica de obrigada lectura para melómanos e historiadores da cultura popular. Aproveitamos o Nadal para falar con el sobre os seus inicios, o proceso de creación dos libros e o pasado e presente da música galega. E si, tranquilos, tamén falamos do bravú.

Fernando Rego: "Unha cultura normal tería dúas ou tres biografías de Andrés do Barro e Ana Kiro"
Foto de Particia Maroñas

Como empezaches a escribir sobre música?

Foi algo natural, sempre me gustou a música. Dende pequeno colecciono discos. En 2007 coñezo a Raúl Alonso, co que montei Lafonoteca.net e comezo a escribir. Comecei con Triángulo de Amor Bizarro e seguín con outros grupos, sobre todo galegos, que é a miña debilidade. Despois empecei a colaborar en Mondosonoro Galicia e estiven cinco anos con Rockdelux, aos que volvín agora á edición online. Realmente nunca o pensei conscientemente, simplemente vinme un día escribindo (risas).

 

Tes algún tipo de referente á hora de escribir?

Referentes temos todos. Consciente ou inconscientemente, sempre están aí. Crecín coa Rockdelux, para min foi ese coñecido que che recomenda discos que nunca defraudan. Desa época gustábame xente como Jordi Bianciotto ou Jesús Llorente. Eu teño un estilo bastante persoal de escribir, quizais por formación, son profesor. Non me considero un crítico senón un divulgador. A miña idea é dar a coñecer un grupo ou disco, non facer unha crítica para tiralo. Sempre me gustou o traballo de campo, máis arqueolóxico ou etnográfico, de rebuscar e entender o contexto sociopolítico dos álbums. As obras son debedoras dun tempo.

 

O gran público coñeceute coa biografía de Andrés do Barro (2015), todo un éxito de vendas.

50 anos de pop, rock e malditismo na música galega (2010) xa funcionara moi ben, vendéronse máis de 1.000 exemplares. Despois de cinco anos e catro edicións, o libro de Andrés segue vendendo e dando alegrías. Este ano sacamos un disco de gravacións perdidas a través de Ramalama, e para 2021 estamos traballando nalgo moi especial con Andrea, a filla de Andrés. Para min foi moi bonito. Eu son de Ferrol e é un personaxe a reivindicar. Non estaba no lugar que se merecía. Coas publicacións sempre tes un pouco de medo. Agora a biografía musical vendese ben, pero en 2015 non era tan sinxelo este tipo de apostas. Ao final tivemos pedidos de toda España, e grazas a el xurdiron outros proxectos, como Unha Historia da música en Galicia ou o libro sobre Suso Vaamonde que estou rematando, tamén para Galaxia.

Biografía de Andrés do Barro, por Fernando Rego

Da biografía pasas a “Unha historia da música en Galicia. 1952-2018” unha enciclopedia da música popular galega de máis de 800 páxinas. Como foi a xénese dun proxecto tan grande?

Era un libro que tiña claro que quería facer nalgún momento. Despois da resaca da publicación do libro de Andrés empecei a xuntar o material que tiña acumulado. Escribilo levoume ano e medio, pero levaba recompilando material dende 2007. No libro hai 250 entrevistas, fotos rescatadas e inéditas… O libro remateino antes de ter editorial. Contactei con Francisco Castro (Galaxia) por Facebook, e aos dous minutos estabamos falando por teléfono para reunirmos en Vigo. Estou moi agradecido a Galaxia, están apostando moito pola música. Para eles foi unha inversión de cartos importante en tempos complicados: un libro a toda cor, con boa gramaxe e  formato grande… A aposta saíu ben e a edición esgotouse en cinco meses.

 

O libro arranca nos anos 50, coas orquestras tocando en lameiras e subidas aos capós das furgonetas.

Os anos 50 e 60 eran descoñecidos para min, coñecía a Los Tamara e Los Zafiros, e levei moitas sorpresas. Pensaba que ía ser unha época de trámite, e resulta que probablemente teñan as mellores anécdotas do libro. Bandas loitando contra a lama e a chuvia, obrigados a emigrar para vivir da música, ou grupos que viven levantamentos militares, como Los Tamara en Arxelia, ou Los Celtas nas revolta contra o Sha en Irán. Son situacións flipantes. Falando coa xente dáste conta da dureza e entusiasmo que tiveron estes pioneiros.

 

Por desgraza non existen moitas gravacións desa época.

Durante eses anos gravan só os grupos que xiran fóra e firman con multinacionais, como Los Españoles (Polydor), Los Tamara (Belair) ou Los Zafiros (Pye). En Galicia non había nin infraestrutura nin selos. Ademais, había normas eclesiásticas nas parroquias que impedían tocar case durante cinco meses ao ano, pola coresma e o Nadal. Isto forzou as xiras por hoteis e as salas de festas, ata que aparecía algún representante.

 

Unha das figuras que reivindicas dos anos 60 é a de Ana Kiro.

Os tres grandes nomes da época son Ana Kiro, Andrés do Barro e Pucho Boedo. Ningún deles goza dun recoñecemento institucional. A cultura popular en Galiza necesita un proceso de normalización, tanto institucional como a nivel educativo. Necesitamos que a cultura popular forme parte da nosa vida cotiá. Noutras culturas, como a anglosaxoa, a cultura popular está moito máis normalizada e é exportable. Iso é o que fai que merques unha camiseta de Joy Division. Aquí nunca houbo ese proceso. Igual que hai figuras normalizadas como Rosalía de Castro, falta que figuras como Ana, Pucho e Andrés formen parte tamén do día a día da cultura galega.

 

O libro abrangue toda a música popular, sen distinción de xénero, desde o folk de Voces Ceives, ao rock de Los Suaves pasando pola A Movida de Vigo.

Sempre hai ausencias en traballos deste tipo e houbo un proceso de selección. A idea é dar visión global e dar a coñecer a música. Está o punk, está o underground… non houbo exclusións por xeografía ou estilos. A maioría da xente, compañeiros e eu mesmo descubrimos moitas cousas co libro. Creo que era necesaria unha obra coma esta, porque había un baleiro grande. E por suposto, tamén son necesarias outras voces. Non teremos unha cultura normalizada ata que se publiquen dúas ou tres biografías sobre Andrés do Barro e Ana Kiro.

Necesitamos que a cultura popular forme parte da nosa vida cotiá. Noutras culturas, como a anglosaxoa, a cultura popular está moito máis normalizada e é exportable.

Falando de entrevistas, outra das cousas que gustan e fan doada a lectura do libro é a oralidade dos textos, nos que os propios artistas falan da súa obra e da época que viviron.

As historias orais gústanme moito. Non me gustan os libros  nos que o autor está sempre presente, contando cando escoitou unha banda por primeira vez. Neste caso, había que poñer un contexto. Pero os protagonistas son as bandas, gústame e intento poñelas no centro. As mellores anécdotas cóntanas eles. Gústame que o lector faga unha lectura global e chegue ás súas propias conclusións, sen adoutrinamento.

 

Outra das figuras senlleiras que reivindicas é a de Bibiano, criticado no seu día, como Dylan, por electrificarse.

A Bibiano estoulle moi agradecido. Concedeume dúas entrevistas moi importantes, unha para o libro de Andrés e outra para este, pouco antes de falecer. Bibiano foi moi atrevido e rompeu os preceptos do folk de Voces Ceibes, meténdose na electrificación e o rock progresivo. Recibiu moitos paus con Alumnio (1979), por facer unha versión eléctrica do Negra sombra de Rosalía. A experimentación e o atrevemento sempre pasan factura, e máis nun momento en que había certa cerrazón na escena. Hoxe en día é distinto, hai máis apertura e variedade de estilos, e probablemente esteamos na época máis experimental e diversa da música galega. En Ferror Records temos a Lume, que tamén fan unha versión heterodoxa do Negra sombra. Os dogmas están para rachalos. Bibiano adiantouse unha década a moitas cousas. Pasoulle tamén a Andrés. A experimentación é fundamental e a liberdade artística debe estar por encima de todo.

Unha historia da música en Galicia, de Fernando Rego.

No libro dedicas un capítulo enteiro ao bravú, un movemento que marcou toda unha xeración. Como viviches aqueles anos e como o ves con perspectiva?

A min pilloume entre o COU e a Universidade. Foi un movemento que axudou moitísimo á música galega. O gran desenrolo veu do tándem da TVG e o Xabarín. Poñer aqueles karaokes á hora da merenda, entre Son Goku e Arale, nunha época na que había só seis canles… Moitas bandas como Herdeiros da Crus, Os Rastreros ou Os Diplomaticos fixéronse famosas grazas a aquel espazo.

Foi moi importante porque os grupos deixaron por primeira vez de facer a guerra pola súa conta. Decátanse de que venden máis colaborando, presentándose baixo unha mesma etiqueta. Un pouco o que pasou despois con Galizan Bizarre, Discos Porno, Discos da máquina, Seara, ou nós con Ferror Records… foi o principio da colaboración e a autoxestión. O bravú tivo moitas escisións: o rock de batea dos Korosi dansas, rock irmandiño… foi un movemento moi heteroxéneo, no que había dende ska ata rap metal, como Túzaros.

E por suposto, foi fundamental para a normalización da lingua, con referentes galegos e en galego. Moitos grupos crearon escola. Por exemplo, os Liviao de Marrao, de Chantada, inspíranse nos Rastreros, outra banda da vila. Estas “bombas de profundidade no tempo” son fundamentais para a cultura popular. Que alguén escoite un tema ou un disco e lle entre ese veleno no corpo de facer o mesmo é importantísimo.

(O bravú) foi moi importante porque os grupos deixaron por primeira vez de facer a guerra pola súa conta. Decátanse de que venden máis colaborando, presentándose baixo unha mesma etiqueta.

Esa semente agromou e na escena actual vemos como se rachan certos teitos e estereotipos. Temos xente facendo todo tipo de xéneros en galego.

Antes unha pregunta recorrente era por que un grupo cantaba en galego. Agora xa non a fas, porque xa cantan todas en galego. Tes a Malandrómeda, Fluzo, Boyanka Kostova ou Verto facendo rap e trap en galego. No rock, Bala e Triángulo tamén teñen temas en galego. Nunca tivemos tantas bandas facendo música en xéneros contemporáneos. Se analizas a Movida de Vigo, quitando Os Resentidos e algunha canción solta dalgún grupo, todos cantaban en castelán.

 

Cres que é resultado da oferta das bandas ou da demanda do público, que valora máis a escena local?

Cando falas cos grupos dáste conta de que foron eles os que deron paso. Moita xente converteuse en neofalantes. O mercado é o mesmo, cantes en galego ou castelán, aquelo do “cantamos en castelán para que nos escoiten en Madrid” era unha mentira. Baiuca está circulando por Europa e tocou no San Isidro. O que importa da música é que sexa boa, a calidade. A xente tamén se decatou de que hai que ter orgullo polo noso e defendelo. As xeracións que veñen téñeno claro. Quitámonos os complexos e as parvadas en moitos ámbitos. Na literatura as rapazas están facendo moi boa poesía. No cine están Oliver Laxe, e Zarauza con Ons, producións galegas e en galego. Estamos vendo que hai moitísima calidade aquí.

A pregunta que nos facemos todos e todas é “que percorrido teriamos de ter uns medios públicos para difundir esta cultura popular?” Medios que difundisen estas iniciativas coa importancia que merecen, gobernos locais e autonómicos que fortalecesen todo isto… Que percorrido teriamos no mercado global? Todo o esforzo é pola voluntariedade e iniciativa da xente. As institucións e o academicismo teñen que dar pulo á cultura popular.

 

Voltando ao libro, comentabas que fixeches máis de 250 entrevistas. De cales gardas un mellor recordo?

Houbo moitas durante os dez anos de preparación. Téñolle moito cariño ás de Bibiano e Narf, aos que dediquei o libro. Con Narf fixémola por mail, mentres xiraba por Estados Unidos con Uxía, pouco antes de falecer. Tamén lembro con cariño a de Enrique Faisal, o último membro vivo dos Tamara, con máis de noventa anos. Ou xente das orquestras ensinándome os álbums de fotos familiares. Foron entrevistas feitas por terra, mar e aire, con viaxes a propósito, chamadas de teléfono e moitos mails… Tamén é unha forma de relacionarte, e gardo relación de amizade con moita xente. É o bonito deste traballo.

 

Hai algún persoa á que che gustaría ter entrevistado e non puideches?

Da xente contactada o 95% resposta e está encantada de participar. Despois hai unha porcentaxe coa que non cadras axenda ou que xa non están connosco. Neste caso tiro de hemeroteca, das respostas en periódicos e revistas da época. Moitas das preguntas que lles faría están alí, só hai que buscalas. Por exemplo, moita xente pensa que entrevistei a Andrés para o libro. É o que máis me gusta deste oficio, aínda que ás veces é ingrato. Non hai un bo repositorio publico ou moitos recursos escaneados, e hai que investir moitas horas buceando en webs de segunda mano.

A pregunta que nos facemos todos e todas é: “que percorrido teriamos de ter uns medios públicos para difundir esta cultura popular?”

Os libros, a Fonoteca, Ferror Records, un cativo.. Como fas para compaxinar todo?

Son profesor de instituto, así que roubándolle moitas horas ao soño (risas) e aproveitando moito os veráns. Co tempo aprendes a ser eficiente, aproveitas as viaxes  no tren para contestar mails. Ás veces vas tan ao límite que fas cousas que nin lembras. Ademais, Ferror Records creceu bastante, acabamos de fichar a Chicharrón. Así que chega un momento que tes que ser máis selectivo, pospoñer ou rexeitar cousas. Non é como cando comecei a escribir que tiña toda a tarde libre (risas).

 

Para rematar, que disco recomendas para este arranque de ano?

Vou barrer para casa e recomendar a Devalo, a banda de David Miranda, ex de Nouvelle Cuisine. En Ferror Records publicaron Noites Contadas, unha xoia de synthpop en galego. Está aparecendo en moitos blogs e medios como un dos mellores do ano, e estamos moi contentos co recibimento. É un disco clásico e que será reivindicado co tempo. Dende que mo mandou David está entre os discos máis escoitados no 2020, funciona moi ben cos nenos en casa.

 

Podedes ler a Fernando Rego en La Fonoteca e escoitar e mercar a música das bandas de Ferror Records no seu Bandcamp

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí