Ah, os 90. Anos turbulentos que trouxeron o mundo unha evolución da música co nacemento do movemento grunge, a aparición inesperada dun novo xénero e grupos que hoxe xa teñen aura mítica como Nirvana, Soundgarden, Alice in Chains… Pero, por que non chegou este estilo a música galega? Non hai oco na nosa música tamén para este son noventeiro? Isto nos preguntabamos nós ata que descubrimos a Furacán. Co seu álbum debut, “Hortensia”, retrotráennos a aqueles anos 90 cos seus ritmos de toque grunge e hard rock, dando novos aires frescos a escena galega.
Diríxome cara o seu local de ensaio, invitado por Simón, Borja, David e Tren, para coñecer máis do proxecto. Tras un par de cancións, acudimos a unha terraza (protocolo COVID-19 a tope) para falar entre cervexas.
Como xorde o proxecto Furacán, así coma idea do nome?
David: O proxecto xorde un día que estábamos Borja e mais eu no Bâbâ Bar vendo a Simón tocar cun grupo no que está metido e dixemos “foda, el arriba e nós abaixo, temos que montar algo”. Contactamos con Tren (cantante), que coñeciamos de hai tempo e a Simón despois de moito insistirlle tamén entrou.
Simón: Estábamos no Black Widow e dixéronme “Coñecerás un batería por aí?” e eu díxenlles “hostia, eu” “pero ti non sabes tocar” “pero aprendo, cona!” e así levo 3 anos, tocando a batería, aínda que sigo a tocar o baixo nalgún outro proxecto que teño por aí.
O do nome non sei se o poderás publicar (risas) pero é por un rapaz dun pobo noso que tiña un mote moi raro e cando lle comentamos o nome do mote dixo “me cago en dios, había dous no mundo, un estaba no Xapón, pero levouno un furacán”, e co tema do furacán, fixo gracia e aí quedou.
Como foi o proceso de composición e gravación de Hortensia?
S: Os temas adoitan xurdir con David traendo un riff de guitarra, unha idea primeira. Imos sacando o ritmo, Tren improvisa unha melodía “wachiwá, wachiwá” (literal), e sobre iso facemos unha letra. Aí é onde entro eu que compoño a maior parte das letras aínda que logo a imos pulindo entre todos.
D: Isto non é como noutros grupos que un trae unha melodía ou canción e xa ten todo, estribillo, cortes…
Tren: Somos comunistas (risas)
Borja: En realidade iso, dentro do grupo somos bastante comunistas, un pode aportar outra cousa e outro outra, é colaborativo todo.
S: En canto o tema da gravación, neste grupo non tiñamos experiencia previa gravando, pero como eu tiña un pro tools propuxen gravar no local, en principio tema maqueta a ver como quedaba. Adicámoslle bastantes horas, a verdade, con equipo, repeticións (unhas cantas), proba-erro, cambia aquí cambia acolá, as guitarras graváronse dúas veces, “vai tomar polo cú”, etc (risas).
D: O bo disto foi non ter a presión do tempo do estudo, xa que pagas por días e teñen que saír as cousas malladas. Iso permitiunos cambiar moitas cousas dende as primeiras gravacións e as últimas, cambiando bastante.
S: Sacrificamos calidade, xa que o meu equipo ten limitacións. Para a masterización, mandamos o disco a Italia, a un estudo a Bari e quedamos bastante contentos, aínda que a min o son segue sen convencerme (risas).
A vosa música ten claramente inspiración noventeira e vós non o escondedes. De feito tedes ata unha versión en galego dunha canción de Audioslave. Por que elixistes este estilo e non outro?
S: A idea orixinal con Furacán era facer un grupo cun son tipo anos 60-70 así revival, despois pensamos quizais un rollo parecido o que fan os John Deeres. Ao final Tren comezou a cantar e cremos que pegaba moitísimo co son noventeiro. E tamén claro, criámonos con Rage Against the Machine, Nirvana…
B: Hai unha parte de influencia musical e outra que é a música coa que nos criamos nós.
D: Ao final todos temos unha idade e claro…eu tento ir un pouco co son, tiramos máis para o fuzz.
T: A min fáltame a escopeta para ser Kurt Cobain (risas)
Cales son as vosas influencias musicais? Escoitades todos o mesmo estilo de música?
S: Non. Eu son máis punkie, pero toquei en grupos de folk, de jazz… toquei o baixo con Vizcaíno ou Lucía Pérez.
B: Eu son máis oitenteiro, aínda que a min o primeiro grupo que me gustou moito foron. Los Suaves, entón dese estilo de rock español e rock dos anos 70 escoito bastante.
D: Eu son máis de Jimi Hendrix, Led Zeppelin…o guitarreo en xeral (risas), supoño que será o que din todos os guitarristas.
S: Eu de feito comenteille a David de facer un tema sen solo de guitarra e non o concibía, dicía que ía marchar do grupo (risas).
T: Eu escoito bastante noventeiro, en xeral grunge americano.
Por que esa canción de Audioslave en concreto se converteu en “Tira meu”?
B: Non foi algo que eliximos, simplemente comezamos a tocala un día e nos molou, Tren estaba escoitándoa, e dixo “esta”. En realidade, como vedes, o estilo do grupo flúe, non é nada planificado.
Credes que, como se di nalgúns círculos, a música dos 90 está sobrevalorada? Por que seguir facendo música con este estilo hoxe en día?
S: Hai que ver a música dos noventa tamén como unha evolución. Se vas aos 80 a música era máis elaborada, solos de guitarra, tocamos a cristo, etc… mais as mensaxes eran moi básicas: sexo, droga, rock n’roll, métome de todo e fodo como unha bestia, etc…Nos 90 iso cambia, simplifícase o rock, a música, pero as letras son moi profundas, aínda que moi depresivas. Se me din que Radiohead está sobrevalorado, pois eu non o creo, pero por exemplo si que o penso de Bon Jovi, por exemplo.
T: En realidade non todas as letras son depresivas, por exemplo Pearl Jam, en xeral non.
B: Eu sempre digo que para nós non hai grupos a partir do ano 2000.
David: A tendencia é distinta, as guitarras están desaparecendo, xurdiu o movemento do trap que a nós non nos chama. Nós xa temos unha idade, vimos por exemplo ver nacer o hip hop e aínda que non o sigamos, valorámolo doutro xeito. Penso que dentro duns anos pasará co trap o mesmo que o hip-hop cando saíu. Eu non creo que haxa música mala (os demais membros do grupo comezan a rir)…bueno, matizo, si que hai, pero son estilos que xorden e que a ti non che gustan e ao millor non o entendes, pero eu non estou en contra do trap.
B: A min persoalmente non me gusta o que representa, o que transmite nin as letras.
D: (contestando a Borja) Pero que diferenza hai entre as letras do trap e as letras de moitos grupos dos 80?
S: O rock dos 80, que é de venta masiva, é o reggeaton de hoxe en día. Só falaban de foder, de raias en cachas… era machista, sexista, etc.
B: Ao final nós facemos música coa que nos criamos, que non imos é meternos no trap ou outras músicas novas que non somos capaces de entender.
Non foi quizais o rock noventeiro en ningún momento hexemónico nos grupos galegos e en galego. Como traballades nese sentido, de traer á nosa lingua un estilo sen moita referencia no país? Penso por exemplo no traballo que fixo no seu momento Loretta Martin, de traer o funk para o galego, algo así require sempre facer novos exercicios coa lingua.
D: Foi un tema de debate no grupo ao principio, en castelán xa había moitos grupos. Decidimos probar co galego e vimos que quedaba mellor, e iso que Tren e a súa familia é de fora de Galicia. Vémolo como un factor diferenciador, sumado ao estilo noventeiro; en galego hai moito punk, moito folk, roio pachangueiro punk-ska… pero do noso estilo non había ningún.
T: Nós o que queríamos con Furacán era máis normalizar, buscabamos cantar en galego sen máis, non por ningún tema reivindicativo. A miña moza é profesora de inglés e cando lle dixen que íamos cantar en galego dixo “menos mal” (risas).
D: De feito paréceme gracioso que nas entrevistas pregunten por que en galego e se cantases en inglés ou en castelán non o pregunten. Nós non reivindicamos nada, algúns somos máis galegofalantes e outros non, eu dependendo do ambiente falo galego ou castelán.
S: O idioma debería ser algo natural, algún se che ve cantar en galego di: “Pero que sois del Bloque?” E nós non somos nin do Bloque nin non do Bloque, nin gaitas, facémolo en galego porque nos mola, nos apetece, porque nos presta, etc.
B: E tamén por defender a cultura.
T: Ou tocar un pouco os collóns (risas)
B: Contactou connosco Jason Cenador, de Mariskal Rock, para promocionarnos a nivel nacional. Pode parecer que estamos orientados cara un público máis local, tamén porque estamos comezando, mais el dixo “mira Berri Txarrak, por exemplo”. Creo que agora estamos nun punto onde se rompen barreiras no sentido de que o galego tamén comunica, ten novos sons que funcionan, para aquí pero tamén para fóra.
Falemos sobre Verdugo. Un tema protesta sobre as touradas, cun contido máis político e dunha temática distinta do álbum, que polo xeral móvese máis no terreo do amor, odio, problemas persoais… Verdugo xurdiu por algo en concreto ou tiñades pensado facer letras con contido político, a diferenza dalgún grupo dos 90?
S: As letras de Furacán son combativas, aínda que a min non me gusta facer letras que sexan moi directas. Si hai combate, pero sempre con certo grado de interpretación. Por exemplo, a canción de “Matar a dor” non vai sobre unha relación amorosa como pensou moita xente, senón que fala da eutanasia; ou “Charlatán” que fala dun concelleiro que coñezo. Eu compoño algo, pero logo entre todos refinamos. Hai parte de letras que non son miñas, senón dos demais.
A nivel de produción, xa partindo desa formación de 4, Furacán tamén é moi clásico. Non é tentador hoxe en día engadir máis capas de produción, tolear un pouco no mar de posibilidades?
D: A verdade é que non nos poñemos límites, pero a min por exemplo gústame o son cru de guitarra, baixo e batería, que pode ser un power trío. Ao engadir máis capas perdes o “punch”, a garra.
S: De feito na canción “Matar a dor” hai un órgano Hammond, que quixen meter eu, contra a súa vontade (risas) e en cada mestura que enviaba dicían “Baixa o Hammond, baixa o Hammond”, e ao final baixou tanto que quedou enterrado e parece que nin está. Supoño que se nalgún tema queremos meter unha gaita ou un coro feminino, pois meterémolo, pero logo hai que buscar como defender esa cousa en directo, eu estou aberto a meter cousas.
Cales son os vosos referentes da escena musical galega? Hai algún grupo da escena co que teñades boa relación ou co que vos gustaría tocar ? Algún que vos chamase a atención que non fose do voso estilo?
D: A min sempre me fliparon os Heredeiros da Crus, con 15 anos deixáronme unha cinta e dinlle moitísimas voltas (risas). Ademais, Os John Deeres a min mólanme moito con ese rollo setenteiro.
T: Siete Puertas tamén nos gustan moito e son amiguetes.
S: A min ITH mólame moito porque ten unha cantante brutal, ou Broa. Escoito bastante a grupos da escena galega que cantan en galego: Grilo, Yellow Pixoliñas, que eran de preto do meu pobo, Zënzar, Nao, Ruxe Ruxe, Arrythmia… Creo que en Galicia estase a facer mellor música en galego que noutros idiomas aínda que hai bos grupos tamén en inglés, como un grupo de Arteixo, Eager Platypus, que teñen unha rapaza que canta xenial e que son un grupazo.
B: A Banda da Loba tamén me mola aínda que é un rollo completamente diferente ao de Furacán. Pero nós estamos nun espazo onde apenas hai grupos en Galicia, o cal é un punto a favor. Os 90 teñen público e base; se conseguimos estar aí, mola.
Como está sendo a recepción de “Hortensia”? Contactou convosco algún medio de comunicación galego para facervos unha entrevista? Hai pouco saíades nunha recensión de Vituco Neira no Faro de Vigo.
D: Estamos moi sorprendidos coa acollida en Spotify, temos moitísimos ouvintes de Madrid ou Barcelona, de feito máis en Madrid que aquí (risas) aínda que é certo que hai moito galego por aí.
S: En xeral contactou connosco pouca xente, Vituco Neira e Ternasco, unha radio de Zaragoza, que debe ter algunha colaboradora de aquí. Foi sorprendente.
Non deixamos de ser un grupo que non coñece nin dios. Agora vemos que temos 1300 ouvintes mensuais, 10.000 reproduccións dende abril, un grupo en galego…non son números espectaculares, pero están guai, moita xente dicíanos “pero bueno, en gallego, hombre, es que el gallego…vais a quedar en casa, es que yo no os daba ni 5 céntimos en la puerta del gadis”, literalmente.
Como foi a corentena? En que medida impactou o coronavirus a Furacán? Como pensades que afectou ao disco sacalo xusto nestes meses?
D: Realmente levamos moi pouco, demos un concerto no Bâbâ Bar e tiñamos algunhas datas agora para presentar o novo disco, mais co tema do coronavirus caeron todas, e agora estamos un pouco a ver que pasa.
De feito no seu momento non sabíamos se sacar ou non o álbum, non tivemos sesións de fotos, presentacións… pero decidimos sacalo. E claro, se che din que isto vai durar un mes, sen problema, pero máis…
B: Fixemos un video-lyrics, e tamén algún co vídeo do concerto do Bâbâ Bar, un “corta-pega” (risas) ao non ter vídeos en directo…Tamén tentamos ensaiar un día cunha aplicación, pero foi un desastre (risas).
Cara que dirección queredes que vaia o proxecto? Cal é o futuro de Furacán? Vedes Furacán evoluíndo cara novos estilos, ou máis ben afondando nas posibilidades do que propuxestes neste Hortensia?
S: Eu vexo unha evolución clara cara un estilo máis leñero, noventeiro, algo máis tipo Soundgarden, Audioslave…é a dirección cara a que vamos irremediablemente sen querer.
D: Eu teño outra idea, nos primeiros temas hai algún que soa máis clásico, namentres os últimos son máis noventeiros, eu creo que imos cara a ese estilo.
T: Eu non son Chris Cornell, pero bueno (risas), si que temos algunha baladiña pendente.