Cando Uxío afundiu as súas fauces na escura carne da criatura subterránea pensaba en que de pequeno quería ser médico. Notou como o seu inimigo feito da mesma materia da escuridade tentaba alongar un dos seus tentáculos para golpealo por detrás. Soltou as mandíbulas e apoiándose contra el, impulsouse cara atrás esquivando o ataque. Igual podería entrar na facultade en Santiago. Home, aprobar a selectividade tampouco era tan difícil, pero para medicina pedían tanta media… A abominación miráballe cos seus ollos baleiros, emitiu un alarido agudo e tentou compoñer unha expresión ameazadora, pero Uxío non se inmutou. O sangue negro manáballe a esgalla da ferida que lle abrira a dentadas no costado. Sabíao ferido de morte. A ver se non tardaba moito en caer rendido, que Uxío tiña clase de frauta pola mañá. Esa era outra, a súa nai presionábao para que continuase no conservatorio e nin os sábados tiña libres. Como se 4º da ESO non fose xa agoniante dabondo.
Púxose a dúas patas e alzou a garra dereita, nun xesto conciliador. Xa, como se puideses negociar cos bechos eses. Lanzouse de cabeza contra Uxío, intentando cravarlle o aguillón velenoso que lle sobresaía da fronte. El mantívose quieto, finxindo que o seu inimigo o tivese paralizado de medo, mais no último momento agachouse moito máis rápido do que parecía posible nun oso. O impulso da abominación volveuse contra ela ao bater de pleno na mole de 500 quilos que era Uxío, acabou dando unha volta no aire e caendo de cara contra o chan. Uxío viu a súa oportunidade, arrancoulle de raíz dous tentáculos impedindo que se puidese erguer e, mentres se debatía indefenso, rematou con el aforrándolle máis dor. Pois nada, agora media hora para volver a converterse en humano, unha longa ducha quente para limpar o sangue reseco e igual estaba na cama antes das doce.
Sempre hai algunha escusa que te podes poñer para non facer as cousas. Uxío pensaba no seu pai, que sempre quixera ir ao Himalaia a escalar montañas e nunca o fixera: a familia, o traballo… Vale que a escusa de Uxío non era tan habitual, pero se o reducías a termos prácticos, canto tempo lle podía quitar? Un par de noites ao mes, quizais tres? O seu colega Roque dedicaba máis tempo ao equipo de fútbol e polo que se vía nos partidos, estaba claro que a profesional non ía chegar.
Negábase a asumir a predisposición ao fracaso. Non sacaba todo sobresaíntes, pero o que contaba era o bacharelato, por que ía renunciar antes de comezar? Podía organizarse mellor, quizais deixar a música…
Uxío facía ese tipo de contos da leiteira os luns pola mañá, medio durmido no bus cara o instituto. Entraba a primeira hora convencido de coller Ciencias da Saúde para o ano e saía o venres a última hora desexando que algún verme das hordas do inframundo saíse do seu burato e darlle así algunha boa escusa para esnaquizar algo.
O profesor de bioloxía tiña fama de excéntrico. Vamos, de estar tolo de remate. Uxío tiña claro que en realidade de tolo non tiña nada, senón que participaba da mentalidade de malicioso odio á humanidade, cunha intensidade que el só vira nos ollos acuosos de Astaroth. Nese luns en particular decidira que todas as prácticas que presentaran os seus alumnos rozaban a categoría de insulto á ciencia. A de Uxío, por suposto, era a peor. Certo que a fixera o domingo a última hora, pero estaba asañándose con el. Nun momento determinado colleu un dos chisqueiros Bunsen que había na clase, prendeuno e con ton ominoso díxolle “isto é o que opino da túa práctica”, plantoulle lume ao folio, tirouno ao chan e apagouno co pé.
Buscaba provocalo. Uxío sabíao e tentaba concentrarse en manter a respiración tranquila e a mente en branco. Vía como o profesor xesticulaba improperios moi preto da súa cara. Sen querelo, apertaba un puño e notaba o oso espertándolle no estómago, os pelos dos brazos ourizándose e imaxinando que crecían e engrosaban en forte pelaxe, os caninos desexando afiarse en puñais. Claro que non se transformou. Avisárano desde dirección que unha vez máis e non terían máis remedio que expulsalo. Podería facerlle dano a alguén, dicían. Podería, sen dúbida. Mais a verdade é que se ese luns baixou a cabeza diante do profesor foi porque Sara sentaba detrás del en clase de bioloxía e dáballe auténtica vergoña pensar en rebentar toda a roupa diante dela.
Nunca tivera nada con Sara. Sendo realistas o máis probable era que nunca o tivese. Aínda así, Uxío non podía evitar sentirse mal pensando nela cando no verán namoraba doutras rapazas. Ese agosto as súas curmás levaron á aldea unha amiga do instituto de Viveiro para que pasase con elas un par de semanas. Chamábase Mónica. A ela gustáballe o pelo longo rizado que Uxío deixara dende a primavera, o xeito en que corría por riba da herba alta e os aires de misterioso introvertido que se daba. A el gustáballe a maneira en que ela lle mantiña a mirada cando cruzaban o ollar, o sorriso medio burlón que se lle debuxaba na cara ao facelo e sobre todo o feito de que estivese interesada nel.
A rapazada pasaba os días longos descubrindo os montes próximos, folgando, escoitando música ou lendo un libro, visitando orquestras e feiras, ou xogando á play na casa dalgún veciño se chovía. As tardes solleiras, baixaban ata o río a bañarse. Había un cruce feito de pedras para pasar sen mollarse e pozas onde poder mergullar ou tirarse desde unha galla. Nas horas máis quentes compartían a praia de herba e area con adultos e cativos, pero cando baixaba o sol quedaban sós os rapaces das aldeas. Un deles trouxera un altofalante e tras da música os demais animábanse a falar máis preto un dos outros, aínda mollados pero sen frío, ou a bailar para quecer e secarse. Mónica marchaba ao día seguinte e Uxío decatábase de súpeto de que non fixera ningún avance con ela. Cando as sombras do serán se alongaban, as parelliñas xa feitas ou que nacían ese día apartábanse un pouco a falar tranquilos, marchaban sós a dar un paseo ribeira abaixo. As curmás de Uxío achegáronse con Mónica onda el, apenas dous minutos despois apuraron en marchar cunha escusa mala e un riso malicioso. Tímidos, os dous conseguiron falar un cacho e ao final foi ela quen lle invitou a dar unha volta xunto ao río. Todo ía perfecto. Camiñaban un xunto ao outro rindo das bromas que soltaban para relaxar o ambiente, o río corría ledo, Mónica colleuno da man, Uxío sentiuse confiado, agardou ata chegar xunto a un salgueiro, parou de andar, ela achegouse a el, agora só tiñan que se bicar… De súpeto, dor coma un puñal no fondo do estómago, un arrecendo sutil a xofre no nariz: Uxío sabía que un demo intentaba entrar no noso mundo.
Sen tempo a pensar en nada máis, botouse a correr monte arriba. Non lle importaban os toxos e silvas, as pedras e brañas, non lle importaba o que deixaba atrás. Nese intre só contaban os seus instintos e a axitación da caza. Rabuñou mans e pernas, nin se decatou, tiña que seguir correndo, máis alá, máis alá. Estaba xa lonxe do río cando o cheiro a inframundo se fixo insoportable. Nun claro do bosque, entre piñeiros, Uxío viu como un portal negro e violeta se abría no chan, cos seus símbolos arcanos abrasando a terra. Do charco de negrura alzábase un corpo, de curvas femininas e ás feitas de pel e coiro sobresaíndolle do lombo. Unha súcubo. Enchido de furia, Uxío abriu a boca e da súa gorxa saíu un ruxido temible. As pernas que saltaron cara o portal aínda eran de rapaz, mais as que se pousaron sobre a terra foron xa garras de oso. A súcubo esquivou con facilidade o ataque, arqueando as ás e afastándose de Uxío. Un riso raposeiro resoou na fraga, a diaña sacou unha lingua viperina e chiscou un ollo burlándose.
― Que bonita sorpresa! Nada menos que Uxío Quintillán aparecendo para recibirme nesta tardiña de verán. Tes unha boa reputación alá abaixo, sábelo?
Uxío non dixo nada, camiñaba en círculos por debaixo dela, esperando a que descendese.
― Comentoume Baphomet que xa remataches a ESO, non? Ai, que rápido pasa o tempo aquí na terra, parece mentira. ―O oso ergueuse en dúas patas e deu un chimpo que parecía imposible. A súcubo reaccionou rápido, pero os poderosos dentes de Uxío rozáronlle unha perna―. Veña, non hai por que se poñer rabudo. Só viña a dar unha volta pola noite.
Un novo ruxido, o oso pensaba facer outra acometida, tensou os músculos dos cuartos traseiros cando… [son instranscribibile]. A súcubo pronunciou unha palabra no seu idioma maldito e todo o corpo de Uxío quedou paralizado. Sabía ese truco. O efecto non duraría máis dun minuto e ela non podía atacalo mentres tanto, non se puxo nervioso. Polo corpo da diaña un fume negro movíase neboento a modo de roupa. Baixou ao chan e achegouse a Uxío, cun baile no seu andar.
― Entón agora antes do outono tes que escoller unha rama do bacharelato non si? Que presión, que presión… ―pasoulle unha man pola pelaxe, notou as súas longas unllas en garra polo lombo. Uxío estaba tan furioso que conseguiu saír do meigallo antes do esperado, virouse contra ela e sen que puidese evitalo traboulle o brazo. A súcubo conseguiu zafarse, pero a ferida estaba xa aberta. Un xesto de dor e indignación cruzoulle a face, alzou de novo o voo.
― Vaia, vaia, realmente estás de mal humor. Moi pouco cabaleiro, deberíamos ter unha conversa irónica antes de pelexar, é o acostumado coas da miña especie.
Deu unha volta voando arredor do claro e apoiouse na galla dun dos piñeiros. Pechou os ollos, concentrada, e xirou a cabeza en dirección ao río, como se percibise algo.
― Ahhh, así que a iso andabas antes de que eu chegase. Claro, claro, normal que esteas enfadado. ―Saltou ata outra póla―. Pero agora xa non podemos facer nada con iso. ―o fume negro mexía por todo o seu corpo, pícaro―. Que lle ías dicir á coitadiña se volveses agora? Síntoo, tiven que ir evitar que unha diaña conquistase a terra. Hahaha, non creo que ela fose tan crédula, non cres? ―Cruzou os brazos e pechou as ás arredor de si, como se se abrazase―. Ou pensas que lle gustarían tanto os osos, a Mónica?
Uxío perdeu a cabeza e lanzouse como un berserk contra o tronco da árbore. A forza do impulso foi tan brutal que a madeira cedeu, lascas saltaron, o toco renxeu e a árbore caeu cara o centro do claro. A súcubo non foi quen de reaccionar a tempo. Había tan pouco que entrara que o portal aínda seguía aberto. Diaña e árbore coáronse polo pozo negro, que ao recibir o sustento pechou cun son metálico de absorción.
O sol rematou de se poñer por detrás da montaña. Uxío quedou alí parado, co fociño ensanguentado e só, agardando.
Aquela tarde de verán foi a última vez que tivo unha transformación longa. Ao chegar o setembro algo lle fixo clic na cabeza e aprendeu a pasar de oso ao humano en cuestión de segundos, tan rápido como o facía á viceversa. Foi un máis entre moitos cambios. Atopou o valor para coller Ciencias da Saúde e conseguiu convencer á súa nai para deixar o conservatorio. O curso ía ben, de feito moito mellor do esperado, e Uxío non podía evitar pensar que quizais non fora necesario abandonar a música, que quizais confiara pouco en si mesmo. Un sábado de maña en que tiña tempo libre, sacou a frauta da súa caixa, montouna e quedou mirando para ela. Non se atrevía a tocala. Ollando o seu tacto prateado sentíase un traidor. Sempre lle gustara practicar, darlle voltas e acabar sacando as cancións, dábaselle ben ata improvisar. A miúdo coller a frauta fora unha forma de evadirse, do colexio, dos adultos, do oso. E aínda así deixáraa de lado sen dubidar, todo por entrar en medicina, e aínda por riba igual non fora nin necesario.
Xa non quedaba coa súa cuadrilla do conservatorio, en realidade apenas seguía véndose cun par de amigos dos de antes. Xa case nunca pensaba en Sara. A maior parte da súa clase de agora eran rapaces novos e resultábanlle interesantes, escoitaban outra música, tiñan un humor diferente, lían outros libros, falaban doutras cousas, falaban doutro xeito. E non eran só eles. Uxío atopábase a si mesmo mimetizándose no novo grupo, quería encaixar e forxar un lugar entre eles. Sentíase cómodo, máis maduro, máis intelixente.
Ata que sacou a frauta da caixa. Díxose a si mesmo que podería coller unhas clases particulares, ou simplemente tocar a soas para desfrutar. Podería? Xa non sabía en que beira estaba. Collela e inventar unha cancionciña parecía pueril, de cativo que bota de menos sentirse acollido. Pero esquecela na caixa era unha decisión tan robótica e fría… moi de médico? A frauta quedou aí, mirando para el. Uxío non se atreveu a rozala, nin tan sequera achegala aos beizos. Veu o oso. Un ouveo triste saíulle do fondo dos pulmóns, cheo de frustración e saudades. Cun xesto delicado, refregou a cara contra a superficie fría da frauta, así como aloumiñan os animais a un compañeiro ferido.
Selectividade resultou moito menos dramática do que sempre imaxinara. Un silencio litúrxico reinaba na aula da facultade onde facían o exame de Historia, por fin o último. Uxío escribía no piloto automático, tan convencido de saberse todo que se permitía divagar noutras cousas mentres facía a redacción. Tivera moita sorte. O texto que había que comentar ía sobre as Cortes de Cádiz, Fernando VII e todo iso. Non é que lle gustase especialmente o tema, pero tíñao gravado a lume no cerebro. Xusto o día que pasara tentando memorizar todas as datas e nomes, había un par de meses, viñéraselle o mundo enriba. Entrara en pánico, convencido de que non podería con todo, que non lembraría nada nos exames, que fallaría na selectividade. A piques dun verdadeiro ataque de ansiedade chorando enriba dos seus apuntes, notou a sombra de Baal na fiestra. O xigantesco rei dos demos mirábao cunha mágoa retranqueira, como se rise do patético que era cos seus problemiñas de humano. Uxío arramplou cos papeis. Durante un par de horas o oso e o señor dos enganos loitaron en singular batalla. Ao rematar, o demo tivo que retornar aos seus dominios coa cola entre as pernas, e aínda que Uxío tiña par de mazaduras novas e os músculos doridos, tamén levaba un sorriso na cara. Xa non cargaba co estrés enriba, polo que puido pasar o resto da tarde estudando a historia española de principios do século XIX tranquilamente.
Mentres facía o exame, aquela casualidade proíalle un pouco. Cantas veces se transformara no último ano? A de Baal e outra alá no setembro. Apenas dúas en todo o curso. Estivera tan preocupado por outras cousas que nin tempo houbera para o oso, fixérase maior e xa non tiña sitio para a imaxinación. Sempre pensara no oso como un problema, un cometempo, unha distracción. E con todo, alí estaba de novo, axudándolle a tirar adiante. Uxío asegurouse de que ninguén miraba para el, deixou o boli e transformou a súa man dereita na gadoupa do oso. Prometeuse a si mesmo que por moitas cousas que fixese na facultade, por moi ocupada que fose a súa vida de médico, sempre atoparía unha noite para correr solitario e libre polo monte, instinto, lúa e oso.
As ilustracións final e inicial son obra de Tania Otero Fernández.
Este relato resultou gañador ex aequo do premio de relato curto “Agustín Fernández Paz” 2018, organizado pola Facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).