Grande Amore: “A festa é todo o bo e todo o malo do mundo. É un rollo de traxedia grega.”

Entrevistamos a Grande Amore con motivo da inminente saída do seu tema “Vémonos no baño”, adianto do seu primeiro disco.

Entrevistamos a Grande Amore, aka O último romántico, con motivo da inminente saída do seu tema “Vémonos no baño”, adianto do seu primeiro disco. Falamos do seu proxecto, das enerxías especiais que se xeran creando con colegas, do Twitch e mesmo hai lugar ao final para o lore burelés.

Grande Amore: "A festa é todo o bo e todo o malo do mundo. É un rollo de traxedia grega."

O 21 de xaneiro anuncias que fichas por Ernie producciones, o 26 sacas Los Rastreadores con Chicho e o 25 deste mes sae “Vémonos no baño”. Veste máis preto dos das corbatas e dos barcos, da fariña e dos cochazos?
(Risas) De proximidade física estivemos sempre, ti vas por aí adiante e hai uns cantos. Co tema da pandemia, como estamos todos encerrados na casa en pixama, a diferenza que notas é cero. Oxalá a tivese e igual a debería estar notando, pero a verdade é que estando aquí na casa, comendo do Galipizza e xogando ao LOL cos meus compañeiros de piso… O glamour aínda non chegou.

 

Polo que deixaches entrever nas redes, este é un tema claramente rockeiro, máis na liña de “Perdón por ser tan sexy”, aínda que non tan punki.
Si. De feito “Vémonos no baño” é un adianto do disco que vou sacar dentro dun par de meses, que vai un pouco máis nesa onda. Incluso eu creo que dentro das do disco é como a menos rockeira, no sentido de que hai temas máis escuros, máis duros. Vai todo nesa liña, xa un pouco diferente dos dous primeiros singles que sacara aí atrás, “Esta cruz” e “Todo ou nada”.

 

Hai un tempo puidemos verte no VídeoSelfie da TVG definindo este proxecto como de “rock and roll”. É talvez neste xénero no que te sentes máis cómodo?
Máis cómodo non sei, se che digo a verdade. Por exemplo, cando sacara os dous primeiros temas, os de “Esta cruz” e “Todo ou nada”, que son máis popeiros, creo que é un rollo máis agradecido. Agradecido no sentido de ser máis fácil e directo o proceso de facelo e ser acollido, de pensar “estoume esforzando en facer un estribillo coreable, á peña mólalle, entón guai”. O que pasa é que de cada certo tempo sempre penso en como molaría facer algo similar aos grupos cos que empecei a escoitar música, como Los Suaves ou Led Zeppelin. Ao final o que sempre che chama facer de primeiras é o primeiro que escoitaches. Hai unha entrevista a Paul Kalkbrenner na que di que ti podes facer o que queiras na vida, experimentar por todos os camiños que queiras, que ao final a música que máis che gusta facer é a música que che flipaba con quince anos, e é tal cal. Pero como tal, creo que estou máis cómodo no rexistro de Los Rastreadores que no meu. Falo isto con Chicho moitas veces. Escoito Los Rastreadores e digo “si señor, a tope”, pero despois estou na miña casa só e digo “non tío, rock and roll”.

 

Relacionándoo con isto, que hai en Grande Amore de O Golpe e Skholma, dous dos teus grupos anteriores?

Todo realmente. De feito pasáralle a un colega meu o disco cando aínda faltaba masterizalo, e díxome que parecía que estaba intentando facer Skholma eu só. E pode ser, ao final é inevitable. Ou incluso O Golpe, co que faciamos versións de rock. Como é o primeiro que che chega, que te emociona, ao final sempre está aí presente e supoño que estará ata que morra. Cando estabamos facendo os temas para Los Rastreadores, dicíalle eu a Chicho: “Isto molaba que fose un rollo, non igual, senón de plantexamento, de Dua Lipa. Os dous aí cantando, que saia xenial”. Chega a primeira base na que teño que facer máis parte de voz eu que Chicho, que acaba sendo a de “Papando”, na que estou berrando coma se fose un can morrendo. Pero ao final é o que me sae e o que desfruto. Despois escóitoa e digo “si señor, que ben”.

 

Ao final acaba sendo o teu rexistro distintivo.

Si, é como me sae. Co documental que fixo Jim Jarmusch sobre os Stooges flipei porque os tipos saían dicindo “Nós cando fixemos os discos en realidade queriamos facer hits de radio”. E eu flipaba con iso, como se quixesen ser as Ronettes. “Que pasa? Que na nosa cabeza o que nós faciamos eran hits, e realmente son loucuras aporreando bidóns, cunha distorsión incrible…”. Pero é o que mola e o que distingue tamén un proxecto do outro.

 

Mais non todo é rock and roll, senón que nuns poucos temas e colaboracións chegaches a probar con xéneros bastante variados.
Desfruto moito iso a verdade. Non sei se é por ser “hijos de los tiempos”, que somos todos uns posmodernos. Pero desfruto moito con cousas como cando fixemos a de “Acostumbrao” con Chicho, a de “Mundo Nuno” con Mundo Prestigio ou colaborando cos de Verto. Normalmente facer temas eu só é un sufrimento horrible, porque tes moitísima presión, estás rallado con que todo ten que ser a hostia, aquí ten que ir tal e aquí cal… Desta outra maneira vas facer temas con peña e estás súper relaxado, con xente que son os teus colegas… iso é súper guai. E de feito foi facendo as colaboracións das veces que máis aprendín. Con Oh! Ayatollah aprendo moito máis que con Grande Amore simplemente porque estás con máis xente e ves outros puntos de vista, e do mesmo xeito que coas colaboracións. Noteino sobre todo a raíz da de “Mundo Nuno”, e estou seguro de que este novo disco que vou sacar non sería así se non fose por ter feito esta colaboración con Mundo Prestigio. Tíñao moi presente sempre na gravación, e por iso para min o das colaboracións é a hostia.

 

Acaba sendo máis orgánico, e vas collendo elementos aquí e alá.

Si, e elementos que en principio non están directamente relacionados co xénero que fas. Supoño que é pola enerxía que hai cando fas temas con xente.

Todas estas colaboracións que está habendo ultimamente estanlle dando un sentido de retroalimentación á escena.

Si, a min paréceme interesante. Por exemplo, a canción que máis me gusta de C. Tangana é a que ten con Niño de Elche, e seguramente se a fixese el só coa mesma intención non sería o mesmo. Ou por exemplo cando Los Planetas fixeron unha versión de Yung Beef, que ademais creo que é a primeira na que J canta con acento porque o outro tamén o fai, vese que hai un esforzo por actualizarse e danlle un xiro á canción orixinal. Que o tipo se está esforzando por non ser o paradigma de cantante indie dos 90, senón que quere estar na onda dos trapeiros. Eu a de “Acostumbrao” ou “Roneo do barato” non as faría só na vida porque non dou. Se che propón algo un colega, fas o esforzo de meterte nesa base, e unha vez o fas vas a tope.

 

Supón esta versatilidade un argumento en contra do que algunha vez tes mencionado de que túa nai di que só sabes cantar berrando?

(Risas) A ver, ten razón tamén eh? Hai pouco contaba nun directo por Twitch que hai como un par de semanas ou así saíron Ortiga e dani en Un país para escucharlo e tocaron “Todo ou nada”, unha das miñas cancións. dani, que canta moi guai, cantando con Chicho e diante de Ariel Rot, para miña nai iso foi o mellor momento da miña carreira e seguramente de aquí ata que morra eu serao. Ao día seguinte contábame miña irmá que dixera miña nai “Home, haiche boa diferencia de cantala así, ben, doce, a berrar como fai Nuno. Ata se entende mellor a letra e todo”.

 

Volvendo a Los Rastreadores. Ademais de repetir a fórmula que tan bo resultado deu en “Acostumbrao”, como saíu a idea de facerdes esta mestura de estilos?

Pois sinceramente non foi algo premeditado a verdade. Polo que fose tiñamos ideas, bases e temas que non nos encaixaban moi ben nos nosos proxectos por separado. Como pasamos moito tempo xuntos, foi algo súper espontáneo, que é algo que nos molou aos dous. Ideas que nos facían gracia e ilusión facer, como por exemplo un tema en italiano, pois démoslle cara adiante. Foi todo súper rodado, e incluso a gravación foi moi rápida para o que soe levar, porque a min por exemplo levoume moitísimo gravar este novo disco. E isto foi todo súper fluído e a verdade é que quedamos moi contentos, e creo que se reflicte no EP.

 

A pesar de que en “Papando” dis “Vivo como os tipos que cantan boleros: o que quero non o teño, o que teño non o quero”, que é unha idea que aparece noutros dos teus temas, parece que neste EP conseguiches ter o que querías e crear un traballo con moitísima liberdade.

Penso que de todas as veces que gravei na miña vida, Los Rastreadores é o máis cerca que estiveron nunca o que levaba pensado de antes e o que queda feito ao final. Falámolo moito fóra dos momentos de gravación, e a min mólanme moito os hits, os temas pop, pero cando teñen un compoñente de loucura. Cando eu era pequeno, no meu instituto, a xente popular escoitaba Slipknot e Extremoduro, e a min mólame pensar que é pop cun tipo que berra como se estivese morrendo. Ese tipo de cousas parécenme guais, e creo que se reflicte bastante neste traballo. Hai partes nalgunha canción, como a de “Seis”, na que eu me trababa e deixamos esa toma. Mólame que os temas sexan accesibles e teñan melodías guais, que sexan directos porque sempre me molou ese rollo, pero que polo medio teñan como “diabluras”. Entón si, do que pensamos nun principio a como quedou, creo que está moi cerca.

 

Máis incluso que o teu novo disco?

É que creo que sendo dous e máis con Hevi gravando, a sensación que me dá, e igual me equivoco e estou máis cerca no disco que no EP con Chicho, é distinta. Gravando este disco de Grande Amore foron moitísimos días, estiven case dous meses. E sempre o digo: se non fose por Hevi os temas serían horribles, porque eu rállome de maneira enfermiza. Pero cando sodes dous non entras nese bucle, é todo máis simple. A sensación que che dá de telo feito en conxunto a telo feito ti só é diferente. Entón non sabería xulgalo obxectivamente.

 

Agora que non se pode desfrutar destes temas polas noites botando un agarrado nin á procura de con quen papar, como che gusta pensar que a xente está desfrutando deles en casa?

Pois a verdade é que me xera curiosidade. Hai veces que cando me vou deitar ou me levanto xusto vou mirar no Spotify, porque son as horas de menos actividade, ponme que están oíndo as cancións doce persoas, e penso “que estarán facendo ás nove e media da mañá estas persoas escoitándome berrar?”. Mólame imaxinar eses rollos.

Grande Amore: "A festa é todo o bo e todo o malo do mundo. É un rollo de traxedia grega."

Pregunta para a miña fantasía: Ao buscar Grande Amore en YouTube, aparece en primeiro lugar unha canción con ese mesmo título dun grupo italiano. É Mondo dolore un xeito de pechar o círculo?

Pásanos a Chicho e a min que, ao criarnos nos noventa, temos moi arraigado o rollo de Gabry Ponte. Eu acórdome de ir ás festas cando tiña doce anos e escoitar iso nos coches eléctricos, que para min era o top, non había máis música que esa. Por iso igual tamén nos mola Franco Battiato, ese rollo de canción lixeira italiana. Entón durante a gravación de Los Rastreadores pensamos en facer cousas que nunca fariamos se non estivésemos os dous xuntos. Ao final a idea máis tola é a canción que máis mola, iso é unha lección de vida.

 

Chicho e tu levades facendo varios directos xuntos en Twitch, e non só para promocionar os vosos traballos. Credes que este medio chegou para quedar na vosa relación co público?

Pásoo moi ben facéndoo, sempre me gustaron eses rollos de pintar a mona. Eu creo que a raíz da pandemia está habendo moito movemento do estilo do que serían antes os radioafeccionados. Ademais, ao contrario do que nos sesenta, cando se empezaron a forxar as grandes estrelas do rock que hoxe en día son mitos, que saían e copaban os medios de comunicación emerxentes, a día de hoxe nos novos medios como Twitch ou TikTok non están. Creo que se foi deixando progresivamente de lado na maioría dos artistas o de estar presente nos medios onde está a maioría da xuventude, e sorpréndeme. Ten que haber un esforzo para aproximarse a eses outros círculos, e xa non só por petalo máis, senón porque a min gústame iso de estar presente.

 

E tamén é agradecido desde o outro lado que haxa esa accesibilidade e esa interacción.

Eu dos grupos que me gustan son moi obsesionado de buscar cousas deles. Ultimamente estou a topísimo con Extremoduro, e póñome a buscar a ver se hai unha entrevista a Robe do noventa e sete dicindo loucuras e vouna ler enteira tres veces. Igual que a min me mola iso, ou ver vídeos en YouTube de Iggy Pop dicindo movidas que non son necesariamente explicando o que fai, se hai un proxecto que me gusta, quero saber cousas del. E igual que o penso como receptor, tamén como emisor. Porque ao final, por moito que poidas romantizar o pasado, sempre vai haber novos formatos e medios, e de por si ter unha posición de non militancia niso… Porque se non estás ti vai estar Belén Esteban, e para que estea Belén Esteban prefiro estar eu.

 

Ademais desa interacción máis fluída co público, tamén acompañastes Los Rastreadores cun vídeo documental. Hai semana e media, Familia Caamagno sacaron outro incluído dentro do seu proxecto “Un día espectacular”. A falta de concertos, bos son documentais?

Realmente á xente que toca en grupos gústalle estar exposta en certa forma, gústache ter un certo contacto coa xente. Hai un rollo como de ilusión por comunicar coa peña. Claro, agora non hai concertos e os que hai non é a maneira que había antes. Eu como fan de Familia Caamagno agradezo que haxa iso. Prefiro estar vendo iso que unha entrevista a Anuel que é un tipo que me dá igual. Oxalá houbese máis movidas coma esa porque a xente que ten necesidade de facer cousas vainas facer sempre, e que se canalice dunha forma ou outra a min paréceme a hostia.

 

“Todo ou nada” e “Esta cruz” son os teus temas propios máis electrónicos, como con letras de neón fardonas. Cales son as túas principais influencias neste camiño?

Pois acórdome cando tiña once anos, que saíra o disco este de Dover no que facían electropop, “Follow the city lights”. Rompérame, encantárame ese rollo. Como xa de pequeno me molaba, e ao ir medrando sempre vas buscando referentes anteriores, e a min gústanme Moroder e a xente do italodisco, ou The Flirts, Dona Summer, Sylvester, Paul Palker… eses grupos de entre finais dos setenta e comezos dos oitenta, cando non había aínda esta ultraprodución dentro da electrónica, que era moito máis minimalista por necesidade. Aí hai auténticas xoias. E despois xa non na vertente popeira, para os temas do disco noto que os fixen todos moi influenciado por DAF, un dúo alemán desa mesma época. Si que é unha época que me inflúe moito, tanto nos temas popeiros como nos rockeiros.

 

En Todo ou nada dis: “Fai anos que xa non teño quince anos pero todo sigue igual. Parece que todo o mundo está medrando e que eu nunca vou cambiar”. Representa talvez un sentir xeracional? Penso por exemplo tamén na letra de Sempre igual de Verto.

Non sei se xeracional, que tamén pode ser. Estou bastante orgulloso desa letra porque ten algo que buscaba moito naquela época, e é que é unha canción popeira cunha agonía detrás. É algo que me mola moito cando á peña do pop lle ves unha escuridade, un algo que dis “que lle estará pasando?”, aí é cando digo “a tope con iso”. E é un rollo que funciona en máis disciplinas que na música. En “Blue Velvet”, a película de David Lynch, hai unha escena na que lle dan unha paliza a un tipo mentres soa unha canción pop lixeira. Se puxesen Doom ou Sodom mentres lle pegan a un tipo, pois dis ti “vale, guai”, pero o matiz do contraste mólame moito. Ou por exemplo, unha das anécdotas que máis me fliparon, na que me contaron que viron a un señor duns cincuenta e pico anos paseando a un can de noite fumando un pitillo e no móbil escoitando “Complicated” de Avril Lavigne. Se fose escoitando a Sabina, pois xa o esperas. Pero esa canción? Si señor, a tope con iso.

 

Tamén está marcada pola desafección aínda que as condicións materiais variasen: “Nunca fun tan feliz, nunca tiven tantos cartos e aínda así a veces solo penso en deixalo. Nunca fun tan feliz pero logo cando saio aínda penso en queimalo todo”.

Claro, é que a época na que escribín a canción foi a máis feliz da miña vida: traballaba no Floows aquí en Santiago, curraba moitos días e moitas horas, estaba na carreira… Hoxe miro cara aí atrás e, obxectivamente, que motivos podía ter para rallarme? Podía compaxinar todo coa música, pero aínda así había días de estar alí pinchando e igual ser as catro da mañá e desexar que caese unha bomba alí mesmo.

 

“Esta cruz” pódese ver como un diálogo coa anterior, como un complemento que abre os ollos ante o problema: “A vida é unha festa pa quen sabe ver que a vida é unha festa. Por iso saímos sempre outra vez pa vencer esta pena”. E aínda así, non semella fácil encontrarlle solución: “Faime falta algo novo que me faga crer que a vida é unha festa”.

Son tal cal o reflexo do que pensaba naquela época. Sempre desfrutei moitísimo saíndo, e esa época do Floows estiven moito en contacto coa xente, e iso sempre o desfrutei moito. Pero claro, tamén hai un poso, xa non desgaste. Agora pode que pense no moito que me molaría estar alí de novo, porque hai un ano que non poido. No momento está guai e pásalo ben, pero ata certo punto. A festa é o máximo expoñente de socializar, e a festa é todo o bo e todo o malo do mundo. Entón creo que é un rollo de traxedia grega.

 

“Roneo do barato”, a colaboración con Verto, segue con esa busca, mais xa desde unha perspectiva máis centrada no desfrute do momento, do proceso, saia como saia ao final.

Esa letra é máis o que a min me gustaría pensar que o que realmente penso. Naquela época pensaba “mira que lle dou voltas ás cousas, son un atormentado podendo ser un tío con máis serenidade”. É unha temática á que acabo recorrendo porque é un tema no que penso moito.

 

“Mundo Nuno”, que cantas xunto a Mundo Prestigio, é a túa primeira aproximación ao rap. Tes algún rapeiro ou grupo de referencia para as letras, o flow ou mesmo o son?

Sempre me molou algo o rap. Digo algo porque con trece anos flipábame con Porta, pero a quen non? Cando empezou a saír o rollo do trap foi cando empecei a interesarme máis por eses estilos, para min era a grande esperanza. Cando ti estás acostumado a que o máis underground que escoitas é Tame Impala e de repente aparecen uns tipos de Barcelona que cantan sobre querer morrer e que están todos tolos, pois a tope con isto. E a partir de aí comecei a buscar referencias anteriores, igual que me pasou con Battiato en base a “L’Amour Toujours”. A día de hoxe escoito sobre todo rap español porque para min a gracia é entender a letra para que me mole, pero aínda así Run DMC ou Public Enemy son grupos que poderían estar cantando unha soa sílaba todo o tempo e molarían igual. Hablando en plata e 7 Notas 7 Colores si que son grupos que escoito moito, e Mucho Muchacho a persoa que máis me chega.

En Mundo Nuno creo que me condicionou para ben á hora de gravar os temas de Grande Amore porque sempre tiven a inquietude de non pegarme tanto á melodía cantada ao uso. Tecnicamente nunca serei un rapeiro ao uso, pero si que me levou a ir por moitos camiños como cousas que fan Sleaford Mods ou mesmamente DAF. É cantado? Non. É rapeado? Tampouco. Pero é un termo medio que si que me mola moito e é onde me vexo o máis próximo a cómodo que poido estar. Sempre me molaron esas movidas que están a medio camiño, porque acaban sendo súper únicas. A min mólanme a tope as películas de cine negro de manual pero claro, despois sae El Padrino, que vén diso pero sepárase totalmente e cambia o conto. A vida é un puto caos, e creo que as cousas que mellor o reflicten, sen chegar a ser Cannibal Corpse, teñen que ter un pouco deles en todo.

E igual que no cine creo que é positivo que haxa novas formas para que logo os do cine comercial se teñan que adaptar para seguir na onda, por outro lado creo que a idea de intentar imitar rollos só porque xa estiveron guais e porque queres que volva ese momento artístico non sei se é posible. Non podes volver descubrir outra vez a roda.

 

“Mundo Nuno” tamén é un tema máis persoal no que concentras a túa imaxinería, e que pechas remarcando, como en moitas cancións de Oh! Ayatollah, a importancia de termos amizades ao lado para camiñar firme.

Si, e é curioso porque a raíz do confinamento cobrou aínda maior significado. Desde o confinamento estou tolo por ese tema, porque cun dos colegas xa non vivo e pregúntome durante canto tempo máis seguirei vivindo cos outros. Ese pensamento levaba un tempo atormentándome, e de feito no novo disco hai un tema que fala tamén diso. É algo ao que lle levo dando voltas bastante tempo, ao salto unha vez se acabe esta etapa da vida, por así dicilo. Chegará o día que me levante e diga “Xa non vivo con eles”, iso é algo que non concibo agora. Pero claro, a vida é así.

 

Volvendo a Oh! Ayatollah, como ides levando esta temporada desde que sacastes “Sempre quero” e “Nós contra o mundo”? Algún proxecto entre mans?

Si, estamos con temas novos, pero é unha putada ser un grupo de cinco persoas e estar fisicamente separados á forza. Foi mala sorte porque xusto nos coincidiu no momento en que estabamos tendo máis visibilidade a raíz do lanzamento de “todos.xuntos.unidos.sempre”. Nós dependemos cen por cen de estar xuntos, incluso aínda que haxa cancións nas que interveñen máis Simón e Xoel na composición. Pero é que ao estar xuntos hai unha enerxía que non fai que sexan as cousas igual, iso nótase moitísimo. A gracia para min dos grupos, máis do que tecnicamente aporte cada un, é o que se crea neses momentos xuntos. E claro, cando iso non pasa, é fodido.

 

Xa que dixeches que estes meses “Mundo Nuno” adquirira unha nova relevancia para ti, tamén pasou o mesmo con “todos.xuntos.unidos.sempre”, que mesmo apareceu en Vinte como unha das mellores cancións dos últimos vinte anos.

A verdade é que nos quedamos flipando con iso. Sempre nolo di Hevi cando gravamos, que as cancións nas que a parte instrumental é máis idea miña son punkarradas, pero na parte musical desta tivo máis peso Simón, que é un compositor da hostia. De feito a música que hai na intro e un pouco máis adiante do documental dos Caamagno, que é como unha revisón chip tune do seu tema “Un día espectacular”, iso fíxoo Simón. É un tipo boísimo que con catro ou cinco elementos fai melodías xeniais. Entón nesta canción deuse a conxunción de ter unha base moi boa e logo ten unha letra sobre a apocalipse, que foi unha loucura que se me ocorreu un día no Festival de Cans pensando que en vinte anos non existirían os festivais porque non habería máis xuventude en Galicia. E a raíz diso saíume esa canción que de repente fala dunha pandemia mundial.

 

E ti tes algunha nova colaboración marcada ou pendente?

Ideas sempre tes, o tema é que a día de hoxe concretalas é máis difícil. Tamén penso que teño tantas colaboracións ou máis que temas propios. Si que me gustaría facer máis, porque desfruto moito e é onde máis aprendo, pero de momento penso en sacar o disco e ver como vai. Unha cousa que creo positiva do confinamento foi ter tempo para pensar no que de verdade me cunde facer, porque doutra maneira, entre concertos, ía ser máis difícil falalo e cadralo. Conto seguir facendo colaboracións sempre que poida, pero de momento non planeei nada ao respecto.

 

Neste novo traballo entón vai ser simplemente Grande Amore.

Si. Hevi ten moito peso no proceso de gravación, porque como produtor é incrible, para min é un xenio. Se non fosen gravados por el serían temas totalmente diferentes. Pero á parte da súa man aí, non hai colaboracións como tal.

Xa que mencionas ao Hevi, que opina de que non coñezas mozo con máis corazón?

Unha frase de referencia a Hevi en cada tema debería estar obrigada pola Xunta. Da xente que eu coñezo, para min é o mellor letrista. Ademais nótase moito a evolución que tivo á hora de facer temas máis xuvenís como “Supercan”, “O cobrador do frac” ou “Mamá mandanga” a facer “Encontro con” ou “A enerxía cinética non vai deter isto”. Para min onde reside a súa xenialidade non é só nas súas dotes para facer letras, senón que tamén sabe apreciar que é o que funciona ou non funciona nun tema, ten moita sensibilidade para o tema lírico. Para min é top mundial. Moitas veces penso “E non haberá un tipo en Guatemala que chegue a el e diga ‘como mola este tipo de Santiago’?”. Igual que eu flipo cun grupo de punk arxentino, non haberá alguén en Brasil que faga o mesmo con como as lía un tipo da Rocha Vella? Aínda que se dedicase só á parte instrumental, porque non só experimenta, senón que mola o resultado. Quen se dá adaptado a tantos estilos á hora da produción? Na miña cabeza, na MTV está o Hevi todo o rato.

 

Hai algún grupo que esteas escoitando moito ultimamente ou que descubrises hai pouco e que che sorprendese?

Si, sobre todo nótoo a raíz de cando fun gravando o disco de Grande Amore, que o empecei antes e acabeino durante o confinamento. Eu naquela época, a partir de marzo e abril, estaba moi na onda de Ilegales, Extremoduro, Mötorhead, DAF ou Sisters of Mercy. De grupos novos, hai un que me flipa que é Savvna, de Catoira. Van moito na onda de cousas que me flipan, como Sleaford Mods ou Viagra Boys, porque son unha punkarrada guai. A min pásame, especialmente co punk e co trap, que cando un xénero fai tanta bandeira de ser “o fogar do foraxido”, se despois os escoitas e non o é, pois é un pouco un chasco. A eles o que lles vexo é que son punk de espírito. As letras parécenme incribles, as temáticas son a hostia…

Cando fun a finais do ano pasado a Madrid a cantar con dani costas, vin o ensaio dun grupo de alí que se chaman Shego e flipei con elas, tamén polo anterior: as letras son incribles, son súper punkis e o que me mola é que lle dan a volta ás temáticas masculinas xa moi vistas. Mola ver que a xente coa que non tiveches ningún contacto, que son incluso máis novas ca ti, lles molen cousas que ti descoñeces do mesmo rollo que che deberían molar, e que sexa unha golpe na cara constante. Estas pavas cantan mellor ca min, escriben mellor ca min, son máis novas… pero por outro lado é como ten que ser: son un puto carroza e que guai que haxa xente que mole máis. A tope con iso.

 

O bo é non estar dentro da túa burbulla autocompracente.

É tal cal iso. Como xa houbo a burbulla forzada polo tema do confinamento, lembro ver o ensaio desas rapazas e dicir “si señor, hai un raio de luz no mundo”. Hai unha cousa na que noto que me apatroei moitísimo a raíz do do Covid, e é que así como nas xeracións anteriores podía estar moi mitificado o rollo de coñecer grupos albano-kosovares de post punk que venderon cinco discos na súa vida e ti como tes eses discos xa es Xesucristo, un rollo moi elitista, tamén creo que como resposta a iso a día de hoxe esaxérase moito o contrario: “Teño un grupo de crust metal pero o que mola é Rihanna, ou xa me molaría a min ser Don Omar”. Se che molase ser Don Omar farías a música que fai el, que está xenial, pero por que tes que forzar ese rollo? Moloume moito ver unhas tipas que poderían dicir o mesmo, pero que fan un rollo que podía ser Parálisis Permanente, Eskorbuto ou Cicatriz. É o que me cunde e punto.

 

Para acabar, propómosche o seguinte: aproveitando a túa experiencia no Floows, tes que asociar as seguintes cancións túas con locais que hai ou houbo en Burela.

– “Vémonos no baño” e “Perdón por ser tan sexy”: pois penso que no iPub. Ata que entrei na universidade eu non sabía o que era o concepto “ligar”. Entón houbo un día que tomei consciencia de estar alí no medio e medio dunha situación así, e acordeime por diso porque “Vémonos no baño” ten ese toque.

– “Roneo do barato” e “Acostumbrao”: véxoos máis soando no Warhol, pero por soño meu sería no Cairo de antes.

– “Todo ou nada” e “Esta cruz”: como teñen ese toque de que podían ser cancións de discoteca tamén hai trinta e pico anos, creo que no 470. Debín ir como tres veces alí na miña vida e foron todas inesquecibles. Fálase moito en Santiago do Corzo ou o Maycar, e non lles ten nada que envexar. É un sitio de fantasía.

– “Mondo dolore”: por min soaría nos coches eléctricos das festas ás tres e media da mañá.

– “Mundo Nuno”: ese imaxínoo máis no Xebra, vai máis co ambiente. Non é discotequeira, pero igual que na canción, aí hai salsa escondida. Foi o local onde máis tocamos con Skholma, e o sitio onde mellor o teño pasado facéndoo. Era incrible, porque nas vilas dáse unha fusión de estilos entre a xente que vai a garitos que non pasa nas cidades. Como Xebra era a única sala de concertos como tal que había en Burela, era un rollo máis heteroxéneo.

– “Fiesta Chill”: pechando o Pinín… coidado, eh? Agora mesmo daría dous dedos dun pé para estar alí e que me botasen mentres pecha con esa canción. Sempre nos quedará o recordo do Pinín.

Voar! Un soño compartido por persoas e as aves sen ás. - Troy Barnes

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí