Hai un ovni na Ribeira Sacra

Crónica da viaxe interplanetaria en bicicleta para coñecer o ovni que descansa nalgún lugar agochado da Ribeira Sacra. Oda en surrealismo e tradición.

Quizais a cualidade esencial da Ribeira Sacra sexa, por riba doutras máis evidentes de beleza ou tradición, a súa capacidade de retar ás persoas, de mirar distraída e suxerir “a ver se te atreves a intentalo comigo”. A Ribeira é un entorno adverso, complicado, e con todo trátase dun ecosistema extremadamente antrópico, intervido e modelado polas xentes que o habitan e habitaron. Só con esta perspectiva de reto se poden explicar as viñas en terraza esculpidas a pulso nas abas, os mosteiros levantados nos máis afastados soutos, a primeira manifestación feminista dun 8 de marzo feita nunha aldea de menos de 100 persoas. A Ribeira toca unha canción de Morricone desde o fondo do Sil e propón un duelo: levar adiante as máis imposibles empresas no máis improbable dos lugares.

Só con esta perspectiva se pode explicar que haxa un ovni na Ribeira. Contáronme meus primos que un señor da Teixeira montara no xardín da súa casa un ovni, e non unha réplica en miniatura ou unha maqueta metida en vitrina, non, un ovni de tamaño real, de metal e con motor, onde caben sen problemas varias persoas. Unha cousa así colocada por misterio nun lugar da ribeira ourensá.

Ovni da Ribeira Sacra

Decidimos visitalo en grupo. Debatemos sobre o xeito en que sería máis adecuado e organizamos unha saída en bicicleta, pensando que facía xustiza á Odisea espacial. A ruta programada tiña máis kilómetros e desnivel dos que adoitamos facer, transitaba por camiños e carreiros complicados, a fin de semana ameazaba con mal tempo: de novo, a Ribeira ollaba para a xente e levantaba unha cella pícara.

Saímos da nosa casa familiar, nunha aldea con nome que non quero lembrar, próxima ao monte Meda. Engraxamos as cadeas, enchemos os botellíns coa agua da fonte, vestimos culotte e maillot e asentamos os cascos, nun ritual de preparación digno de cosmonautas do Apolo.

Os primeiros kilómetros eran de estrada favorable. Veloces, deixábamos atrás os nomes de antigos señores da guerra suevos aos que o seu rei concedeu terras na Ribeira como recompensa polos servizos militares: Caxide, Requián, ollaron a nosa marcha coa lanza en alto e un aceno de saúdo.

Pasamos Parada e saímos por un carreiro de carro que baixa xa recto ao que os montaos chamamos ribeira. Na curva de Sardela, o primo maior e líder do grupo mandou parar. Normalmente nese lugar hai unha vista larga e alta do río, mais esa mañá levantárase neboenta e aos nosos pés só había un mar branco de nube cubrindo o canón. Os meus primos lanzáronse costa abaixo como inconscientes sen freos polo regato do Batán. Eu collín medo, vertixe, quedei atrás e tan mesta era a néboa que fiquei varado, dubidando nun cruce de camiños polo que pasei mil veces. Só o aturuxo vitorioso dun dos meus primos, que celebraba a derrota da gravidade e as curvas empedradas, foi quen de facerme de guía invisible, sacarme do meu ensimesmamento e botarme tamén eu furioso a atravesar aquela nosa particular barreira atmosférica.

Os meus primos agardaban por min no final do descenso ao outro lado da néboa, apoiadas as bicis nas pedras dun muro cubertas de brión. Exaltados aínda pola baixada pasamos devagar xunto o castiñeiro milenario de Entrambosrríos. Se acababamos de deixar a órbita terrestre, esa presenza antiga e silandeira de enormes gallas debía ser a Lúa, os cráteres de meteoritos as caracochas no seu tronco, que levaba retorcéndose, respirando e crecendo nesa veiga desde antes de que se colocase a primeira pedra da catedral de Santiago.

Deixamos atrás os soutos e entramos no dominio das viñas. Os seguintes kilómetros non foron nin sinxelos nin especialmente duros: unha finca enlamada que nos obrigou a botar pé a terra uns metros; quizais alguén lembraba unha anécdota ou un chiste e os demais riamos; aproveitar se cadra para poñerse á cola do grupo e charlar cun dos primos que máis tempo había que non vías; cousas así. Estou seguro de que as longas expedicións espaciais do futuro, igual que as marítimas de hai séculos, estarán/estiveron en realidade compostas nun 90% deste tipo de períodos de avance aburrido pero non por iso menos difíciles. Claro que iso non dá moito para engrandecer o relato épico.

Estabamos neste transo, cando nunha beira do camiño un paisano viu como nos achegabamos e indicounos co brazo que parásemos. Pensamos que igual tiña unha emerxencia (como naquel mayday do comezo de Alien), pero en realidade só quería laretar. Escusouse dicindo que lle parecera que un de nós era un sobriño seu, da súa casa de Espiñas. O señor de Espiñas viunos garridos e altivos, aínda frescos de primeira metade de ruta e afirmou que os nosos pais debían estar orgullosos de nós. Non soubemos que contestar, arrancamos e eu non puiden evitar pensar na Guía do autoestopista galáctico.

Camiñante ribeirao e astronauta exterior

Entramos na aldea de Barxacova por unha estreita de terra e desde a bocarribeira onde o Mao se xunta co Sil rubimos ata o edificio que chaman a fábrica da luz (supoño que habería aquí lugar para falar de relatividade e constantes cosmolóxicas, pero os meus coñecementos de física son limitados). Cruzamos o río Mao para comezar unha escalada de varios kilómetros que nos levaría ata o ansiado ovni. A sinuosa estrada cortaba polo medio das viñas que se amorean en vertical, pero non estabamos en tempo de vendima nin poda, así que só o silencio das cepas acompañaba o noso esforzo: golpe de ril, bufido, erguerse na bici, gruñido, loita de cadencia.

O primeiro alto da subida é a chegada a Cristosende. Ao ver escrito o nome da aldea nun cartaz, mesturei sen querer galego e inglés en doses estrañas, para imaxinar que igual o ovni da Teixeira viñera de Kripton e trouxera dentro a Carlos Quen, que nos anos de mocidade axudaría ao seu pai na viña subindo as caixas cheas de uvas de 20 en 20, sen esforzo, saltando inhumano de muro en muro. A subida debía estar deixando pouco osíxeno para o cerebro.

Porén, aínda quedaba un anaco por ascender. Un dos meus primos, que coñece ben esta zona, recitaba os nomes de regatos e leiras, de fontes e miradoiros, para darnos ánimos. Cada recuncho un nome, cada nome un avance. Pasamos preto do lugar que chaman a Pedra do Sol e de novo marchoume a voar a mente, desta a pensar que se os galegos fósemos os primeiros en colonizar un exoplaneta, quizais poderíamos aplicar alí o noso torrencial superpoder para a microtoponimia, colocar nomes para novos lugares noutra punta da galaxia, e ese sería o primeiro acto de poesía que vería a luz naquel sistema solar, ese noso empeño de facer bailar en mil músicas lugar e palabra, de facer noso o espazo coa lingua.

Subimos tanto que sen nos decatar entramos de novo na néboa, ata nos quería atacar o frío. Ao meu primo máis novo, que se ía quedando cada vez máis atrás, deulle un corte no estómago e tivo que parar a vomitar na cuneta. Parecía que non podía seguir. Estamos tan preto do ovni…, pensei, pero non o dixen en alto, porque todos estabamos dispostos a marchar para casa se o precisaba un compañeiro. Non fai falla ho, asegúranos, baixo e véñenme buscar en coche a Cristosende, sen fallo. Dubidamos, mais dá volta e vemos como marcha costa abaixo desdebuxándose na néboa. Retomamos camiño e en menos de 50 metros decateime de que pinchara a roda de atrás. De novo parar, plantados fumegando suor, intento facer a reparación o máis rápido posible, a humidade fría tratando de coarse dentro. Estamos tan preto, veña, só un pouco máis.

Hai un ovni na Ribeira Sacra

Lucio Ballesteros cavou no seu xardín un enorme burato. Empedrouno, cementouno, e construíu dentro del un ovni prateado e brillante.  Tamén levantou coas mans o edificio da súa casa, que é bastante tola en si mesma, pero que loxicamente palidece ao lado da nave espacial. Está xunto á Igrexa de Montounto, a varios centros de metros do núcleo da aldea. Nos cruces de estrada máis próximos non hai ningún sinal indicando “Ovni da ribeira” con letras amarelas. Que carallo, se a finca nin tan sequera tiña a cerca subida, montados nas nosas bicis estabamos a apenas uns pasos da nave, que parecía invitarnos a que entrásemos a tocala.

Sentín a tentación real de cometer esa invasión de propiedade, porque non remataba de crer aos meus ollos. Era máis grande, máis rematada, máis real do que me atrevera a imaxinar. E o que era aínda peor, descansaba no seu acubillo, literalmente dentro da terra ourensá, con absoluta tranquilidade, como se ignorase que a súa existencia contradicía toda lóxica ou razón. Un paporrubio pousouse no seu curuto como para poñer un til neste pensamento.

Mirei para os meus primos, que se rían da miña estupefacción. É que non se decataban do fóra da realidade que estaba ese momento? É algo que só acontece nas películas, como aquel Fitzcarraldo que decide construír un teatro de ópera no medio do Amazonas. Unha sensación de abraio, contrición, medo de estar ante a obra dunha vontade inhumana ou dun tolo, se é que non son a mesma cousa. Sentirían isto mesmo os exploradores ao ver as enormes cabezas da illa de Pascua?

Meu primo sacou un par de fotos e díxome que se quería podiamos timbrar, que seguro que Lucio baixaba, nos deixaba velo por dentro e nos contaba algunha historia. Contesteille que eu prefería que non. Non quería ser ese astronauta que fedella nas estrañas runas dun templo alieníxena aparentemente abandonado nun planeta arredado. Non todas as portas teñen que ser abertas.

 

Alcanzado o noso obxectivo demos aínda unha volta polo concello da Teixeira, por pistas novas e descoñecidas, nun alarde que maldiciría despois no acumulado de kilómetros. Da volta non comentarei nada, porque dos aventureiros só queremos coñecer as súas vitorias, non da loxística. Baste admitir que se conseguín volver pedaleando a casa foi grazas a un primo meu que me fixo de apoio nos últimos tramos, ademais da promesa dun prato de callos da miña tía. Ah si, esquecíame, tamén atopamos de novo ao Señor de Espiñas, agardando sen facer nada no mesmo lugar exacto xunto á estrada. Volveunos acenar co brazo, pero agora tiñamos xa pouca gana de laretar, así que non paramos. Viunos pasar agora o Señor de Espiñas desgastados, famentos, de volta, e non dubidou en berrarnos que debiamos ser a vergoña dos nosos pais. Quen era aquel vello que nos adulaba e nos insultaba, que nos animaba e aguilloaba? Pregúntolle na próxima.

Vale, vale, seguirei lendo o meu libro sobre os figos. -Jake o can

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí