Lecturas de 4 agostos

Laura Lamier rememora catro 4 que leu en 4 agostos da súa vida. Lecturas que chegan no momento xusto, que estaban agardando por ti, xusto no agosto.

Se cadra alguén recorde que A que cheira, papá? publicou o ano pasado un artigo titulado 7 libros cheirers para o verán. Emboscada, eu daquela recomendara Os ditosos anos do castigo porque Fleur Jaeggy é unha autora coa que se pode estar segura. Mais pasado o tempo, non fico moi convencida da miña actuación. O libro de Jaeggy, sendo bo, non ten nada especialmente recomendable para o verán, que era a finalidade daquela peza. Así que este ano, adiantándome ás tendencias, reservei na redacción o dereito a facer o meu propio artigo con lecturas de 4 agostos.

O propósito é falar de catro libros dos que gosto (mais ou menos dependendo dos casos) e que teñen para min unha vinculación particular co mes do agosto, que nin sempre é o verán.

 

1. On the road, de Jack Kerouac.

Cando lin On the road aínda moraba en Salvador, na Bahía, na casa dos meus pais. Na altura tiña 17 anos, non rematara o estudo medio e xa decidira que quería ingresar na universidade para facer un curso equiparable ao que na Galiza sería filoloxía inglesa. Non tiña boas relacións cos meus compañeiros da escola, así que me refuxiaba no inglés, nos libros e nun futuro imaxinado nos Estados Unidos.

Kerouac e toda a xeración beat parecían rodeados dunha aura de bohemia bandida que conectaba ben co espírito rebelde da adolescencia. Non se falaba deles nas aulas, non eran canon, na súa literatura había drogas, crime,  denuncia, risco. On the road é basicamente a historia dunha serie de viaxes polos Estados Unidos e Mexico a finais dos anos 40, moitas veces no límite da lei e do moralmente aceptable. Collín o libro en idioma orixinal aínda que era evidente que aínda non tiña nivel de inglés suficiente. Pensaba lelo nas férias do xullo e non o rematei ata finais de agosto. O orgullo de conquistar On the road fomentou a sensación de que con aquel libro encontraba o que me individualizaba, a arte que me falaba a min directamente e que só unha elixida podería entender. Un elitismo oco de crerse especial ao que te aferras cando non tes aínda autoestima dabondo. Mais tamén unha ferramenta de supervivencia necesaria no tempo de creación da propia identidade.

Hoxe penso que On the road é antes de nada un libro de aventuras, con cousas interesantes e bastante divertido, aínda que un pouco sobrevalorado, sobre todo porque o seu experimentalismo non parece levar en realidade a ningures. Recomendo On the road se fas unha viaxe de verán e precisas dun pouco de espírito transgresor para non sentirte un turista; e tamén se es unha adolescente tímida que necesita reforzos de cultura alternativa.

 

2. Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño.

Circe ou o pracer do azul en agostos. De Galaxia.Uns anos (e un par de plotwist vitais) despois, atopeime mandando un correo electrónico a unha profesora da Universidade da Coruña, onde ía pasar o último ano da carreira. Pedíalle á profesora recomendacións dalgúns libros que me puidesen servir para o curso que ía comezar lonxe da casa. Mandou unha lista interesante, de onde chamou a miña atención Circe ou o pracer do azul, de Begoña Caamaño.

Lin Circe ou o pracer do azul nas semanas do agosto que pasei na Coruña buscando piso e arranxando as miñas necesidades desa inesperada viaxe a Europa. Sentinme atraída pola promesa da mitoloxía grega do libro, que eu asociaba tanto á idealizada Europa. A novela de Caamaño relata as cartas que se mandan Circe e Penélope durante o tempo que Ulises pasa na illa da bruxa, cartas de anceios e desexos, de liberdade nas palabras que viaxan por riba do mar. Unha revisión sobre o papel das mulleres na historia e nas historias clásicas. Foi un gran libro para ler naquel meu momento vital, onde sentín que os meus correos coa profesora galega eran un pouco como as cartas que recibía Penélope dunha muller que admiraba. Amais de ser o meu primeiro libro en galego, o que xa é especial de por si.

Finalmente Circe ou o pracer do azul non foi moi útil naquel curso, mais alá de ser escusa para debater con compañeiros que o leran en anos anteriores (se Guillermo edita isto seguro que firma cun sorriso esta frase lembrando certa lagoa sanguenta). Ben pensado, non é unha utilidade menor. Recomendo Circe ou o pracer do azul se tes que pasar o agosto nalgún sitio non moi quente e queres soñar con praias do Exeo. Ou se coma min, necesitas de mulleres fortes que te animen a tomar riscos e cruzar o mar.

 

3. Lolita, de Vladimir Nabokov.

Lolita en agostos. De Kalandraka.Interesábame de Nabokov a súa figura de escritor exiliado que, tendo como lingua materna o ruso, conseguira ser valorado como un dos mellores novelistas en lingua inglesa do seu tempo. Con todo, a lectura de Lolita adiábaseme unha e outra vez porque sentía un pouco de preguiza con todo o tema da polémica arredor do libro, que cheiraba un pouco a moralismo aburrido, e que ameazaba con obrigarme a formarme unha opinión sobre un asunto que non era nin tan sequera o que me atraera do libro nun principio.

A atracción profesional acabou impoñéndose e lin Lolita o primeiro verán que non voltei ao Brasil desde que estaba na Galiza. Lembro uns días en particular, que pasei invitada na casa da aldea dun amigo, en que sentada tomando o sol no xardín dunha casa de pedra, lía como Humpert observaba a Lolita, nun outro xardín americano. Foi unha experiencia intoxicante, desa mestura entre fascinación e fastío que só lle consentimos á literatura moi boa e a certas películas moi malas. Resultou que a fama de Nabokov estaba máis que xustificada, cun dominio maxistral da lingua, case alarde, ao tempo que construía o estudo dun personaxe dominado polos instintos máis corrosivos.

Non entendo moi ben cal é a polémica co libro, para quen o teña lido. Fala da pedofilia, mais lonxe de xustificala, creo que a condena mesmo coa sentenza do karma máis implacable. Relín hai pouco o libro na edición en galego que publicou Kalandraka, porque me facía graza o malabar de ler traducido a un autor que se traducía a si mesmo para o inglés. Paga tamén a pena. Recomendo Lolita se che gusta a literatura e sentirte golpeada polos seus poderes.

 

4. Métaphysique des tubes, de Amelie Nothomb.

O agosto do ano pasado estaba traballando en Toulouse, o primeiro verán en varios anos en que non tiven moito descanso. Levaba uns meses xa alá, mais o meu francés non melloraba moito, así que merquei tres noveliñas pequeniñas en lingua orixinal que puidese deixar se non me gustaban moito ou se me desesperaba co idioma. Decátome escribindo isto do contraste entre este conservadurismo fronte ao risco da adolescencia con On the road. Non sei que pensar de min mesma.

Ben, de entre eses libros só rematei Metafísica dos tubos, de Amelie Nothomb, unha autora belga que non coñecía na altura e da que agora xa lin varias cousas. Metafísica dos tubos é unha noveliña de corte autobiográfico, onde unha nena belga que vive en Xapón conta en primeira persoa os seus tres primeiros anos de vida. Con humor,  ton lixeiro e unha trama mínima, consegue facer algunhas reflexións de mística fantástica, que deixan un pouso máis fondo do que esperarías dun amor fuxidío de verán. Pretendía con esta noveliña escapar un pouco do abafante calor que vai en Toulouse no verán (muito mais que em Salvador). Atopei un refuxio zen e un estanque de carpas onde meditar sobre o pracer e a natureza da morte. Recomendo Metafísica dos tubos se tendes a suar en canto pensas nas grandes preguntas do universo.

DEIXA UN COMENTARIO

Por favor, introduce o teu comentario!
Por favor, introduce o teu nome aquí